martes, 23 de diciembre de 2008

Mico e Miquiña



MICO E MIQUIÑA
Eran parella de feito e leito dende unha Lúa chea de xaneiro. Cousa de seu, pois, xa o dí o refrán: “Os gatos en xaneiro, andan á xaneira”.
Vivían ledos e con fartura. Nin ratos nin peixe: Agora tiñan penso en doas o mesmo ca os caramelos dos rapaces. ¡Ó almorzo sopas de pantrigo con leite! ¡E ó xantar guiso estofado de fresco! E non virades vós polas noites de inverno, a Santa Compaña, parecía aquilo. ¡Pero non, eran as súas procuradoras que, coas lanternas accesas ían levarlle un leitiño quente!
E así foi indo a vida dos nosos micos. Ou sexa, ansia de nada. Ata agora os rapaces non andan a pedradas con eles como antigamente. ¡Tampouco hai pedras polas rúas!, todo hai que dicilo.
Logo, de ben lavados e pieitados con xampú de marca, veña, o amor libre. Sen marcha atrás. Como ten que ser. ¡Total, sobraban madriñas para todos!
¡Pero non hai felicidade que cen anos dure! E así foi como entrou o demo nos micos do pobo: “Que había que capalos”. Así. Sen máis. E todo por culpa dun que debe ter o colgarexo o mesmo cas agullas do reloxo: parado nas seis e media. Logo e coa envexa, pois iso, veña chamar ás canles e xornais: “Que o pobo estaba ateigado de micos. Que o alcalde tiña que tomar medidas”. ¡ E tomounas!
E aló veu Gatocán. E capou a eito. ¡E miúda factura ó alcalde! Pero a culpa foi del. A culpa sempre é do alcalde. ¡Haber se pensa que lle van votar nas vindeiras! O mellor son os cregos, están en contra das capaduras. ¡Eles si que son bos! O amor e a natureza que sexa como Deus manda. ¡Malia, tivo que vir o demo! Por culpa do das seis e media. ¡ Máis do alcalde!
E coma sempre, unhas vidas desfeitas. Agora Miquiña quere abandoar a Mico. “Eu non che teño culpa, Mico, eu aínda poido...,pois, iso, facelo”. “Así que vou pillar camiño da Aldea, alí seica non caparon a ningún. E aproveitarei pois, este mundo acó a de quedar”. “Xa sei que me queres moito. Ti fuches o primeiro.
Non houbo outro. Dasme quentura e agarimo. ¡Mais, se tanto me queres debes desexar a miña felicidade, non?”. “E agora é cando máis poido disfrutar, pois, non quedo preñada, sabes?”.
“Non me deixes Miquiña, vas ir deica riba e van abusar de ti. Un tras doutro. ¡E co fermosa que estás aínda! Mira que os pescos mican, pero non gaduñan. E os outros..., xa sabes, iso”. “Tamén pode pillarte o raposo nas Forcadas, seica hai moitos agora ¡Ou o porco teixo na pontella do Perillán! ¡Ou un can de palleiro en Hortachica! Ou..., ou xa non sei, pois total quedarei viúvo, ou cornudo. Serei o malpocado eo chiste da manada, miau, miau, miau...,máis agora en Noiteboa cando nos ía dar bacallau e turrón mol Tía Lela”,
miau, miau,miau, choraba Mico.
“Pois mira Mico, vai pé do alcalde e que te leve xunta do albeite, ese home sabe moito como amañar estas cousas, e, ó mellor aínda ten xeito a túa “desfunción”, como dín os rapaces no pardiñeiro
mentras fuman un porro”.
Miquiña, o meu non é “desfunción” nena, estou capado, sen remedio. Ata non sei a que santo me ofrecer ¡Non te vaias, Miquiña, eu dareiche moito amor! Eu non tiven culpa: foi o das seis e media”.
¡E do alcalde por facerlle caso!”,
dixo Miquiña.

sábado, 20 de diciembre de 2008

Corme ó día.











...........................................................................................
Ben, pois hoxe toca ensinarvos como están neste intre as obras da Serra. Como vedes, non temos lago nin piscina na vila, iso é a chuvia que anegou o socavado.
Polo que maxino, esta excavación debe ser para dúas plantas de aparcadoiros. É boa cousa cos tempos que veñen que teñamos onde aparcar. Logo en canto á obra, pois nin preguntei nin sei nada máis. O único que supoño é que será a primeira fase deste novo proxecto e segundo parece, van deixar unha baixada ó Osmo con uns tres, ou máis metros máis de ancho.
E será asi cando por fin teñamos un hotel logo de tantos anos sen ningún, tal como subliñei nas páxinas de abaixo. Como é de crer, os antergos non tiñan auga corrente ¡Non a había! Pero xa vedes que este a leva incorporada.(?). Isto é polos que non queiran camiñar uns metros deica o Osmo ou a Arnela.
As fotos están sacadas mesmo da esquina da baixada á praia, para que teñades unha mellor situación.
Asemade tamén van a cen por hora as obras do noso Museo. Espero na semana vindeira poder ensinarvos a fachada, a cal xa está coas ventás e portas dos balcóns colocadas. Mais non é só a fachada, senón que xa foi retirada a grúa. Nestes intres están por dentro, pero dando "caña a tope".
Outra nova foi a que estes días saiu nos xornais sobre o mexillón de Corme: Non se podía descargar no noso peirao, por mor de non reunir as normas que a U.E. esixe. Malia isto, onte xa sinalaron que será arranxada esta falla de previsión, para o cal darán os permiso oportunos mentras non dan a autorización legal. ¡Faltaría máis coas eleccións á vista!
E nada máis por hoxe. Xa vedes que me estou adicando neste blog a manter ós que estades fóra ó tanto dos aconteceres da vosa vila. ¡Aínda que hai tan poucos!Temos un tempo de verán total. (Isto é certo, para darvos raxeira). Apertas.

miércoles, 17 de diciembre de 2008

Corme:Festas dos anos 20


















--------------------------------------------------------------------
O inverno sempre nos enche de nostalxia, lembranza e añoros doutros tempos que, quizais foron mellores ou non. Quén sabe? Eu neste tempo sempre remexo no caixón dos recordos e atopo algo. Ese algo é a nosa historia e, como tal coido que é ben coñecela.
Pois esa historia é a das nosas raíceiras. A dos nosos avós. Logo a de nosos pais. Sen historia, nós non estaríamos acó. Porque a historia é unha manda que vai pasando duns pa outros o mesmo ca tea das Olimpiadas.
E velaí hoxe onde atopei un recordo que xa teño gardado dende fai máis de dous anos. Este corresponde ás festas do Carmen de Corme ¡Malia que non ten ó ano que corresponde!
Levo dous anos intentando que o Coro Cántigas da Terra, ao cal me dirixín varias veces, tivese a ben dicirme en que ano actuou na nosa vila, pois, vós mesmos podedes ler como aparece no devandito programa. Pero nada, tempo perdido. Realmente sinto vergoña axena, pois sempre que alguén me pide o máis mínimo favor deste tipo non dubido un intre en axudalo.
Porqué recurrín a esta coral?, porque debutou o 12 de xullo de 1917 na Coruña e o 25 de septembro de 1922 na praza de touros de Corcubión. Só eles poderían, ó mellor, darnos unha data caso de encontrala. Pero nin resposta recibín endexamáis.
Con respecto ó ano, eu diría que sobre o 1925, pois segundo o traballo do meu libro A Música en Corme, é nestes anos cando Manolo López (pai de Rosa de Sara) comezou coa súa propia banda. Como tal, así vedes que actuou nestas festas. Logo aparece que pola noite do día 16 de xullo, vén un "cuarteto de la Sierra de Outes", de onde era nato Manolo. Amais diso engade que alternarán cun "sexteto de San Adrián de Corme". Era algo corrente naqueles tempos o contratar media ducia, ou dez ou doce músicos, segundo as posibilidades das comisións. Desto aínda me lembro na banda de meu pai Basilio.
Mais se vos fixades un pouco, queda reflectido que a festa xa comezaba ás catro do serán. Logo o devandito Coro e pola noite unha orquestra ata ás tres da mañá. ¡Iso era festa, todo o día e noite! Porque agora meus, a festa é sempre ó día seguinte do día da festa. Comeza ás once da noite. E durante o día -da festa en teoría- o mesmo ca un deserto.
Logo disto paso agora ao que vos falaba o outro día: do segundo hotel de Corme. Velaí o tedes:Hotel Moderno, de Victor Cousillas, na casa do Río da Roda que coñecemos como "a da farmacia". Mesmo en fronte, a peluquería de Juán Crúz Cousillas. Logo un café-bar de un nome e apelido foráneo. Tamén o salón cine de tío Jesús de Crúz e remata con dous anuncios de cafés bares: José Neira e Adolfo Vidal, este último si era fronte ó Casino. O de Neira non o sei. Síntoo.
Deica mañá, meus. Boa noite.

martes, 16 de diciembre de 2008

A Torre do Faro



¡Case 50 anos que está erguida! Por estas datas podemos dicir sen engano que xa estaba case coa altura total de uns 30 mtrs., e 259 sobre do nivel do mar.
No vindeiro ano, celebraráse o seu cincuentenario. ¡Que logo pasa o tempo! Comezara a obra dous anos antes, no 1957 e foi inaugurada o catro de setembro do 1959 polo Cardeal: D.Fernando Quiroga Palacios. A verdade que nunca pensei que resistise tantos anos. Digo isto por algunhas veces que de mozo subín arriba e balanceaba. Pero termou. E polo que se vé, seguirá aínda moitos anos máis.
En canto ao seu promotor, pois case todos da bisbarra saben que foi Ricardo Pose Ouréns, emigrante en Montevideo.
Mais facendo un pouco de historia -algo que me prace- vou contarvos un pouquiño da Capela. O único que fun capaz de acadar ata o momento. ¡E mirade que remexín!
O primeiro dato desta Capela é do 10 de xuño de 1715, cando o prior da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, D. Francisco de Castro Figueroa visitou este Arciprestazgo. Así quedou reflectido no Libro da Cofradía de Nosa Señora do Faro e anexa á Igrexa de San Xulián de Brántuas. Non hai nada referente a cando nin quén a poido erixir.
Seis anos adiante, o 19 de maio de 1721, é visitada de novo. Nesta ocasión polo Arcebispo de Santiago: D.Luís de Salcedo Azcona, atopándose que "esta Capela non tiña Constitución".
Sería o 24 de agosto de 1729 cando é aprobada a Constitución da mesma ante o notario Jacob Méndez de Souto en presencia do cura de Brántoas: D.Antonio Puga e Arixón.
Dous anos adiante, no 1931, fai o retablo: Domingo Martínez e a pintura ó ano seguinte: Francisco Gómes (sic). Dende sempre, parece ser que se honrou o día oito de setembro, tal e como todos xa coñecemos.
E sen máis, dicirvos que para o vindeiro ano, pois iso, que vai haber festa rachada na que ademais estase a involucrar o noso concello.Como tal, xa está mandando as postais de Nadal coa foto do Faro. Sen dúbidas, será unha efeméride digna de non perder. E como din os de Brántoas resumindo o apego que nos teñen: "O día que falten os de Corme, o Faro acabouse".
-----------------------------------------------------------------------------------------
Nota:A foto é do día da inauguración.Premer nela e sae pantalla completa.

lunes, 15 de diciembre de 2008

Museo Pondal por dentro





----------------------------------------------------------------------------------------------
Un día máis convosco, hoxe para cumplir a miña palabra cal foi a de amosarvos por dentro o novo Museo de Pondal. Como sabedes, esta obra foi reconvertida sobre da vella Casa do Cura, como así era coñecida ¡A verdade que quedei abraiado! Unha cousa son as fotos e outra é ollala dende dentro.
Como podedes ver na 1ª foto pola esquerda, iso eran as cortes das vacas. Agora xa vedes que é un pequeno recinto que servirá, entre moitas máis cousas, para facer teatro. Onte inaugurouno o grupo camariñán Dequenquén coa obra: As cicatrices da memoria. Moi boa interpretación por parte dos dous actores. Noraboa.
A foto seguinte é no primeiro e único andar, para o cal conta cun moderno ascensor. Un lugar supoño, que servirá para albergar á biblioteca e reunións.
A que lle segue á dereita, é no salón chamado A Lareira, onde onte José Antonio Andrade, presentou o seu libro: Reválida de sexto.
Baixamos e á esquerda, ao meu entender, é o pasillo onde se ven as antigas comedeiras das vacas.
Vemos agora unha foto da fermosa lareira que é o salón máis acolledor. Supoño que de seguro será o máis funcional, por así dicilo.
E canto á última, corresponde ó digamos soportal onde ó mesmo tempo suben as escaleiras ó senlleiro piso.
É unha obra merecente de ver, onde non falta a tecnoloxía máis avanzada, toda ela comunicada por cableado totalmente soterrado. Só pasar o seu umbral, parece que xa recende a cultura. Agora só falta un bon acceso e aparcadoiro. Pero ben, o principal xa está acadado e o demais é secundario.

viernes, 12 de diciembre de 2008

Museo Pondaliano




Pois si meus, así estaban a rematar hoxe as obras do Museo de Pondal que mañá ás cinco da tarde serán inauguradas. O Couto, que xa é a capital das Letras (para min) pasa agora a contar cunha nova institución como é a Fundación Eduardo Pondal, ou tamén coñecido como: Museo Pondaliano.
Dende hai anos, quedo abraiado nestas datas cando logo dun simposio vén o do ano seguinte e hai máis xente ateigando o local da A.Monte Branco. ¡E estamos a falar duns dez ou máis días cada ano!
Con esta obra pasa a ser O Couto un dos lugares de encontro cultural dos máis importantes da provincia, ou quizais, porque non, de Galicia. A obra do Bardo autor da letra do Himno Galego, será recollida a partir de agora na que poderemos chamar casa de seu, co cal dará un novo pulo aos investigadores que cada ano acuden aos devanditos simposios.
Esta obra, cambea ó mesmo tempo a imaxe do Couto antigo no seu contorno igrexario, aínda cando hai un meirande problema de momento como é o dos aparcadoiros. Segundo a alcaldía, hai unha petición para este fin, que sería na chamada finca das Paxareiras ou do Palomar, mesmo preto da Igrexa. De non ser así o tema vai ser atafegante para aparcar, pois nesta, como en tódalas aldeas cantas coñezo, salvo honrrosas excepcións, non hai maneira de que ninguén ceda unha cuarta de valado, aínda cando as leiras sexan de vinte ferrados.
Porén nada máis por hoxe, mañá irei á inauguración e pasadomañá poñereivos as mellores fotos que poida sacar.



jueves, 11 de diciembre de 2008

Cospindo, capital O Couto.
















Así estaban hoxe ás catro do serán as obras do complexo hostaleiro de O Couto-Cospindo. A súa situación está ó pasar a curva de Valarés e comezar a subida a Corme. Como podedes ver, O Couto está de noraboa e cunha nova imaxe para o vindeiro verán, pois non só é isto, senón que o sábado día 13 inaugúrase o Museo Pondaliano. (Mañá poñerei as fotos).
A xeito disto, colocouse en todo o Routeiro Pondaliano unha ducia de menhires co nome de cada encrucillada. Pero dese evento falaremos mañá ou pasado, hoxe vamos co hotel.
Realmente non sei se é un soño o ver esta ladeira convertida nunha verdadeira xoia onde contrasta o antigo co moderno. A súa vista natural é de total privilexio ollando o esteiro do Anllóns. Coido que nalgunha foto xa vos decataredes da panorámica vista de todo o val, tanto pontecesán como de Cabana. Tal é que, podemos contemplar: Tella, Lestimoño e a Graña, Carballido, Ponteceso, A Trabe, Anllóns, Neaño, A Telleira, Cándoas e un longo, etc., que xa non consigo recordar.
¡E nós sen unha cama!, dicía eu fai uns días. Pois xa vedes, ademais diso o complexo leva un restautante de 1ª liña. Ou sexa, de levar carteira chea para "logo da chea". ¡A verdade que os do Couto deben ir máis a Misa ca nós! Digo eu por caerlle unha breva así e uns inversores que namais ver a rilleira costa arriba dos Oqueiros dixeron: "Mira, xa está ben aquí a inversión sen subir máis". E ala, velaí se ficaron.
Mais dentro do malo, aínda é unha sorte a súa cercanía de seis quilómetros e na estrada principal de Corme. Sen dúbidas hoxe en día non hai distancias.(?). Isto dígoo eu para disimular a raxeira de non facer a obra en Corme, pero a "procesión" vai por dentro. Ou sexa, a envexa. Así con rima.
Entrementres, queda o tamén noso complexo da Serra co seu hotel correspondente. Eu maxino que madrileños e de toda castela, máis ben quererán ollar o mar. ¡E con dúas praias á beira! Logo, poden xantar aquí os nosos percebes e de postre as roscas do Couto. (Uns días adiante falarei do vencellamento cormelán con O Couto na Idade Media como así de un fito histórico entrambos).
Ben, pois, a miña intención neste blog é a de manter ó día aos nosos cormeláns que non poden vir tan a miúdo como quixeran.
E remato cunha vella frase que xustamente reflexa a antiga unión entre nós. Cando os mozos de Corme v¡ñan de troula ou ben das mozas, dicían no Couto antes de pillar costa arriba: "Alto aquí, taberna do Couto, casa de Tío Modesto, tomemos unha copa e con roscas".

miércoles, 10 de diciembre de 2008

Depre, a miña compañeira.

Foi un destes días pasados nos que o aburrimento fai mágoa nun. Logo e para acabar de rematala, campás a morto. É o espertar nestas vilas da Costa de idem. E coma sempre deica Ponteceso, agora tamén a capital de tanatos. ¡Ata en iso son a capital! ¡Que lles imos a facer! A verdade que sanatorios na bisbarra non hai, pero tanatorios..., "véigannos os demos". Mais velaí a xogada, a falla de hospitais, pois, veña veladoiros.
Pero o que ía contarvos era que pillamos camiño para o velorio coa miña compañeira Depre, non vexo maneira dende fai anos de desfacerme dela. Toléame cada día máis, aínda canto máis a rexeito.
Sentamos fronte ó velador, ela e máis eu, por suposto. Nestas estaba matinando como esquecela lonxe de min, cando a miña dereita sentaba un coñecido veciño do noso contorno. "Boas hó", dixemos os dous a unha. E fomos entrando a conversa. A súa escola fora o vello Catón eo escolante o Tío Maolo. (Sentinme egoísta por queixarme da miña).
Fora canteiro no noso peirao. Picara na pedra dura e cargou ducias de "vaghonetas" arriba do inesquecible túnel para o recheo da Ribeira e os xardíns. Ensinoume como deixaban un petón coas cuñeiras e auga. ¡E no outro día estaba fendido! Lembroume a D.Severino, aquel enxeñeiro que falecera mesmo onde hoxe está a lonxa nova. Fora unha pedriña de nada, malia do estoupido dun barreno. Logo seguío co "alemán", mais xa non recordaba o seu nome. D.José, díxenlle eu. "Ai si, é verdade", díxome.
Sen darme conta fun esquecéndome da miña maldita compañeira Depre, ou sexa, olvidándome dela. ¡Estaba apabullado coa sinxeleza e sinceridade dese home! Hoxe ten predios de seu e está en boa situación. Sen embargo non sentía vergoña en lembrarme o seu duro comezo: calos nas mans, comida de friameira, roupa rachada, a pé ata Corme..., ¡E sete pesos de xornal ó día!
¡Que sorte ese velorio, senón fora polo defunto! (A verdade que ía morrer o mesmo). Nestas estabamos cando veu a súa dona: "¿Vamos daí?", dixo ela. E foron. Sentín tristura por ir tan axiña e quedei cavilando onde iría a Depre. ¡Xa non estaba, levaraa el, o meu coñecido! Así, sen máis. ¡E pensar que fora o psiqui uns días antes e volvín con ela!
¿En que pensas?", era a miña dona quen agora me espertaba daquela conversa que me soubo a tan pouquiño. "En nada, muller, que estaba deica ó día con este home".

viernes, 5 de diciembre de 2008

Corme no día de hoxe







Para todos os cormeláns na diáspora que non poden vir nesta ponte festiva.
------------------------------------
Pois así meus, estaba hoxe venres ás catro da tarde o que vedes nas fotos fresquiñas no mesmo día. Quero que cando menos sintades o ulido a maruxía do voso Corme. Respirade fondo e enchede os pulmóns do ar das nosas praias. Pisade na area do Osmo e Arnela e deixade as pegadas. Ollade os golpes de mar no Canteiro.
Pero temos bon tempo, pois podo dicir, eu que son un frioleiro, que hoxe ata sentin calor ¡Tamén pode ser a pitopausia esa dos calorazos, vaite ti a saber!
O que quero dicirvos é que vexádes, como se viñerades "como está o mar", esa frase tan mariñeira que todo xubilado (ou non) ten que ollar cada día.
Mirade por onde me lembro agora dunha frase de hai anos: Eran os tempos que viñan cantar polas salas de festas os artistas de "Madrí". Un día que pasabamos coa miña orquestra por unha desas aldeas, un anuncio nun bar dicía asi: "El próxímo domingo en la Sala Equis, podrán ver en carne viva a Manolo Escobar".
Pois iso é o que eu quero, que a falla de non poder vir, pois premer nas fotos e cando menos ver en "mareas vivas" o voso/noso Corme neste inverno bastante ben levadeiro.
E tamén como berraba na Cruña cando eu estaba na mili, xa choviu, unha vendedora de peixe que non pronunciaba a efe coa erre : "...anecas, ...esquiñas, ...anecas, ...esquiñas".
Pois namais por hoxe, só trataba de reflectirvos un Corme fresquiño, pero sen fanecas. Deica mañá.

jueves, 4 de diciembre de 2008

Máis couché para os noivos.



E sigo un día máis, pois, visto o visto, e segundo o número de visitas a este meu blog, parece que o "papel couché" é o mellor para este tempo de crise. Realmente quedei máis ca ledo, como xa digo no Foro de Corme Net, da cantidade de visitas con motivo (sen dúbidas) da voda de Óscar e María.
Foi ó mesmo tempo a miña primeira asistencia a unha voda polo civil ¡E abofé que non me desgustou nada! (Que non se entere o cura, pois senón xa a teño clara). Dicía eu que non o vin tan mal, pola sincera razón natural dos noivos. Se eles así o senten, pois o mellor e non pisar a Igrexa por mor da foto máis bonita e logo non volver ata o bautizo do primeiro fillo, que tal como están as cousas o conto vai para anos. ¡E logo ata a primeira comuñón! Iso si é hipocresía. E dígoo dende a miña crencia relixiosa.
Pero ó marxe disto, ollade a mirada de Óscar. Non sei o porqué, pero levo estes días ollando esta foto e vexo nel unha face distinta. ¡Ata me parece máis vello! Mesmo parece estar matinando a formal e seria decisión que tomou. ¡Tampouco é para tanto, meu, pois eu fíxeno ós 23 e pesoume non casar ós 20! En canto a María, pois iso, que as mulleres sempre son máis decididas e valentes. Falla fai.
Pero a cousa foise aledando e cuns noivos que se non o vexo non o creo. Estou a referirme ao ver bailar a Óscar. ¡Nunca o vin bailar!
Mais agora vén a anécdota que tiña gardada na manga da camisa. (Isto non o saben nin os noivos).
A cousa foi que cando o alcalde, Xosé Manuel Traba entrou no salón do acto, dou as boas tardes a todos e en especial aos noivos. Ata aí, natural. O local estaba tan ateigado de convidados (e convidadas), que case non se ollaban ós actuantes. Ata aquí tamén natural. Mais velaquí que cando o Alcalde comezou o acto, máis dunha ducia de persoas maiores, (por non dicir vellos), pois iso, que..., deron o Nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
¡Quedei abraiado e non sei que pensei naquel intre, pois eu estaba a tocar no fondo do salón e puiden ollalo todo! Maxinei nesa antiga, fermoso xesto e arraigada costume, a cal fixo que naquel intre o subconsciente dos nosos maiores así o sentisen. Non fixeron ningún dano, senón todo ó revés. De repente sentín o meu respecto por esa xente que así o sinte.
Dende ese día estou pensando: ¿por qué non facer nas igrexas ámbolos dous actos conxuntos? Para quen o desexe, por suposto. Faltaría máis.

lunes, 1 de diciembre de 2008

Máis fotos da voda











Pois como podedes ver, eu non sei ordear isto de outra maneira. Para a miña idade xa fago milagres. Asi que ide ollándoas como podades que eu o fago con todo corazón, aínda que quixera facelo mellor.
Como observades na primeira foto, velaí o tedes saíndo da súa casa de solteiro. Acabouse a boa vida e os mimos de mamá. Cando volva xa será de casado.
Na foto de abaixo, pois nada, que se lle dou aos invitados por cantar o noso Himno e todos nós en pé, xa vedes.
Logo na da esquerda, pois cortando a tarta e na da dereita coas compañeiras do Museo de Corme.
Que o disfrutedes.

domingo, 30 de noviembre de 2008

A voda de Óscar e María:Felicidades



Casarse é sen dúbidas a primeira cousa seria e ben pensada que ten que facer o home na vida. O mesmo ca un edificio que ten que ser asentado en bos alicerces.
E así foi como onte 29 de novembro do 2008, Óscar e María, noivos de toda vida, dixeron: adeus soltería. (Que ben rima). Pois si meus, unha voda no Faro Fisterra cal trasatlántico cruzando os mares. Sempre me dá esa sensación cada vez que piso o Finisterrae. Realmente parece o fin do mundo. ¡Ou o comezo!, segundo como se queira entender. No caso dos nosos noivos, foi o comezo dunha nova vida e ollando ó mar infindo. ¡Realmente maxestuoso!
Onte maxinaba eu durante o acto, que o noivo xa non vai ser de todo noso como deica agora. Teremos que conformarnos coa metade, sempre que María nolo deixe de man. Eu coido que si porque a coñezo. Ela aínda vai deixar que nos siga botando unha man.
Mais agora entra a tiraxe de quén dos dous vai ser máis cormelán ou máis fisterrán. Pero será un pulso de amor e senso común e diso teñen o corazón ateigado e rebosado de celme.
Quedei ademirado cando ollei todo noso rueiro da Fontiña na voda. Non faltaba ninguén de casa algunha. Iso é ser veciño, amigo e ben querido. Mais sobre todo o feito de estar a ben con todos e poder convidalos. ¡Non todos poden facer o mesmo! ¡De envexa ese feito!
En canto á festa, pois unha das poucas que vin con tanta xuventude e nun belo marco como é o Centolo de Fisterra. Un fermoso local e un tremendo convite. Xa vedes que pase, máis ben de tango, lle dá Óscar a súa muller. ¡A súa muller! Pois si meus, agora xa hai que falarlle da súa muller, amais de María. E tamén lembrar que; "home casado muller é".
Sinto ledicia por velo casado, pero tamén dalgún xeito, xa non o terei de cotío acó na miña oficiña, que sempre foi a súa. Dende sempre subía el só, aínda que eu non estivera, e facía os seus traballos neste ordenador. Foi e segue sendo o meu mestre de informática. Senón é por el, endexamais me metería en Internet. (Agora que non mo quiten a ningún prezo). ¡Canto me ensinou!
Nunca entendín como eu con 64 e el con 27 nos buscabamos un ao outro coma dous da mesma xeración. E sempre reñindo. E sempre ó día seguinte un ó pé do outro.¡Quizais sen darnos conta, fomos os mentores un do outro! Eu coa experiencia da vida e el coa súa moita escola e intelixencia.
Mais logo disto, parece que hai cousas na vida que deixan a un abraiado. ¿Quen pensaría que ela, María, era a que ía diante miña na procesión do Venres Santo de Fisterra? E non só ela, senón tamén a súa irmá, máis a nai das dúas. ¡A verdade que a vida é un pano da man!, di un vello refrán.
E seguiría falando deles deica mañá, pero non, xa están camiño (mais ben voando) de Canarias. ¡Seica van quentarse!. De calquer maneira, casaron no inverno, cando hai que ter con quentar os pés. ¡Chamádelle tontos!
FELICIDADES MATRIMONIO.


jueves, 27 de noviembre de 2008

1918 O primeiro hotel de Corme.

Así como ledes. Corme inaugurou o seu primeiro hotel no 1918 no recén construído chalet que hoxe dá nome a esa zona: O Chalet. Logo tiña eu razón cando escribía antonte que estamos peor ca fai case cen anos. Porque a cousa non era tan doada, meus, o conto foi que nesa data non tiñamos aínda coche de liña á Coruña nin luz eléctrica. A única comunicación era coa recén rematada estrada no 1910 ata Ponteceso, e a luz eléctrica tardaría dous anos máis, nunha centraliña feita no -máis adiante- taller de Pepe o Mecánico. Estaba mesmo na que a día de hoxe é a subida a Roncudo. Mais iso si, a base de sellas de auga das mulleres ó xornal, pois como sabedes, da Paxariña non baixa ningunha fervenza.
Un ano adiante, no 1921, contaríamos co 1º coche de liña á cidade: O Guillén.
¡Pero xa tiñamos ese fermoso hotel construído polo seu dono: Eliseo Pailos (Tecelán)! Unha das casas máis belas de Corme quizais a día de hoxe.¡Lástima del aínda neste tempo, sería un clásico hoteliño de luxo!
Mais non quedou aí a cousa, pois pouco tardou en haber o segundo hotel. Este novo sería no Río de Roda. Foi na casa de Julio de Gallardo (antiga farmacia *), para logo no ano 30 abrir a fonda e casa de comidas Miramar.(*Teño o nome gardado non sei onde. Poñereino).
E agora que vos digo amigos?, que cando temos auga corrente, estrada nova e luz boa (?) cando non falla, e así unha ristra de melloras que poidéchedes ver; naquel tempo terían que lavarse en palangana, deitarse con vela e chegar a Corme a pé ou a cabalo. ¡Pero había hotel! E do milloriño da bisbarra. Sen axudas da Xunta, pois aínda estaban por xuntar os xunteiros.
Sexa como for, cen anos hai tiñamos onde dar pousada ós nosos visitantes. E en hoteis. ¡Agora nin un palleiro para deitalos! Xa é de tristura. Hai uns meses encoutrei unha parella xaponesa ás dez da noite buscando pousada ou albergue. Traían mochilas e valíalle calquera cousa. Só querían un teito cuberto pois o nordés pelaba. Non souben que facer, faleille de ir a Ponte pero tampouco temos un só taxi. Ó final a rapaza estoupou a chorar mentras esperaban un taxi de Ponteceso. Sentin pena, vergoña, rabia e non sei cantas cousas máis. Aquela noite só cabilei na parella. ¿E senón tiñan cartos?
Cen anos hai, polo menos había cabanotes con palla enxoita para acougalos. Agora non temos palla nin cabaneles para dar abeiro ós nosos ousados e espóradicos turistas. En Fisterra hai 14 hoteis e pousada de peregrinos. ¡Pero hai xente para enchelos, din en Corme! ¡Pero en Corme non hai unha cama para ser "enchida", digo eu!
----------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Desexo opinións, grazas adiantadas.




martes, 25 de noviembre de 2008

LEMBRANDO A GASOLINEIRA

Pois iso meus, que no 1970 tiñamos iso: surtidor. Velaí o tedes á esquerda da foto. E a "pitera" Citröen que vedes, era a de un servidor. Ese foi o meu primeiro coche. Custoume 20.000 pts. daquel tempo e logo tres anos adiante aínda o vendín en 25.000.
Era un C-56.000 de matricula e merqueino con furados nas latas que eu fun tapando con masilla eo que atopaba. ¡Pero nunca me deixou "tirado"!
Un serán que eu fora a Carballo, mentras non habría un almacén din uns pasexos pola acera. ¡Cal non sería a miña sorpresa, cando ollo que o motor estaba case a rás do chan! Pois nada, que cun arame erguino un pouco, carguei de mercancía e cheguei á Ponte. ¡E naquela estrada dando choutos! ¡Iso era un coche e un gato é un bicho!
Mais volvendo ó conto. ¡Cantas nostalxias en tan pouco tempo! Ollade á dereita da foto e veredes un dos postes eléctricos á sazón. Á esquerda, pois iso, a gasolineira de Corme, propiedade de tío Jesús do Chinito. ¡Iso eran tempos! Polo menos tiñamos algo no pobo. Aínda lembro como medía a gasolina ou o gasoil cunha regadeira de lata. Sen tanta mariconada como che dí agora unha voz en off: "A repostado usted, gasolina de 90 octanos. Tenga buen viaje". E ala, casemente cremos que é unha moza de verdade. E para máis falando en castrapo. Ás veces miro de esguello haber onde está a guapa. Pero só vexo a un empregado máis feo ca feito de encárrego.
¡Pero non era así con tío Jesús! Sempre estaba rosmando. Había que aturalo, pero sempre te atendía. E moi ben por certo, pois ata ía por fóra unha pouca bencina cando enchufaba a regadeira no cano do tanque. Tamén todo hai que dicilo: Xa non atinaba moi ben, meu pobre, pois a idade non perdoa. ¡Pero tiñamos gasolineira! ¿E agora que temos? Ir á Ponte o cal xa é unha disculpa para ir manga-la tarde.
¡E así fomos quedando sen canto tiñamos: Seis taxis, catro panaderías, dezaoito bares (quedan a metade). O serradoiro eo muíño. Non hai unha cama na que durmir un forasteiro, nin idem porque non hai camas. Xa non hai un Garda Civil de once que eran vivindo e consumindo no pobo. Se queres cortar o cabelo, hala, no medio das mulleres, tampouco hai barbeiro; e ollo que, o mesmo saes coa permanente ou con mechas. Non temos un zapateiro; crego de noso, sacristán de oficio e enterrador do pobo ¡Ata maxino que nin un futbolín hai! Xa non temos cines nin salóns de baile, malia tampouco hai un carallo dun "paff" deses agora de moda. ¿E un "naiht clube"? ¡Ai, iso xa nada, sería ir para o inferno de cabezas!
Dicía un home cando eu era rapaz: "Neno,un pobo que non ten casa de "nenas" que é a primeira necesidade dun home, non é un pobo". (?)
Pero non me chamedes agoreiro nin pesimista: Cando eramos 3.000 cormeláns chegabanos cun cemiterio. Agora que somos mil (escasos) temos dous. (?) ¡E con vistas ó mar! Ese é o noso futuro. Mais iso si, para velorios a Ponte e para enterros Corme.
¡Que ben ía eu aquel día na "pitera" subindo o Alto da Costa! ¡Porqué non seguiría camiño nela! ¿A onde? ¡A xunta os outros dous mil que faltan!

miércoles, 19 de noviembre de 2008

¡Miúdo Diane-6!



Así, con esas mans en acto piadoso, sae o noso Presidente do, en teoría, noso coche. E teño que pedir perdón polo artigo de abaixo, pois, segundo lin hoxe nun xornal, o acalde de Madrid ten un moito máis caro aínda: 100 millóns das antigas pesetas. Pero tamén é de "dereitas" co cal xa é normal neles. ¡E iso que non é máis ca alcalde, que se non...!
Pois xa vedes meus, o noso Presi, só mercou un de oitenta millóns das antigas rubias. ¡E tiña un Diane-6, segundo dixo un ex alumno seu! Pero non era blindado pois seica o quería (?) aproveitar. Asemade é un exemplo de austeridade en vista da crise que vén e tendo en conta que é de "esquerdas".
A verdade señor Touriño, ou estou eu moi lonxe da realidade ou vostede perdoe, pero o exemplo neste tempo de crise, máis cando só faltan uns meses para as seguintes eleccións, paréceme o acabar de mata-las todas. ¿Non termaría o coche que tiña seis meses máis? ¿Non cre vostede que cando o sector do automóbil está coa corda ó pescozo, vén vostede mercar un coche deste importe e para máis extranxeiro? ¿Pensa que ante isto, os obreiros da Citroen de Vigo sexan tan estultos como para vota-lo de novo?
Non señor Presidente, o seu exemplo non é o dun socialista. ¡Ou ben eu non entendo o siñificado desa verba! Sexa como queira, coido que esa cifra de diñeiro, máis o sostemento dese coche, é algo que endexamais pasou polo meu senso. Se a vostede lle fai falla un coche de este custo, ¿canto vai valer o de Barak Obama?
Tampouco me serve o que merque o alcalde de Madrid nin a Presidenta da Comunidade. A min ten vostede que darme o exemplo de que un socialista é algo diferente. "Polo cámbeo", dicían hai tempo. ¡Hai tempo, si! Mais, o tempo xa pasou e nada se demostrou. Deica, "nunca máis".

martes, 18 de noviembre de 2008

Isto é de vergoña.




A verdade é que da mesma maneira que vou camiño da terceira idade, quedo abraiado en tal ver. Cando vivía o "vello" era crible isto que estades a ollar na foto. Logo, eu pregúntome para que loitei pola democracia, ata o punto de estar "sinalado" aínda anos despois. De certo que estiven ben enganado, malia cando para máis están a gobernar os que levaron o meu voto. Se isto o consentiran "os outros", eran uns fachas. E xa estaba. Así de sinxelo. A polémica estaba servida.
Nestes días estáse a derribar un piso en Corme, logo de 24 anos de ir e vir, de xulgado en xulgado e así un longo camiño. Para arranxar qué? Para fundir ó concello nuns 90.000€ co cal fariamos no pobo un auditorio. ¿Quén se beneficia desta inútil "obra"?, ninguén. Pero iso si, levoulle 24 anos en ditar sentencia firme. ¡A idade dun mozo!
E hoxe ollamos esta vergoña en Pontevedra capital, nun problema que, segundo os xornais, ronda os catro anos de teima. Sen máis, a Audiencia Nacional sen esperar o pronunciamento dos tribunais, tomou xa este inolvidable "aforismo". ¡E unha familia á calle! E unha dona da, e na casa de seu, á puta rúa por unhas deudas feitas polo seu ex. Así, sen máis. Como se fora unha asasina. E pagándo ela a deuda da casa. ¡Mais, non subliñan os xornais que o ex, fora ó cárcere!
Cada día da miña vida quedo máis defraudado en ver o engano que eu tiña respecto á xustiza. E sei de antemán que teño que respectala. E fágoo. ¡Pero non me cadran as contas por moito que premo o senso! Mais aínda cando no caso de Corme, "tardouse 24 anos en executar" a sentenza. Sempre foi habendo largas. Tantotiña. Mellor dito, son uns millóns desbaldidos sen ton nin son.
Logo, se estamos na mesma Galicia, coas mesmas leis e co mesmo goberno central, porqué a esa familia se tira á rúa sen a espera do ditame dos tribunais? Non son xuíz, aínda que o desexaba, pero como músico sempre dixen que unha mesma obra de Mozart é interpretada por cen orquestras sinfónica, as cen a fan diferente. ¡Pero as cen a interpretan de marabilla! E a obra é a mesma. Sen cambear unha corchea.
É entón cando non estou dacordo coa interpretación das leis, hai mil e unha maneira de entendelas. Somos (?) humáns, ninguén é perfecto. Porén, cando nun caso coma este os mandatarios políticos non toman cartas nesta -para min- aldraxe, non sei que senten á hora de xantar cando hoxe ollando os telexornais, a min polo menos, fíxoseme un nó na gorxa. E sentindo vergoña entoei o "mea culpa" por votar por quen votei. Unhas cuantas para ver e outras para nesquecer. ¡Sen dúbidas a "esquerda é o progresismo eo achegamento aos máis débiles"! Á vista está.
¡Pero sexa como for, temos coche novo! Facía falla, aínda que o meu ten 22 anos. Mais en vista da crise arrufouse ó pobo a marcas estranxeiras, hai que dar exemplo á hora de mercar. Tamén hai polbo á feira con orquestra en directo, autocar e moita empanada, moita, moita máis ca daba o vello no Monte Faro, hai que dar fartura ¡Cantas se pagan na vida!
¡Con tristura non irei votar nas vindeiras! Xa non sei se son das esquerdas, das dereitas ou do centro. Dicían os nosos devanceiros que: "tantotén, son todos o mesmo". ¡Canta razón! Logo outro deixoume un refrán de recordo: "dous que se deitan no mesmo colchón, son da mesma opinión". En vista disto, vou tamén para o mesmo colchón da parienta, e votarei por ela, pois..., somos da mesma opinión.


domingo, 16 de noviembre de 2008

A cuestión é sacar o "afoto".

Hoxe non poño a foto de costume, coido que todos vós lerías o Semanal destes oito días. ¡Non fai falla dicir máis con respecto ás fotos do Chad! Hoxe estarrecín máis ca nunca, cando na mesma páxina do xornal viña asemade a "foto da cume dos 20".¿Para qué máis fotos? Realmente, ¿a qué están a xogar os mandamais do mundo cando non lles revolve o calleiro ver o Semanal de hoxe? Mais iso si, todos eles saíron no retrato e fardando mogollón, que iso mola.
Onte sábado pasei o día na Coruña. Non vou moi a miúdo e sobre todo en canto a dar unha volta por un rueiro calquera. Á praza que fun non sei o nome, pero é ó carón do Conservatorio e á Escola de Idiomas.
Foi ó redor do mediodía. Un día soleado que ateigaba as rúas de xente. Nuns tallos baixo un árbore, un grupo dos "sen teito" repartían o seu "xantar" . En fronte, e dun moderno súper de renome saía a xente "normal" con bolsas repletas de vituallas para a fin de semana. Os do tallo, non pedían esmola, pero sentín vergoña de que este sexa o século XXI. Ollándoos de esguello seguín o meu camiño, un pasexo que tantotiña para un lado que para outro.
Na traseira do Conservatorio pillei deica á Ronda de Nelle. Namais comezar a costa rilleira, ollo nunha esquina un nome con letras case de ouro. Entroume teima en saber que había dentro. As cortiñas case ó rás do piar da xanela fixeron que tivera de dobrar os cadrís para ollar a miña cursidade.
De súpeto lembrei o conto dun amigo que fora a Cuba: baixaban as cortiñas onde xantaban os turistas para que ninguén ollara o que comían. Este tamén era un comedor, pero de luxo total. ¡Agás que non era en Cuba! Os sen teito non senten vergoña en xantar ó ar libre, non teñen porque tela. Os outros..., teñen menos vergoña e por iso baixan as cortiñas para que ninguén os olle. ¡Mais, ben de seguro que foron á misa de doce!
Seguín deica arriba e crucei nun paso peonil. Namais cruzar, ollo encol da beirarrúa un saco ateigado de barras de pan -ó meu ver aínda frescas- batidas sobre o chan. ¡Mirei de redor matinando en recollelas! ¿Por fame? Non, por dignidade á fame no mundo. Voltei o meu camiño de costas ollándoas e cheo de tristura. Mais, cando hoxe ollei as tristes fotos non poiden evitalo:chorei, chorei pensando nas barras de pan de onte. ¡Quixera voar ata o Chad de hoxe, que son moitos máis Chad! E levarlle -tan sequera- todo pan fresco canto deixamos encol da mesa.
Voltei á primeira folla do xornal para ollar de novo o "afoto" dos vinte. E cavilei de novo: ¿Terá que haber pobres para que os ricos poidan sentirse, iso, ricos? Porque, a verdade, se todos foramos iguales -en cartos- non sentirían o prace que senten habendo pobres.
Malia isto, tamén falan os xornais que vén unha crise. ¿Será logo para nós, os do "segundo mundo"? Non o sei de certo, dende logo aos do terceiro por desgraza tráelle sen coidado vivir coma morrer canto antes, e..., ós do primeiro, mellor que mellor, imposible.
Pero a marxe do dito ata agora, ¿estáse a notar a crise no noso contorno? Eu dende logo non a vexo, cando menos na maneira de ver o desbaldir xeral. Éme duro dicilo, mais coido que un pequeno "apretón de cinto" non viña demais para que sobre todo os nosos púberes soubesen o que nunca lles ensinamos: a coñecer e valorar a suor das cousas, os friames encol da mesa, os luxos, mercar roupa e zapatos que nunca se van a poñer e así un longo, etcétera, como o de ter nas súas mans un coche ós recén cumpridos 18 anos. E veña a percorrer quilómetros sen ton nen son. E a "sacarlle medias". Logo pasa o que endexamais tiña que ocurrir.
En canto aos da "segunda" idade en vida aínda laboral e co posto de traballo pendente dun fío,cómpre que nos decatemos que o mundo está saturado de coches, vivendas, electrodomésticos, roupa e calzados para o resto da centuria que aínda está nos seus albores. Velaí onde os nosos rexidores mundiais, tanto dunha cor como de outra, tivérono moi doado mentres a "cousa" non tocou teito, algo que o vía vir o máis estulto da parroquia, como se adoita dicir. ¡Xa valiu a pena, viaxes en avión especial, hoteles de cinco estrelas para os seus séquitos e conferencias como a dos "vinte que se viron" esta semana! ¡A verdade, teñen un currículo en canto a asistir a cumes! Con só aforrar eses cartos tan tristemente desbaldidos, tiñamos para facer fronte a xa famosa crise.
¡Pero non terían o "afoto" para o día de mañá ensinarlla ós seus descendentes, os cales nacen e nacerán co pan debaixo do brazo! ¡O padriño xa o teñen, e ben de seguro con bos predios!

sábado, 15 de noviembre de 2008

Es el, el del bombo.



O señor Pepe

Conto real coma vida mesma

Coñecino durante a mili. Tiña eu 17 anos; el ía cos trinta. Feo, barrigudo, colorado e medio encalugado do pescozo. ¡Ai, pero que “picador”; tíñaas debaixo do rabo! Para nós, os educandos da banda, era o señor Pepe. Sen el saber, por suposto, pois era cabo primeiro.¡Case nada naquel tempo!
Un serán que estabamos de “cuartel” por quenda–ou sexa, de portas- sentounos ó seu redor. Aquela tarde soleada mesmo era unha dor non saír ata os xardíns de Méndez Núñez ¡Porque había unhas “chachas” que..., mesmamente lle paseaba un o carricoche do “bebé”! (Sempre me pasa o mesmo, xa me saín do guión).
Tocaba o bombo –as chachas non, o señor Pepe- e viñera de outra banda. (Enténdase que non era da Outra Banda-Cabana). Tampouco digo de onde, porque isto do Internet, nunca se sabe. A cousa foi que aquel día pasámolo ben oíndo os seus contos, pero sobre todo este que vai deseguido:
Na cidade que estivera, moceaba, segundo el, cunha rapaza. Normal, non era da “outra banda”. Ela era servidora do fogar e cando a señora da casa baixaba, pois el subía. Ou sexa, o mesmo ca unha báscula cando che pesan un quilo de pan mal pesado. Primeiro enchía ben o buche, como tripeiro e lambón que o era; logo de postre, pois..., o aquel de "xamenténdes".
Pero velaí que as veciñas da señora decatáronse de tantas subidas do “sorcho”, como así coñecían aos soldados. ¡E dixéronllo á súa amiga!. Mais ela un día quixo ver polos seus ollos. ¡E viu! Máis do que ela quería. ¡Ou non, vaite ti a saber! Levaba tempo viúva e quixo refrescar a vista.
Saíra dicindo que ía á misa (era de misa diaria e vélo na cabeza), pero...,volveu deseguido. O noso colega escoitándo desferrullar o fecho, pillou a roupa na man e meteuse no armario. ¡Coma nas películas, pero de verdade!
Malia o peor foi que coa señora entraron as vixiadoras veciñas: “Que está dentro mujer, que lo vimos nosotras”. A rapaza a negalo. “Que está escondido, no hagas caso de esta mosquita muerta”. E a señora logo de percorrer todo o piso e ollar baixo da cama, abriu..., a porta do armario. “¡Aaai, Dios mío, que descaro, en mi propia casa!”, berrou a dona, mentras se persignaba. Alí estaba el coa roupa na man e tapando o que podía. Saíu a fume de carozo e vestiuse no ascensor. ¡A rapaza tamén saiu, pero coa roupa na maleta!. ¡Ela foi para unha pensión e el para o seu cuartel!.
Dous días adiante saía unha procesión e as piadosas señoras xa se enteraran que: “el soldado tocaba el bombo”.
Pero velaquí que o platillero da banda tiña unha man ferida e o director mandou ó noso “señor Pepe” levar os platillos, e viceversa. As señoras en primeira liña, na espera de ollar “al del bombo”. A procesión foi chegando preto delas: “Ya vienen, es el del bombo. Sinverguenza; míralo, si hasta tiene cara de formalito. ¿Habráse visto?”. E así tras del toda a procesión. O vítima do bombo, un home serio e cumpridor, vermello coma un tomate sen saber de que ía o asunto. ¡Ata o director quedou abraiado escoitando tales cousas do seu formal, aquel día “bombeiro”!
O señor Pepe, “chamándose de covas”, erguía os platillos ata a súa nariz de urraca para non ser recoñecido. A gorra do uniforme, espetada ata as cellas, mesmo lle encubría máis a súa face. Para máis coña, el, o señor Pepe, ía na fila de fóra xusto rozando ás señoras.

miércoles, 12 de noviembre de 2008

Historia da Burrita



Velaquí a tendes, á famosa Burrita. Pero a súa historia é xa de moi antigo, pois estou a encontrar versións do 1948, e logo gravacións de unha casa discográfica: Viticor. Esta, en ritmo de cumbia colombiana.
Hai ó mesmo tempo unha obra musical do mestre D. Ventura Romero, na que intervén Pedro Fernández, isto é en película. Chámase asimesmo "La Burrita".
Ou sexa, que non hai un acordo mui claro de quén é o autor verdadeiro, pois son moitos os que a fan de seu. Eu máis ben penso que foi versioándose cos anos aínda que mantén a letra orixinal que logo vos deixo para lembranza dos cormeláns. Se poido máis adiante e..., aprendo, poñereivos un vídeo fermoso que encontrei nun curruncho do meu "faiado". É de "agárrate", sobre todo polas bailarinas do balet que fan a coreografía. Á parte, a versión musical, foi a mellor que atopei desta peza.
------------------------------------------------------------------------------------
La Burrita
------------------
1ª-Ven coge sillón y ponselo-a-la Burrita. (Coro responde:Ponselo-a-la Burrita, ponselo-a-la Burrita.
2ª- Ven coge-el machete y metelo-en-la vainita. (Bis coro).
3ª-Ves que va-a llover y-el camino es culebrero. (Bis coro).
4ª-Pero como me voy yo me pongo mi sombrero. (Bis coro).
(Música e de novo volta a comezar. D.C.)
----------------------------------------------------------------------------------------
Desexo que a lembredes no recordo dunha etapa fermosa como foi a de Novas Ideas durante os seus 30 anos de vida musical, pero quero matizar tal e como dixen de principio que a canción é, pero que moi antiga.
---------------------------------------------------------------------------------------
¿Pero a que non sabedes quén bateu o record cantándoa con nós na Ribeira? Pois para que o saibades para sempre, foi: Loudes Lista, quen aguantou nada máis nin nada menos ca..., vinte minutos, que se dí moi axiña, pero ata nós acabamos pingando. Ela como é de supor, o mesmo ca se caera ó mar.
Toda unha bela lembranza da, para nós, campiona de " La Burrita".

martes, 11 de noviembre de 2008

Margotas na Fonte do Campo



A Rafael, o rei do calamar, do seu amigo Vicente.

Pois xa ves Rafa, aqui tés a Vicente que sen ir máis lonxe e mentres tomaba unha taciña no bodegón, zas, unha margota que, como podes ollar quedas á "altura do betún", segundo Vicente, "con aquel pobriño calamar". Dí el que non entende como un alumno seu pode saír a Internet amosando aquel imberbe calamariño. Malia isto, dicindo que son Made In Corme. "¡Que vergoña para nós os de Corme!", palabras de Vicente.
"Dademún sei para que teñen semellantes lanchas con motores de cen cabalos, e non pescan un farro de frixó, que xa é dicir". "¡E mira que o ensinei, pero nada!".
"Teño que vir eu dende Avilés e deixar o pobo á altura que merece, senón estes aprendices non dan cunha bicuda".
Rafael, isto xa é o non vai máis, pois estache a chamar as de San Quintín. Como el dí de ti: "O meu mellor alumno e nada, que falto eu e isto é unha fame".
Fálame de mandarcha fresca por Fax, (a margota) para que a probes axiña e canto antes. Xa vai limpa, escamada e cunha area de sal.
E recordos del neste San Martiño. Deica o verán. Mellor dito, que sexa na primaveira.
Apertas de Vicente.

viernes, 7 de noviembre de 2008

Corme no outono.












Esta é unha estampa para todos os cormeláns. Que xa os son todos, os nados e os que un día tiveron a ben facer de seu este noso Corme.

Pois así estaba hoxe ás tres de tarde a panorámica cormelán. Como vedes, ás obras da Serra están en pleno auxe. Sei de antemán o desexo de algúns que veñen poucas veces ó ano: quixeran tela así de por vida. Pero tamén teñen que pensar nos que nunca de aquí saímos, pois queremos chegar a ollala urbanizada e non criando culebras, toxos e silveiras como deica agora.

Sexa como for e no que a min concerne, tampouco é iso o que eu soñei dende hai anos. A miña idea de esa finca era a de un xeriátrico para maiores, así como tamén un hotel, lugar privilexado para as dúas cousas e entre dúas praias.

¡Pero a vida é así e que ten os cartos manda! O meu soño tampouco o verei cumprido. Só en parte. Polo menos sen silveiras e lagartos.

En canto á segunda foto dende a Arregadiña, ollamos a entrada da Ría, cos montes da Ribela e o Carral á nosa dereita. Ó fondo Laxe. ¡Hoxe non tiveron vento do nordés co cal poideron saír dar unha voltiña! A esta hora ben de seguro que estarán ós calamares no seu peirao. Pero nada, para calamares Corme.

A verdade é que se eu mandara..., íades ter nordés de exportación de cotío. E con selo cormelán, por suposto. "La mar me deixe se saías da casa".(Non fagades caso, pois sabedes que vos quero moito, moito, moito. ¡Que remedio, somos o espello de vernos de por vida!). Pero tamén nós temos que teimar co suroeste de importación, Made In Laxe.

Malia o conto, meus que estades fóra, isto é máis triste có velorio dun vello centenario. Temos unha falta de ruído total. "Dademún" a tanta tranquilidade, xa case un ten medo con tanta soidade. Sequera hai anos, aínda repicaban as campás ó sábado pola noite e logo á Misa principal do domingo. ¡Agora nin iso con tanto invento xaponés! Todo é "enlatado".

Falando disto, mirade vós onde me lembro hai pouco tempo na Coruña. Estaba eu probando un piano nunha casa de música, cando entran un cura e o seu sacristán. Piden con moita humildade que lle mostren órganos de igrexa, faltaría máis. Como non se decantaban por ningún, proveilles eu un deles. Pero velaí a cousa que o sacristán dille á empregada: "Mire usté, nós non sabemos tocar e queriamolo coa música xa feita, ou sexa darlle ó botón e namais, coma eses dúos que veñen polas festas". ¡E marcharon desgustados! Eu sentín pena por eles ó ver a súa ilusión frustrada pois, asemade tiñan cara de bonachóns e sinceros. ¡E cos cartos no peto!

E así meus, xa vedes onde eu fun parar. ¡Pero xa atopei a maneira de aledar a nosa vila: con música enlatada! Mellor dito: con ruído de coches, claxóns pitando, alboroto de xente, nenos rebuldando, as campás que repiquen e non toquen a morto, máis ruído de chimpíns etc., e isto cambearía ó cen por cen.

Porque mirade meus:Corme está senlleiro de tan silandeiro.


jueves, 6 de noviembre de 2008

Gabián ou pombiña


Levo máis dun mes ollando esta foto e por moitas voltas que lle dou, non atisbo a caer na conta do que está a matinar o pretendente. Porque sexa como for, a súa mirada deixa adiviñar varias cousas: "Largarme antes que sexa tarde". "Xa botou a máis de un para o cemiterio". "É certo que teño o pan debaixo do brazo coa comenencia, pero..., pero tamén se palmo no empalme"!
Mais logo vemos a cara de ledicia dela, da señora máis rica de Hispania. Ela non tira a toalla así como asado. Para mostra, ollade de esguello ese escote. ¡E esa chaquetiña vermella, a cor do amor!
Din os maiores da nosa banda da música ( fotos máis abaixo) aos mozos que non se comen unha rosca: "Vexetais, que sodes uns vexetais". ¡Pois debe ser certo cando despois de toda unha
vida coñecendo a esta muller, a verdade é que: Sangue e figura ata a sepultura!
Isto é pasar pola vida sen darse por vencida. (Que ben rima). Así as cousas o aspirante ó título está cos dedos facendo o "pito -pito colorito".¿ ? Ou ben esfollando unha margarida: "Esta sí, esta non..., pero segundo se vai achegando ó final..., se sae si, que fago?" Ata debía estar atafegado coa suor que tivo que sacar a gravata. E iso que parece máis novo ca ela. ¡Pero xa é de vello que aguanta máis un Mercedes antigo ca un utilitario do trinque!
Dicía o noso batería Pichita cando tiña vinte anos: "Un home é un home, e un gato é un bicho". ¡Dicía! Mais naqueles anos non sabía o que era iso da "prostáta". "¿Logo, as mulleres non a teñen, meu?", preguntou. "Polo que parece non, amais diso son coma o Sol: incombustibles, irresistibles, inaguantables, inaccesibles, imposibles, inconfundibles, intocables?". E vámolo deixar aí que xa está ben de gastar tinta ó custo que está agora.
Malia co visto, val máis unha retirada a tempo ca ser retirado no carrexón, por moi ateigado de flores e coroas que leve de galano e un funeral con doce cregos. Mellor siga co "pito-pito colorito" que, con mulleres así, fai falla ter moito "esprito".
"Mellor meu señor galán, achéguese a unha ruliña, vostede é pouco gabián e ela moita pombiña".


miércoles, 5 de noviembre de 2008

Concerto Saharaui







Realmente foi algo emocionante na nosa historia. Quen ía a pensar que uns nenos do Sáhara serían capaces de dirixir a banda e levando o compás o mesmo ca se naceran acó. Porque non foi só este que ollades aquí, pois subiron ó escenario outros dous máis. E os tres levando o compás sen haber visto nin ouvido unha banda endexamáis. Incrible pero certo. Quedei abraiado.
Cada ano, un grupo de nenos saharauis veñen deica á nosa terra bergantiñán. Son espallados por toda a baixa do Anllóns en casas particulares. E ben atendidos, por suposto.
Durante uns anos viña á casa duns rapaces compañeiros da banda un destes nenos. Cada domingo acudía ó ensaio da banda. E xa era un máis. Logo, foron á súa terra os nosos rapaces mais seus pais. Quedei abraiado cando me ensinaron as fotos da súa estadía aló no Sáhara. ¡Canta miseria e pobreza!
Nunha foto, unha cabra intentaba pacer na area. E só remexía nun cacho de plástico. ¡Nin toxo, queiroas, fieitas ou xestas! Nin unha herba en ducias de fotos que tiveron a ben ensinarme. ¡Só area e máis area! A tenda do pobo, só tiña nun andel media ducia de botes de dátiles á venta. Estarrecín con só ollar as fotos. Dende aquel día ata dou grazas a Deus por tanto toxo.
¡Canta riqueza temos na nosa terra e que pouco a valoramos! Alédome do día que tiven na man as devanditas fotos, ata mesmo coido que temos unha riqueza cos montes e cunetas ateigados de toxo. Nunca tanto o valorei. ¡E a auga, iso non ten precio! Logo trememos no verán se non chove nun mes. ¡E non podemos duchámonos tres veces ó día!
Pois así meus, así foi a miña experiencia con estes nenos. ¡E son listos, malia non ter escola! A verdade que por ter escola un non é máis listo. Dou fe polo sinxelo feito de comproba-lo dirixindo a banda. ¡Logo a cara da nena tan atenta á batuta que ata non sorríu durante a peza!
Foi a actuación máis leda que fixen na miña vida musical. Os compañeiros non cabían en si de prace e, xa nos tarda o vindeiro ano para volver a aledalos.
¡Pero, que dirán, que pensarán estes nenos cando se ven nunha casa calqueira da nosa terra e atópanse con baño, televisión (por suposto luz eléctrica), teléfono, roupa limpa e comida en fartura? ¡Que pensarán ollando este noso verxel da natureza? ¡Que dirán cando de novo teñan que volver á súa terra? ¡Que dirán!



lunes, 3 de noviembre de 2008

¡Corme sen os seus gatos!



Velaí unha parella camiño do cani/sexólogo. Seica tiñan vez para hoxe. E sen tarxeta de seguro, malia aínda a cousa. Mais con moita duzura e moito amor. ¡Pero cheos de tristura, pensativos e maxinando que lles farían! Chega con velos. El, todo un cabaleiro acougando á súa dona polo noso xardin. ¡Xa quixeran máis de catro ter un compañeiro tan agarimoso e con tanta tenrura! E todo por culpa dalgún pitopáusico que, pola rabia da súa impotencia quixo vengarse nesta parella, cal reflexo de cantas había en Corme. "Cobalde, más que cobalde", diría Chiquito de la Calzada.
¡Fai falla ser cativo e malo! ¿Que culpa terían estes pobriños podendo, namentres poden, aquelar o aquel de aquelare? Ou sexa, botar un:¿ "Quién vive"? (Non sei quen trouxo esa frase da fronte da guerra, pois iso era o alto que daba o soldado de garda).
Á parte do que conto, saía eu o outro día (mellor dito pola noite), cando baixaba do Campiño un gato. Capado sen dúbidas. Notábaselle na maneira de camiñar. Viña coas pernas de atrás, que mesmo parecía ter o tangaraño. Ou sexa, escarranchado. ¡Ata me pareció que me ollaba con displicencia!
De súpeto, non sei se foi o sub, ou o consciente, fíxome levar a man a "salva sexa o que queda". Como o ledes meus, maldita mentira vos digo. ¡E pensei de camiño ó peirao (pois agora que está prohibido o paso, ata da máis xeito ir), porqué tiveron que facer os de Gatocán semellante ruindade! Isto non se lle fai a ninguén. ¿Non chegaba con facer neles a "canectomía" ou nelas a ligadura de trompas? E seguirían o mesmo cas parellas modernas, salvando as comparacións que sempre son xenreiras, nunca máis lonxe diso. ¡Pero non, tiveron que capar ás parellas de feito, pero de "feito" total!
Malia isto, hai que poñerse no caso, pois é o mellor exemplo. ¡Sentirte capado en plena xuventude e cos adelantos que hai hoxe! ¡Non hai dereito! Aquela noite case non durmín matinando neles. Espertaba suando logo de soñar coas coitelas afiadas dos antergos capadores cando nos viñan..., o porquiño.
A marxe disto, aló quedou Corme sen o seu atractivo: Os gatos. Era o único que tiñamos. O mesmo ca Festa do Percebe. Xa non vén a televisión. Tampouco saímos en "Gente".
Pode sentirse ledo e satisfeito o que tal cousa salientou nos xornais, ben de seguro que ten prostatite. E, que gañou coa venganza?
"Por la gloria de las gatitas que ya no pueden ser madres: Cobalde". (de Chiquito)

domingo, 2 de noviembre de 2008

Lola a Pescadora.

Parte dun capítulo da miña primeira e inédita novela baseada no Corme do século XII.


Fora no 1.120 cando na Praza do Pan abrira unha nova cáneba que tiña de todo. ¡O de todo é un dicir! Pero foi o non vai máis naquel entón. E na mellor encrucillada. Era dun mozo solteiro e de bo ver que viñera de Baio. Chamábase Evaristo, pero logo se alcumou O Baiés. ¡E non fixo falla máis: bo mozo e forasteiro, mulleres a polo tendeiro!
Pero velaí que dous meses adiante o pobriño caeu. ¡Non, no chan non, máis lle valera! Esvarou sen “querer querendo” nos brazos dunha viúva nova: Lola a Pescadora, como así se coñecía. Dicían os máis vellos do Porto que: “pescando homes, había que deixa-la”. Ós sábados á noite e na baiuca do Río da Roda, seica preparaba lapas e minchas en salsa verde que había que chuparlle o dedo. A ela, cando che daba a salsa a probar, despois..., o que lle cadrase. ¡A verdade era que estaba para zugala, a ela!, (Deus mo perdoe se peco, pois, eu aínda era un rapaz e sen facer a primeira comuñón).
O primeiro finado de Lola, fora máis ben un tapa faltas. (Finado, non home.Ten que haber de todo na vida). O seu era estar ben mantido e despois unha boa sesta. Seica palmara na cama despois da cea (máis ben unha chea) de Noiteboa. Polo visto, comera bacallau con colifor, raxo frito e case un molete de pantrigo. ¡E a súa caneca de un tinto purrela que, algo mollaba! Logo disto quíxoa endulzar cun bo postre: “Lola, baixa do andel o marmelo, pasas, figos pasos e queixo.” E viu os xeonllos dela ó subir á banqueta. Logo veña dúas perfiñas de sol e sombra, pois, un día é un día e noiteboa só hai unha ó ano. En vista do “visto” e para rematar, ou máis ben rematarse, non deixou para mañá o que podía desfrutar hoxe: Facer uso do matrimonio que, para algo estaba casado como Deus manda.
Segundo ela contou, el botou un: ¡ai, ai!, e ela pensou que era de prace. “¿Logho, xa te vas, meu home?”, seica lle dixo ela. Ouvío outro ¡ai! e..., e fórase. Fórase para o outro mundo. Estaba morto. ¡Quedoulle a Lola coma un paxariño no inverno!
Pero ela tivo moita dor por el. A dor foi que lle quedou encima e case lle rompe as costelas co peso. Ela foi logo a que berrou uns ¡ais! Pero de socorro, pois, tivo que pedir auxilio para quita-lo de encima. Ó final e como non daba chegado ninguén, batíoo da cama en baixo. A dicir verdade, quitouno de encima dúas veces; unha que pesaba dous quintales e outra que non gañaba un maravedí á semana.
Non sei se por bate-lo ela da cama ou non, pero o conto foi que ó finado saíronlle cornos cando estaba na caixeta ata na mesma queixada. ¡ Mesmo parece cornudo! Dicía a xente no velorio.
Malia a cousa, pero coma un bo cormeán, foi el quen deixou unha frase para a historia: “De grandes ceas, están as sepulturas cheas”.
Con todo, ela sufrio moito; moito, moito, moito. Á hora do enterro saímos con el nun carro de vacas. ¡Calquera cargaba con semellante morto ata a igrexa do Santo Hadrián Vello! Ela -a viúva- no Río de Riba, como tiña moita dor, subiu tamén ó carro. ¡O crego non quixo leva-la no seu faco, senón a condenastra xa subía con el!.
Agarrada ás caínzas, foi sentada na caixeta, co cu sobre da parte da cara do seu finado. E chorando moito coa dor. Logo soubemos que a dor fora unha punta da caixeta que cravara nunha nádega. ¡Pero mira ti, ela foi no carro e nós a pé! Cando o baixaron á cova, ela botou un chanto de súpeto que o crego co susto case baixa co defunto. ¡Ata seica se escoitou na Aldea! Logo tivo a fineza -coma os ilustrados e ricos-, de botarlle unha presa de terra encima. ¡Ai non! Á volta veu no carro de novo pero puxénronlle un coxín sobre un monllo de palla. Viña moi desgustada. Esvaecida porque daquela non se cobraba a viuvez.
Ó día seguinte Lola seguira pescando pois, para algo era a súa profesión. Pero o Evaristo era troiteiro do Río Grande de Baio en non picaba con amocelos. Unha asada en tarteira de barro e ateigada de minchas e lapas en salsa verde, foi a maneira de pescar ó mariñeiro de auga doce. ¡Tamén viña cheo de troitas, todo hai que dicilo!
Evaristo era bo rapaz e tivera dez anos moza de reigo. Eran da mesma Piroja, baixo de Monte Torán. Un domingo de feira en Baio, un tratante de Santa Comba pescoulle á Benita mentras el pescaba troitas no Río Grande. Daquela as feiras eran de moita pesca, mais a ela non lle sabían as da porta e subiu a rilleira de S. Roque do Monte para probar as do Xallas.
O noivo, aflixido e coa raxeira, pillou Roncadoiro abaixo camiño do noso Porto e buscando un novo horizonte. Era visto que Evaristo, nacera co seu fado: o de ser pescado.

Corme Cháns Cousillas