jueves, 4 de diciembre de 2008

Máis couché para os noivos.



E sigo un día máis, pois, visto o visto, e segundo o número de visitas a este meu blog, parece que o "papel couché" é o mellor para este tempo de crise. Realmente quedei máis ca ledo, como xa digo no Foro de Corme Net, da cantidade de visitas con motivo (sen dúbidas) da voda de Óscar e María.
Foi ó mesmo tempo a miña primeira asistencia a unha voda polo civil ¡E abofé que non me desgustou nada! (Que non se entere o cura, pois senón xa a teño clara). Dicía eu que non o vin tan mal, pola sincera razón natural dos noivos. Se eles así o senten, pois o mellor e non pisar a Igrexa por mor da foto máis bonita e logo non volver ata o bautizo do primeiro fillo, que tal como están as cousas o conto vai para anos. ¡E logo ata a primeira comuñón! Iso si é hipocresía. E dígoo dende a miña crencia relixiosa.
Pero ó marxe disto, ollade a mirada de Óscar. Non sei o porqué, pero levo estes días ollando esta foto e vexo nel unha face distinta. ¡Ata me parece máis vello! Mesmo parece estar matinando a formal e seria decisión que tomou. ¡Tampouco é para tanto, meu, pois eu fíxeno ós 23 e pesoume non casar ós 20! En canto a María, pois iso, que as mulleres sempre son máis decididas e valentes. Falla fai.
Pero a cousa foise aledando e cuns noivos que se non o vexo non o creo. Estou a referirme ao ver bailar a Óscar. ¡Nunca o vin bailar!
Mais agora vén a anécdota que tiña gardada na manga da camisa. (Isto non o saben nin os noivos).
A cousa foi que cando o alcalde, Xosé Manuel Traba entrou no salón do acto, dou as boas tardes a todos e en especial aos noivos. Ata aí, natural. O local estaba tan ateigado de convidados (e convidadas), que case non se ollaban ós actuantes. Ata aquí tamén natural. Mais velaquí que cando o Alcalde comezou o acto, máis dunha ducia de persoas maiores, (por non dicir vellos), pois iso, que..., deron o Nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
¡Quedei abraiado e non sei que pensei naquel intre, pois eu estaba a tocar no fondo do salón e puiden ollalo todo! Maxinei nesa antiga, fermoso xesto e arraigada costume, a cal fixo que naquel intre o subconsciente dos nosos maiores así o sentisen. Non fixeron ningún dano, senón todo ó revés. De repente sentín o meu respecto por esa xente que así o sinte.
Dende ese día estou pensando: ¿por qué non facer nas igrexas ámbolos dous actos conxuntos? Para quen o desexe, por suposto. Faltaría máis.

No hay comentarios: