sábado, 12 de septiembre de 2009

50 ANOS DESPOIS













____________________ºººººººººººººººººººººººººººººººººº----------------------------

Que logo pasa o tempo cando parece que foi o outro día! Pero non, xa non foi o outro día, nin a semana, mes, nin o ano pasado. Hai medio século de tanta e tanta historia que casemente nunca matinei chegar a ollala 50 anos despois.
Lembro aqueles meus dezasete cando comezaron cos barrenos para os alicerces. Unha cova duns 15 metros. Logo marchei para a mili e..., á volta xa estaba erguida. Subin somentes unha vez naquel intre e sentín o seu vaivén que me fixo tremer. Pensei para min: Isto non vai a lonxe. Pois si que foi.
Este martes, día do Faro, quixen voltar a subir namentres matinaba: Senón caiu neste tempo malo será que non treme un día máis. Pillei a cámara e subín a costa rilleira. Malia que me atopei coa porta pechada. E o sentín.
Mais cómpreme dicir que sempre me pareciu unha parvada esa inversión, pois, coa décima parte do seu custo, o seu altruista e benefactor houbera erguido en Brántoas, a súa parroquia natal, unha casa escola-cultural que “sentaría cátedra” na bisbarra.
Logo hai unha cousa que nunca me aledou: o feito de que o Santisimo estea dando as costas ó noso pobo. Entendo que o fixo de cara ó seu pobo natal, faltaría máis, pero coido que postos á cousa, ben lles poideron facer dúas imaxes na mesma peza, ou sexa, unha delas dando fronte á nosa península do Roncudo.
Noutro aspecto da Torre, digo eu moitas veces: Ai, si ela falara, cantos namoros de novas parellas e amoríos de malcasados viu dende aló no alto! Pero non, ata en iso teñen sorte os que buscan o seu abeiro, pois, o Santo está de costado ó Campo coma quen non quere a cousa. Quen se pon “verde" é o Santiño que está fronte ó Campo. Un día falo con el, ou ela, que xa non sei, e haber si me conta algo das súas noites de vela.
Mais voltando de novo deica atrás no tempo, recordo que dende a construción do noso peirao -na miña nenez- sempre me decatei que entre Brántoas e Corme hai algo máis ca unha preta vecindade. Non debemos esquecer que quizais sexa a Virxe do Faro a que ten a ben manter eses lazos de unión. Tamén foron eles os que comezaron co noso actual mercado. Aínda lembro como Pedro, o do camión que traguía ós canteiros, comezou ós venres e logo de rematar as obras, traendo ás primeiras vendedoras de froitos da horta que, anos adiante iría medrando ata converterse na feira actual. Coido que se con algún pobo da bisbarra temos irmanamento, dende logo é con Brántoas e Niñóns.
Pero unha das cousa que máis me enchiu, foi cando hai dous anos lle escoitei a unha veciña de Niñóns o día da Romaxe: “Ai, o día que falten os de Corme, o Faro acabouse!”. E o sigo a comprobar cada ano ó ollar como os cormeláns veñen ata de A Coruña para non faltar a súa cita coa Santa! Coido que todos nós temos no recendo da memoria o ulido da tortilla, a empanada, o pulpo na friameira e as chulas da merenda. Xa pode cadrar en semana que é o mesmo: O Faro é o Faro.