martes, 22 de abril de 2014

A ALAMEDA DE CORME


Se dalgunha cousa podemos presumir os cormeláns, é de ter a única alameda de tódolas vilas da Costa da Morte a excepción de Cee que ten unha de máis vello preto da igrexa e como anterga praza principal.

Unha alameda que comezou coa iniciativa veciñal, como todo que se fai neste pobo. E velaí como dou o seu froito: de aquel vello xardinciño chegamos a esta fermosa e senlleira alameda da Costa.

Aínda lembro a mañá do 24/F. Aquela mañá cando o de “marras” se estaba rendindo no Congreso, nós estabamos plantando a terceira palmeira comezando pola Estada. E abofé que saiu rechonchiña a devandita palmeira. Debíu ser en lor do día e da hora!

Mais para chegar a este fermoso xardin, que como digo é o senlleiro da Costa, antes tivemos que plantar centos e centos da árbores que non foron adiante por mor do chán de recheo ou dos salseeiros do preto mar.

Pero a cousa valíu a pena, pois, quizais naquela data nunca eu pensei en chegar a ver as palmeiras con esta envergadura. E velas aí están formando a consabida alameda para darnos sombra no verán e ledicia incluso durante o inverno.

Moitas veces penso: ¿Cantas parelliñas se declararían ó longo destes anos ó socairo das nosas árbores? Porque decídeme a verdade: ¿Que mellor ca un xardín para darse o primeiro bico? Ou sexa, romanticismo puro. Porque para unha declaración de amor, tamén fai falla un pouco de ar fresco, para non chegar ao sofoco.

Antes, os da miña xeración nos declarábamos no salón Miramar. E co ruído da orquestra tocando. Pero tocándoche o mesmisimo e facéndoche a pascua para dicirllo no oído á rapaza que che quitaba o sono. E a golpes e empuxóns dos mal bailantes que naquel intre tamén estaban co mesmo apuro. E con tanto nervio, que, así tropezábamos uns contra os outros.

E todo, carallo, porque non tiñamos alameda para susurrarllo no oído e escoitando como as ondas do mar de Corme baten contra o Petón das Gaivotas. E así vai a cousa, que, un bico pide outro ou máis ben ducia e media con tanto arrumaco.

Ai, quen fora mozo de novo para declararse na nosa alameda á  penumbra das farolas envoltas nas follas de palmeiras e plataneiros! Aínda que ben pensado, antaño tamén servía a Furna do Osmo para tan grato menester, pois a Furna tamén ten o seu encanto, feitizo e embruxo. O problema era a ver quén levaba ate alí unha rapaza para declararlle o seu amor.


Así que meus, por fin arranxamos o problema das parellas. Que non era pequeno polo de arrexuntarse. E para máis xa pretos da nosa Igrexa para dar remate á cousa. Ou sexa: o sí quero. Mirade vós senón foi cousa boa esta nosa alameda. Non solo dá sombra senón que tamén inspira ao amor!.