martes, 23 de diciembre de 2008

Mico e Miquiña



MICO E MIQUIÑA
Eran parella de feito e leito dende unha Lúa chea de xaneiro. Cousa de seu, pois, xa o dí o refrán: “Os gatos en xaneiro, andan á xaneira”.
Vivían ledos e con fartura. Nin ratos nin peixe: Agora tiñan penso en doas o mesmo ca os caramelos dos rapaces. ¡Ó almorzo sopas de pantrigo con leite! ¡E ó xantar guiso estofado de fresco! E non virades vós polas noites de inverno, a Santa Compaña, parecía aquilo. ¡Pero non, eran as súas procuradoras que, coas lanternas accesas ían levarlle un leitiño quente!
E así foi indo a vida dos nosos micos. Ou sexa, ansia de nada. Ata agora os rapaces non andan a pedradas con eles como antigamente. ¡Tampouco hai pedras polas rúas!, todo hai que dicilo.
Logo, de ben lavados e pieitados con xampú de marca, veña, o amor libre. Sen marcha atrás. Como ten que ser. ¡Total, sobraban madriñas para todos!
¡Pero non hai felicidade que cen anos dure! E así foi como entrou o demo nos micos do pobo: “Que había que capalos”. Así. Sen máis. E todo por culpa dun que debe ter o colgarexo o mesmo cas agullas do reloxo: parado nas seis e media. Logo e coa envexa, pois iso, veña chamar ás canles e xornais: “Que o pobo estaba ateigado de micos. Que o alcalde tiña que tomar medidas”. ¡ E tomounas!
E aló veu Gatocán. E capou a eito. ¡E miúda factura ó alcalde! Pero a culpa foi del. A culpa sempre é do alcalde. ¡Haber se pensa que lle van votar nas vindeiras! O mellor son os cregos, están en contra das capaduras. ¡Eles si que son bos! O amor e a natureza que sexa como Deus manda. ¡Malia, tivo que vir o demo! Por culpa do das seis e media. ¡ Máis do alcalde!
E coma sempre, unhas vidas desfeitas. Agora Miquiña quere abandoar a Mico. “Eu non che teño culpa, Mico, eu aínda poido...,pois, iso, facelo”. “Así que vou pillar camiño da Aldea, alí seica non caparon a ningún. E aproveitarei pois, este mundo acó a de quedar”. “Xa sei que me queres moito. Ti fuches o primeiro.
Non houbo outro. Dasme quentura e agarimo. ¡Mais, se tanto me queres debes desexar a miña felicidade, non?”. “E agora é cando máis poido disfrutar, pois, non quedo preñada, sabes?”.
“Non me deixes Miquiña, vas ir deica riba e van abusar de ti. Un tras doutro. ¡E co fermosa que estás aínda! Mira que os pescos mican, pero non gaduñan. E os outros..., xa sabes, iso”. “Tamén pode pillarte o raposo nas Forcadas, seica hai moitos agora ¡Ou o porco teixo na pontella do Perillán! ¡Ou un can de palleiro en Hortachica! Ou..., ou xa non sei, pois total quedarei viúvo, ou cornudo. Serei o malpocado eo chiste da manada, miau, miau, miau...,máis agora en Noiteboa cando nos ía dar bacallau e turrón mol Tía Lela”,
miau, miau,miau, choraba Mico.
“Pois mira Mico, vai pé do alcalde e que te leve xunta do albeite, ese home sabe moito como amañar estas cousas, e, ó mellor aínda ten xeito a túa “desfunción”, como dín os rapaces no pardiñeiro
mentras fuman un porro”.
Miquiña, o meu non é “desfunción” nena, estou capado, sen remedio. Ata non sei a que santo me ofrecer ¡Non te vaias, Miquiña, eu dareiche moito amor! Eu non tiven culpa: foi o das seis e media”.
¡E do alcalde por facerlle caso!”,
dixo Miquiña.

sábado, 20 de diciembre de 2008

Corme ó día.











...........................................................................................
Ben, pois hoxe toca ensinarvos como están neste intre as obras da Serra. Como vedes, non temos lago nin piscina na vila, iso é a chuvia que anegou o socavado.
Polo que maxino, esta excavación debe ser para dúas plantas de aparcadoiros. É boa cousa cos tempos que veñen que teñamos onde aparcar. Logo en canto á obra, pois nin preguntei nin sei nada máis. O único que supoño é que será a primeira fase deste novo proxecto e segundo parece, van deixar unha baixada ó Osmo con uns tres, ou máis metros máis de ancho.
E será asi cando por fin teñamos un hotel logo de tantos anos sen ningún, tal como subliñei nas páxinas de abaixo. Como é de crer, os antergos non tiñan auga corrente ¡Non a había! Pero xa vedes que este a leva incorporada.(?). Isto é polos que non queiran camiñar uns metros deica o Osmo ou a Arnela.
As fotos están sacadas mesmo da esquina da baixada á praia, para que teñades unha mellor situación.
Asemade tamén van a cen por hora as obras do noso Museo. Espero na semana vindeira poder ensinarvos a fachada, a cal xa está coas ventás e portas dos balcóns colocadas. Mais non é só a fachada, senón que xa foi retirada a grúa. Nestes intres están por dentro, pero dando "caña a tope".
Outra nova foi a que estes días saiu nos xornais sobre o mexillón de Corme: Non se podía descargar no noso peirao, por mor de non reunir as normas que a U.E. esixe. Malia isto, onte xa sinalaron que será arranxada esta falla de previsión, para o cal darán os permiso oportunos mentras non dan a autorización legal. ¡Faltaría máis coas eleccións á vista!
E nada máis por hoxe. Xa vedes que me estou adicando neste blog a manter ós que estades fóra ó tanto dos aconteceres da vosa vila. ¡Aínda que hai tan poucos!Temos un tempo de verán total. (Isto é certo, para darvos raxeira). Apertas.

miércoles, 17 de diciembre de 2008

Corme:Festas dos anos 20


















--------------------------------------------------------------------
O inverno sempre nos enche de nostalxia, lembranza e añoros doutros tempos que, quizais foron mellores ou non. Quén sabe? Eu neste tempo sempre remexo no caixón dos recordos e atopo algo. Ese algo é a nosa historia e, como tal coido que é ben coñecela.
Pois esa historia é a das nosas raíceiras. A dos nosos avós. Logo a de nosos pais. Sen historia, nós non estaríamos acó. Porque a historia é unha manda que vai pasando duns pa outros o mesmo ca tea das Olimpiadas.
E velaí hoxe onde atopei un recordo que xa teño gardado dende fai máis de dous anos. Este corresponde ás festas do Carmen de Corme ¡Malia que non ten ó ano que corresponde!
Levo dous anos intentando que o Coro Cántigas da Terra, ao cal me dirixín varias veces, tivese a ben dicirme en que ano actuou na nosa vila, pois, vós mesmos podedes ler como aparece no devandito programa. Pero nada, tempo perdido. Realmente sinto vergoña axena, pois sempre que alguén me pide o máis mínimo favor deste tipo non dubido un intre en axudalo.
Porqué recurrín a esta coral?, porque debutou o 12 de xullo de 1917 na Coruña e o 25 de septembro de 1922 na praza de touros de Corcubión. Só eles poderían, ó mellor, darnos unha data caso de encontrala. Pero nin resposta recibín endexamáis.
Con respecto ó ano, eu diría que sobre o 1925, pois segundo o traballo do meu libro A Música en Corme, é nestes anos cando Manolo López (pai de Rosa de Sara) comezou coa súa propia banda. Como tal, así vedes que actuou nestas festas. Logo aparece que pola noite do día 16 de xullo, vén un "cuarteto de la Sierra de Outes", de onde era nato Manolo. Amais diso engade que alternarán cun "sexteto de San Adrián de Corme". Era algo corrente naqueles tempos o contratar media ducia, ou dez ou doce músicos, segundo as posibilidades das comisións. Desto aínda me lembro na banda de meu pai Basilio.
Mais se vos fixades un pouco, queda reflectido que a festa xa comezaba ás catro do serán. Logo o devandito Coro e pola noite unha orquestra ata ás tres da mañá. ¡Iso era festa, todo o día e noite! Porque agora meus, a festa é sempre ó día seguinte do día da festa. Comeza ás once da noite. E durante o día -da festa en teoría- o mesmo ca un deserto.
Logo disto paso agora ao que vos falaba o outro día: do segundo hotel de Corme. Velaí o tedes:Hotel Moderno, de Victor Cousillas, na casa do Río da Roda que coñecemos como "a da farmacia". Mesmo en fronte, a peluquería de Juán Crúz Cousillas. Logo un café-bar de un nome e apelido foráneo. Tamén o salón cine de tío Jesús de Crúz e remata con dous anuncios de cafés bares: José Neira e Adolfo Vidal, este último si era fronte ó Casino. O de Neira non o sei. Síntoo.
Deica mañá, meus. Boa noite.

martes, 16 de diciembre de 2008

A Torre do Faro



¡Case 50 anos que está erguida! Por estas datas podemos dicir sen engano que xa estaba case coa altura total de uns 30 mtrs., e 259 sobre do nivel do mar.
No vindeiro ano, celebraráse o seu cincuentenario. ¡Que logo pasa o tempo! Comezara a obra dous anos antes, no 1957 e foi inaugurada o catro de setembro do 1959 polo Cardeal: D.Fernando Quiroga Palacios. A verdade que nunca pensei que resistise tantos anos. Digo isto por algunhas veces que de mozo subín arriba e balanceaba. Pero termou. E polo que se vé, seguirá aínda moitos anos máis.
En canto ao seu promotor, pois case todos da bisbarra saben que foi Ricardo Pose Ouréns, emigrante en Montevideo.
Mais facendo un pouco de historia -algo que me prace- vou contarvos un pouquiño da Capela. O único que fun capaz de acadar ata o momento. ¡E mirade que remexín!
O primeiro dato desta Capela é do 10 de xuño de 1715, cando o prior da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, D. Francisco de Castro Figueroa visitou este Arciprestazgo. Así quedou reflectido no Libro da Cofradía de Nosa Señora do Faro e anexa á Igrexa de San Xulián de Brántuas. Non hai nada referente a cando nin quén a poido erixir.
Seis anos adiante, o 19 de maio de 1721, é visitada de novo. Nesta ocasión polo Arcebispo de Santiago: D.Luís de Salcedo Azcona, atopándose que "esta Capela non tiña Constitución".
Sería o 24 de agosto de 1729 cando é aprobada a Constitución da mesma ante o notario Jacob Méndez de Souto en presencia do cura de Brántoas: D.Antonio Puga e Arixón.
Dous anos adiante, no 1931, fai o retablo: Domingo Martínez e a pintura ó ano seguinte: Francisco Gómes (sic). Dende sempre, parece ser que se honrou o día oito de setembro, tal e como todos xa coñecemos.
E sen máis, dicirvos que para o vindeiro ano, pois iso, que vai haber festa rachada na que ademais estase a involucrar o noso concello.Como tal, xa está mandando as postais de Nadal coa foto do Faro. Sen dúbidas, será unha efeméride digna de non perder. E como din os de Brántoas resumindo o apego que nos teñen: "O día que falten os de Corme, o Faro acabouse".
-----------------------------------------------------------------------------------------
Nota:A foto é do día da inauguración.Premer nela e sae pantalla completa.

lunes, 15 de diciembre de 2008

Museo Pondal por dentro





----------------------------------------------------------------------------------------------
Un día máis convosco, hoxe para cumplir a miña palabra cal foi a de amosarvos por dentro o novo Museo de Pondal. Como sabedes, esta obra foi reconvertida sobre da vella Casa do Cura, como así era coñecida ¡A verdade que quedei abraiado! Unha cousa son as fotos e outra é ollala dende dentro.
Como podedes ver na 1ª foto pola esquerda, iso eran as cortes das vacas. Agora xa vedes que é un pequeno recinto que servirá, entre moitas máis cousas, para facer teatro. Onte inaugurouno o grupo camariñán Dequenquén coa obra: As cicatrices da memoria. Moi boa interpretación por parte dos dous actores. Noraboa.
A foto seguinte é no primeiro e único andar, para o cal conta cun moderno ascensor. Un lugar supoño, que servirá para albergar á biblioteca e reunións.
A que lle segue á dereita, é no salón chamado A Lareira, onde onte José Antonio Andrade, presentou o seu libro: Reválida de sexto.
Baixamos e á esquerda, ao meu entender, é o pasillo onde se ven as antigas comedeiras das vacas.
Vemos agora unha foto da fermosa lareira que é o salón máis acolledor. Supoño que de seguro será o máis funcional, por así dicilo.
E canto á última, corresponde ó digamos soportal onde ó mesmo tempo suben as escaleiras ó senlleiro piso.
É unha obra merecente de ver, onde non falta a tecnoloxía máis avanzada, toda ela comunicada por cableado totalmente soterrado. Só pasar o seu umbral, parece que xa recende a cultura. Agora só falta un bon acceso e aparcadoiro. Pero ben, o principal xa está acadado e o demais é secundario.

viernes, 12 de diciembre de 2008

Museo Pondaliano




Pois si meus, así estaban a rematar hoxe as obras do Museo de Pondal que mañá ás cinco da tarde serán inauguradas. O Couto, que xa é a capital das Letras (para min) pasa agora a contar cunha nova institución como é a Fundación Eduardo Pondal, ou tamén coñecido como: Museo Pondaliano.
Dende hai anos, quedo abraiado nestas datas cando logo dun simposio vén o do ano seguinte e hai máis xente ateigando o local da A.Monte Branco. ¡E estamos a falar duns dez ou máis días cada ano!
Con esta obra pasa a ser O Couto un dos lugares de encontro cultural dos máis importantes da provincia, ou quizais, porque non, de Galicia. A obra do Bardo autor da letra do Himno Galego, será recollida a partir de agora na que poderemos chamar casa de seu, co cal dará un novo pulo aos investigadores que cada ano acuden aos devanditos simposios.
Esta obra, cambea ó mesmo tempo a imaxe do Couto antigo no seu contorno igrexario, aínda cando hai un meirande problema de momento como é o dos aparcadoiros. Segundo a alcaldía, hai unha petición para este fin, que sería na chamada finca das Paxareiras ou do Palomar, mesmo preto da Igrexa. De non ser así o tema vai ser atafegante para aparcar, pois nesta, como en tódalas aldeas cantas coñezo, salvo honrrosas excepcións, non hai maneira de que ninguén ceda unha cuarta de valado, aínda cando as leiras sexan de vinte ferrados.
Porén nada máis por hoxe, mañá irei á inauguración e pasadomañá poñereivos as mellores fotos que poida sacar.



jueves, 11 de diciembre de 2008

Cospindo, capital O Couto.
















Así estaban hoxe ás catro do serán as obras do complexo hostaleiro de O Couto-Cospindo. A súa situación está ó pasar a curva de Valarés e comezar a subida a Corme. Como podedes ver, O Couto está de noraboa e cunha nova imaxe para o vindeiro verán, pois non só é isto, senón que o sábado día 13 inaugúrase o Museo Pondaliano. (Mañá poñerei as fotos).
A xeito disto, colocouse en todo o Routeiro Pondaliano unha ducia de menhires co nome de cada encrucillada. Pero dese evento falaremos mañá ou pasado, hoxe vamos co hotel.
Realmente non sei se é un soño o ver esta ladeira convertida nunha verdadeira xoia onde contrasta o antigo co moderno. A súa vista natural é de total privilexio ollando o esteiro do Anllóns. Coido que nalgunha foto xa vos decataredes da panorámica vista de todo o val, tanto pontecesán como de Cabana. Tal é que, podemos contemplar: Tella, Lestimoño e a Graña, Carballido, Ponteceso, A Trabe, Anllóns, Neaño, A Telleira, Cándoas e un longo, etc., que xa non consigo recordar.
¡E nós sen unha cama!, dicía eu fai uns días. Pois xa vedes, ademais diso o complexo leva un restautante de 1ª liña. Ou sexa, de levar carteira chea para "logo da chea". ¡A verdade que os do Couto deben ir máis a Misa ca nós! Digo eu por caerlle unha breva así e uns inversores que namais ver a rilleira costa arriba dos Oqueiros dixeron: "Mira, xa está ben aquí a inversión sen subir máis". E ala, velaí se ficaron.
Mais dentro do malo, aínda é unha sorte a súa cercanía de seis quilómetros e na estrada principal de Corme. Sen dúbidas hoxe en día non hai distancias.(?). Isto dígoo eu para disimular a raxeira de non facer a obra en Corme, pero a "procesión" vai por dentro. Ou sexa, a envexa. Así con rima.
Entrementres, queda o tamén noso complexo da Serra co seu hotel correspondente. Eu maxino que madrileños e de toda castela, máis ben quererán ollar o mar. ¡E con dúas praias á beira! Logo, poden xantar aquí os nosos percebes e de postre as roscas do Couto. (Uns días adiante falarei do vencellamento cormelán con O Couto na Idade Media como así de un fito histórico entrambos).
Ben, pois, a miña intención neste blog é a de manter ó día aos nosos cormeláns que non poden vir tan a miúdo como quixeran.
E remato cunha vella frase que xustamente reflexa a antiga unión entre nós. Cando os mozos de Corme v¡ñan de troula ou ben das mozas, dicían no Couto antes de pillar costa arriba: "Alto aquí, taberna do Couto, casa de Tío Modesto, tomemos unha copa e con roscas".

miércoles, 10 de diciembre de 2008

Depre, a miña compañeira.

Foi un destes días pasados nos que o aburrimento fai mágoa nun. Logo e para acabar de rematala, campás a morto. É o espertar nestas vilas da Costa de idem. E coma sempre deica Ponteceso, agora tamén a capital de tanatos. ¡Ata en iso son a capital! ¡Que lles imos a facer! A verdade que sanatorios na bisbarra non hai, pero tanatorios..., "véigannos os demos". Mais velaí a xogada, a falla de hospitais, pois, veña veladoiros.
Pero o que ía contarvos era que pillamos camiño para o velorio coa miña compañeira Depre, non vexo maneira dende fai anos de desfacerme dela. Toléame cada día máis, aínda canto máis a rexeito.
Sentamos fronte ó velador, ela e máis eu, por suposto. Nestas estaba matinando como esquecela lonxe de min, cando a miña dereita sentaba un coñecido veciño do noso contorno. "Boas hó", dixemos os dous a unha. E fomos entrando a conversa. A súa escola fora o vello Catón eo escolante o Tío Maolo. (Sentinme egoísta por queixarme da miña).
Fora canteiro no noso peirao. Picara na pedra dura e cargou ducias de "vaghonetas" arriba do inesquecible túnel para o recheo da Ribeira e os xardíns. Ensinoume como deixaban un petón coas cuñeiras e auga. ¡E no outro día estaba fendido! Lembroume a D.Severino, aquel enxeñeiro que falecera mesmo onde hoxe está a lonxa nova. Fora unha pedriña de nada, malia do estoupido dun barreno. Logo seguío co "alemán", mais xa non recordaba o seu nome. D.José, díxenlle eu. "Ai si, é verdade", díxome.
Sen darme conta fun esquecéndome da miña maldita compañeira Depre, ou sexa, olvidándome dela. ¡Estaba apabullado coa sinxeleza e sinceridade dese home! Hoxe ten predios de seu e está en boa situación. Sen embargo non sentía vergoña en lembrarme o seu duro comezo: calos nas mans, comida de friameira, roupa rachada, a pé ata Corme..., ¡E sete pesos de xornal ó día!
¡Que sorte ese velorio, senón fora polo defunto! (A verdade que ía morrer o mesmo). Nestas estabamos cando veu a súa dona: "¿Vamos daí?", dixo ela. E foron. Sentín tristura por ir tan axiña e quedei cavilando onde iría a Depre. ¡Xa non estaba, levaraa el, o meu coñecido! Así, sen máis. ¡E pensar que fora o psiqui uns días antes e volvín con ela!
¿En que pensas?", era a miña dona quen agora me espertaba daquela conversa que me soubo a tan pouquiño. "En nada, muller, que estaba deica ó día con este home".

viernes, 5 de diciembre de 2008

Corme no día de hoxe







Para todos os cormeláns na diáspora que non poden vir nesta ponte festiva.
------------------------------------
Pois así meus, estaba hoxe venres ás catro da tarde o que vedes nas fotos fresquiñas no mesmo día. Quero que cando menos sintades o ulido a maruxía do voso Corme. Respirade fondo e enchede os pulmóns do ar das nosas praias. Pisade na area do Osmo e Arnela e deixade as pegadas. Ollade os golpes de mar no Canteiro.
Pero temos bon tempo, pois podo dicir, eu que son un frioleiro, que hoxe ata sentin calor ¡Tamén pode ser a pitopausia esa dos calorazos, vaite ti a saber!
O que quero dicirvos é que vexádes, como se viñerades "como está o mar", esa frase tan mariñeira que todo xubilado (ou non) ten que ollar cada día.
Mirade por onde me lembro agora dunha frase de hai anos: Eran os tempos que viñan cantar polas salas de festas os artistas de "Madrí". Un día que pasabamos coa miña orquestra por unha desas aldeas, un anuncio nun bar dicía asi: "El próxímo domingo en la Sala Equis, podrán ver en carne viva a Manolo Escobar".
Pois iso é o que eu quero, que a falla de non poder vir, pois premer nas fotos e cando menos ver en "mareas vivas" o voso/noso Corme neste inverno bastante ben levadeiro.
E tamén como berraba na Cruña cando eu estaba na mili, xa choviu, unha vendedora de peixe que non pronunciaba a efe coa erre : "...anecas, ...esquiñas, ...anecas, ...esquiñas".
Pois namais por hoxe, só trataba de reflectirvos un Corme fresquiño, pero sen fanecas. Deica mañá.

jueves, 4 de diciembre de 2008

Máis couché para os noivos.



E sigo un día máis, pois, visto o visto, e segundo o número de visitas a este meu blog, parece que o "papel couché" é o mellor para este tempo de crise. Realmente quedei máis ca ledo, como xa digo no Foro de Corme Net, da cantidade de visitas con motivo (sen dúbidas) da voda de Óscar e María.
Foi ó mesmo tempo a miña primeira asistencia a unha voda polo civil ¡E abofé que non me desgustou nada! (Que non se entere o cura, pois senón xa a teño clara). Dicía eu que non o vin tan mal, pola sincera razón natural dos noivos. Se eles así o senten, pois o mellor e non pisar a Igrexa por mor da foto máis bonita e logo non volver ata o bautizo do primeiro fillo, que tal como están as cousas o conto vai para anos. ¡E logo ata a primeira comuñón! Iso si é hipocresía. E dígoo dende a miña crencia relixiosa.
Pero ó marxe disto, ollade a mirada de Óscar. Non sei o porqué, pero levo estes días ollando esta foto e vexo nel unha face distinta. ¡Ata me parece máis vello! Mesmo parece estar matinando a formal e seria decisión que tomou. ¡Tampouco é para tanto, meu, pois eu fíxeno ós 23 e pesoume non casar ós 20! En canto a María, pois iso, que as mulleres sempre son máis decididas e valentes. Falla fai.
Pero a cousa foise aledando e cuns noivos que se non o vexo non o creo. Estou a referirme ao ver bailar a Óscar. ¡Nunca o vin bailar!
Mais agora vén a anécdota que tiña gardada na manga da camisa. (Isto non o saben nin os noivos).
A cousa foi que cando o alcalde, Xosé Manuel Traba entrou no salón do acto, dou as boas tardes a todos e en especial aos noivos. Ata aí, natural. O local estaba tan ateigado de convidados (e convidadas), que case non se ollaban ós actuantes. Ata aquí tamén natural. Mais velaquí que cando o Alcalde comezou o acto, máis dunha ducia de persoas maiores, (por non dicir vellos), pois iso, que..., deron o Nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
¡Quedei abraiado e non sei que pensei naquel intre, pois eu estaba a tocar no fondo do salón e puiden ollalo todo! Maxinei nesa antiga, fermoso xesto e arraigada costume, a cal fixo que naquel intre o subconsciente dos nosos maiores así o sentisen. Non fixeron ningún dano, senón todo ó revés. De repente sentín o meu respecto por esa xente que así o sinte.
Dende ese día estou pensando: ¿por qué non facer nas igrexas ámbolos dous actos conxuntos? Para quen o desexe, por suposto. Faltaría máis.

lunes, 1 de diciembre de 2008

Máis fotos da voda











Pois como podedes ver, eu non sei ordear isto de outra maneira. Para a miña idade xa fago milagres. Asi que ide ollándoas como podades que eu o fago con todo corazón, aínda que quixera facelo mellor.
Como observades na primeira foto, velaí o tedes saíndo da súa casa de solteiro. Acabouse a boa vida e os mimos de mamá. Cando volva xa será de casado.
Na foto de abaixo, pois nada, que se lle dou aos invitados por cantar o noso Himno e todos nós en pé, xa vedes.
Logo na da esquerda, pois cortando a tarta e na da dereita coas compañeiras do Museo de Corme.
Que o disfrutedes.