domingo, 27 de mayo de 2012

XENTE ABURRIDA




Non, aínda que así a primeira vista o parece, non me estou refirindo ao clásico paliza, pesado, etc., do que hoxe vou falar é que non concibo ese tipo de xente á que non lles gustan as festas, as excursións, ir de vacacións con ou polo Inserso ou baixar o día do Carme ou de San Roque ata a Ribeira.

Mais a cousa non remata eiquí, o peor da cousa é que por riba aínda desexan que rematen as festas canto antes! Eu casemente penso que a este tipo de xente o que lles mola de verdade é escoitar a campá tocar a tanatos, ou sexa, velorios, enterros e cabos de ano. E falar sobor do finadiño, ou sexa: cantos anos tiña, de que padecía, que lle fixo Deus mil favores…

Nada, meus, que no mundo nacemos tan diferentes que a Torre de Babel comparado con isto, foi mel. Que ben rima! Xa hai que ser masoquista para preferir o sacho, a forquita, fuzar no esterco ou palparlle o cú as galiñas, antes de disfrutar destes catro días que pasan nun santiamén.

Pero non vexades como están ó día en saber novidades, ¡ai!, os reporteiros da Voz son sinxelos aficcionados ó lado desta xente: “Que o sei eu, que o piso aquel foi vendido en tanto”; “Que fulano está moi maliño, e non me digades nada que o sei de boa tinta” “Que a filla de Eustaquia está de dous meses, chega con mirarlle pra cariña de miña xoia”; “Que o fillo de Rufina e a filla de Pancracia disque se separan, según contan as malas linguas”.

Vamos, como se aínda houbera peores linguas. Pero o asunto é que o pasan bomba. E son felices así, sen máis. ¡Canto paga demais o goberno a esta terceira idade, pois, coa cuarta parte chegáballes o mesmo!

Por outra banda quedan os mariñeiros que disque xa o viron todo. E elas, as mariñeiras (algunhas, por suposto) santo do mesmo, tamén o viron todo. Como se a preta Coruña estivera igual que hai somentes media ducia de anos. Ou Valencia, Palma, Barcelona ou Sevilla, vamos que están o mesmiño que hai trinta anos!

Logo ben o de esa frase: “A min esas cousas non me gustan, ho”. Como carallo lle van a gustar as fresas con nata se aínda nunca as probaron. Como van dicir que non lles gusta Benidorm se nin en foto o coñecen. Como din que Os Satélites xa os viron unha vez. E xa está, como si…, como nada meus, isto é para morrer, pero morrer en tal escoitar. Realmente o mundo está moito máis mal do que parece.

Así as cousas, meus, eu son un parrandeiro incansable, coñezo o Noroeste do país como a palma da man, pero dame o mesmo, sairía de excursión tódolos días. E soño, soño día e noite con darlle a volta a España enteira como xa dixen noutras ocasión. De pobo en pobo e de cidade en cidade. E fartarme de ver mundo. Malia que todo, todo xa sei que me será imposíbel.

martes, 15 de mayo de 2012

O QUE NON MOLLA EN MONTE TORÁN, NON MOLLA EN TODO O VRÁN


O QUE NON MOLLA EN MONTE TORÁN, NON MOLLA EN TODO VRÁN
Hoxe foi a festividade da primeira romaxe do vrán: Nosa Señora de Monte Torán. Con esta lexendaria festa arranca según din e dixeron sempre os máis vellos da redonda a troula de festas e romarías da nosa comarca.
Mais hai un dito popular que velaí quedou para a historia, o que dá título a este artigo. Pero non se refire a beber para mollar a palleta os gaiteiros senón a iso que xa de entrada supoñeríades. Dende neno toquei nesa fermosa romaxe e dende logo nunca vin tanta “efervescencia” nin fogaxe na xuventude, pois por outra banda, “en maio aínda a vella queima o tallo” e iso é sinal de arrefriamento.
Malia que colle fama e bótate a durmir, cando o río soa por algo é, a saber se antaño os mozos non se facían de rogar como agora que, se as mulleres non toman a iniciativa o mundo acábase por falla de criaturas. Xa Deus goberna e como dicía un vello cando lle nacío o seu primeiro netiño: “A trascendencia queda seghurada”, mentras limpaba o beizo despois de escanciar unhas ghindandas de tinto e caña de herbas.
Pero outro dos refráns -porque a vida dademún é máis ca refráns- que mantén o fervor da Santiña é este: “A Monte Torán, tódolos tolos van”. E quén vos dí que as cabezas tolas e quentes non facían honra á primeira frase!
Empero todo isto e cos anos que levo neste oficio de troula e sendo un bo observador da vida, eu penso que a romaxe máis “mollada”, en tódolos sentidos é a de San Fins do Castro. Alí xa vin máis de catro pitanzas, de outro xeito nesa data estamos en plena canícula e tamén é cando máis lumes hai que “apagar”.
 Recordo unha noite nesta romaxe do San Fins: Dous pais estaban ó axexo das parellas que baixaban do “aquel de aquelare” ou de falar as súas cousas -nunca debemos ser tan ben pensados- cando ás sombras do clásico petromás que alumeaba todo Castro, víu como unha das parellas que baixaban do monte era unha das súas fillas. Tusío e carraspeou mentras collía camiño para a casa. A filla non, o pai.
E hoxe pola tarde ollei como os labradores comezan coa milleira e coas fabas. De sotaque veume á cabeza aquela outra frase no tempo da Barquiña da Ponte: Ir ás fabas. ¡Manda carallo, meus, mesmamente parece que tódolos santos son abogosos coa cousa! E iso que non falei do San Bernardo, do Carme do Briño, da nosa Santiña do Faro ou de San Ramón do Esto sen deixar de lago á Santa Margarida de Baneira.
E así están as capelas cos tellados remexidos de tanto darlle a volta á tella para que non “haxa unha avería”, din as rapazas. E despois levan a culpa os pobres cregos que teñen as capelas sen retellar! O de pobres é un dicir.
Así que nada, meus, despois das romaxes e de os rapaces chorar coma mulleres o que fixeron coma homes, vemos as fontes das Santas ateigadas de panos lavadiños enxugando os pecados do que foi sen querer querendo. Nada, que as romaxes ò final non son máis ca un chanto de bágoas, porque…,  unha mala/boa noite a ten calquera.

miércoles, 2 de mayo de 2012

VIVINDO A TERCEIRA IDADE


Nada, amigos, que levo 15 días cunhas gañas tremendas de escribir, pero non atopo motivo. Como sabedes, práceme escribir de Corme, agáx que somos un pobo tan tranquilo que nin novidades hai. Así as cousas, pois, hoxe vou facer de Josemí, xa sabedes, ese que escribe sobor da Jett-Set; el lunes cené con la marquesa de Montrijo; el martes desayuno con los condes del Condado, etc.
Así que como dixen arriba e en vista da falla de novas, pois, copiando que é xerundio, aínda que eu non ceo con marqueses nin xanto con condesas. O pasado sábado excursión de carrocería destino A Fortaleza en Valensa do Miño, había pasado polo centro de Valensa, pero de traballo, e nunca subira a esa xoia que tanto me gustou.
Cada vez que visito unha destas obras en pedra, non podo evitar o pensar como e de que maneira traballaron tanta pedra sen recursos de ningún tipo. E ata me parece crer que os pobres canteiros tiveron que facelo a base de lostregazos e sen cobrar xornal. Aquí si me lembro dos siñores marqueses-terratenientes e da nai que os paríu a todos. E ata rezo por eles, pero pensando que gocen das marabillas do inferno se é que o hai. En certo modo ata desexo que haxa Ceo e máis inferno.
Como diría o Josemi: xantamos no hotel Glasgow e pola tarde visitamos en Baiona o monumento á Virxe da Rocha e  outra fortaleza: a de Monterrei. Tres kilómetros de murallón que nos levou unha hora. E aquí si quedei abraiado en comparación ao de pola mañá. E pensei na miseria da vida destas pobres xentes traballando gratis para o señor feudal do Val Miñor.
Pero non quero matizar máis nestas calamidades que xa todos coñecedes. Pola noite cea con baile e ao día seguinte, domingo, saímos deica A Garda para subir a Santa Tecla. Foi unha das cousas máis fermosas que tampouco visitara aínda que xa toquei varias veces na Garda. Logo pola tarde, e de camiño de volta, parada en Vigo para ver a saída dun trasatlántico, algo emocionante o ver como se vai separando do peirao sen axuda de remolcadores.
E aló na baixa tardiña, a clásica parada en Padrón para probar o seu pulpo e calamares, non podía ser menos. Pero nada, meus, que isto non me chegou a un rincho, dito sexa en termos cormeláns. Agora estoulle collendo o gusterilín a isto da xubilacíon e “tou desenfrenado” por viaxar. Foime duro os dous primeiros meses, pero agora síntome ceibo de estar suxeto a días e horarios de dar clases. Isto é vida, amigos, e aquilo que vos comentei da caravana xa está a punto, en certo xeito síntome moinante despois de durmir e convivir tantos anos no furgón e convindo con moinantes, realmente vai ser emocionante o de facer caravaning.
En conclusión, que non quero traballar máis, somentes a banda ata que Diolo queira, pois iso faime falla mentres viva para sentirme realizado musicalmente falando.