lunes, 28 de junio de 2010

A SERRA NA LEMBRANZA




Velaquí esta foto para o recordo dunha época de Corme no século pasado. Unha lembranza máis para amosar a os nosos descendentes o día de mañá, ou ben neste intre, pois este retrato ten xa uns 20 anos.
A Serra, como así era coñecida na nosa vila, foi outra das boas industrias que mantivo, conxuntamente co muíño, uns seis postos de traballo directos, máis logo moitos indirectos. Aínda que quizais pareza pouco, xa quixeramos contar a día de hoxe cunhas cuantas industrias así.
Este senlleiro aserradeiro que coñecimos na segunda metade do século XX, tiña o seu particular peirao de atraque para unha gabarra que pasaba a madeira aos nosos inesquencidos moto/veleiros. Estaba este -e aínda se mantén en pé algúns dos seus alicerces- no camiño/pasexo que vai á praia do Osmo. Se mal non sei, coido que se coñece esa zona coma O Pescante, se me equivoco corrixídeme.
A casca dos pinos da Serra, era unha das fontes de abastecemento para as modernas cociñas bilbaínas dos anos cincuenta. Pero chegaba a pouco. Así, as pelexas pola casca eran case o mesmo ca na Fonte do Campo pola auga. Un pino para ti, e outro para min. Mulleres e rapaces á cola. E case debaixo do machado do obreiro que estonaba. Logo, a poñelas a enxugar ao sol nun dos moitos petonciños rupestres que había na tamén coñecida como A Chousa. Uns día adiante, coa carretilla de roda de pau baixabamos Vila García cunha saca cosida a “tente boi”. Cando as cobraban, eran dúas pesetas como moito, pois case sempre as doaban.
Pero o bon da casca -para nós os rapaces- era o estoupido que pegaban na cociña. Aquilo poñía os pelos de punta con tanta explosión! Isto sucedía no verán polo sequiñas que estaban, pois no inverno, a fumarea estaba asegurada na cociña por non estar ben enxoitas.
Con respecto á mecánica da fábrica, sempre foi movida por corrente eléctrica trifásica. Asemade o muiño contigo, diferenzábase de unha acea onde a quenlla é movida por auga como era o Muíño do Medio. Recordo que sempre cobraban en pesetas e nunca en maquía, logo, aínda teño no maxin como vaciaban o grao na moxega, o tarabelo sacudíao, e de cotío xa saía moído polo ollo caendo no caixón. Ai, aquel recendo ulideiro da fariña recén moída era axiña enchida nas bolsas de lenzo azul das nosas nais! E á noite había tortas. Con talladas de touciño e mel, se cadra!
Na recolleita feita para o meu libro, tiven a sorte de saber que tiveramos outro aserradeiro en Corme anterior a este. Estaba moi pretiño do que estamos a falar, pois, a súa ubicación era na casa do Río de Riba fronte ao mesmo lavadeiro. Cóntame o meu amigo, o centenario Alexos da Pesqueira de Ponteceso que, estoutro tiña chimenea o mesmo ca os pontecesáns, co cal funcionaba por caldeira a vapor. Malia que esa chimenea non lembramos habela coñecido! Debeu desaparecer polos anos corenta.
Porén, meus, e como dí o vello refrán: “Na vida nada se acaba, todo se transforma”. Síntome polo mesmo, ledo de haber vivido para ver en qué se transformou a nosa Serra, A Chousa. Por outra banda a industria madeireira tocou teito. A nova tecnoloxía para encofrado de obras, todo metálico, fixo que foran pechando un tras outro tódolos aserradeiros que se adicaban a este tipo mercantil, moito antes da crise do devandito ladrillo.