sábado, 31 de enero de 2009

OS MARAVILLAS DE CORME- CALIXTO E RAMONA.






-------------------------------------------------------------------------------------------------
O prometido é deuda. Se hai uns días falaba da orquestra Lira de Plata, hoxe tócalle ós da casa. Porque foron da casa. De Corme. O mellor grupo enxebre que tivo Bergantiños durante esa etapa dos Maravillas. ¡Quizais as novas xeracións non teñen a ben saber que este grupo enxebre levou o noso nome por toda a bisbarra bergantiñán e a Costa da Morte! Pois a iso vou, a rexurdir a historia de noso. Porque é unha lenda de ben da cal podemos sentirnos embelexados. Corme non só dou mariños ilustres, senón que tamén foi berce e patria bergatiñán musical en tódalas facetas.
Como podedes ollar, neste grupo aparece unha dona. Unha muller a cal foi a primeira da nosa comarca en saír cunha formación musical, cando naquel tempo iso era un prexuizo para aquelas mentalidades, malia que tampouco podemos xulgar dados os criterios á sazón. Pois si, meus, ela era Ramona Pensado Lista, a dona de Calixto Moreira Parga. Nato de Tella, casara en Corme de onde ela era natural. Calixto tivo outro irmán no noso pobo, Ramiro, que ó quedar viúvo casou coa cormeá: Lucrecia da Cóncela. Estes últimos, vivían na Paxariña.
Os dous irmáns eran serradores de madeira. ¡Aínda os lembro diante da casa de tío Caola, fendendo un pino longo para a quilla dunha tarrafa de tío Ezequiel! Un serraba sobre do pino e o outro tiraba dende abaixo, e así íanse turnando. Foi este outro dos fenómenos que atopei no ámbito musical, como era o de, con aquelas mans irtas de calos fosen capaces de facer repicar os instrumentos. Máis a marxe disto, Calixto era un meirande artesán de gaitas. As súas foron sen dúbidas as que mellor soaban de cantas se coñeceron na redonda.
Calixto foi home sonado en Corme. Ó estalar a triste guerra civil, el xa estaba casado e tramou de esconderse antes ca ir ó fronte. E así foi, desapareceu da noite para a mañá. Mais todo o pobo sabía que estaba escondido. E na propia casa. Ramona comezou a vender zapatillas de esparto dicindo que as facía ela.
Cada semana, a Garda Civil rexistraba o seu fogar. Pero velaí que souberon facer vista gorda, pois, Calixto vivía pegado ó Cuartel naquela casiña vella en fronte a onde está hoxe a farmacia. Cando petaban á porta, escondíase tras dela nunha fornela da parede a cal ó abrir o poxigo xa facía de tapadeira. Tres anos adiante, cando a continda cesou, el saíu a vida, pero estaba pálido o mesmo ca branca cera. Foi nesta nova etapa da súa vida cando para sacar as súas tres filliñas adiante, Ramona pillou o bombo, co cal eran dous quiñóns que entraban no fogar.
Poderíavos estar a falar deles a noite enteira. Só me quedou o mellor recordo: Que eran un matrimonio humilde, honrado e cursidoso coma o máis rico. Aínda lembro os pulpos que el collía no Pescante a véspera dunha festa que case sempre compartíamos, para convidarnos ó día seguinte. Viaxaban no "noso" camión a miúdo cando alternabamos xuntos, aínda que nos seus comezos tivera un faquiño alcumado Perico para os desplazamentos.
Ramona finou no 1961 na súa casa onde vivían dende que eu os recordo, a terceira da rúa: Río de Arriba, ou sexa, fronte ó Chalet. Calixto morrería nun hospital de Santiago o 13 de abril de 1974. Está enterrado en Carballo onde reside a súa filla máis nova: Isabel.
E remato sinalando as fotos: A primeira pola esquerda é nos caneiros en Carballo, no Bosque de D. Añón. Con eles están meu pai Basilio e José de Toural, da nosa banda. En canto á segunda, foi tomada na estrada principal de Vimianzo nos anos cincuenta. Coa caixa-tambor:Gabriel do Zoqueiro de Anllóns e, no outro lado coa gaita: Manolo de Neaño, fillo da poetisa María Baña. Era tío de Manolo, o noso Patrón Maior.
Calixto deixou para a posterioridade aquela famosa frase: "Ninguén se cansa da gaita máis ca o que a toca". Isto era por mor do día das Quintas. Os mozos contratábano todo o día ata "altas horas de la madrugada", como adoitaban poñer os carteis das festas da época.
In Memorian, matrimonio amigo.
------------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Datos e fotos do meu libro: A Música en Corme, onde está reflectida a historia, pero moito máis extendida.

martes, 27 de enero de 2009

NOVA VIDA- Orquestra de Teixeiro-Cárcel








Acabo de chegar de velos e escoitalos por primeira vez.
Arestora xa están na súa celda: En Teixeiro. Incrible se me fai o pensalo logo de estar con eles toda a tarde. E se non o sei nin me decato. Para min un grupo máis de tantos que compartin escenario na miña vida musical. Estaban ledos e felices aínda sabendo que só era un día, un serán. Entregados e sorrintes como se nada pasara. Quixeran moitas orquestras estar tan ledas no palco coma esta: Nova Vida.
Mais a tristura, aínda coa serenidade que o dixeron, foi antes do comezo co auditorio de Cabana ateigado de rapaces/as púberes. ¡Cantas preguntas e un tanto comprometidas! Pero non, non deixaron ningunha sen resposta, ó contrario, convidaban ós alumnos do colexio a facerlle máis e máis. E así foron lembrando cada un a súa cambadela pola que están tralos barrotes de Teixeiro. Case todos polo mesmo mal da nova sociedade. Non fai falla dicilo. E cun sorriso natural asumindo a súa culpabilidade, mais iso si, as súas respostas fixéronnos tremer a todo local: "No sigais nuestro camino ni por todo el oro del mundo", dicían no seu castelán con acento latino/americano sentados na beira do escenario.
Logo subiron. E comezaron cun repertorio totalmente pensado para o público que actuaban:Rock. Algo que a min nonme vai. Pero iso si, foi a única vez na vida que escoitei a un destes grupos en toda súa actuación. Ata sentín gañas de acompasar coas palmas os seus ritmos. Ollándoos, dous funcionarios e o seu cura do cárcere todos sorrintes. Un dos gardas tamén actúa con eles: Guitarra e teclados.
Viñeron pola mañá e xantaron co Alcalde de Cabana e as directivas de Cáritas de Cesullas. Ó remate, de novo unha merenda cea e..., pois iso. Arestora estarán soñando coa grandeza que significa esa liberdade da que nos falaron. Foron felices por un día. Mañá ó albor ergueránse cunha nova ilusión pola vida. E eu soñarei con eles, sobre todo con un que xa coñecía tocando polos turreiros galegos. Tamén el tropezou nesa utópica pedra, cal encrucillada entre lamacentos camiños da nova vida moderna.
Que os seus consellos sirvan ós escolares barbilampiños para non tropezar nesa maldita pedra. A orquestra Nova Vida, está a loitar por voltar a unha vida nova. O mellor do seu mellor concerto: A charla.



jueves, 22 de enero de 2009

Oquestra Lira de Plata-Añoranzas.

















------------------------------------------------------------------
Hoxe con este tempo de inverno, déixome voar na noite do tempo e lembrar á primeira orquestra que tocou no salón Miramar. Perdón, mellor dito a que relevou ó sexteto do que eu formaba parte: Primo, Anselmo, Agrelos, Angelito, meu pai Basilio e eu. Antes xa tocaran outras, pero non de plantilla fixa ata que nós cesamos.
Pois velaí os tedes, aínda que as fotos me sairon ó revés. A primeira formación foi a da dereita e logo na da esquerda xa vemos a Papiri, o da branca guitarra, aínda que nesta foto parece ter outra. Está tamén Suso Couto que comezaba co acordeón, aínda que xa debutara connosco.
"Cae la nieve", dicía, aquela canción de Adamo na voz de Papiri. ¡Cantos recordos e lembranzas!
Parece que o tempo invernal fai a ser a un máis pensativo. ¡Que logo pasa o tempo!
Ó través do meu libro: A música en Corme, fun facendo unha recolleita para o futuro das nosas dúas parroquias e da nosa bisbarra. Nel están por suposto estas fotos máis outras da orquestra Venus á cal adicarei tamén unha páxina calquer día. Sen dúbidas ela foi a primeira da comarca bergantiñán.
Se vos recordo que cando eu formaba parte do sexteto Miramar, tocabamos ata 15 días en decembro, é posible que vos faga abrir os ollos abraiados. Pois si meus: cinco domingos, día das quintas, a Inmaculada, barcos de arribada, fin de ano, San Estevo, Noiteboa e Navidad, etc., e que sei eu... Mais iso si, non vos minto porque aínda creo que foron 16 días un ano. Logo xa seguíamos co ano novo, Reises, e veña máis arribadas que, polo feito de ser gratis, as mozas enchían o local e tras delas..., quen irían detrás delas?
E remato coa lembranza do día de Noiteboa: ás once e media había que parar o baile para ir á Misa do Galo, senón Don Manuel Romero cantaba a cartilla. Ó acabar, sobre da unha, veña de novo ó baile.
Disfrutade destas lembranzas os que sexades da miña xeración. Os demais, pensade que foron vosos pais quen se namoraron ó son destes músicos, entreles eu. Logo foi a miña quenda ó son da Lira de Plata: "Cae la nieve dicía / aquela canción de amor / amor que eu declaraba/ a unha bela rapaza /mentras Papiri cantaba / coa súa branca guitarra...
Textos de poemas do meu libro.
Ata mañá se veño a tempo, pois teño escola de galego ata ás dez. Xa que non a tiven antes, pois nunca é tarde.

miércoles, 21 de enero de 2009

CORME Ó DÍA










------------------------------------------------------------------------------------------------
Un día máis convosco para ofrecervos unhas paisaxes do noso pobo, tanto de onte coma de hoxe. Como vedes, a pesar do mal tempo en toda Galicia no noso peirao non houbo meirande perigo. Quizais porque os ventos, ou as correntes xiraban noutro routeiro. (Tedes que perdoar que, eu do tempo só sei cando chove e grazas. Ou sexa mariñeiro de terra e de secano) . Mais mirade vós por onde eu quería ir onte ás barbadas despois de 42 sen ir a elas. ¡Tamén para un día que ouso ir á costa, xa vedes! Dende logo outros 42 non volverei a esperar.
E nada, dicirvos que estamos de arrivada na Torriña e, na casa a base de caldiño con verzas da Riloa, patacas do Barreiro, fabas da Talaia e todo da nosa terra, como ten que ser.
Antes que me esqueza, non tivemos ningún día sen luz, mellor dito ningunha noite o cal xa é de tocar madeira. Tamén que están poñendo o gas a toda mecha, para porlle lume non, para adiantar o atrasado. Que caiu un poste eólico en Roncudo por mor dun mal raio que o partío. Da crise acó nin nos enteramos e da neve menos aínda co cal queda reflectido que Corme non ten ningún problema nin nada porque protestar. ¡Ai si, o andamio, xa vai facer un ano, mais por falla de padriño está sen bautizar aínda! ¡Pobriño, e con este frio! E sorte del estar na nosa vila que se lle toca en Pedrafita, íase lembrar da nai que o pariu. Perdón, da muller que nolo regalou para que lle votemos nas vindeiras. ¡Ai non!
P.D. Que me esquecía: Xa sabedes que van poñer un eólico máis nas Salgueiras para que faga xogo co outro, así poderán ollarse de fronte e haber quen dá máis viravoltas por minuto. Apertas.

P.D. Non é por nada, pero algún comentario máis agradécese. Saben a pouco os que hai, cando segundo o control do Blog, dá unha media de 35 entradas diarias. Veña, que os podedes poñer con nome ficticio que nin eu podo saber que é o escribinte.

lunes, 19 de enero de 2009

A NOSA ESCOLA. A DE D.MODESTO



¡Canto tempo pasou, ou nós pasamos polo tempo! Hoxe quixen sacar á luz da lembranza esta foto do 26 de novembro de 1953. Tiña eu 9 anos. Os demais case o mesmo. ¡E cantos faltan xa! Diso dou fé, cando percorrín o noso cemiterio para datas do meu libro no que está a foto que vedes. E doume volta o estómago cando, ollando un nicho tras outro, fun decatándome da cantidade destes e outros compañeiros que xa non están. (Grazas a miña nai por ter a foto datada).
E velaí estabamos onde agora é a farmacia. Na mesma entrada da nosa botica. E don Modesto Malpica Blanco, o noso mestre. ¡Que mozo era aínda, e naquel tempo viamolo vello! Coma tódolos rapaces aos maiores.
Aí estabamos comezando pola fila traseira: Antonio de Anuncia, Suso de Pillo, Paco de Gorgina+, D.Modesto +, José Santos +, Manolo da Churrera, Manolo Saleta. Diante del: Eliseo do Río de Riba, Manolo de Repenico, Suso de Erundina, Manolo da Parraguesa, Suso de Cajarillo+, Sebito da Churrera e Andrés Seara.
Fila de adiante:Eu, Suso de Basilio, Toñito R.Casal (Antón, catedrático en Santiago), José de Senanda, Manolo do Carral +, os irmáns Santiago e Manolo de Villagarcía máis meu curmán José da Bernalda.
Cantas lembranzas daquelas: Cién Figuras Españolas, un pizarra rota, un anaquiño dun pizarrilo, unha libretiña para todo ano, o tinteiro... E logo, unha enciclopedia editada no III Ano da Victoria por Edelvives de Zaragoza. Aínda a teño gardada. Na mesma carteira que meu tío Torradón me trouxera da casa de consignatarios Manero de Bilbao. ¡E nela está todo isto que vos acabo de nomear! O mesmo ca o derradeiro día que ós trece anos deixei a escola. Aínda recende ó mesmo. A unha infancia que non voltará.
Lembrades que iamos mexar onde está agora Caixa Galicia, era o retrete que había naquel rego dos idoiros. Logo no lecer, baixabamos á Arnela segundo estivera o tempo. No inverno detrás da casa de tía Daría do Correo. E veña a pedradas mentras D.Modesto estaba a fala con algún dos once gardas civís que naquel entón había en Corme.
Malia que nos poñía de xeonllos ou unhas lostregadas namais entrar. E non diras pío na casa, levabas outras. A veces penso que aínda foi mellor aquilo. Unha bofetada a tempo fai a un púbere/imberbe home. ¡E agora non poden liscarlle os mestres! Xóganse o seu emprego. ¿Que facer entón ante isto?. Pasar.
¿Quen serán os perxudicados?
Sen dúbidas, aquela vella frase: "Calqueira tempo pasado foi mellor", coido que é a máis acertada para os tempos que corren. ¿A onde irán estes novos malcriados co futuro vindeiro? Diciamos daquela: "Ás canas ó Osmo". Mais alí non terán xa liña directa co teléfono do menor.

sábado, 17 de enero de 2009

CORMELANISMO ESQUECIDO



Cando hai agora 32 anos tomei a presidencia da AA.VV., aínda non tiña nome. Un ano adiante chegou o momento de legalizala e para iso poñerlle un nome concreto. Non servía, dicían, poñer o nome de AA.VV. de Corme, podían crearse outras na mesma vila. Ata aquí todo normal.

Mais velaí a cuestión do debate da que alí se armou. Eu propuxen a este home que tedes na foto, non fai falla presentación. Pero non, seica fora fillo de ricos e un facha de cuidado á hora dos seus descubrimentos. Unha vez máis, imperou a forza dos estudantes que para iso son xente moi lida ¡E unha vez máis amosouse o anticormelanismo! Si meus, os cormeláns somos o meirande inimigo de Corme. A vida foi ensinándomo segundo fun pasándo por ela.

E así saiu elexido o nome de Eduardo Pondal. El non era fillo de ricos nin nada diso. Suou a camiseta para gañar o caldo diario. Tampouco foi facha nin nada, non tiña porque ser, era o señorito da casa grande e punto. Somentes viña pasar os veráns á beira do Anllóns e logo espallarse pola agra de Cospindo facendo poesía en canta encrucillada hai.

Matizando: Recoñezo a obra de Pondal, faltaría máis. Respéctoa, faltaría maís. Pero cando naquel intre se entrou en valoracións como antes citei, maxino que o noso home polo menos arriscou a súa vida e mollouse no mar, e nunca mellor dito. E levou o nome de Corme aló onde foi. Malia, aí quedou o noso pobo, unha vila sobrada de personaxes a quen facer lembranza como foron ou son:Mourelle, Mosqueira, Saleta, Pailos e un, etc. que agora non me veñen á memoria. Ningún deles serviu para nomear a nosa asociación.

E así nos luce o cabelo, sempre enxalzando aos de fóra e ós nosos buscándolle trabas. Anos adiante, tamén á banda que agora eu dirixo se nomea como: E.Pondal por parte de quen a levou de Corme. Pero eles, os de fóra si saben valorar ós seus. Non tiveron en conta, cando menos, porlle un nome cormelán en loor á capital Bergantiñán de bandas de música en todo século XX como foi Corme Aldea. ¡E parece o meu fado! Non quería unha e levei dúas.

Pois así meus, xa vedes que somos nós quen non queremos lembrar aos nosos fillos ilustres. Para máis, aínda os deixamos en menosprecio falando deles. Se é que nalgún tempo houbo cormelanismo, dende que eu nacín foise perdendo. A día de hoxe xa non hai ningún. De vergoña que todos estes nosos fillos ilustres non teñan un monumento na vila que viron a primeira luz.

E remato engadindo a frase dunha persoa de fóra socialmente coñecedora, ante as miñas queixas do morrer da nosa vila: "Suso, son os cormeláns quen rexeitan ó voso propio pobo, naide, ninguén bos ten culpa". Baixei a caluga. Había atinado no que eu xa matinaba hai anos.

P.D. Non teño nada en contra de Pondal, somentes estou reflectindo o noso anticormelanismo.

viernes, 9 de enero de 2009

CORME HOXE 9-1-09










Así estaba o noso Corme hoxe ás tres da tarde ¡A verdade, que uns levan a fama e outros cardan a lana! Quen falou de neve, temporal, estradas cortadas e outras con cadeas? ¿Dixo alguén de ir a Canarias, Benidorm ou Sanxenxo? Pois xa vedes meus, hoxe ata na Coruña hai neve á hora de escribir isto e foi imposible circular pola Autoestrada á primeira hora da mañá.( Normal). E frío, por suposto. Logo marchan dicindo que na cidade hai máis caloriña. ¡E nós a vinte grados á sombra!
Pero do noso problema decateime hoxe na Ermida ollando as dunas valeiras que mesmo daba gaña de botar unha cabezada co soliño. ¿Que faltará aquí para encher isto?,pensei. ¡Unhas suecas rubias! Iso é o que falta na nosa vila para encher as nosas praias con este verán de envexa. Sen máis pensalo, mañá falo co Canciller de Información e Turismo sueco, e plantéolle a oferta aproveitando a crise. Non podemos perder este clima. Cunha ducia delas de bo ver, isto estaría a rebosar con estes días de sol. Porén, se fai falla vou eu deica aló para escollelas (?). A Suecia, claro, non vaian meternos gato por lebre. (Agora con tanto maquilaxe xa non sabes o que hai debaixo).
Sexa como for, estas fotos están adicadas a tódolos cormeláns espallados mundo adiante, que neste intre están estarrecidos de frio e neve. ¡Xa vedes meus, que nonme esquezo de vós! Non quixen perder estas imaxes (fresquiñas coma o peixe do día ) e aló pillei a miña cámara da que non teño nin idea. Mais non quixen que perdérades este mencer primaveiral do voso Corme querido. Apertas dende a Fonte do Campo.
-----------------------------------------------------------------------------------
P.D. Que me esquecía. Non sei que idioma falan as suecas de Suecia, se algún de vós sabedes algo, non deixedes de ensinarmo mesmo acó debaixo: en Comentarios.

lunes, 5 de enero de 2009

OS NENOS DO MUNDO

Dende pola mañá que ollei a foto dos dous nenos mortiños na triste guerra en Gaza, non son capaz de entender o porqué Deus nos fixo así. Somos quizais a raza máis animal de cantas Deus, repito, creou neste mundo chamado Terra. Ou terra chamada Mundo.

Ós que nós lles chamamos animais, só matan para comer. Unha vez a barriga chea non queren máis. Acougan o seu letargo de longa sesta. Nós, os que nos chamamos seres humáns, os intelectos, os estudados, matamos sen ton nin son. Matamos o mesmo cas alimañas coma o lobo, rara "avis especia" que mata por matar. O mesmo ca os homes. Quizais somos nós coma os lobos.

Hoxe era o día de Reiceiros para: "Os nenos do Mundo", esa cantiga do meu amigo D.Xosé Neira Vilas que eu musicalicei. Mais non fixemos nada, Pepe, a túa cantiga non a entenden os homes. Os homes que mandan na Terra. Nin no Modo Menor musical para que lles afondase no corazón. ¿Corazón? Non, non teñen. Nin teñen iso nin saben o que é a celme.

Logo unha nova de última hora subliña a dor da familia Bush chorando polo seu canciño. ¡E a foto ó lado dos dous nenos mortos! Nunca un se deitará sen saber unha cousa máis: Os Bush tamén sabían chorar. ¡E a humanidade pensando que nunca choraran! Á mesma hora que os nenos están a recibir os agasallos dos Reiceiros ¡Menos os nenos pobres! ¡Menos os nenos mortos! E o xefe do Mundo chorando coa súa familia polo seu canciño!
Dende fai tempo sinto vergoña de chamarme ser humán. Non entendo a vida. Non entendo a guerra. Non entendo a fame no Mundo habendo cheúra abonda se a soubéramos repartir. Non entendo como se poden matar os teus: "Os nenos do Mundo", Xosé Neira Vilas.
Pero xa ves, Neira, que o Bush tamén sabe chorar.¿Polos nenos? Non Pepe, polo seu canciño. Choremos nós, enchamos o teu Río Ulla de Bágoas neste triste día de Reiceiros.

jueves, 1 de enero de 2009

FELIZ ANINOVO 2009



Así, con esta foto do novo Campo da Estrela, quero dárvola benvida a este ano que comezou, cando menos cun tempo que daba envexa non saír do Campo ata o día. ¡E así foi!
A verdade, o que máis me prace desta festa de Ano Vello/Novo, é o feito de ver a tódolos mozos do pobo con traxe negro e gravata. Isto lémbrame a miña mocidade cando iamos ó baile de Borrachón.
Pero o mellor de todo nunha noite como esta, é o feito de ver como son conscentes de non arriscarse a coller o coche, co cal ó mesmo tempo fan un ambente en Corme que eu desexaba cada semana. O conto (sen que se enteren as nais) é que á hora da misa aínda non foran á cama, pero elas tranquilas ó saber que estaban pretos da Fonte do Campo.
Malia que non sabedes a última:que hoxe ás catro da mañá, paroume Tráfico en Cabana para que soplase: "Mire usté, non gaste a boquilla que é unha pérdeda para o Estado", díxenlle. Pois nada meus, que me fixo soplar ¡Tres veces ademais! "Logo, dou moitos grados?", preguntei xa tremendo, coño. "Non ho, está a cero, o que pasa é que ata ás sete de mañá temos que perdelo tempo o mesmo. Teña boa viaxe", díxome o garda. Respirei fondo. Mais iso sí, regaloume a boquilla de recordo ¡Foi o primeiro agasallo de aninovo! ¡Antes de Reiceiros, pa que teñades envexa!
A verdade que o engañei. Bebera un groio(centimetro) de viño do vaso da miña muller e logo outro de champán. ¡E dous litros de auga, meus! ¡O día de fin de ano!
Sempre me pasa o mesmo. "Veña, ti como non bebes, conduces".
E "tou" moi triste. Toda unha vida pasada por auga. ¡E gústame o viño coma ós da Paxariña, do Gafote, da Riloa, do Recoste ou da Arnela! Pero é ela. A digraciada esa que tanto me quere e non me deixa. Xa vos falei dela o outro día. ¡Pola súa culpa sempre con auga!
Sexa como for e grazas a miña querida,(todo ten as súas vantaxes) esta noite o Garda tocouse o..., o que tiña que tocarlle: Estar de garda toda a Noite Vella. Por facerme soplar a min. A Suso de Basilio. ¡A quen se lle ocurre!
Feliz ano, meus. Muá, muá, múa...