lunes, 19 de enero de 2009

A NOSA ESCOLA. A DE D.MODESTO



¡Canto tempo pasou, ou nós pasamos polo tempo! Hoxe quixen sacar á luz da lembranza esta foto do 26 de novembro de 1953. Tiña eu 9 anos. Os demais case o mesmo. ¡E cantos faltan xa! Diso dou fé, cando percorrín o noso cemiterio para datas do meu libro no que está a foto que vedes. E doume volta o estómago cando, ollando un nicho tras outro, fun decatándome da cantidade destes e outros compañeiros que xa non están. (Grazas a miña nai por ter a foto datada).
E velaí estabamos onde agora é a farmacia. Na mesma entrada da nosa botica. E don Modesto Malpica Blanco, o noso mestre. ¡Que mozo era aínda, e naquel tempo viamolo vello! Coma tódolos rapaces aos maiores.
Aí estabamos comezando pola fila traseira: Antonio de Anuncia, Suso de Pillo, Paco de Gorgina+, D.Modesto +, José Santos +, Manolo da Churrera, Manolo Saleta. Diante del: Eliseo do Río de Riba, Manolo de Repenico, Suso de Erundina, Manolo da Parraguesa, Suso de Cajarillo+, Sebito da Churrera e Andrés Seara.
Fila de adiante:Eu, Suso de Basilio, Toñito R.Casal (Antón, catedrático en Santiago), José de Senanda, Manolo do Carral +, os irmáns Santiago e Manolo de Villagarcía máis meu curmán José da Bernalda.
Cantas lembranzas daquelas: Cién Figuras Españolas, un pizarra rota, un anaquiño dun pizarrilo, unha libretiña para todo ano, o tinteiro... E logo, unha enciclopedia editada no III Ano da Victoria por Edelvives de Zaragoza. Aínda a teño gardada. Na mesma carteira que meu tío Torradón me trouxera da casa de consignatarios Manero de Bilbao. ¡E nela está todo isto que vos acabo de nomear! O mesmo ca o derradeiro día que ós trece anos deixei a escola. Aínda recende ó mesmo. A unha infancia que non voltará.
Lembrades que iamos mexar onde está agora Caixa Galicia, era o retrete que había naquel rego dos idoiros. Logo no lecer, baixabamos á Arnela segundo estivera o tempo. No inverno detrás da casa de tía Daría do Correo. E veña a pedradas mentras D.Modesto estaba a fala con algún dos once gardas civís que naquel entón había en Corme.
Malia que nos poñía de xeonllos ou unhas lostregadas namais entrar. E non diras pío na casa, levabas outras. A veces penso que aínda foi mellor aquilo. Unha bofetada a tempo fai a un púbere/imberbe home. ¡E agora non poden liscarlle os mestres! Xóganse o seu emprego. ¿Que facer entón ante isto?. Pasar.
¿Quen serán os perxudicados?
Sen dúbidas, aquela vella frase: "Calqueira tempo pasado foi mellor", coido que é a máis acertada para os tempos que corren. ¿A onde irán estes novos malcriados co futuro vindeiro? Diciamos daquela: "Ás canas ó Osmo". Mais alí non terán xa liña directa co teléfono do menor.

No hay comentarios: