sábado, 20 de julio de 2013

CORME SIN GANAS DE FESTA




Realmente temos menos gañas de festa que eu de caer do peirao na fría auga de nordeste. Ver os programas que nos ofrecen esta comisión de xente nova e con carpa incluída para que non nos arrefriemos, e ver a Ribeira valeira, dan gañas de tirar a toalla e…, a outra cousa, mariposa.

Corme, unha vila de xubilados realmente mozos e que non teñan zolás de baixar á verbena é inconcebible. Senón é bailar cando menos escoitar as orquestras. Ou facer bulto, siquera por mor dos moitos visitantes que nos honran coa súa presencia e poñen un pouco de esencia á cousa.

Porque aquilo de que na comarca ninguén quere ao pobo de Corme, é un vello tópico sin sentido e pasado á historia. Somentes estar na verbena e ollar quén está nela, decátase calquera que a maioría son da bisbarra. E acuden unha festa máis outra. Están en todas. ¡E nós os cormeláns na cama ou vendo a puta televisión que malditún cando ó mundo veu!

Logo queda outra que palpo no meu oficio de músico: cando toco en Corme e entramos facendo o pasarrúas, a xente en vez de saír á rúa e sorrir de ledicia, escóndese detrás das contras ou pecha a porta. Naturalmente que hai escepcións, alabado sexa o Señor. Ou tamén pode ser que non me queren ver a min, pois, como dí o refrán: ninguén é profeta na súa terra.

Pero o que máis me enche de raxeira é que días despois aínda teñen a faciana de vir protestarme porque a banda non “pasou tocando pola súa porta”. Haberá que cambear o itinerario, pois, ó mellor estes que protestan son os que sairían ofrecernos un sorriso, vaite ti a saber.

A verdade é que somos un pobo vello, por moito que nos faga mágoa recoñecelo. Cando a xente aínda relativamente moza non ten gañas de festa e vai consumindo a súa vida na espera do toque á morto, mala cousa.

Din algúns deles que xa o viron todo, que están de volta de todo. E eu digo: menos de ir ós calamares, xogar a partida o ronda de chiquitos vai e ronda ven. Logo engado: que si, que isto tamén está moi requetebén, pero non o xustifica todo.

Así que meus, si realmente non temos máis gañas de festa, é mellor borralas do almanaque e que a tradición morra dunha vez por todas. Iso, mellor ca non baixar –repito- ata a Ribeira e dar un pouco de calor e color á festa. Siquera –repito tamén- por respecto aos visitantes que nos honran coa súa presencia, pois, eles tamén teñen televexo na casa e nembargantes perfilanse e collen o coche para honrarnos coa súa presencia.

E rematando xa, digo eu por dicilo todo: si aínda fixéramos algo na cama que valera a pena, pois, aínda tiña un medio pase -que tampouco- pero para facer bulto e roncar, mellor vir bailar.