jueves, 5 de agosto de 2010

OLA AMIGOS


Levo tempo sen facer ningún artigo para este meu blog. A verdade que agora con isto do Facebok, os blogs quedaron bastante de lado. Ben pensado, ata eu estou enganchado polo das fotos antergas de Corme, o resto nin me interesa. Tamén todo hai que dicilo, merquei un violín para recuperar os catro anos que fixera e logo deixei hai quince anos. E a serrar todo tempo libre! Xa sabedes, son incapaz de estar quedo. Despois do Celga-4, estiven entre aprender algo de inglés, pero ao final decateime por este instrumento que sempre me levou os días da vida. Algo xa vai saíndo.
Pero outra das cousas que hoxe me arrufan a pór os dedos no teclado, foi que onte fixen a miña I.T.V., xa sabedes, o repaso anual da saúde. E hoxe dinme conta do mal que o estaba pasando este último tempo coa inquedanza do resultado médico.
Onte saíu todo ben e hoxe cando me erguín para ir coa banda a Riveira, foi o intre de sentir unha nova sensación. Un novo albor. O momento de sopesar o valor da saúde. O pouco que valen os cartos ante a enfermidade.
Foi ao erguerme, repito, cando sentín coma outras moitas veces, que a riqueza meirande é a saúde. Naturalmente non era nada novo, pero si era esa sensación que sintes cada ano cando todo vai ben. E para celebrálo nada mellor que unha actuación coa banda. A cidade de Riveira, á cal vamos sempre dúas veces ao ano, hoxe sóubome a pouco aínda co longo pasarrúas.
A vida non ten volta atrás, meus, pois sabendo o que hoxe sei, endexamais houbera formado unha orquestra. Motivo? Que hai dez anos perdín un ril pola enfermidade do fumador, a cal aínda está aí. E eu que non fumei nunca! Como fumei entón?, diredes vós, pois, como fumador pasivo, sempre ignorei o dano tan grande que iso é. Seis compañeiros fumando no furgón día e noite, viaxes de seis horas, descansos da actuación e coas ventanillas pechadas por mor do frío. E vaia se acertaron o equipo de urólogos que me atenderon. Todos o mesmo ditame: A enfermidade do fumador.
Que cámbio o da orquestra á banda! Aquí non fuma ninguén, só un mozo, pero iso si, fóra do autocar. Logo os horarios. E pensar que me criei na banda de meu pai e logo na de Infantería! Malia que o dito, a vida non ten volta atrás. Os refráns sempre son certos: Cando un morre, debía nacer e sabendo o que un sabe.
Non, nunca houbera formado orquestra por ningún diñeiro do mundo, máis cando non tiven carácter para non deixar fumar a ninguén dentro do coche. Tamén todo sexa dito, nunca pensei que o fumador pasivo tivera tan graves consecuencias. Así que meus, xa o sabedes, fumar só é puro snobismo, chulería boba, cheirume na roupa e no ar da boca. Agora, cando vexo a un púbere comezar cos primeiros pitillos pregúntome: Que pensará, que así é máis home? E penso para min, non, é máis enfermo.