sábado, 31 de enero de 2009

OS MARAVILLAS DE CORME- CALIXTO E RAMONA.






-------------------------------------------------------------------------------------------------
O prometido é deuda. Se hai uns días falaba da orquestra Lira de Plata, hoxe tócalle ós da casa. Porque foron da casa. De Corme. O mellor grupo enxebre que tivo Bergantiños durante esa etapa dos Maravillas. ¡Quizais as novas xeracións non teñen a ben saber que este grupo enxebre levou o noso nome por toda a bisbarra bergantiñán e a Costa da Morte! Pois a iso vou, a rexurdir a historia de noso. Porque é unha lenda de ben da cal podemos sentirnos embelexados. Corme non só dou mariños ilustres, senón que tamén foi berce e patria bergatiñán musical en tódalas facetas.
Como podedes ollar, neste grupo aparece unha dona. Unha muller a cal foi a primeira da nosa comarca en saír cunha formación musical, cando naquel tempo iso era un prexuizo para aquelas mentalidades, malia que tampouco podemos xulgar dados os criterios á sazón. Pois si, meus, ela era Ramona Pensado Lista, a dona de Calixto Moreira Parga. Nato de Tella, casara en Corme de onde ela era natural. Calixto tivo outro irmán no noso pobo, Ramiro, que ó quedar viúvo casou coa cormeá: Lucrecia da Cóncela. Estes últimos, vivían na Paxariña.
Os dous irmáns eran serradores de madeira. ¡Aínda os lembro diante da casa de tío Caola, fendendo un pino longo para a quilla dunha tarrafa de tío Ezequiel! Un serraba sobre do pino e o outro tiraba dende abaixo, e así íanse turnando. Foi este outro dos fenómenos que atopei no ámbito musical, como era o de, con aquelas mans irtas de calos fosen capaces de facer repicar os instrumentos. Máis a marxe disto, Calixto era un meirande artesán de gaitas. As súas foron sen dúbidas as que mellor soaban de cantas se coñeceron na redonda.
Calixto foi home sonado en Corme. Ó estalar a triste guerra civil, el xa estaba casado e tramou de esconderse antes ca ir ó fronte. E así foi, desapareceu da noite para a mañá. Mais todo o pobo sabía que estaba escondido. E na propia casa. Ramona comezou a vender zapatillas de esparto dicindo que as facía ela.
Cada semana, a Garda Civil rexistraba o seu fogar. Pero velaí que souberon facer vista gorda, pois, Calixto vivía pegado ó Cuartel naquela casiña vella en fronte a onde está hoxe a farmacia. Cando petaban á porta, escondíase tras dela nunha fornela da parede a cal ó abrir o poxigo xa facía de tapadeira. Tres anos adiante, cando a continda cesou, el saíu a vida, pero estaba pálido o mesmo ca branca cera. Foi nesta nova etapa da súa vida cando para sacar as súas tres filliñas adiante, Ramona pillou o bombo, co cal eran dous quiñóns que entraban no fogar.
Poderíavos estar a falar deles a noite enteira. Só me quedou o mellor recordo: Que eran un matrimonio humilde, honrado e cursidoso coma o máis rico. Aínda lembro os pulpos que el collía no Pescante a véspera dunha festa que case sempre compartíamos, para convidarnos ó día seguinte. Viaxaban no "noso" camión a miúdo cando alternabamos xuntos, aínda que nos seus comezos tivera un faquiño alcumado Perico para os desplazamentos.
Ramona finou no 1961 na súa casa onde vivían dende que eu os recordo, a terceira da rúa: Río de Arriba, ou sexa, fronte ó Chalet. Calixto morrería nun hospital de Santiago o 13 de abril de 1974. Está enterrado en Carballo onde reside a súa filla máis nova: Isabel.
E remato sinalando as fotos: A primeira pola esquerda é nos caneiros en Carballo, no Bosque de D. Añón. Con eles están meu pai Basilio e José de Toural, da nosa banda. En canto á segunda, foi tomada na estrada principal de Vimianzo nos anos cincuenta. Coa caixa-tambor:Gabriel do Zoqueiro de Anllóns e, no outro lado coa gaita: Manolo de Neaño, fillo da poetisa María Baña. Era tío de Manolo, o noso Patrón Maior.
Calixto deixou para a posterioridade aquela famosa frase: "Ninguén se cansa da gaita máis ca o que a toca". Isto era por mor do día das Quintas. Os mozos contratábano todo o día ata "altas horas de la madrugada", como adoitaban poñer os carteis das festas da época.
In Memorian, matrimonio amigo.
------------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Datos e fotos do meu libro: A Música en Corme, onde está reflectida a historia, pero moito máis extendida.

No hay comentarios: