miércoles, 17 de diciembre de 2008

Corme:Festas dos anos 20


















--------------------------------------------------------------------
O inverno sempre nos enche de nostalxia, lembranza e añoros doutros tempos que, quizais foron mellores ou non. Quén sabe? Eu neste tempo sempre remexo no caixón dos recordos e atopo algo. Ese algo é a nosa historia e, como tal coido que é ben coñecela.
Pois esa historia é a das nosas raíceiras. A dos nosos avós. Logo a de nosos pais. Sen historia, nós non estaríamos acó. Porque a historia é unha manda que vai pasando duns pa outros o mesmo ca tea das Olimpiadas.
E velaí hoxe onde atopei un recordo que xa teño gardado dende fai máis de dous anos. Este corresponde ás festas do Carmen de Corme ¡Malia que non ten ó ano que corresponde!
Levo dous anos intentando que o Coro Cántigas da Terra, ao cal me dirixín varias veces, tivese a ben dicirme en que ano actuou na nosa vila, pois, vós mesmos podedes ler como aparece no devandito programa. Pero nada, tempo perdido. Realmente sinto vergoña axena, pois sempre que alguén me pide o máis mínimo favor deste tipo non dubido un intre en axudalo.
Porqué recurrín a esta coral?, porque debutou o 12 de xullo de 1917 na Coruña e o 25 de septembro de 1922 na praza de touros de Corcubión. Só eles poderían, ó mellor, darnos unha data caso de encontrala. Pero nin resposta recibín endexamáis.
Con respecto ó ano, eu diría que sobre o 1925, pois segundo o traballo do meu libro A Música en Corme, é nestes anos cando Manolo López (pai de Rosa de Sara) comezou coa súa propia banda. Como tal, así vedes que actuou nestas festas. Logo aparece que pola noite do día 16 de xullo, vén un "cuarteto de la Sierra de Outes", de onde era nato Manolo. Amais diso engade que alternarán cun "sexteto de San Adrián de Corme". Era algo corrente naqueles tempos o contratar media ducia, ou dez ou doce músicos, segundo as posibilidades das comisións. Desto aínda me lembro na banda de meu pai Basilio.
Mais se vos fixades un pouco, queda reflectido que a festa xa comezaba ás catro do serán. Logo o devandito Coro e pola noite unha orquestra ata ás tres da mañá. ¡Iso era festa, todo o día e noite! Porque agora meus, a festa é sempre ó día seguinte do día da festa. Comeza ás once da noite. E durante o día -da festa en teoría- o mesmo ca un deserto.
Logo disto paso agora ao que vos falaba o outro día: do segundo hotel de Corme. Velaí o tedes:Hotel Moderno, de Victor Cousillas, na casa do Río da Roda que coñecemos como "a da farmacia". Mesmo en fronte, a peluquería de Juán Crúz Cousillas. Logo un café-bar de un nome e apelido foráneo. Tamén o salón cine de tío Jesús de Crúz e remata con dous anuncios de cafés bares: José Neira e Adolfo Vidal, este último si era fronte ó Casino. O de Neira non o sei. Síntoo.
Deica mañá, meus. Boa noite.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

hola Suso,esas si que eran festas¡Que sepas que ainda que casi nunca escribo aqui,nin enoutros sitios,leo todo o que escribes e a bofe,que o fais muy ben.Unha aperta dende Barcelona.

Administrador dijo...

Xa dicía eu quén sería o de Barcelona, pois o contador sinala Cataluña de cotío. Pois grazas, pero pido "unha esmola",ou sexa, que se me diga algo a miúdo. Aínda que sexa mal.(?) Hoxe non tiven tempo de poñer nada, aínda que o teño preparado. En fin, unha aperta Anxo.