domingo, 16 de noviembre de 2008

A cuestión é sacar o "afoto".

Hoxe non poño a foto de costume, coido que todos vós lerías o Semanal destes oito días. ¡Non fai falla dicir máis con respecto ás fotos do Chad! Hoxe estarrecín máis ca nunca, cando na mesma páxina do xornal viña asemade a "foto da cume dos 20".¿Para qué máis fotos? Realmente, ¿a qué están a xogar os mandamais do mundo cando non lles revolve o calleiro ver o Semanal de hoxe? Mais iso si, todos eles saíron no retrato e fardando mogollón, que iso mola.
Onte sábado pasei o día na Coruña. Non vou moi a miúdo e sobre todo en canto a dar unha volta por un rueiro calquera. Á praza que fun non sei o nome, pero é ó carón do Conservatorio e á Escola de Idiomas.
Foi ó redor do mediodía. Un día soleado que ateigaba as rúas de xente. Nuns tallos baixo un árbore, un grupo dos "sen teito" repartían o seu "xantar" . En fronte, e dun moderno súper de renome saía a xente "normal" con bolsas repletas de vituallas para a fin de semana. Os do tallo, non pedían esmola, pero sentín vergoña de que este sexa o século XXI. Ollándoos de esguello seguín o meu camiño, un pasexo que tantotiña para un lado que para outro.
Na traseira do Conservatorio pillei deica á Ronda de Nelle. Namais comezar a costa rilleira, ollo nunha esquina un nome con letras case de ouro. Entroume teima en saber que había dentro. As cortiñas case ó rás do piar da xanela fixeron que tivera de dobrar os cadrís para ollar a miña cursidade.
De súpeto lembrei o conto dun amigo que fora a Cuba: baixaban as cortiñas onde xantaban os turistas para que ninguén ollara o que comían. Este tamén era un comedor, pero de luxo total. ¡Agás que non era en Cuba! Os sen teito non senten vergoña en xantar ó ar libre, non teñen porque tela. Os outros..., teñen menos vergoña e por iso baixan as cortiñas para que ninguén os olle. ¡Mais, ben de seguro que foron á misa de doce!
Seguín deica arriba e crucei nun paso peonil. Namais cruzar, ollo encol da beirarrúa un saco ateigado de barras de pan -ó meu ver aínda frescas- batidas sobre o chan. ¡Mirei de redor matinando en recollelas! ¿Por fame? Non, por dignidade á fame no mundo. Voltei o meu camiño de costas ollándoas e cheo de tristura. Mais, cando hoxe ollei as tristes fotos non poiden evitalo:chorei, chorei pensando nas barras de pan de onte. ¡Quixera voar ata o Chad de hoxe, que son moitos máis Chad! E levarlle -tan sequera- todo pan fresco canto deixamos encol da mesa.
Voltei á primeira folla do xornal para ollar de novo o "afoto" dos vinte. E cavilei de novo: ¿Terá que haber pobres para que os ricos poidan sentirse, iso, ricos? Porque, a verdade, se todos foramos iguales -en cartos- non sentirían o prace que senten habendo pobres.
Malia isto, tamén falan os xornais que vén unha crise. ¿Será logo para nós, os do "segundo mundo"? Non o sei de certo, dende logo aos do terceiro por desgraza tráelle sen coidado vivir coma morrer canto antes, e..., ós do primeiro, mellor que mellor, imposible.
Pero a marxe do dito ata agora, ¿estáse a notar a crise no noso contorno? Eu dende logo non a vexo, cando menos na maneira de ver o desbaldir xeral. Éme duro dicilo, mais coido que un pequeno "apretón de cinto" non viña demais para que sobre todo os nosos púberes soubesen o que nunca lles ensinamos: a coñecer e valorar a suor das cousas, os friames encol da mesa, os luxos, mercar roupa e zapatos que nunca se van a poñer e así un longo, etcétera, como o de ter nas súas mans un coche ós recén cumpridos 18 anos. E veña a percorrer quilómetros sen ton nen son. E a "sacarlle medias". Logo pasa o que endexamais tiña que ocurrir.
En canto aos da "segunda" idade en vida aínda laboral e co posto de traballo pendente dun fío,cómpre que nos decatemos que o mundo está saturado de coches, vivendas, electrodomésticos, roupa e calzados para o resto da centuria que aínda está nos seus albores. Velaí onde os nosos rexidores mundiais, tanto dunha cor como de outra, tivérono moi doado mentres a "cousa" non tocou teito, algo que o vía vir o máis estulto da parroquia, como se adoita dicir. ¡Xa valiu a pena, viaxes en avión especial, hoteles de cinco estrelas para os seus séquitos e conferencias como a dos "vinte que se viron" esta semana! ¡A verdade, teñen un currículo en canto a asistir a cumes! Con só aforrar eses cartos tan tristemente desbaldidos, tiñamos para facer fronte a xa famosa crise.
¡Pero non terían o "afoto" para o día de mañá ensinarlla ós seus descendentes, os cales nacen e nacerán co pan debaixo do brazo! ¡O padriño xa o teñen, e ben de seguro con bos predios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu creo que cada un ten que ser coherente consigo mesmo e comprar o necesario pois nós non podemos facer case nada comparado cos gobernos que gastan en un segundo en bombas cartos que quitarian a fame do mundo varios meses

Administrador dijo...

Grazas Fer pola túa opinión neste artigo para min moi serio. Pero tamén a todos que o facedes a miúdo. Fai falla que alguén me dea sinais de que le o meu blog e sobre todo críticas en como o fago.
Vaia para os que me ledes o meu agradecemento ¡Mais se me dades sinais de "vida" mellor que mellor!
Non tedes que por nome algún, está o acceso directo sen ter que rexistrarse.