miércoles, 5 de noviembre de 2008

Concerto Saharaui







Realmente foi algo emocionante na nosa historia. Quen ía a pensar que uns nenos do Sáhara serían capaces de dirixir a banda e levando o compás o mesmo ca se naceran acó. Porque non foi só este que ollades aquí, pois subiron ó escenario outros dous máis. E os tres levando o compás sen haber visto nin ouvido unha banda endexamáis. Incrible pero certo. Quedei abraiado.
Cada ano, un grupo de nenos saharauis veñen deica á nosa terra bergantiñán. Son espallados por toda a baixa do Anllóns en casas particulares. E ben atendidos, por suposto.
Durante uns anos viña á casa duns rapaces compañeiros da banda un destes nenos. Cada domingo acudía ó ensaio da banda. E xa era un máis. Logo, foron á súa terra os nosos rapaces mais seus pais. Quedei abraiado cando me ensinaron as fotos da súa estadía aló no Sáhara. ¡Canta miseria e pobreza!
Nunha foto, unha cabra intentaba pacer na area. E só remexía nun cacho de plástico. ¡Nin toxo, queiroas, fieitas ou xestas! Nin unha herba en ducias de fotos que tiveron a ben ensinarme. ¡Só area e máis area! A tenda do pobo, só tiña nun andel media ducia de botes de dátiles á venta. Estarrecín con só ollar as fotos. Dende aquel día ata dou grazas a Deus por tanto toxo.
¡Canta riqueza temos na nosa terra e que pouco a valoramos! Alédome do día que tiven na man as devanditas fotos, ata mesmo coido que temos unha riqueza cos montes e cunetas ateigados de toxo. Nunca tanto o valorei. ¡E a auga, iso non ten precio! Logo trememos no verán se non chove nun mes. ¡E non podemos duchámonos tres veces ó día!
Pois así meus, así foi a miña experiencia con estes nenos. ¡E son listos, malia non ter escola! A verdade que por ter escola un non é máis listo. Dou fe polo sinxelo feito de comproba-lo dirixindo a banda. ¡Logo a cara da nena tan atenta á batuta que ata non sorríu durante a peza!
Foi a actuación máis leda que fixen na miña vida musical. Os compañeiros non cabían en si de prace e, xa nos tarda o vindeiro ano para volver a aledalos.
¡Pero, que dirán, que pensarán estes nenos cando se ven nunha casa calqueira da nosa terra e atópanse con baño, televisión (por suposto luz eléctrica), teléfono, roupa limpa e comida en fartura? ¡Que pensarán ollando este noso verxel da natureza? ¡Que dirán cando de novo teñan que volver á súa terra? ¡Que dirán!



2 comentarios:

Anónimo dijo...

Decías que tamén podía criticar,pero si é da banda creo que non o vou facer.
Un saudo.

Anónimo dijo...

Es triste la diferencia entre el primer mundo y el tercero, y a veces a pocos kilómetros.