martes, 25 de noviembre de 2008

LEMBRANDO A GASOLINEIRA

Pois iso meus, que no 1970 tiñamos iso: surtidor. Velaí o tedes á esquerda da foto. E a "pitera" Citröen que vedes, era a de un servidor. Ese foi o meu primeiro coche. Custoume 20.000 pts. daquel tempo e logo tres anos adiante aínda o vendín en 25.000.
Era un C-56.000 de matricula e merqueino con furados nas latas que eu fun tapando con masilla eo que atopaba. ¡Pero nunca me deixou "tirado"!
Un serán que eu fora a Carballo, mentras non habría un almacén din uns pasexos pola acera. ¡Cal non sería a miña sorpresa, cando ollo que o motor estaba case a rás do chan! Pois nada, que cun arame erguino un pouco, carguei de mercancía e cheguei á Ponte. ¡E naquela estrada dando choutos! ¡Iso era un coche e un gato é un bicho!
Mais volvendo ó conto. ¡Cantas nostalxias en tan pouco tempo! Ollade á dereita da foto e veredes un dos postes eléctricos á sazón. Á esquerda, pois iso, a gasolineira de Corme, propiedade de tío Jesús do Chinito. ¡Iso eran tempos! Polo menos tiñamos algo no pobo. Aínda lembro como medía a gasolina ou o gasoil cunha regadeira de lata. Sen tanta mariconada como che dí agora unha voz en off: "A repostado usted, gasolina de 90 octanos. Tenga buen viaje". E ala, casemente cremos que é unha moza de verdade. E para máis falando en castrapo. Ás veces miro de esguello haber onde está a guapa. Pero só vexo a un empregado máis feo ca feito de encárrego.
¡Pero non era así con tío Jesús! Sempre estaba rosmando. Había que aturalo, pero sempre te atendía. E moi ben por certo, pois ata ía por fóra unha pouca bencina cando enchufaba a regadeira no cano do tanque. Tamén todo hai que dicilo: Xa non atinaba moi ben, meu pobre, pois a idade non perdoa. ¡Pero tiñamos gasolineira! ¿E agora que temos? Ir á Ponte o cal xa é unha disculpa para ir manga-la tarde.
¡E así fomos quedando sen canto tiñamos: Seis taxis, catro panaderías, dezaoito bares (quedan a metade). O serradoiro eo muíño. Non hai unha cama na que durmir un forasteiro, nin idem porque non hai camas. Xa non hai un Garda Civil de once que eran vivindo e consumindo no pobo. Se queres cortar o cabelo, hala, no medio das mulleres, tampouco hai barbeiro; e ollo que, o mesmo saes coa permanente ou con mechas. Non temos un zapateiro; crego de noso, sacristán de oficio e enterrador do pobo ¡Ata maxino que nin un futbolín hai! Xa non temos cines nin salóns de baile, malia tampouco hai un carallo dun "paff" deses agora de moda. ¿E un "naiht clube"? ¡Ai, iso xa nada, sería ir para o inferno de cabezas!
Dicía un home cando eu era rapaz: "Neno,un pobo que non ten casa de "nenas" que é a primeira necesidade dun home, non é un pobo". (?)
Pero non me chamedes agoreiro nin pesimista: Cando eramos 3.000 cormeláns chegabanos cun cemiterio. Agora que somos mil (escasos) temos dous. (?) ¡E con vistas ó mar! Ese é o noso futuro. Mais iso si, para velorios a Ponte e para enterros Corme.
¡Que ben ía eu aquel día na "pitera" subindo o Alto da Costa! ¡Porqué non seguiría camiño nela! ¿A onde? ¡A xunta os outros dous mil que faltan!

1 comentario:

Anónimo dijo...

Tampouco hai xa orquestras que falen coma nós e que nos entendan cando subimos as 5 da mañan cantar a Burrita.
Que tempos aqueles, agora todo é fume e mais plaiblá