domingo, 30 de octubre de 2011

NA LEMBRANZA DUNHA NENEZ: A SEÍTO






Estes días remexendo no baúl dos recordos atopei este retrato. De repente din un salto deica atrás no tempo, foi inevitable. E velaí a nosa Ribeira, a mesma da foto onde apañábamos puntas enferruxadas que coas vagas de mar de inverno quedaban ó descuberto. Aí mesmo, onde se coñecía como A Ribeiriña, o meu amigo da nenez, Seíto e máis eu enchíamos unha olla, por suposto vella e furada, para vender na casa da señora Manola, a do Cheíño na rúa da Arnela. En troques xa lle tiñamos que mercar pirulís, un paquete de Chesterfield ou Bisonte. Case nada, tabaco rubio no tempo do cuarterón e a caghetilla cando tiñamos dez anos!
Pero aló se foi el, Seíto, o meu mellor amigo do rueiro, un cachopán de home, pois xa o fora de rapaz cando con Moncho de tía Pilara, facíamos caladas do idoiro que baixaba da Agra e da Arregadiña. Ou xogabamos á billa ou ben ás escondidas. Tamén asadas de lapas nas laxes do Río dos Pulpos mentres o recheo do muelle viña vindo pola preta Estada. Pero nunca trasnadas no vecindario, xogar con Seíto e Moncho era un relaxamento naquel tempo das pedradas e zondras.
Non hai dereito, meu, ti que sabías nadar coma un peixe! Parecen cousas do demo. Despois de unha vida de trafego, formar un fogar e criar uns fillos, de loita e penuria nos primeiros tempos de comenzarmos na vida laboral sendo aínda uns nenos, ti no mar e eu ten terra, agora que podías desfrutar desa xubilación tan sudada, ten que torcerse o fado.
Ata desexo eu berrar: joder, non hai dereito! Malia que é berrar no deserto. E tantotén berrar coma non, as cousas son así e así hai que tomalas. Agora Seíto, estou escribindo neste curruncho onde ti durmías cando nesta casa vivíades fronte á Fonte do Campo. E para máis estes días son os de defuntos, unhas datas que nunca saberemos se para o vindeiro ano nos alumearán a nós.
Xa ves, José, ti pilláches o camiño que teu pai che ensinou: o routeiro do mar, mariñeiro. Eu o que me ensinou o meu: mariñeiro de terra, expallar corcheas e solfa en adros, rúas e turreiros de festa. Esa foi a nosa universidade, a da vida. A de Salamanca ou Santiago era para os fillos dos ricos aínda que foran tontos. Mais hai unha vella frase que dí: Aos amigos non os separa nin a lonxanía nin o tempo.
Dicía eu un pouco arriba que son cousas do demo. Diso nada, meu, a ti o demo non te quere ó seu lado. Da mesma maneira que Deus non quere aos malos, o do inferno non quere aos bos.

sábado, 22 de octubre de 2011

A MALETA E O ESTUCHE









Aínda has teño gardadas e cuidadas, a maleta e o estuche por min feitos aos 16 anos para ir á mili. Que tempos! A verdade que son un nostálxico, non teño que facerlle, pero a miña infancia e pubertade non foi aló de moita cheúra, coma tantos outros da miña idade.
Pois velaí tendes a maleta, e ata estaba empapelada por dentro. É de tabléx, de aquel que había naqueles tempos. Logo unha fundiña de mahón que lle fixo miña nai, e aquilo era chapó, como din agora os chavales. Pero con canta ilusión a fixen no inverno do ano 1960, para no albor da primaveira, o primeiro de marzo e cos 17 cumpridos en febreiro, coller o Guillén camiño da Coruña!
Voluntario, era a única maneira de poder estudar, polo menos música. E así foi como tamén urdín de facer outro estuche para levar a trompeta. E aínda está coma o primeiro día. Mellor dito, estamos coma estamos, todos cheos de polilla. Non, mentres eu viva cuidarei das miñas cousiñas, neste caso por min feitas. Logo xa sei o camiño que terán. Mellor non dicilo.
Pero volvendo ás lembranzas daqueles anos. De vez en cando palpo a maleta e o estuche. E voo na noite do tempo. E véxome. Véxome como era e como son agora. Coma todos, por suposto. Que axiña pasou todo, non hai dereito! Logo a maleta chea de cartas de mociñas. Ateigada de tantas. Cartas de amor, de amor xuvenil e parvo. Pero amor ó fin e ó cabo. Cartas que che ían facendo pasar o tempo nun santiamén.
“Cartas van, e cartas veñen”, dí un poema do meu amigo Xosé Neira Vilas. Canto sabe este Balbino do Neno Labrego! Canto sentimento levaba consigo unha carta. Canta ilusión! Non, agora a mocidade non escribe cartas, e así están sen iso: ilusión. Non me extraña que non se casen, pois, non saben escribir: quérote. Agora escriben: kérote, e todo así polo estilo.
Aquela mañá cheguei á Praza de Pontevedra, parada do coche de liña. Collin as dúas maletas e abranguei por San Andrés, Panaderas e a Praza de España. E alí estaba o meu cuartel: Infantería. Cheguei á porta e dixen tan inocente: “son un recluta, veño presentarme”. E o cabo de portas sorrío vendo aquela cariña de neno. Porque todos eles tiñan máis de 20 anos, algúns ata 23 e xa casados.
Hoxe retratei a maleta e o estuche da trompeta. Palpeinos e chorei en col deles. E ulinos, aínda recenden a min, e, á media ducia de chourizos e un anaquiño de touciño que miña nai me botara dentro. E pouco máis, ou mellor dito nada máis, non había máis e sobrou maleta. Pero eramos uns pobres ricos. Agora que o teño todo ( sen soberbia) son un rico pobre.



lunes, 10 de octubre de 2011

BENIDORM. CANDO SER VELLO É BELLO













BENIDORM
Sempre se dixo que a distancia é o olvido. E nunca máis certo. Esta semana tivemos a nosa primeira viaxe da 3ª idade por así dicilo, aínda que non foi polo Inserso. Pero iso é o de menos, a cousa foi que nunca tal pensei de min, o desconectar total en solo sete días. Se mo contan non o creo.
Sempre falei de que necesito ruído, moito ruído, e por fin atopeino, pois, 67 anos de tanta tranqulidade tamén fartan. Foron moitas as veces que escribin en prol dos nosos veraneantes cando falan que queren paz e tranquilidade. Iso non o cren nin eles. E á vista está, todo quisqui a onde máis ruído hai: a Benidorm, etc. Logo tiña razón eu, as aldeas están valeiras.
E canta ledicia nas faces da xente! Todo o mundo sorrindo e ninguén queixándose da falla de silencio. Tampouco debe morrer ninguén, pois, en toda a semana malditún vin un solo enterro nin escoitei de mañá o toque de Tanatos, o único ruído “tipical” da nosa terra.
Pero volvento ó conto. Tanto me esquecín de todo que nin dos compañeiros da banda me lembrei. Nin deste ordenata, o meu pasatempo diario ou ben para compoñer unhas corcheas. Nin da política ou ler as novas da Voz e a páxina de Bergantiños. Tampouco de ver o televexo coas novas do día a día. Nin das novidades de Corme.
Por fin comprobei o bo que é ser un pasota total. Pasar de todo e sen ansia de contribucións e recibos de canto hai. (Xa os deixei pagos). Tanto desconectei que ata non sabía que día da semana era. Durmir a perna solta e comer e pasear foi unha experiencia que non coñecía.
E en cada calle un músico tocando ou un mimo facendo o seu papel. Logo a cadea de milleiros de candados dos namorados que, unha vez pechado tiran a chave ó mar xurándose amor eterno. Os namorados, supoño, serán da 3ª idade e malo será que non leiren ata que Diolo queira.
Mais, non é un bo lugar para ir con muller allea, (aviso a mullereiros), onde menos o pensas, zás, estámpaste a miúdo cun veciño do pobo ou da bisbarra. Vamos, que case é coma ir ó San Xoán de Carballo, pero aínda así, é un prace camiñar sen ter que dar os bos días a ninguén. Tamén podes falar en galego, pois a maior parte dos turistas son de toda Europa e nin se enteran da vaina, todo ten o seu pró.
Gustoume Benidorm a pesar de que non é unha cidade con raiceiras. Hai 50 anos era un pequeno porto pesqueiro e todo o que hoxe vemos eran leiras de secano. A día de hoxe ten 70.000 habitantes en censo, 200 hoteis e unha media de 100.000 turistas constantes durante as catro estacións do ano.
Ben pensado, a vellés aínda ten un aliciente, a cuestión é cambear o chip e aproveitar as dez de últimas. Agora solo me falta probar o avión, xa me entrou teima en facelo. E voar, voar física e mentalmente, xa está ben de tanta morriña.

jueves, 22 de septiembre de 2011

AS NETAS DE D.CASTO.

Do meu persoaxe:Corme Cháns Cousillas. Século XII



----------------------------------------------------------



Mirade vós como é a vida que: “fanas os bacaros e páganas os bacoriños”, dí o refrán. O conto ben sendo que Castito, como así se coñecía no pobo por ser “hijo de quién era”, casara cunha comenencia de Deus sabe onde, e vivían na mellor casa do Campiño. Ela a dicir verdade, non era aló moi eleuta, dicían as mulleres, pero a paxusmeira tivo dous partos de xemelgas que case non atoparon padriños á hora de bautizalas.
Tamén falaban as malas línguas, que sempre houbo e haberá, que D. Casto o cazique do pobo, desfogárase nas súas pobres rendeiras. Agora o fillo Castito, “desahoghábase” na súa muller. Máis lle valía, por algo seu pai quedou sen un ollo.
As nenas foron medrando, coma tódolos demais rapaces e abofé que non eran nada feas, pero “la mar me deixe” senón debían semellar ó seu avó. Na cara non, no..., xa entendedes. Elas disque non cobraban, esa era a diferenza co seu volito, aínda que seu pai seguía cobrando as rendas e vivindo á conta da pobreza.
Xa mociñas e coa chegada do verán, virades ás catro rapazas na praia do Osmo! Tamén fora un ano de moita sequía por mor de tanto sol. E os corpos fervían daquela o mesmo cá agora. Elas foron as primeiras do pobo en ousar bañarse naquel tempo que para as mulleres era pecado mortal. Agora ben, por algo eran “las nietas de D. Casto”. Ai meus, da mesma maneira cá o avó foi polas súas rendeiras, velaí a cousa que os seus rendeiros fóronlle a polas netas!
¿Lembrádesvos daqueles catro churumbeles que cando naceron fixeron tremer ás nais e ás avoas do Porto? E xa maxinades polo que tremían as nais: por se semellaban a seu pai. Pois, non se engañaban moito porque: “ou nas mans ou nos pés, ás semellar a quen es”. E semellaron e sentaron, ou máis ben deitaron, ás da “alta alcurnia”. “Ai que sorte, siquera pican polo máis fino”, dicían as nais desafogadas.
Eran os mesmos: os fillos de Tío Xoquín, o Chosco. Nin máis, nin menos! Os catro tan semellantes na cara que non os recoñecían nin súas nais. E cun pouco tangaraño nas pernas, ou sexa, algo trencos. E os catro facendo honra a seu pai: quentes coma o lume do inferno. Dicían as meigas- pois daquela xa as había- que moitas veces ía un no sitio doutro coa mesma rapaza e nin elas se enteraban. Tampouco querían enterarse. ¡Eran tan igualitiños!
Outras veces na Furna do Osmo, armaban –mellor dito montaban- un fornicio de “entrecambio” con elas. Dicían eles que inventaran con elas iso que agora lle chaman unha “forgía”, ou algo así. E os rapaces pequenos espiando desde o Mal Paso da Furna. E os curas falaban entreles: “¡Que pecadosas!, de casta les viene a las Castitas”.
Anos antes, as pobres do pobo petaban no postigo de D. Casto para ir pagar “como podían”. Agora, os pobres xemelgos, sen petar, entraban pola fiestra da cociña, uns pasos máis abaixo de onde o fixera seu pai, Q.E.P.D., coa tía Arumiña. Mais non ían pagar o aluguer co seu corpo, senón que “viscisversa”, co seu corpo o aluguer quedaba pago.
Pero despois do verán veu o outono e logo o inverno. ¡Ai que inverno, aquel si que dou que falar! As catro fillas de Castito e netas de D. Casto comezaron a florecer moito antes da primavera. Ou sexa, que, o fornicio no solsticio ventaba traer paricio.
Aquel inverno as rapazas do pobo non poideron saír da casa nin por azafrán para vermellar o guiso. Perigo total, dicían as nais. E os pais: “Ouh muller, por María Santisma, que non salga a nosa filla fóra da casa, con eses catro fogueteiros ceibos por aí”.

E así as pasaron canutas tódalas mociñas do pobo. O Campo, a Calle e a Ribeira semellaban un cabazo sen millo, nin rato. Neste caso, nin rata, pois, sen mozas tampouco había mozos. Como moito á misa, pero entre os avós. E as fiestras comezaron a enreixarse en cada casa onde había unha filla. Os ferreiros non daban mans. Moito chiste, pero…, quen máis quen menos non pegaba ollo de noite. Nin no tempo dos roubos houbera tanta vixiancia!
Un domingo despois da misa, o crego da parroquia mandou aviso ás catro parellas pra que subisen pola tarde á rectoral da Aldea. Aquilo non podía quedar así e mais naqueles tempos. Pero a cousa tivo pelos, ningún dos oito sabía cal era o seu nin a súa. Seica foran arreo. Ata que o cura cortou polo san: “Mirade una cosa, al fine y al cabo sodes cuatro hermanos de las dos partes y llevades la mesma sangre en las vosas venas. Así que, voi poner en la mi mano unos numeritos y cada uno de vós sacades uno. Ellas estarán con le número del uno al cuatro y cada uno cogerá la suya futura esposa. Se non hai acuerdo vos excomulgo a todos fóra de la mi parroquia”.
Miráronse entrelas e, “mecághon la leche”, calquera sabía agora cal deles sería o pai da súa criatura. Eles tamén miraron, miraron as barriguiñas delas e quedaron “abertos do peito”: “Carallo, nós que fixemos?” Elas, as pobriñas sospiraban coa cabeza baixa, ó fin e ó cabo tanto lles tiña xán coma pericán, o asunto era saír do apuro. Total e ben pensado, os catro eran igualitiños! Non diron pío ata que o Crego ditou orde: “Veña, a escogerdes cada uno la suya que hay que hechar las amonestaciones el venidero domingo”. Eles coñecían a cada unha delas. Pero elas a eles?
Sentou as parellas por separado e mandou chamar ó barbeiro do pobo: “A este, a Aurelito, le cortades el pelo a la cunca”, “a Paquito al rape”, “a Venturito sen perrera e a Eladito xa se le conoce por los dos remuíños”, sentenciou. “E por la tarde facer los cursillos matrimoniales sen faltar. E nada de caer nel sexto mandamiento hastra la vuestra boda”, dixo o crego tusindo, pois, iso non o cría nin el con aqueles “fornicieros”, como lle chamaban os curas da táboa. O problema non era caer, o asunto era que non se erguían de riba delas.
Quince días adiante chegou á Calle a carrilana semanal e baixou un vello de moito postin. Ninguén o coñecío por mor do chapeu ata as cellas e a bufanda tapabocas. Cun caxato nunha man e na outra a maleta, no Río da Roda virou Campiño abaixo. Pero o ollo esquerdo tapado cunha tercia de coiro fíxo cavilar axiña ás caviladoras: “Ai carallo, que é D. Casto…!”, dixeron cunha man no queixo e a outra debaixo do mandil.
Levaba uns 16 anos fóra e viña chamado polo seu fillo para axudalo no arranxo de buscar vivendas ás súas netas. E porvir ós seus netos políticos e futuros bisnetos. Pero na carta, o alifáfaro Castito non lle dixera toda a verdade a seu pai, D. Casto cando vío ás netas e soubo quen eran os noivos botou a mascada. Iso si, dixo que era o mareo pola viaxe.
Un més adiante os catro noivos diron o “si quiero” sen malditún zolás. Ai, pero no de: “prometemos ser fieles ata que la muerte nos separe”, xa non foi así a cousa, miráronse de reollo e rosmaron algo en voz baixa. As noivas, xa nin rosmaban, ollábanse entrelas, e limpaban a suor co pano da cabeza.
De padriños, D. Casto con Clotilde (Arumiña) e Castito con Claudomira (Agapita), as nais dos de marras. E logo dúas parellas de mozos que se prestaron á ocasión por falla de familia. As amizades voaran por arte de “birle-birloque”.
Despois dun xantar no Rancho do Campiño mesmo en fronte á casa dos Castos, os matrimoniños foron indo cada un para cadansúa casa das moitas que tiña o vello. Logo, dúas lanchas novas da Telleira para cada dous deles! “Lo que uno tiene que ver antes de morrer”, dicía D. Casto dando o Nombre del Padre. E iso cun ollo solo.
“Diolo queira que non teñan xemelos, pois, elas xa o foron, eles tamén, e, contan os vellos que iso é “herditario”, dicían as agoreiras pelando as canexas no potin da cañeira da porta. “Muller, chegha con ver esas barrighas. E Dios queira que non lle veñan cuatrillizos ó andaren cos catro irmáns”, dixo outra quitándo unha galada co dedo gordo. “¿Vós logho non sabedes que A Pendeja solo parío un e deitouse con seis o día de San Hadrián?”, terciou outra. “¿Vítelo ti, porque aquel día á festa non chegátes e do Porto saíches, naverdá?”, berrou a menos rexubeira.
Entre pitos e flautas ( non pensedes mal, é un dicir) veu o maio das flores coa forza da primavera. E foron chegando os paricios de tales auspicios. Cada unha foi tendo dous xemelgos, e, menos mal que parío unha cada semana.



----------------------------------------------------------------
Eu Corme, o que isto vos conto, pillara unha gripallada no més de abril e estivera uns días na cama. “¿Así que fotes ti quen lle quitou o ollo a D. Casto, non?”, espetoume Carmen unha mañá almorzando. Coa cunca na man e a culler na boca atraganteime e tusindo, as sopas esfungalladas saíronme polo narís. “¿Pero Carme, quen che dixo a ti tal cousa, muller?”. “Ti, meu home, coa febre esvaliáches e soñabas en voz alta que querías quitarlle o outro ollo a D.Casto, pois dixera el que aínda vía de máis. Despois, viñetes cara min e…, senón me aparto…, quedo eu torta”.
Eu pensei que me ía petar e fun recuándo no tallo contra as portas da despensa da salga. Pechei os ollos ó ver o coitelo en riba da artesa e vinme home morto. Carmen, cun trapo limpoume as fungallas dos beizos e maxinei que sería polo de borrar as “ghuellas” ou pra que fora un morto bonito. Xa sen alento sentin os seus labios contra os meus. E quedei patateso con aquel bico de tornillo. Debe ser o bico que me dá antes de morrer, dixen pra min.

“Nunca pensei que me quixeras tanto, meu Corme”, escoitei e fun abrindo unha mingalla as pestanas. Dixérame meu irmán Hadrián: “Corme, as mulleres “sonche moi sen vir ó caso”, se un día che manda baterte do Carral en baixo, percura que sexa desde a Fonte, haiche menos altura”.

domingo, 18 de septiembre de 2011

CHAMADE A TELEFÓNICA, PERO EN GALEGO


Hoxe e por non atopar aló moito de que escribir, e reláxame un montón, vou facer unha limpeza da miña oficiña, por chamarlle algo. Dicía a finada de miña nai cando vía as cousas amoureadas sen xeito nin dereito: "Esto parece unha esterqueira”. Mellor definición imposible, isto é unha esterqueira. E sóbrame espazo para montar as oficiñas de Corméndez & Compani S. A. o día que me toque a primi! Porque o presi xa o hai, as oficiñas tamén, teléfono con ordenata idem e andeles sobran para os arquivos.
Pensando nisto, antonte chamei a telefónica polo vencemento dunha oferta, e, mirada vós se están de pernas abertas que me rebaixaron a tarifa cinco €. Amais diso, que me aumentaban a dez megas a cousa. Ou sexa, báixanche cinco e sóbenche dez. Xa non sei se este é o teorema de Pitágoras ou a báscula da cáneba dun tendeiro vello.
Malia que nunca diron os pesos a catro pts., dicía tamén miña nai. Así a cousa, eu penso que as ditosas “meigas” aínda mas escaquearon, pois, dende o xoves, o día de autos, isto vai máis lento ca unha tortuga vella con reuma, colesterol e artrosis.
Ai, pero a "atención al público” é fóra de serie. Sáeche a voz dunha moza sudamericana, que, con tanta distancia e pensando que é unha mulata, la mar me deixe se a escoitas: “Diga con voz bién clara lo que desea D.Jesú”. E ti intentas poñer ben os catro cabelos que che quedan na molleira, non vaia ser que ela te estea vendo, mentres dis con voz fina: “Facturación y ofertas”. “Ahora con nueve cifras, diga el nº para el que desea la gestión”. E de repente quedas obnulizado e non te lembras do teu nº pensando na morena do outro lado do Atlántico. Como se non souberan o meu nº que o teñen na pantalla! “Ahora diga: “Si desea ser atendido en castellano, diga con voz clara: Castellano". "Se desexa ser atendido en galego, diga ben claro: Galego”. E ti coma bo galego, pois iso: Ghalegho. E escoitas de novo: “De seguido lle pasamos cun comercial, non se retire”.
E comeza a soar: Para Elisa, de Beethoven, en Mi menor, que para algo un é da profesión. E así seis veces. E digo eu, logo non podían poñerme a Quinta Sinfonía, o mesmo tempo chegaba para escoitala enteira?
Pero quedéivos moi contento, tan contentismo e aloulado que me esquecín desta outra dadiva/regalo: Tamén 500 minutos o finde, e cincuenta á móbiles de balde durante a semana. E non paraba o paisano, porque era un home, non pensedes mal. A miña cabeciña, que non para, xa comezou a pensar que nos ían agasallar coa viaxe a Benidorm para a semana que vén, agora que a acabamos de pagar a T.Cotelo. ¡E pensar que chamei para que me quitasen os 0,50 do Buzón de Voz!


-------------------------------------------------------------------------------------------


P.D. Esquencínme de novo: Un cuarto de hora despois, unha voz de señorita moi fina, pero en off, por suposto, preguntábame se había quedado contento coa atención por parte deles. De ser así, que a valorase do 1 ao 10. E dinlle un 10, nunca aprenderei.

miércoles, 7 de septiembre de 2011

POR QUÉ NON FACER ESCOLA DA NOITE?


Así como ledes, pero facendo eu de mestre e aos da miña xeración, pois de cotío me din que non entenden o galego. A verdade que lle collín tanta teima no de estudar agora á miña idade, que, ata teño gañas de ensinárllelo aos meus compañeiros da escola. Mellor dito, da escola que non tivemos. Mais iso si, en plán ledo e pavero. E coido que algo aprenderíamos todos.
Dende que comecei con este mester, decateime que un filólogo da nosa lingua sempre se desenvolverá mellor mundo adiante que un graduado escolar por moito castelán que fale. Foi unha das cousas que máis me abriu os ollos, pois, eu tamén pensaba que non era así.
A prol disto vemos a miúdo que cando fondea un iate na Ría e veñen a terra por exemplo, ingleses ou franceses, deseguido vemos que aínda sen falar español saben andar polo mundo, pois case sempre se ve que son xente con estudos no seu país de orixe.
No concernente a isto, gardo como un meirande tesouro, os artigos de D. Víctor Freixanes que cada semana publica a Voz de Galicia. E vexo con pasmo que emprega os mesmos termos cos que nós falamos, coma se fora un cormelán máis. E dicimos que non o entendemos! O que non entendemos é o castelán por moito que nolo pareza. Se un non entende a lingua que fala, mal pode entender a que non fala.
Hai verbas de nosa fala que por moito que queiramos non teñen traducíón ó castelán respectando o seu verdadeiro sentido:agarimo,aloumiño,señardade, saudade, morriña, celme, acicaladas e un longo, etc. Poñendo un exemplo temos como o poema máis lembrado de Rosalía é Negra Sombra, ela que cáseque escribiu todo no castelán da época, pero castelán.
En base a este exemplo, esta mesma semana decateime disto cando unhas madrileñas me viñeron dicindo que non entenderan a semblanza que fixen d´Os Maravillas (Calixto e Ramona) na Praza do Pan. De seguido me puxen á tradución e xa a rematei. Ben, pois a tradución dame un ataque de risa en castelán por moito interés que puxen e a golpe de diccionario. Tal é a cousa que casemente non me atrevo nin a ensinárlles o traballo.
Volvendo ó profesor Freixanes, que non me diga ninguén que non entende estas súas verbas que eu vou escollendo: “Os vellos veñen fardados de domingo”. “En sendo eu mozo”. “Ela é teimosa”. “Neste mester, ela esixía”. “Os alumnos atuaban ó mestre”. “En que lerios andamos metidos?”. E así podería seguir con estas frases que as entende o máis estulto. A min cáeme a baba léndoas.
En conclusión, o “escolante” xa o hai, e de balde, somentes faltan os alumnos para a escola da noite no preto inverno.
P.D. Que ninguén pense que se me subío á mollera o de mestre, aínda teño os pés no chán. É unha maneira de aprendermos todos, e, eu o primeiro.

domingo, 7 de agosto de 2011

CORME, COMA TI NINGÚN




Co permiso de José Rey utilizo esta súa foto que me enche de abraio.
--------------------------------------------------------------------------
Cada día estou máis namorado do meu Corme, non teño que facerlle, e este ano a pesar do tempo, pois santo do mesmo, aínda parece que hai máis ambente.Levaba anos sen desfrutar tanto da vila que me veu nacer, e agora dende o novo peirao unha nova ilusión parece espertar, non solo en min, senón en todos os nosos veraneantes, asíduos eles que xa forman parte da familia cormelán. A verdade, todo o que vén unha vez queda enganchado de por vida. Ata dá máis devoción ir á misa ós domingos, Deus mo perdoe se peco. E xa te saúdan pola rúa coma un máis do pobo!E que sei eu como vos vou comentar este meu namoro de vello. Cando penso que de rapaz, calquera outro pobo da bisbarra me feitizaba! Sería o saír do cascarón, coma tódolos púberes. Ata que nos decatamos que non, que coma a nosa vila ningunha, sen menosprecio, por suposto, das demais da comarca.Agora temos o froito do noso traballo da Asociación de Veciños: O Xardín Vello, como se adoita chamarlle. E velaí, onde as vilas máis pretas non teñen esta xoia, pois, realmente xa parece unha alameda. Mesmo dá prace ver ás parellas facéndose garatuxas e aloumiños á sombra destes plataneiros e palmeiras que hai uns 40 anos tiven o gusto de prantar con sacho e pá. E dicía eu naquel entón: Chegarei a velos frorecer? E cheguei.Tampouco sei o porqué, ou mellor dito si o sei, pero os nosos cruñeses cada día botan máis de falta o ar do seu Corme. Veñen a finde e van cos pulmóns ateigados. Aproveitan as pontes cada día con máis devezo. E que dicir dos nosos rapaces cruñeses, estes reviven no pobo que os veu nacer.Corme ten futuro, meus, nunca o pensei. Non, non é un futuro industrial, é un futuro de agarimo, de raiceiras, de morriña, de unha idiosincrasia senlleira. De apelidos propios con raíces lonxevas, algo tan sinxelo, pero que non é tan doado atopar.Sentade fronte ó ordenador, premede nesta foto e sentiredes un formigueo, isto no é unha vila, mesmamente parece unha cidade. Ai, meu Corme, coma ti ningún.