sábado, 9 de mayo de 2020

"A ROMÁNTICA ALAMEDA DE CORME"


“A ROMÁNTICA ALAMEDA DE CORME”
Se dalgunha cousa podemos presumir os cormeláns, é de ter a segunda alameda de tódalas vilas da Costa da Morte. Porque coido entender que a de Cee, quizais sexa a máis anterga, preto da Igrexa e antaño praza principal. Nela toquei  en sendo neno, con 13 anos coa nosa Banda,  cando aínda o mar chegaba ao mesmo adro.
Mais, volvendo á nosa, á de Corme. Foi unha alameda que comezou coa iniciativa veciñal, como todo o que se fai neste pobo. E velaí como dou o seu froito: de aquel vello xardinciño chegamos a esta fermosa alameda da Costa. A este xa centro de esparcimento ollando a nosa Ría e de obriga parada a cantos visitan a nosa vila pra sacar a foto de recordo.
Aínda lembro a mañá do 24/F. Aquela mañá, cando aquel triste acontecer do día antes chegaba ao seu fin no Congreso, nós estabamos plantando a terceira palmeira comezando pola Estada coa radio  pegada á orella. E abofé que saiu rechonchiña a devandita palmeira. Debíu ser en lor do día e da hora! Ata debía ser bautizada co nome dese día.
Mais para chegar a este fermoso xardin, que como digo é o senlleiro da Costa ata Cee, antes tivemos que plantar centos e centos da árbores que non foron adiante por mor do chán de recheo ou dos salseeiros do preto mar.  ¡Mais, que vista á nosa Ría e todo Cabana tomando a sombra!
Pero a cousa valíu a pena, porque, quizais naquela data nunca eu pensei en chegar a ver as palmeiras con esta envergadura por mor dos salseiros en inverno do mar e plantadas en recheo pedregoso do peirao, que non terra. E velas aí están formando a consabida alameda para darnos sombra no verán e ledicia incluso durante o inverno.
Moitas veces penso: ¿Cantas parelliñas se declararían ao longo destes anos e ao socairo das nosas árbores? Porque decídeme a verdade: ¿Que mellor ca un xardín pra darse o primeiro bico? Ou sexa, romanticismo na súa propia esencia. Porque unha declaración de amor, tamén necesita un pouco de ar fresco, pra non chegar ao sofoco, que non é pouco.
Antes, os da miña xeración nos declarábamos no salón Miramar. E co ruído da orquestra tocando. Pero tocándoche o mesmisimo e facéndoche a pascua pra dicirllo no oído á rapaza que che quitaba o sono. E a golpes e empuxóns dos mal bailantes ou quizais cando as marcadoras do compás eran as mozas. Se algo non sabemos os homes, o de homes é un dicir, é deixarnos levar bailando por  unha muller. 
Ante isto, xa daquela quedaba moi claro quén iba mandar na casa despois de pasar pola vicaría. E así estabamos tremendo ir ao chan do salón. Con tanto nervio, así tropezábamos uns contra os outros e cada domingo, alguén viña cun pé machacado.¡ E sen poder declarse como Deus manda!
E todo, porque non tiñamos alameda pra susurrarllo no oído e escoitando como as ondas do mar de Corme baten contra o “Petón das Gaivotas”, popularmente coñecido, aínda que o seu nome oficial seica é o Biscoiteiro. Así a cousa, que, un bico pide outro e seis son media ducia. Pero postos ao conto e  con tanto arrumaco, que sexa unha ducia. Coma os ovos aos afillados na Pascua.
Ai, quen fora mozo de novo para declararse na nosa alameda á  penumbra das farolas envoltas nas follas de palmeiras e plataneiros! Aínda que ben pensado, antaño tamén servía a Furna do Osmo para tan grato mester, pois, a Furna tamén ten o seu encanto, feitizo e embruxo. O problema era a ver quén levaba ate alí unha rapaza para declararlle o seu amor.
Así que meus, por fin arranxamos o problema das parellas. Que non era pequeno polo de arrexuntarse. E para máis, xa pretos da nosa Igrexa polo de dar remate á cousa. Ou sexa: o sí quero. E co bico do cura moderno ao pé do Altar, non como vos contei o do meu casamento. Que quedei sen el. Sen o cura non. Sen o bico da miña voda, perdón, do meu casamento.
Mirade vós logo,  senón foi cousa boa esta nosa alameda. Non solo dá sombra senón que tamén inspira ao amor baixo a súa arboleda!. ¿Pero  que dixen, riba das árbres, ai como tou?. Claro, pra subir hai que ter 15 ou 20 anos. E agora, nin á banqueta cando hai que cambear unha bombilla. As cousas ao seu tempo. ¡E os namoros, na nosa Alameda!.

No hay comentarios: