miércoles, 16 de julio de 2008

Presentación





Benvido ó meu espazo.
Son Jesús Méndez Torrado -Suso de Basilio- teño 64 anos (7/2/1944) e, a miña profesión é músico.
Na miña vida social, fun presidente/fundador durante 15 anos da A.V. Eduardo Pondal de Corme, e outros tantos como fundador/director da Coral "Brisas do Mar" tamén cormelán.
Ao mesmo tempo tiven a prace de dirixir a coral Oliveira de O Couto (2003-08). Dende o 2003 dirixo a banda de música Eduardo Pondal e a escola municipal de Música do concello. Por este motivo deixei as corais no 2008 debido ao estrés acumulado con tanta obriga. Xa dí o refrán: Moito e ben, non o fai ninguén.
Coma calquer rapaz da postguerra, tiven unha escola do máis precario; só polas mañáns e dende os 7 ata os 13 anos, que o mesmo ca outros moitos tiven que deixar para saír -no meu caso- ó mundo musical na banda de meu pai Basilio.
Os nosos libros eran as "Cen figuras españolas" (que nos poñía o mestre e logo os recollía) máis unha enciclopedia editada por Edelvives de Zaragoza no "III Ano da Victoria". Todo iso compensado cunha libreta e unha pizarra, que cando rompía tiñas que seguir con ela ata o final escolar.
Como 1ª norma, estábanos vedado falar galego. Agás que, este era o castelán:"Don......, este niño me "pejó"; "Onte no vine a la escola porque fun apañar correjada y jolfe"; "Rompióme el pizarrilo en cuatro anacos"...
Logo ós sábados, toda a mañá relixión. Pero isto non era a mágoa, o ominoso era cantar -e desfilando- dende o Alto da Costa o "Cara el Sol" e outras que xa non lembro. Grazas a Deus que eramos uns púberes e como tal, non sabíamos de que ía, nin falla que facía. Non vou falar dos castigos, pois sería remexer lembranzas de tristura.
Unha vez saído da escola pública, comecei ás tardes a pasantías co mestre do Pósito onde case me fago patrón de costa sen querer, pois todo alí eran clases para ese fín. Pero non, o meu destino sería o de músico, primeiro á forza e logo con agarimo.
E sigo falando de escola para dicirvos que agora -cos anos que teño -estou asistindo a clases coma un rapaz pequeno. ¡Non imaxinades a ilusión que me fai! Dalgunha maneira quedoume mágoa de non saber máis, sobre todo da nosa lingua galega. É por iso polo que estou ousando porlle proa ó Celga-4, algo que me fai moita ilusión. Caso de acadalo, sentireime -como se soe dicir- "realizado". Non obstante, aprobe ou non, seguirei estudando mentras poida.
¿E sabedes porqué quero estudar agora? Porque no ano 2006 gañei o 1º premio do Instituto de Estudos Bergantiñáns, na súa VII edición, polo meu traballo: A música en Corme.
Porén e logo de acadar este premio, sentín vergoña de non ter máis escola. Foi entón cando entrou en min unha teima de cando menos saber o básico á hora da escrita.
_________________________________________________________________
---------------------..............................................--------------------
Decatarédesvos que me prace escribír. Pois é certo. A verdade sexa, é unha maneira de botar fóra o que un leva dentro e -ó mesmo tempo- de comunicarte coa xente, algo de degaro dende que o home existe: a comunicación. Pero a miña teima de escribír é na nosa lingua, quizais porque de rapaz non podiamos facelo na escola, tal como antes citei.
¡Canta xente dí de cotío!: "eu non sei ler galego". Eu sempre lles resposto: "logo, sabes ler todo que vén nos xornais en castelán?". E quedan maxinando, ata cando se decatan que..., tampouco. Eu sempre lles digo ós meus achegados que escriban tal como falan. O mesmo consello que a min me deron. E xa está, así de sinxelo. Logo sorrín, malia que quizais non ousen tentalo.
De vez en cando, dáseme por mandar ós xornais algún que outro artigo e, sempre falando do "noso Corme", como adoito chamar de cotío. ¿Pero, non sabedes a mágoa: Que a xente vén logo e ponme a caldo dicindo que non entende o escrito; que o faga en castelán. ¡Pero xa sei o que vou facer! Dagora en diante vou intentar escribí-los de maneira que ningún lector perda unha soa palabra. Sempre se vai aprendendo á forza do tempo. "Ninguén nace aprendido; o non saber é de homes", escoiteille ós nosos devanceiros máis dunha vez.
.----------------------------.....................................------------------------------------
O dez de agosto deste ano 2008, saiu do prelo e foi presentado o meu libro:
A música en Corme.