jueves, 25 de septiembre de 2014

OS REMEDIOS, UN DÍA FELIZ


Ola meus: Despois de tanto tempo sen escribirvos, tiña que ser a química musical de onte coa miña banda na festa dos Remedios, a que hoxe me dira pulo para porme a teclear.

Pois iso, que onte tiven un día feliz por poder tocar no meu pobo, un pobo no que sempre me chaman, pero por compromisos adequeridos de antemán noutras vilas da comarca non podo aceptar o de tocar en Corme tódolos anos.

A verdade que non atopo verbas para transmitirvos a ledicia que pasei cos pasarrúas e máis tarde coa procesión percorrendo todo o pobo. E que dicirvos das pezas de "volta da misa" como se adoita dicir, algo inesquencibel. Soubéronme a pouco, estaría unha hora máis, agáx que a orquestra tamén tiña que facer a súa labor e o reloxo non para.

Hai aplausos e aplausos. Velaí onde os do pobo que me viu nacer me saben a máis, sen menosprecio das demais vilas onde tamén me criei de rapaz. Somentes sinto que os nosos cormeláns ausentes non estivesen ao meu redor, pero son datas de colexios e traballos que non perdoan as festas en días de semana.

Así foi como no pasarrúas/alborada por todo Corme, a maior parte das fiestras estaban pechadas. Xa non estabades todos. E vós sofrindo na vila e eu sofrindo por non ver o voso sorriso pola Paxariña, a Riloa, a Fontiña, o Gafote, a Arnela, O Campo, O Río da Roda, a Calle, a Ribeira ou Debaixo da Capilla.

Pero unha das cousas que máis me estarrece é o de tocar o Himno Galego diante da nosa Igrexa, cando o Alzar da Misa. E logo veu na procesión  polo Río da Roda (onde mellor soa), A Saeta, de Xoán Manuel Serrat, que eu arranxei para a nosa banda, algo que fai estarrecer.

E así foi, meus, somentes quixera con estas verbas facervos sentir aos que non estivéches como foi a festa dos Remedios en un día de auténtico verán. Ou sexa, facervos sentir a ledicia que eu pasei tocando no noso Corme, onde xa me contrataron para o vindeiro ano. Saúdos. E grazas a todos aqueles que me diron o seu práceme sen esquecer os aplausos que foron de tódolos presentes.