domingo, 18 de septiembre de 2011

CHAMADE A TELEFÓNICA, PERO EN GALEGO


Hoxe e por non atopar aló moito de que escribir, e reláxame un montón, vou facer unha limpeza da miña oficiña, por chamarlle algo. Dicía a finada de miña nai cando vía as cousas amoureadas sen xeito nin dereito: "Esto parece unha esterqueira”. Mellor definición imposible, isto é unha esterqueira. E sóbrame espazo para montar as oficiñas de Corméndez & Compani S. A. o día que me toque a primi! Porque o presi xa o hai, as oficiñas tamén, teléfono con ordenata idem e andeles sobran para os arquivos.
Pensando nisto, antonte chamei a telefónica polo vencemento dunha oferta, e, mirada vós se están de pernas abertas que me rebaixaron a tarifa cinco €. Amais diso, que me aumentaban a dez megas a cousa. Ou sexa, báixanche cinco e sóbenche dez. Xa non sei se este é o teorema de Pitágoras ou a báscula da cáneba dun tendeiro vello.
Malia que nunca diron os pesos a catro pts., dicía tamén miña nai. Así a cousa, eu penso que as ditosas “meigas” aínda mas escaquearon, pois, dende o xoves, o día de autos, isto vai máis lento ca unha tortuga vella con reuma, colesterol e artrosis.
Ai, pero a "atención al público” é fóra de serie. Sáeche a voz dunha moza sudamericana, que, con tanta distancia e pensando que é unha mulata, la mar me deixe se a escoitas: “Diga con voz bién clara lo que desea D.Jesú”. E ti intentas poñer ben os catro cabelos que che quedan na molleira, non vaia ser que ela te estea vendo, mentres dis con voz fina: “Facturación y ofertas”. “Ahora con nueve cifras, diga el nº para el que desea la gestión”. E de repente quedas obnulizado e non te lembras do teu nº pensando na morena do outro lado do Atlántico. Como se non souberan o meu nº que o teñen na pantalla! “Ahora diga: “Si desea ser atendido en castellano, diga con voz clara: Castellano". "Se desexa ser atendido en galego, diga ben claro: Galego”. E ti coma bo galego, pois iso: Ghalegho. E escoitas de novo: “De seguido lle pasamos cun comercial, non se retire”.
E comeza a soar: Para Elisa, de Beethoven, en Mi menor, que para algo un é da profesión. E así seis veces. E digo eu, logo non podían poñerme a Quinta Sinfonía, o mesmo tempo chegaba para escoitala enteira?
Pero quedéivos moi contento, tan contentismo e aloulado que me esquecín desta outra dadiva/regalo: Tamén 500 minutos o finde, e cincuenta á móbiles de balde durante a semana. E non paraba o paisano, porque era un home, non pensedes mal. A miña cabeciña, que non para, xa comezou a pensar que nos ían agasallar coa viaxe a Benidorm para a semana que vén, agora que a acabamos de pagar a T.Cotelo. ¡E pensar que chamei para que me quitasen os 0,50 do Buzón de Voz!


-------------------------------------------------------------------------------------------


P.D. Esquencínme de novo: Un cuarto de hora despois, unha voz de señorita moi fina, pero en off, por suposto, preguntábame se había quedado contento coa atención por parte deles. De ser así, que a valorase do 1 ao 10. E dinlle un 10, nunca aprenderei.

No hay comentarios: