jueves, 22 de septiembre de 2011

AS NETAS DE D.CASTO.

Do meu persoaxe:Corme Cháns Cousillas. Século XII



----------------------------------------------------------



Mirade vós como é a vida que: “fanas os bacaros e páganas os bacoriños”, dí o refrán. O conto ben sendo que Castito, como así se coñecía no pobo por ser “hijo de quién era”, casara cunha comenencia de Deus sabe onde, e vivían na mellor casa do Campiño. Ela a dicir verdade, non era aló moi eleuta, dicían as mulleres, pero a paxusmeira tivo dous partos de xemelgas que case non atoparon padriños á hora de bautizalas.
Tamén falaban as malas línguas, que sempre houbo e haberá, que D. Casto o cazique do pobo, desfogárase nas súas pobres rendeiras. Agora o fillo Castito, “desahoghábase” na súa muller. Máis lle valía, por algo seu pai quedou sen un ollo.
As nenas foron medrando, coma tódolos demais rapaces e abofé que non eran nada feas, pero “la mar me deixe” senón debían semellar ó seu avó. Na cara non, no..., xa entendedes. Elas disque non cobraban, esa era a diferenza co seu volito, aínda que seu pai seguía cobrando as rendas e vivindo á conta da pobreza.
Xa mociñas e coa chegada do verán, virades ás catro rapazas na praia do Osmo! Tamén fora un ano de moita sequía por mor de tanto sol. E os corpos fervían daquela o mesmo cá agora. Elas foron as primeiras do pobo en ousar bañarse naquel tempo que para as mulleres era pecado mortal. Agora ben, por algo eran “las nietas de D. Casto”. Ai meus, da mesma maneira cá o avó foi polas súas rendeiras, velaí a cousa que os seus rendeiros fóronlle a polas netas!
¿Lembrádesvos daqueles catro churumbeles que cando naceron fixeron tremer ás nais e ás avoas do Porto? E xa maxinades polo que tremían as nais: por se semellaban a seu pai. Pois, non se engañaban moito porque: “ou nas mans ou nos pés, ás semellar a quen es”. E semellaron e sentaron, ou máis ben deitaron, ás da “alta alcurnia”. “Ai que sorte, siquera pican polo máis fino”, dicían as nais desafogadas.
Eran os mesmos: os fillos de Tío Xoquín, o Chosco. Nin máis, nin menos! Os catro tan semellantes na cara que non os recoñecían nin súas nais. E cun pouco tangaraño nas pernas, ou sexa, algo trencos. E os catro facendo honra a seu pai: quentes coma o lume do inferno. Dicían as meigas- pois daquela xa as había- que moitas veces ía un no sitio doutro coa mesma rapaza e nin elas se enteraban. Tampouco querían enterarse. ¡Eran tan igualitiños!
Outras veces na Furna do Osmo, armaban –mellor dito montaban- un fornicio de “entrecambio” con elas. Dicían eles que inventaran con elas iso que agora lle chaman unha “forgía”, ou algo así. E os rapaces pequenos espiando desde o Mal Paso da Furna. E os curas falaban entreles: “¡Que pecadosas!, de casta les viene a las Castitas”.
Anos antes, as pobres do pobo petaban no postigo de D. Casto para ir pagar “como podían”. Agora, os pobres xemelgos, sen petar, entraban pola fiestra da cociña, uns pasos máis abaixo de onde o fixera seu pai, Q.E.P.D., coa tía Arumiña. Mais non ían pagar o aluguer co seu corpo, senón que “viscisversa”, co seu corpo o aluguer quedaba pago.
Pero despois do verán veu o outono e logo o inverno. ¡Ai que inverno, aquel si que dou que falar! As catro fillas de Castito e netas de D. Casto comezaron a florecer moito antes da primavera. Ou sexa, que, o fornicio no solsticio ventaba traer paricio.
Aquel inverno as rapazas do pobo non poideron saír da casa nin por azafrán para vermellar o guiso. Perigo total, dicían as nais. E os pais: “Ouh muller, por María Santisma, que non salga a nosa filla fóra da casa, con eses catro fogueteiros ceibos por aí”.

E así as pasaron canutas tódalas mociñas do pobo. O Campo, a Calle e a Ribeira semellaban un cabazo sen millo, nin rato. Neste caso, nin rata, pois, sen mozas tampouco había mozos. Como moito á misa, pero entre os avós. E as fiestras comezaron a enreixarse en cada casa onde había unha filla. Os ferreiros non daban mans. Moito chiste, pero…, quen máis quen menos non pegaba ollo de noite. Nin no tempo dos roubos houbera tanta vixiancia!
Un domingo despois da misa, o crego da parroquia mandou aviso ás catro parellas pra que subisen pola tarde á rectoral da Aldea. Aquilo non podía quedar así e mais naqueles tempos. Pero a cousa tivo pelos, ningún dos oito sabía cal era o seu nin a súa. Seica foran arreo. Ata que o cura cortou polo san: “Mirade una cosa, al fine y al cabo sodes cuatro hermanos de las dos partes y llevades la mesma sangre en las vosas venas. Así que, voi poner en la mi mano unos numeritos y cada uno de vós sacades uno. Ellas estarán con le número del uno al cuatro y cada uno cogerá la suya futura esposa. Se non hai acuerdo vos excomulgo a todos fóra de la mi parroquia”.
Miráronse entrelas e, “mecághon la leche”, calquera sabía agora cal deles sería o pai da súa criatura. Eles tamén miraron, miraron as barriguiñas delas e quedaron “abertos do peito”: “Carallo, nós que fixemos?” Elas, as pobriñas sospiraban coa cabeza baixa, ó fin e ó cabo tanto lles tiña xán coma pericán, o asunto era saír do apuro. Total e ben pensado, os catro eran igualitiños! Non diron pío ata que o Crego ditou orde: “Veña, a escogerdes cada uno la suya que hay que hechar las amonestaciones el venidero domingo”. Eles coñecían a cada unha delas. Pero elas a eles?
Sentou as parellas por separado e mandou chamar ó barbeiro do pobo: “A este, a Aurelito, le cortades el pelo a la cunca”, “a Paquito al rape”, “a Venturito sen perrera e a Eladito xa se le conoce por los dos remuíños”, sentenciou. “E por la tarde facer los cursillos matrimoniales sen faltar. E nada de caer nel sexto mandamiento hastra la vuestra boda”, dixo o crego tusindo, pois, iso non o cría nin el con aqueles “fornicieros”, como lle chamaban os curas da táboa. O problema non era caer, o asunto era que non se erguían de riba delas.
Quince días adiante chegou á Calle a carrilana semanal e baixou un vello de moito postin. Ninguén o coñecío por mor do chapeu ata as cellas e a bufanda tapabocas. Cun caxato nunha man e na outra a maleta, no Río da Roda virou Campiño abaixo. Pero o ollo esquerdo tapado cunha tercia de coiro fíxo cavilar axiña ás caviladoras: “Ai carallo, que é D. Casto…!”, dixeron cunha man no queixo e a outra debaixo do mandil.
Levaba uns 16 anos fóra e viña chamado polo seu fillo para axudalo no arranxo de buscar vivendas ás súas netas. E porvir ós seus netos políticos e futuros bisnetos. Pero na carta, o alifáfaro Castito non lle dixera toda a verdade a seu pai, D. Casto cando vío ás netas e soubo quen eran os noivos botou a mascada. Iso si, dixo que era o mareo pola viaxe.
Un més adiante os catro noivos diron o “si quiero” sen malditún zolás. Ai, pero no de: “prometemos ser fieles ata que la muerte nos separe”, xa non foi así a cousa, miráronse de reollo e rosmaron algo en voz baixa. As noivas, xa nin rosmaban, ollábanse entrelas, e limpaban a suor co pano da cabeza.
De padriños, D. Casto con Clotilde (Arumiña) e Castito con Claudomira (Agapita), as nais dos de marras. E logo dúas parellas de mozos que se prestaron á ocasión por falla de familia. As amizades voaran por arte de “birle-birloque”.
Despois dun xantar no Rancho do Campiño mesmo en fronte á casa dos Castos, os matrimoniños foron indo cada un para cadansúa casa das moitas que tiña o vello. Logo, dúas lanchas novas da Telleira para cada dous deles! “Lo que uno tiene que ver antes de morrer”, dicía D. Casto dando o Nombre del Padre. E iso cun ollo solo.
“Diolo queira que non teñan xemelos, pois, elas xa o foron, eles tamén, e, contan os vellos que iso é “herditario”, dicían as agoreiras pelando as canexas no potin da cañeira da porta. “Muller, chegha con ver esas barrighas. E Dios queira que non lle veñan cuatrillizos ó andaren cos catro irmáns”, dixo outra quitándo unha galada co dedo gordo. “¿Vós logho non sabedes que A Pendeja solo parío un e deitouse con seis o día de San Hadrián?”, terciou outra. “¿Vítelo ti, porque aquel día á festa non chegátes e do Porto saíches, naverdá?”, berrou a menos rexubeira.
Entre pitos e flautas ( non pensedes mal, é un dicir) veu o maio das flores coa forza da primavera. E foron chegando os paricios de tales auspicios. Cada unha foi tendo dous xemelgos, e, menos mal que parío unha cada semana.



----------------------------------------------------------------
Eu Corme, o que isto vos conto, pillara unha gripallada no més de abril e estivera uns días na cama. “¿Así que fotes ti quen lle quitou o ollo a D. Casto, non?”, espetoume Carmen unha mañá almorzando. Coa cunca na man e a culler na boca atraganteime e tusindo, as sopas esfungalladas saíronme polo narís. “¿Pero Carme, quen che dixo a ti tal cousa, muller?”. “Ti, meu home, coa febre esvaliáches e soñabas en voz alta que querías quitarlle o outro ollo a D.Casto, pois dixera el que aínda vía de máis. Despois, viñetes cara min e…, senón me aparto…, quedo eu torta”.
Eu pensei que me ía petar e fun recuándo no tallo contra as portas da despensa da salga. Pechei os ollos ó ver o coitelo en riba da artesa e vinme home morto. Carmen, cun trapo limpoume as fungallas dos beizos e maxinei que sería polo de borrar as “ghuellas” ou pra que fora un morto bonito. Xa sen alento sentin os seus labios contra os meus. E quedei patateso con aquel bico de tornillo. Debe ser o bico que me dá antes de morrer, dixen pra min.

“Nunca pensei que me quixeras tanto, meu Corme”, escoitei e fun abrindo unha mingalla as pestanas. Dixérame meu irmán Hadrián: “Corme, as mulleres “sonche moi sen vir ó caso”, se un día che manda baterte do Carral en baixo, percura que sexa desde a Fonte, haiche menos altura”.

No hay comentarios: