miércoles, 11 de enero de 2012

CONTOS DE INVERNO.UNHA NOITE DE TRONOS



Fora unha noite de inverno con lostregos e tronos, cando a que me levou ó Altar, (mellor dito, fomos cada un polo seu pé) contoume namentres moceábamos no tallo azul do pasillo que, cando tiña catro ou cinco anos, correra detrás da súa gatiña que lle fuxira prá casa dunha veciña vella e viúva e, namais entrar pillou escaleiras arriba namentres a vella lle berraba: “Baixa miña miguiña, baixa que está o cocón enriba no faiado”. “¡Pero eu non baixei”, díxome ela. “Cheguei ó sobrado e quedei abertiña do peito en tal ver”, contoume. “¿Logo que víches?”pregunteille. ¡Pois..., un tallo de matalo porco con pingueiras resecas de sangue. ¡Que medo Suso! ¿Pero quén estaba no tallo, o difunto do home? ¡Que va ho, estaba cuberto duns billetes que eran verdes e ó sol da ventana, debía ser prá que non varolásen!
“¿E non pilláches ningún habendo tantos?”díxenlle. “Cando quixen botar man a un manoxo, sen saber o que eran, pois nunca un vira, sentín outras mans que me apretugaban a trenzas e un pano negro tapoume os ollos”, seguíume contando.
De repente un lostrego deses que fan ano co seu correspondente trono, fíxome poñer a pel de galiña. Foise a luz de Jallas e cheo de medo comecei a apalpar coas mans se estaría o esprito da vella debaixo das baldas do tallo ou en col del.
E vaia se a estaba, paseniñamente sentín como outra man moi arrefriada premía na miña esquerda, xustamente a do lado do corazón que xa case non latexaba. Outro lostrego e trono, e aquela man fría que non me soltaba, ata parecía que me estaba botando a boaventura. E os pés, ai os pés!, xa non os sentía e o cabelo estaba máis irto que ós domingos con gomina.
“Suso, quedáches sen fala ou qué?”, preguntoume ela. “Non, non sei, pero hai unha man riba da miña que me fai cochegas, debe ser a da vella, aínda que…, esta non ten engurras, é un pouco máis dociña, pero eu morro con este abafo”, dixen case expirando.
“Que non ho, que é a miña man, pois a vella xa morrío hai moitos anos. Aínda que eu tamén teño medo, non debín contar este conto nunha noite así”, díxome na penumbra coa voz reseca de medo.
Por fin unha véla comezou a alumear na cociña. Falla facía, pois, eu xa non vía! Tampouco podía ver, estando ás escuras. Mirei de reollo e vin que non era a man da vella. Comecei a sentir un alento de quentura ó través da man dociña. ¡Ai, o corazón veu vindo de seu, xa palpexaba!
Pero isto non foi nada, a luz de Jallas non volvía e uns minutos despois tiven que pillar camiño. Ou sexa, que me puxeron na porta sen máis miramentos, non fora o demo que falara o mundo! O medo era tanto aquela noite de tronos e bátegas de auga que estiven a piques de quedar no cabanote acubillado, despois de todo non tiñan can. ¡E pensar que no cuarto pequeno estaba o berce de cando ela era pequena¡ Pero tampouco, tamén podía falar o mundo e pillei camiño. E digo eu, o mundo se non ten de quén falar pois, quedaría mudo.
Nunca fun aló moi deportista, mais aquela noite coido que batía o récord dos 3.000 mtrs.( 3 kilómetros). Abofé que cheguei a Corme cos pés quentes. Espetado na almofada soñei esperto coas dúas: coa vella do tallo do porco que non me deixaba pegar ollo. Ata que coa miña bella quedei durmindo. (O de con ela é un dicir, cada un na súa casa). Non hai dereito meus, unha noite así non se pon a ningúen na rúa.
Recordo que pasando As Forcadas xurara que nunca máis volvía. Ata pola mañá que o pensei mellor, pero como aquel día non era de mozas ó día seguinte xa volvín. Esa noite estivera estrelada, agáx que..., non marchou a luz!



jueves, 5 de enero de 2012

O CONTO DA NOSA RAÍÑA, DONA URRACA




LENDAS UTÓPICAS
NA HISTORIA DE CORME
Dende pequeno, a xa chovío, sempre fun escoitando dunha xeración noutra a lenda de que tivemos en Gondomil unha raíña chamada Dona Urraca. Pero as lendas van medrando en fantasmada ata acabar de crelas nós mesmos, e máis en pobos e aldeas.
Non foi así a cousa, meus, pois estou dende hai anos pescudando na historia de Corme e nin tivemos raíña nin falla que fixo. A verdadeira raíña fora Dona Urraca de León e Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso VI no ano 1.109 cando tiña 28 anos e xá viúva e con dous fillos. Según contan dela, a rei morto, rei posto, infidelidades aparte.
Tamén debíu ser ela a que inventou a frase de: La viúda llorándo, marido está buscando. Pero Dona Urraca xa non esperaba a enviuvar, era moi, pero moi precavida. E fixo ben, miña Raíña, pois morreu con 45 anos e foi o que levou deste mundo. Un ano antes, aínda pariu un fillo, froito de un de tantos amores que pasaban pola súa habitación. (Léase a súa historia).
Como queira que fose, foi a partir do seu reinado cando o feo nome de Urraca comeza a ser fermoso para toda a nosa “nobleza”. En chegando a novidade do nome da tal raíña ós pobos, veña a bautizar Urraquitas nas jett-set da época. ¡Ata as mellores peras dos froitales tiveron que levar o seu nome de por vida!
Así foi como na nosa comarca a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno, non quixo ser menos e tamén bautizou en Laxe á tal Dona Urraca de Moscoso y Castro no século XIV. Ou sexa, aínda tres séculos despois no remate da época medieval. Máis xa aparecen nesta familia tantas Urracas como as peras do mesmo nome cada primaveira. Esta familia foi a que erguíu a Igrexa de Laxe e contaban ademais co título de Condes de Altamira.
Como vemos logo, os novos donos de Gondomil aínda conservaban séculos adiante o apelido Moscoso. Sen dúbidas creo que efectivamente as casas nobres de Gondomil foron erguidas por esta nosa “nobleza” feudal da época. Pero de raíñas nada, condesas e menos mal. ¡ E de boa se libraron os nosos retartaravós con tantas loitas polo poder de terras, castelos e fortalezas! De habermos tido raíña, nós non estaríamos aqui hoxe contando o conto. En certo xeito, a beiramar non lles era de grande interés ás nosas extinxidas xerarquías.
E así vamos acadando máis datos coma este de 1.698: “O Mosteiro de Sobrado afóralle o lugar de Gondomil a D.Antonio Moscoso e Caamaño, emparentado co conde de Altamira, aínda que o señor da casa fidalga de Gondomil era nese tempo D. Antonio España”.
Oito anos adiante, no 1.706 érguese en Gondomil a Capela e Santuario a San Antón de Padua, erixida por Thomás de Monroy, arcebispo compostelán. A nobleza sempre tivo capela de seu, debían desgravarlle á Facenda no tempo da Declaración da Renda.


lunes, 2 de enero de 2012

AS PESQUEIRAS DA ILLA DOS CAGALLÓNS

Nota:Premendo na foto, a Illa dos Cagallóns é a da esquerda preto do xungal do Couto. Á dereita é o Monte de San Sebastián- Neaño.


Foi durante a alta Idade Media cando varios veciños de Corme e O Couto -a quén estábamos moi vencellados por mor da mesma feligresía- decidiron idear unha nova arte de pesca, pero sen mollar coma quén dí, os xeonllos, pois calcetíns non había aló moitos.
A cousa viña sendo que entre a Illa dos Cagallóns no baixo Currás, e o Monte de San Sebastián en fronte, pero no concello de Cabana, era e segue sendo o punto máis preto entre as dúas beiras do Baixo Anllóns e onde comeza o esteiro da Barra.
O invento consistía en deixar subir a marea e logo largar, dende unha beira á outra, un trasmallo que lle chamaban pesqueira. Así, co devalo da marea, o peixe quedaba pescado, e nunca mellor dito. Mirade vós como os nosos devanceiros non tiñan un cabelo de tontos, sobor de todo para o tempo de inverno que meirande inxeño e sen ningún perigo. Debían ser dos meus requeretartaravós Méndes, pois, a auga nin vela, se o saberei eu !
Malia que as sociedades nunca foron a lonxe, valga a redundancia, pois xa é refrán vello. Así as cousas, unha mañá apareceron os trasmallos esgonzados e velaí a culpar uns aos outros, aínda que as linguas vitupeiras apuntaban aos do Couto. Non vendo maneira de entenderse e que a cousa ventaba en xuízo, en bo acordo acudiron ao Arcebispo de Compostela para terciar na cousa.
Como naquel tempo aínda non eixistía Carballo, pillaron o Roncadoiro e foron mollando a palabra polo da secura, en Baio, Zás, Santa Comba, Portomouro e Ameixenda. Durmindo en cabanotes de palla logo dunhas rachas de touciño ou pernil, a cousa foi terciándo para mellor. En certo xeito tamén fixeron o Camiño de Santiago como peregrinos e tempo tiveron de leirar entre ir e vir. Tamén viron mundo e sobor de todo a Catedral.
Logo de ser recibidos polo Arcebispo, cunhas palabras de agarimo, un Salmo en Latín -como non se entende, é a mellor maneira de entenderse- e a consabida bendición logo de escoitar un misa na honra do Santo Patrón, confesar e comungar como Deus manda -por penitencia do Bispo, claro- e ver O Botafumeiro, a cousa quedou arranxada. E mollada -pola choiva non- mollada nas baiucas das antergas rúas de pedra do Franco e do Vilar escanciando unhas cuncas de bo ribeiro. Non quero ser mal pensado, pero…, dáme que despois de baixar a Alameda camiño de volta, ata fixeron "parada sen fonda" na Rúa do Pombal. Esquecéralle probar o polbo á feira.


-------------------------------------------------------------------------------------------


P.D. Fonte deste dato: Arquivo Municipal de A Coruña. (Andrés Martínez Salazar-Coto de Almerezo). Menos o texto que é de un servidor. Bo aninovo.

sábado, 24 de diciembre de 2011

AOS CORMELÁNS NA DIÁSPORA. BOA NOITE.

Boa noite, meus amigos: Hoxe no noso Corme, o noso pobo, a nosa vila, estamos todos. Todos os que estamos, máis os que dende a diáspora están asemade co corazón magoado por non estar fisicamente aquí.

Hoxe, meus, os que temos a sorte de estar aquí, rebousamos de ledicia vendo as faces, as caras cormeláns pasexándo de viños de bar en bar, baixo o ollo sempre avizor da nosa emblemática Fonte do Campo. A noite non pode estar mellor, mesmo parece que cantan os Anxos do Ceo.

Arestora, cando son as once, non se escoita un ren. Nin can nin gato. Nin coche rebirándo ó redor da Axudantía. Ata aló preto da unha que volverá a troula, cando as barrigas vaian cheas. E de novo a Fonte vestida de Papá Noel. ¡Que sería Corme sen a súa Fonte!

Parece que realmente é noite de paz, noite silandeira, noite onde as renxeiras quedan esquecidas e todo cormelán sorrí de ledicia. Dende a miña fiestra vexo pasar as rondas e estarrezo de emoción, sempre me pasa o mesmo nos días que Corme está ateigado dos seus fillos.

Nos sei o porqué, pero cada día vexo que a tiraxe do pobo vai tendo máis raiceiras. Ou máis ben o sei, as cidades son frías en tódolos sentidos da palabra, e, as persoas, os seres humanos necesitan agarimo, calor de lar, coñecerse entre si e pasexar sen medo polas ancestrais rúas que os viron nacer. Estar no pobo de un, é estar na casa de un.

Dicía eu hai uns anos neste mesmo blog, que estarrecía de soidade co despoboamento do pobo. Agora xa non penso o mesmo, Corme comeza a ter vida, unha vida distinta quizais, pero vida. Como en toda a sociedade, tamén no noso pobo hai un cámbeo de ciclo, un virar dos tempos, unha nova maneira de vivir. E a iso temos que acostumarnos, cousa que paseniñamente eu xa o vou facendo: esperar ao venres pola tarde, e, aquí están todos de novo. E así vánse os catro días restantes nun girapaldo.

Falaba no artigo de abaixo da señardade. ¡Que fermosa palabra, como tamén o é morriña! Iso é sentir á terra de un, á terra que nos viu nacer, á terra dos nosos ancestros. Se fermoso é querer a unha persoa, tamén o é querer a un pobo, ao pobo de un. Sentídevos ledos cormeláns por ese sentimento. E que non esmoreza na lonxanía. Dende aquí, dende a Fonte do Campo cando son as doce da noite do Nadal, quero facervos ulir a nosa maruxía, o golfe e a correada da Ribeira, as ondas do mar batendo na Praia da Arnela e do Osmo.

O pobo sigue aínda caladiño. Pero está desperto ata mañá sobor do mediodía. A noite, como vos dicía, promete francachela e ruada. Un ano é un ano e dous son un par. De hoxe nun ano.

P.D. Estou facendo tempo para escoitar, e que escoitedes utópicamente, as doce badaladas do Nadal.

Xa resoan. Feliz Navidad.

martes, 20 de diciembre de 2011

O CORME NOVO








Dicía eu dous capítulos máis abaixo que os nosos devanceiros debían ver o seu novo Corme, o froito do seu traballo, os recantos das súas pedras ribeireñas, as rúas cementadas e a nova fachada fronte á nosa Ría. E pasearían sen perderse pola Fontiña e o Gafote; O Campiño e o Carreixo da Man Peluda; O Recoste e A Paxariña; A Aimea e O Caramanchón; A Riloa e A Regadiña. Iso é o único que non cambeou, ese é o selo de identidade dun pobo con milenarias raigañas.
Eles, os nosos, sinalarían a súa ancestral casiña onde naceron e viviron, aínda que sen a cañeira ou o potín de diante da casa. ¡ “Xa non hai cortellos nin capoeiros e as portas non teñen postigos”!, dirían abradiados. “Canta limpeza diante das casas”!
“Tampouco hai porquiño nin galiñas e os vertedeiros non pichan pola caneta sobor do estrume da cañeira”! ¡ “Tampouco hai idoiros para facer caladas, e agora xa non se levan escoteladas, pois, non hai pelouros nos carreixos”! “E a Igrexa, pero se está do revés e o campanario é o mesmo!”.
Mais, que queredes que vos diga, meus lectores, serei un nostálxico, pero a foto que me dá arrepío e non me canso de ollala, é a anterga, de feito téñoa na pantalla do ordenata e pásome horas escudriñándoa. Sempre o digo, pero recordo casemente todo aquel Corme. Porque aquel é o Corme que me viu nacer e os dous xuntos medramos.
Moitas veces maxino en irme tamén para a Cruña, cando menos algúns días da semana. Mais de repente penso que un día fóra de Corme é un día perdido. Un mencer diferente e perder de ver ó serán como o Sol afunde no mar infindo aló pola Sarabia ou O Canto.
A veces non sei se te odio Corme de tan cheo que estou de ti, de verte esmorecer cada ano máis, de ver sempre as mesmas caras e ter que dar os bos días, de escoitar cada semana a campana tocando a morto antes de saír o Sol. E de tanto enterro, pois na Cruña malditún hai á vista, ou polo menos ninguén se entera nin escoita as campás tocando a tanatos.
Pero non, pode máis a forza de quererte que a de rexeitarte. Nas noites de claro e nidio luar, ollaría ás estrelas para verte reflectir nelas. Tería pesadelos en col da mellor almofada. Quero ruído, pero as silandeiras noites de Corme teñen o seu feitizo.
E ti xa o sabes Corme, son un morriñento e a señardade do teu embruxo magoaríame de tristura. Malia que esa mágoa tamén é outra meu Corme, cando ti eras vello eu era mozo. E agora -cal metáfora da vida- ti estás máis mozo, e…, eu vou indo máis vello.



jueves, 15 de diciembre de 2011

OS BARQUIÑOS DA NOSA IGREXA


Dende hai anos sempre subo á tribuna para os actos relixiosos, non sei o porqué, agáx que me sinto máis relaxado. E milleiros de veces vin dende neno os emblemáticos Barquiños, un selo de identidade da nosa Igrexa, un símbolo tan de noso.
Mais foi onte, día de Sta. Lucía, unha misa de diario e coa penumbra da noite, cando ollándoos pensei para min: ¡Cantos bautizos, primeiras comuñóns, casamentos e caixetas de corpo presente víchedes baixo vós! Cantas xeracións! Cantos Cormes pasaron baixo as vosas quillas! O mesmo ca nós, os da miña xeración por debaixo do Sisargas na Praia da Arnela.
E cantos días ledos de festa saíndo a procesión e o pobo fardando coa roupa de festa! Canta historia baixo a súa bodega e ningunha en col da súa cuberta. E cavilei con mágoa e tristura, que vello vou, aínda os recordo coa proa ó revés, ou sexa, antes de dar a volta á Igrexa. Dende iso, os nosos Barquiños tamén aproaron cara o Altar, e, sempre dende a tribuna -antes e agora- somentes os vemos de popa.
Sentín arrepío e gañas de chorar, ó fin e ó cabo, estaba solo na tribuna e a luz chegaba amortuxada. E lembrei en sendo eu rapaz, as obrigatorias novenas de inverno cando os cregos cantaban –en Modo/menor, o de máis tristura- aquelas cantigas de poñer a pel de galiña: “Un chispazo que saliera, de los fuegos del infierno…”. E aqueles frades descalzos berrando o sermón a capela dende o púlpito, mentres lostregos, tronos e bátegas de chuvia facían estarrecer.
Pero xa me saín do guión, e, a cousa era falar dos Barquiños, que tampouco sei como se chaman, por iso os saliénto en maiúscula. O conto é que eles tamén capean o temporal de inverno, pois, co vento entrante polas portas e pendurando do teito, velos aí comezan a “traballar” como se na nosa Ría –a súa- estiveran fondeados e capeándo unha bagha de mar de Suroeste.
Os Barquiños seguirán buliñeándo sobor das nosas cabezas, cal ondas do mar infindo, e nós iremos pasando dunha xeracíon noutra, é a lei de vida. E dirán entreles coas antergas sinais de bandeiras: "Estes veñen sendo os retartaranetos dos nosos primeiros mariñeiros, que sorte tivemos ter de armador a Deus".

domingo, 4 de diciembre de 2011

CHAMÁMBANLLE COCA COLA


Foi onte un pouco antes das nove da noite: “Ola, ti non eres Méndez?”. “E Torrado”, díxenlle eu. “”Pero, de verdade que non me coñeces?”, díxome. “Pois…, o sinto, pero non”, dixen de novo mentres escudriñándo naquel velliño con gafas e un tanto fraquiño, o meu maxin voaba a cen. Aquel home, sen dúbidas coñecíame ben, e eu, nin idea.
“Son Coca Cola, Suso, dáste conta agora?”. Non fixo falla máis e fundímonos nun abrazo. Agora mireino con forza, pero tampouco se me parecía ó compañeiro da mili, aquel regordete, tan ledo e tan bonachón. Sen embargo hai os mesmos anos e, el a min recoñeceume. Non teño perdón.
Malia que a conversa de seguido foi dar ó de sempre: a falar das enfermidades, do cancro e da quimio. Solo había pasado un minuto dende o comezo da aperta e xa estabamos falando das penurias. Cabrona vellés. Mentres, eu seguíao mirando, intentando atopar algúns rasgos faciales. E de certo comecei a recoñecelo, aínda que, se el non se me presenta, eu endexamais me decataría
Case nada, meus, hai 50 anos redondos dende aquilo. Eu era o neno da Compañía con 17 e eles, os da quinta, con catro máis cando embarcamos naquel tren de máquina de carbón dende a Coruña deica Parga-Guitiriz para facer os tres meses da instrucción. El era xa un home feito e para máis da Coruña, iso quere dicir que para aquel tempo tiña moito máis mundo ca min, de feito xa era empregado da devandita empresa.
Pero outra das mágoas, foi que non recordo o seu nome nin apelido, e, non tiven ousadía de preguntárllelo, doume vergoña. En certo xeito, sempre se facía chamar polo seu apodo. Que certa aquela frase que un día lin con respecto a como nos volvemos: "As cousas son como son, non como eran".
Era no Pazo da Cultura de Carballo, eu fora ó concerto da banda do Conservatorio con dous rapaces da miña banda. El, o meu amigo, ía coa súa neta que tamén toca na banda carballesa. Alí presentoume á súa dona e á filla, a nai da neta músico. Que cousas, Deus, esta vida é un contraste en tódolos sentidos! El, que foi empregado da Coca Cola dende rapaz, ten unha neta músico. E eu que nacín entre corcheas e solfa, e nelas sigo remexendo, a ningún dos meus descendentes.
-----------------------------------------------------------------------------------------
P.D. El é o que está ó meu lado, o terceiro pola esquerda. ¡Quen nos viu e quen nos ve, compañeiro amigo!