Foi durante a alta Idade Media cando varios veciños de Corme e O Couto -a quén estábamos moi vencellados por mor da mesma feligresía- decidiron idear unha nova arte de pesca, pero sen mollar coma quén dí, os xeonllos, pois calcetíns non había aló moitos.
A cousa viña sendo que entre a Illa dos Cagallóns no baixo Currás, e o Monte de San Sebastián en fronte, pero no concello de Cabana, era e segue sendo o punto máis preto entre as dúas beiras do Baixo Anllóns e onde comeza o esteiro da Barra.
O invento consistía en deixar subir a marea e logo largar, dende unha beira á outra, un trasmallo que lle chamaban pesqueira. Así, co devalo da marea, o peixe quedaba pescado, e nunca mellor dito. Mirade vós como os nosos devanceiros non tiñan un cabelo de tontos, sobor de todo para o tempo de inverno que meirande inxeño e sen ningún perigo. Debían ser dos meus requeretartaravós Méndes, pois, a auga nin vela, se o saberei eu !
Malia que as sociedades nunca foron a lonxe, valga a redundancia, pois xa é refrán vello. Así as cousas, unha mañá apareceron os trasmallos esgonzados e velaí a culpar uns aos outros, aínda que as linguas vitupeiras apuntaban aos do Couto. Non vendo maneira de entenderse e que a cousa ventaba en xuízo, en bo acordo acudiron ao Arcebispo de Compostela para terciar na cousa.
Como naquel tempo aínda non eixistía Carballo, pillaron o Roncadoiro e foron mollando a palabra polo da secura, en Baio, Zás, Santa Comba, Portomouro e Ameixenda. Durmindo en cabanotes de palla logo dunhas rachas de touciño ou pernil, a cousa foi terciándo para mellor. En certo xeito tamén fixeron o Camiño de Santiago como peregrinos e tempo tiveron de leirar entre ir e vir. Tamén viron mundo e sobor de todo a Catedral.
Logo de ser recibidos polo Arcebispo, cunhas palabras de agarimo, un Salmo en Latín -como non se entende, é a mellor maneira de entenderse- e a consabida bendición logo de escoitar un misa na honra do Santo Patrón, confesar e comungar como Deus manda -por penitencia do Bispo, claro- e ver O Botafumeiro, a cousa quedou arranxada. E mollada -pola choiva non- mollada nas baiucas das antergas rúas de pedra do Franco e do Vilar escanciando unhas cuncas de bo ribeiro. Non quero ser mal pensado, pero…, dáme que despois de baixar a Alameda camiño de volta, ata fixeron "parada sen fonda" na Rúa do Pombal. Esquecéralle probar o polbo á feira.
-------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Fonte deste dato: Arquivo Municipal de A Coruña. (Andrés Martínez Salazar-Coto de Almerezo). Menos o texto que é de un servidor. Bo aninovo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario