sábado, 24 de diciembre de 2011

AOS CORMELÁNS NA DIÁSPORA. BOA NOITE.

Boa noite, meus amigos: Hoxe no noso Corme, o noso pobo, a nosa vila, estamos todos. Todos os que estamos, máis os que dende a diáspora están asemade co corazón magoado por non estar fisicamente aquí.

Hoxe, meus, os que temos a sorte de estar aquí, rebousamos de ledicia vendo as faces, as caras cormeláns pasexándo de viños de bar en bar, baixo o ollo sempre avizor da nosa emblemática Fonte do Campo. A noite non pode estar mellor, mesmo parece que cantan os Anxos do Ceo.

Arestora, cando son as once, non se escoita un ren. Nin can nin gato. Nin coche rebirándo ó redor da Axudantía. Ata aló preto da unha que volverá a troula, cando as barrigas vaian cheas. E de novo a Fonte vestida de Papá Noel. ¡Que sería Corme sen a súa Fonte!

Parece que realmente é noite de paz, noite silandeira, noite onde as renxeiras quedan esquecidas e todo cormelán sorrí de ledicia. Dende a miña fiestra vexo pasar as rondas e estarrezo de emoción, sempre me pasa o mesmo nos días que Corme está ateigado dos seus fillos.

Nos sei o porqué, pero cada día vexo que a tiraxe do pobo vai tendo máis raiceiras. Ou máis ben o sei, as cidades son frías en tódolos sentidos da palabra, e, as persoas, os seres humanos necesitan agarimo, calor de lar, coñecerse entre si e pasexar sen medo polas ancestrais rúas que os viron nacer. Estar no pobo de un, é estar na casa de un.

Dicía eu hai uns anos neste mesmo blog, que estarrecía de soidade co despoboamento do pobo. Agora xa non penso o mesmo, Corme comeza a ter vida, unha vida distinta quizais, pero vida. Como en toda a sociedade, tamén no noso pobo hai un cámbeo de ciclo, un virar dos tempos, unha nova maneira de vivir. E a iso temos que acostumarnos, cousa que paseniñamente eu xa o vou facendo: esperar ao venres pola tarde, e, aquí están todos de novo. E así vánse os catro días restantes nun girapaldo.

Falaba no artigo de abaixo da señardade. ¡Que fermosa palabra, como tamén o é morriña! Iso é sentir á terra de un, á terra que nos viu nacer, á terra dos nosos ancestros. Se fermoso é querer a unha persoa, tamén o é querer a un pobo, ao pobo de un. Sentídevos ledos cormeláns por ese sentimento. E que non esmoreza na lonxanía. Dende aquí, dende a Fonte do Campo cando son as doce da noite do Nadal, quero facervos ulir a nosa maruxía, o golfe e a correada da Ribeira, as ondas do mar batendo na Praia da Arnela e do Osmo.

O pobo sigue aínda caladiño. Pero está desperto ata mañá sobor do mediodía. A noite, como vos dicía, promete francachela e ruada. Un ano é un ano e dous son un par. De hoxe nun ano.

P.D. Estou facendo tempo para escoitar, e que escoitedes utópicamente, as doce badaladas do Nadal.

Xa resoan. Feliz Navidad.

2 comentarios:

maria suarez gonzalez dijo...

Feliz ano Suso, estou lendo os atrasos que desde que empezou o curso fago mais cátedra que nunca, e deixo os meus "deberes" para o final.
Somos ricos de ter orgullo por ser de donde nacemos, hai xente que non ten arraigo ningún a súa terra e sinto pena por eles.
Un afectuoso saludo.

maria suarez gonzalez dijo...

Teño que pelear ben para facer un comentario, ahora non me acepta coa identidad de google.Locuras virtuales.