jueves, 15 de diciembre de 2011

OS BARQUIÑOS DA NOSA IGREXA


Dende hai anos sempre subo á tribuna para os actos relixiosos, non sei o porqué, agáx que me sinto máis relaxado. E milleiros de veces vin dende neno os emblemáticos Barquiños, un selo de identidade da nosa Igrexa, un símbolo tan de noso.
Mais foi onte, día de Sta. Lucía, unha misa de diario e coa penumbra da noite, cando ollándoos pensei para min: ¡Cantos bautizos, primeiras comuñóns, casamentos e caixetas de corpo presente víchedes baixo vós! Cantas xeracións! Cantos Cormes pasaron baixo as vosas quillas! O mesmo ca nós, os da miña xeración por debaixo do Sisargas na Praia da Arnela.
E cantos días ledos de festa saíndo a procesión e o pobo fardando coa roupa de festa! Canta historia baixo a súa bodega e ningunha en col da súa cuberta. E cavilei con mágoa e tristura, que vello vou, aínda os recordo coa proa ó revés, ou sexa, antes de dar a volta á Igrexa. Dende iso, os nosos Barquiños tamén aproaron cara o Altar, e, sempre dende a tribuna -antes e agora- somentes os vemos de popa.
Sentín arrepío e gañas de chorar, ó fin e ó cabo, estaba solo na tribuna e a luz chegaba amortuxada. E lembrei en sendo eu rapaz, as obrigatorias novenas de inverno cando os cregos cantaban –en Modo/menor, o de máis tristura- aquelas cantigas de poñer a pel de galiña: “Un chispazo que saliera, de los fuegos del infierno…”. E aqueles frades descalzos berrando o sermón a capela dende o púlpito, mentres lostregos, tronos e bátegas de chuvia facían estarrecer.
Pero xa me saín do guión, e, a cousa era falar dos Barquiños, que tampouco sei como se chaman, por iso os saliénto en maiúscula. O conto é que eles tamén capean o temporal de inverno, pois, co vento entrante polas portas e pendurando do teito, velos aí comezan a “traballar” como se na nosa Ría –a súa- estiveran fondeados e capeándo unha bagha de mar de Suroeste.
Os Barquiños seguirán buliñeándo sobor das nosas cabezas, cal ondas do mar infindo, e nós iremos pasando dunha xeracíon noutra, é a lei de vida. E dirán entreles coas antergas sinais de bandeiras: "Estes veñen sendo os retartaranetos dos nosos primeiros mariñeiros, que sorte tivemos ter de armador a Deus".

No hay comentarios: