Foi onte un pouco antes das nove da noite: “Ola, ti non eres Méndez?”. “E Torrado”, díxenlle eu. “”Pero, de verdade que non me coñeces?”, díxome. “Pois…, o sinto, pero non”, dixen de novo mentres escudriñándo naquel velliño con gafas e un tanto fraquiño, o meu maxin voaba a cen. Aquel home, sen dúbidas coñecíame ben, e eu, nin idea.
“Son Coca Cola, Suso, dáste conta agora?”. Non fixo falla máis e fundímonos nun abrazo. Agora mireino con forza, pero tampouco se me parecía ó compañeiro da mili, aquel regordete, tan ledo e tan bonachón. Sen embargo hai os mesmos anos e, el a min recoñeceume. Non teño perdón.
Malia que a conversa de seguido foi dar ó de sempre: a falar das enfermidades, do cancro e da quimio. Solo había pasado un minuto dende o comezo da aperta e xa estabamos falando das penurias. Cabrona vellés. Mentres, eu seguíao mirando, intentando atopar algúns rasgos faciales. E de certo comecei a recoñecelo, aínda que, se el non se me presenta, eu endexamais me decataría
Case nada, meus, hai 50 anos redondos dende aquilo. Eu era o neno da Compañía con 17 e eles, os da quinta, con catro máis cando embarcamos naquel tren de máquina de carbón dende a Coruña deica Parga-Guitiriz para facer os tres meses da instrucción. El era xa un home feito e para máis da Coruña, iso quere dicir que para aquel tempo tiña moito máis mundo ca min, de feito xa era empregado da devandita empresa.
Pero outra das mágoas, foi que non recordo o seu nome nin apelido, e, non tiven ousadía de preguntárllelo, doume vergoña. En certo xeito, sempre se facía chamar polo seu apodo. Que certa aquela frase que un día lin con respecto a como nos volvemos: "As cousas son como son, non como eran".
Era no Pazo da Cultura de Carballo, eu fora ó concerto da banda do Conservatorio con dous rapaces da miña banda. El, o meu amigo, ía coa súa neta que tamén toca na banda carballesa. Alí presentoume á súa dona e á filla, a nai da neta músico. Que cousas, Deus, esta vida é un contraste en tódolos sentidos! El, que foi empregado da Coca Cola dende rapaz, ten unha neta músico. E eu que nacín entre corcheas e solfa, e nelas sigo remexendo, a ningún dos meus descendentes.
P.D. El é o que está ó meu lado, o terceiro pola esquerda. ¡Quen nos viu e quen nos ve, compañeiro amigo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario