Como vos dicía no artigo de abaixo, pedín a xubilación, ou sexa que pasei ó desguace así con todas as da lei. A lei tantotén, agás que na xestoría dixéronme: “Suso, agora vai chegarche unha mensaxe no móbil, e logo viráche a carta coa contía”.
A mensaxe chegou, meus, pero do resto...: “Nin guiche nin velo”, dicían os canteiros cando eu era pequeno, e agora xa son “grande”cando comezo a encoller! Entrando no asunto, que nin carta nin cartos, a carta tantotiña. Pero non ho,non borrei a mensaxe para tela de recordo ata que chegue o pecunio, ou sexa, que se execute o participio do verbo cobrar.
Por conseguinte, desde hai un mes estou comendo á conta da miña bella –xa vedes que o escribo con b de Betanzos polo de ser boíño ata cobrar- e queiras que non, tés que aguantar catro cousas, xa non é ó primeiro que lle estampan o prato de arróz nos fuciños! Porque ela xa cobra sendo máis nova cá min. Debe ser das dereitas, ou fan do Feijóo-09 ou do Mariano,pois, de Raphael xa o era de moza e sigue sendo.
Pero sen devecer,e, "mentras peno espero" -dí aquel vello poema de Os Tamara- vou contarvos os proxectos en mente ata que Diolo queira. A cousa vén sendo que sempre sentín gañas de facer caraváning e darlle a volta a España ó estilo do inesquecibel Labordeta. ¡Agás que con la jefa hemos topado, mío Suso, non quere saber nada de caravanas, seica ten medo!
A pasada primaveira fomos a varias feiras de exposicion na zona de Betanzos e Sada. Eu namais entrar nos últimos modelos alucinei. Ai, pero a ela faltáronlle as bágoas para chorar co medo, mentres eu me deitei nas camas de tódalas caravanas. E nada, que non houbo maneira. A maneira víalla eu se a Primitiva deixara caer os 40.000€ dun modeliño xeitoso!
E agora vén un segredo que vos vou contar e que quede entre nós. Hai cousa de 15 días remexín na monovolumen ata darlle coa trécola de facer cama cos asientos. Isto foi dentro da nave, en Guxín. Un domingo animeina a entrar e probar a ditosa cama. En tres minutos estaba durmindo tan placidamente mentras eu subía e baixaba buscándolle máis prestacións á furgoneta, nevera, cortinas, etc.
Este domingo convideina a unha sestiña na cama de "marras", pero non pensedes mal, ou sexa, ben. Isto foi no outeiro don monte da bisbarra e con un “sol de carallo”, como de novo van cantarnos os rockeros de Riveira: Herdeiros da Crus. Coa radio de fondo e "servicio de bar", ou sexa, o termo e unhas chupilandas de merenda coa fermosa vista da comarca dixen prá min: “Ai, parece que se vai animando, a ver se podemos comprar a de verdade!”,
Pero todo foi unha van ilusión. Dúas horas despois, o frío fíxose sentir e decidimos arrancar. ¡Ai, Deus, o coche sin batería!
“Eu xa o sabía Suso, a min estas historias non me ván”, comezou o sermón, e iso que foramos á Misa. ¿Qué fago, Méndes, a quén chamo? E chamei a un amigo. En quince minutos alí estaba a patrulla do concello. Erguer os capós, as pinzas e arrancando á primeira. ¡Quen ten padriño, bautízase, xa foi sempre e será!
Mentres recollían as pinzas, vexo como un dos municipais lle chisca o ollo ó outro con picaresca e sorríndo, coma quén non quere a cousa. Ela, a miña bella, rubia para máis, estaba a medio entrever no terceiro asento envolta cunha manta tremendo de frío. Como se fora escondida, pero era tamén co xenio: “E agora ván por aí abaixo pensando que somos dous viúdos, non? Nunca máis”, díxome con raxeira mentres poñía o cinturón. ¡Como se aquilo fora o afundamento do Prestigge!
“Pois, ben pensado non se engañaron moito, eu estaba cunha viúda, a miña”, dixen con mágoa e fíxena sorrir. Pero adeus proxecto da caravana.
--------------------------------------------------------------------------------
P.D. Nota de última hora: A carta xa chegou hoxe día 1, escribíume unha señorita e isto mola cantidade, ante unha muller ninguén se atreve a reclamar. Agora falta o xamentendedes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario