jueves, 15 de diciembre de 2011

OS BARQUIÑOS DA NOSA IGREXA


Dende hai anos sempre subo á tribuna para os actos relixiosos, non sei o porqué, agáx que me sinto máis relaxado. E milleiros de veces vin dende neno os emblemáticos Barquiños, un selo de identidade da nosa Igrexa, un símbolo tan de noso.
Mais foi onte, día de Sta. Lucía, unha misa de diario e coa penumbra da noite, cando ollándoos pensei para min: ¡Cantos bautizos, primeiras comuñóns, casamentos e caixetas de corpo presente víchedes baixo vós! Cantas xeracións! Cantos Cormes pasaron baixo as vosas quillas! O mesmo ca nós, os da miña xeración por debaixo do Sisargas na Praia da Arnela.
E cantos días ledos de festa saíndo a procesión e o pobo fardando coa roupa de festa! Canta historia baixo a súa bodega e ningunha en col da súa cuberta. E cavilei con mágoa e tristura, que vello vou, aínda os recordo coa proa ó revés, ou sexa, antes de dar a volta á Igrexa. Dende iso, os nosos Barquiños tamén aproaron cara o Altar, e, sempre dende a tribuna -antes e agora- somentes os vemos de popa.
Sentín arrepío e gañas de chorar, ó fin e ó cabo, estaba solo na tribuna e a luz chegaba amortuxada. E lembrei en sendo eu rapaz, as obrigatorias novenas de inverno cando os cregos cantaban –en Modo/menor, o de máis tristura- aquelas cantigas de poñer a pel de galiña: “Un chispazo que saliera, de los fuegos del infierno…”. E aqueles frades descalzos berrando o sermón a capela dende o púlpito, mentres lostregos, tronos e bátegas de chuvia facían estarrecer.
Pero xa me saín do guión, e, a cousa era falar dos Barquiños, que tampouco sei como se chaman, por iso os saliénto en maiúscula. O conto é que eles tamén capean o temporal de inverno, pois, co vento entrante polas portas e pendurando do teito, velos aí comezan a “traballar” como se na nosa Ría –a súa- estiveran fondeados e capeándo unha bagha de mar de Suroeste.
Os Barquiños seguirán buliñeándo sobor das nosas cabezas, cal ondas do mar infindo, e nós iremos pasando dunha xeracíon noutra, é a lei de vida. E dirán entreles coas antergas sinais de bandeiras: "Estes veñen sendo os retartaranetos dos nosos primeiros mariñeiros, que sorte tivemos ter de armador a Deus".

domingo, 4 de diciembre de 2011

CHAMÁMBANLLE COCA COLA


Foi onte un pouco antes das nove da noite: “Ola, ti non eres Méndez?”. “E Torrado”, díxenlle eu. “”Pero, de verdade que non me coñeces?”, díxome. “Pois…, o sinto, pero non”, dixen de novo mentres escudriñándo naquel velliño con gafas e un tanto fraquiño, o meu maxin voaba a cen. Aquel home, sen dúbidas coñecíame ben, e eu, nin idea.
“Son Coca Cola, Suso, dáste conta agora?”. Non fixo falla máis e fundímonos nun abrazo. Agora mireino con forza, pero tampouco se me parecía ó compañeiro da mili, aquel regordete, tan ledo e tan bonachón. Sen embargo hai os mesmos anos e, el a min recoñeceume. Non teño perdón.
Malia que a conversa de seguido foi dar ó de sempre: a falar das enfermidades, do cancro e da quimio. Solo había pasado un minuto dende o comezo da aperta e xa estabamos falando das penurias. Cabrona vellés. Mentres, eu seguíao mirando, intentando atopar algúns rasgos faciales. E de certo comecei a recoñecelo, aínda que, se el non se me presenta, eu endexamais me decataría
Case nada, meus, hai 50 anos redondos dende aquilo. Eu era o neno da Compañía con 17 e eles, os da quinta, con catro máis cando embarcamos naquel tren de máquina de carbón dende a Coruña deica Parga-Guitiriz para facer os tres meses da instrucción. El era xa un home feito e para máis da Coruña, iso quere dicir que para aquel tempo tiña moito máis mundo ca min, de feito xa era empregado da devandita empresa.
Pero outra das mágoas, foi que non recordo o seu nome nin apelido, e, non tiven ousadía de preguntárllelo, doume vergoña. En certo xeito, sempre se facía chamar polo seu apodo. Que certa aquela frase que un día lin con respecto a como nos volvemos: "As cousas son como son, non como eran".
Era no Pazo da Cultura de Carballo, eu fora ó concerto da banda do Conservatorio con dous rapaces da miña banda. El, o meu amigo, ía coa súa neta que tamén toca na banda carballesa. Alí presentoume á súa dona e á filla, a nai da neta músico. Que cousas, Deus, esta vida é un contraste en tódolos sentidos! El, que foi empregado da Coca Cola dende rapaz, ten unha neta músico. E eu que nacín entre corcheas e solfa, e nelas sigo remexendo, a ningún dos meus descendentes.
-----------------------------------------------------------------------------------------
P.D. El é o que está ó meu lado, o terceiro pola esquerda. ¡Quen nos viu e quen nos ve, compañeiro amigo!

jueves, 17 de noviembre de 2011

A OS NOSOS DEVANCEIROS







Cada noite á hora do paseo polo muelle, non podo evitar lembrarme dos nosos devanceiros. Miro ó Ceo estrelado e penso: ¡Canto daría eu para que os nosos ascendentes poideran ver este novo peirao, e, a Riveira, a Estada, o Xardín e o paseo marítimo deica ó Osmo!
Non hai dereito, dígolle á muller, eles que tantas penurias sofriron na vida e sen ter un pequeno abeiro para resgardar as súas chalaniñas, tiñan que ver agora o froito da súa sudor. Tan sequera unha hora, aínda que só fora dende o alto do Carral.
Deus o Creador, debía deixar ós que se foron, que visen o pobo que os veu nacer. E ata maxino que voltarían máis ledos para ese Ceo que tan gañado merecen. Ben pensado, o inferno xa o sofriron na vida.
Eu mesmo falo por min, cando recordo o recheo da Riveira comezando camiño da Arnela. Aquelas laxes da Estada todas ateigadas de estadas para secar o congro. O Río dos Pulpos na baixada do Campiño coa súa praiña, alí xogabamos apañando lapas, mexilóns e algún corlou, para facer asadas nas mesmas laxes despois de quentalas cunha boa cachela de carabullos e cascas cheas de piche que a marea deixaba ó baixar.
Despois da Casa do Práctico e do Petón das Gaivotas, aínda de recordo, viña outra ribeiriña baixo o solar do Biscoiteiro. Logo, a Rampla de Debaixo da Capilla, era o atraque dos botes para o desembarco e embarque dos centos de tripulantes de ducias de veleiros. A Rampla de Terra, a última, tivo e ten pouco fondo e rompe o mar con máis forza.
E, ó longo da que hoxe é a Axudantía e a Casa do Mar, un palo de barco era o “local social” dos mariñeiros xubilados, entreles o meu avó Torrado a quén alí sentado recordo. Tan sobado estaba das cueiras que brilaba sen barniz. Sempre o dixen, cando por esa casa loitei, que parecía un fado o erguerse no mesmo solar. ¡Que dirían eles se hoxe viran o verdadeiro Local Social froito do seu traballo! E aquelas roupas remendadas que non se sabía de que lenzo era a peza. Das boinas ruzas e roídas é mellor non falar.
Pero a mágoa meirande era que nin xubilados se podían sentir, iso non eixistía. Eles, os nosos mariñeiros, eran os vellos traballadores do Monólogo de C. Emilio Ferreiro:



“Agora tomo o sol. Pero até agora traballei cincoenta anos sin sosego. Comín o pan suando día a día nun labourar arreo. Gastei o tempo co xornal dos sábados, pasou a primavera, veu o inverno. Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo i a miña mocedade. Nada teño. O patrón está rico á miña conta, eu á súa, estou vello. Ben pensado, o patrón todo me debe. Eu non lle debo nin sequera iste sol que agora tomo”.
.

martes, 8 de noviembre de 2011

COMO CAMBEARON OS TEMPOS


Non, non hai dereito, non sei se xa o dixen noutras ocasións, pero por unha máis que non quede así a cousa.
Cando comecei a mocear deica a Guxin, malditún había unha bombilla no percorrido dos tres kilómetros. O medo, que o era moito, ata me quitaba as gañas de encender o foco de petaca, por mor de tan sequera non delatarse un mesmo. Lembro dun compañeiro que para semellar a un coche, viña correndo con dous focos, un en cada man, e moi separadas por certo. O que tiñamos que inventar!
E agora hai ducias de postes alumeando. Xustamente cando non fan falla. Nin para vir as mozas da Aldea ó baile ou ó cine. Ben pensado, tampouco hai ningunha das dúas cousas. Cantas veces lle digo á parienta: “Que vén viría eu agora con este alumeado”!
Mais agora xa non se mocea nas casas e os días de mozas son contos de algún día. Agora collen a rapaza o sábado sabadete á hora que lles pete e aló ás 8 da mañá veñen de volta. Se veñen. E ben pensado, pois, aínda chegan cedo se o miramos no mencer do domingo. Ata chegan para ir á misa.
Mais a cousa non queda aí, a cousa é cando che espeta a rapaza da casa: “Vamos pasar a finde a Portugal, ata a volta”. Así, sen máis e a piques de dárche un infartazo. Pero xa Deus goberna e os pais modernos din treméndolle a voz: “Ala logo, pero ide e vinde con ben”. Ai, e veñen con ben, e moi ben por certo!
A miúdo e sen poder esquencelo, lémbrome de meu sogro cando aquel día do Santo Bernardo estabamos esperando o Cotelo para ir á Graña. Eran as dez do Fusco e o Lusco, ou sexa, día total para o mes de agosto. “Á casa, estas non son horas de ir a ningures que é unha vergoña”, berrou sacando peito.
E estabamos para casar, meus, que xa é dicir. E foi no século XX. E aló pillei costa abaixo ben fardado coa roupa dos domingos. E a pobriña toda perfilada diante de seu pai para a casa, así, sen podernos despedir sequera.
Agora e recordando aquilo, ducias de veces lle dígo á xefa: “Mira, se hoxe foramos mozos, a teu pai e a miña nai, íaos poñer eu no seu sitio”. Eles eran os dous de máis prexuízos, miña sogra e meu pai non eran tan “radicais”.
Pero non, xa non somos mozos nos dous sentidos da palabra. Por conseguinte, permitídeme que proteste, que arrinque os catro cabelos que me quedan e que teña envexa, envexa aínda cando din que é pecado. O que me faltaba, pecado e…, sen pecar.
Logo e parafraseando a C. Emilio Ferreiro maxino: Ben pensado, patrón, a cousa non está tan mal, a cousa foi que me pillou un pouco tarde, codomáis…Manda carallo, que tan antes de tempo nacín!




domingo, 30 de octubre de 2011

NA LEMBRANZA DUNHA NENEZ: A SEÍTO






Estes días remexendo no baúl dos recordos atopei este retrato. De repente din un salto deica atrás no tempo, foi inevitable. E velaí a nosa Ribeira, a mesma da foto onde apañábamos puntas enferruxadas que coas vagas de mar de inverno quedaban ó descuberto. Aí mesmo, onde se coñecía como A Ribeiriña, o meu amigo da nenez, Seíto e máis eu enchíamos unha olla, por suposto vella e furada, para vender na casa da señora Manola, a do Cheíño na rúa da Arnela. En troques xa lle tiñamos que mercar pirulís, un paquete de Chesterfield ou Bisonte. Case nada, tabaco rubio no tempo do cuarterón e a caghetilla cando tiñamos dez anos!
Pero aló se foi el, Seíto, o meu mellor amigo do rueiro, un cachopán de home, pois xa o fora de rapaz cando con Moncho de tía Pilara, facíamos caladas do idoiro que baixaba da Agra e da Arregadiña. Ou xogabamos á billa ou ben ás escondidas. Tamén asadas de lapas nas laxes do Río dos Pulpos mentres o recheo do muelle viña vindo pola preta Estada. Pero nunca trasnadas no vecindario, xogar con Seíto e Moncho era un relaxamento naquel tempo das pedradas e zondras.
Non hai dereito, meu, ti que sabías nadar coma un peixe! Parecen cousas do demo. Despois de unha vida de trafego, formar un fogar e criar uns fillos, de loita e penuria nos primeiros tempos de comenzarmos na vida laboral sendo aínda uns nenos, ti no mar e eu ten terra, agora que podías desfrutar desa xubilación tan sudada, ten que torcerse o fado.
Ata desexo eu berrar: joder, non hai dereito! Malia que é berrar no deserto. E tantotén berrar coma non, as cousas son así e así hai que tomalas. Agora Seíto, estou escribindo neste curruncho onde ti durmías cando nesta casa vivíades fronte á Fonte do Campo. E para máis estes días son os de defuntos, unhas datas que nunca saberemos se para o vindeiro ano nos alumearán a nós.
Xa ves, José, ti pilláches o camiño que teu pai che ensinou: o routeiro do mar, mariñeiro. Eu o que me ensinou o meu: mariñeiro de terra, expallar corcheas e solfa en adros, rúas e turreiros de festa. Esa foi a nosa universidade, a da vida. A de Salamanca ou Santiago era para os fillos dos ricos aínda que foran tontos. Mais hai unha vella frase que dí: Aos amigos non os separa nin a lonxanía nin o tempo.
Dicía eu un pouco arriba que son cousas do demo. Diso nada, meu, a ti o demo non te quere ó seu lado. Da mesma maneira que Deus non quere aos malos, o do inferno non quere aos bos.

sábado, 22 de octubre de 2011

A MALETA E O ESTUCHE









Aínda has teño gardadas e cuidadas, a maleta e o estuche por min feitos aos 16 anos para ir á mili. Que tempos! A verdade que son un nostálxico, non teño que facerlle, pero a miña infancia e pubertade non foi aló de moita cheúra, coma tantos outros da miña idade.
Pois velaí tendes a maleta, e ata estaba empapelada por dentro. É de tabléx, de aquel que había naqueles tempos. Logo unha fundiña de mahón que lle fixo miña nai, e aquilo era chapó, como din agora os chavales. Pero con canta ilusión a fixen no inverno do ano 1960, para no albor da primaveira, o primeiro de marzo e cos 17 cumpridos en febreiro, coller o Guillén camiño da Coruña!
Voluntario, era a única maneira de poder estudar, polo menos música. E así foi como tamén urdín de facer outro estuche para levar a trompeta. E aínda está coma o primeiro día. Mellor dito, estamos coma estamos, todos cheos de polilla. Non, mentres eu viva cuidarei das miñas cousiñas, neste caso por min feitas. Logo xa sei o camiño que terán. Mellor non dicilo.
Pero volvendo ás lembranzas daqueles anos. De vez en cando palpo a maleta e o estuche. E voo na noite do tempo. E véxome. Véxome como era e como son agora. Coma todos, por suposto. Que axiña pasou todo, non hai dereito! Logo a maleta chea de cartas de mociñas. Ateigada de tantas. Cartas de amor, de amor xuvenil e parvo. Pero amor ó fin e ó cabo. Cartas que che ían facendo pasar o tempo nun santiamén.
“Cartas van, e cartas veñen”, dí un poema do meu amigo Xosé Neira Vilas. Canto sabe este Balbino do Neno Labrego! Canto sentimento levaba consigo unha carta. Canta ilusión! Non, agora a mocidade non escribe cartas, e así están sen iso: ilusión. Non me extraña que non se casen, pois, non saben escribir: quérote. Agora escriben: kérote, e todo así polo estilo.
Aquela mañá cheguei á Praza de Pontevedra, parada do coche de liña. Collin as dúas maletas e abranguei por San Andrés, Panaderas e a Praza de España. E alí estaba o meu cuartel: Infantería. Cheguei á porta e dixen tan inocente: “son un recluta, veño presentarme”. E o cabo de portas sorrío vendo aquela cariña de neno. Porque todos eles tiñan máis de 20 anos, algúns ata 23 e xa casados.
Hoxe retratei a maleta e o estuche da trompeta. Palpeinos e chorei en col deles. E ulinos, aínda recenden a min, e, á media ducia de chourizos e un anaquiño de touciño que miña nai me botara dentro. E pouco máis, ou mellor dito nada máis, non había máis e sobrou maleta. Pero eramos uns pobres ricos. Agora que o teño todo ( sen soberbia) son un rico pobre.



lunes, 10 de octubre de 2011

BENIDORM. CANDO SER VELLO É BELLO













BENIDORM
Sempre se dixo que a distancia é o olvido. E nunca máis certo. Esta semana tivemos a nosa primeira viaxe da 3ª idade por así dicilo, aínda que non foi polo Inserso. Pero iso é o de menos, a cousa foi que nunca tal pensei de min, o desconectar total en solo sete días. Se mo contan non o creo.
Sempre falei de que necesito ruído, moito ruído, e por fin atopeino, pois, 67 anos de tanta tranqulidade tamén fartan. Foron moitas as veces que escribin en prol dos nosos veraneantes cando falan que queren paz e tranquilidade. Iso non o cren nin eles. E á vista está, todo quisqui a onde máis ruído hai: a Benidorm, etc. Logo tiña razón eu, as aldeas están valeiras.
E canta ledicia nas faces da xente! Todo o mundo sorrindo e ninguén queixándose da falla de silencio. Tampouco debe morrer ninguén, pois, en toda a semana malditún vin un solo enterro nin escoitei de mañá o toque de Tanatos, o único ruído “tipical” da nosa terra.
Pero volvento ó conto. Tanto me esquecín de todo que nin dos compañeiros da banda me lembrei. Nin deste ordenata, o meu pasatempo diario ou ben para compoñer unhas corcheas. Nin da política ou ler as novas da Voz e a páxina de Bergantiños. Tampouco de ver o televexo coas novas do día a día. Nin das novidades de Corme.
Por fin comprobei o bo que é ser un pasota total. Pasar de todo e sen ansia de contribucións e recibos de canto hai. (Xa os deixei pagos). Tanto desconectei que ata non sabía que día da semana era. Durmir a perna solta e comer e pasear foi unha experiencia que non coñecía.
E en cada calle un músico tocando ou un mimo facendo o seu papel. Logo a cadea de milleiros de candados dos namorados que, unha vez pechado tiran a chave ó mar xurándose amor eterno. Os namorados, supoño, serán da 3ª idade e malo será que non leiren ata que Diolo queira.
Mais, non é un bo lugar para ir con muller allea, (aviso a mullereiros), onde menos o pensas, zás, estámpaste a miúdo cun veciño do pobo ou da bisbarra. Vamos, que case é coma ir ó San Xoán de Carballo, pero aínda así, é un prace camiñar sen ter que dar os bos días a ninguén. Tamén podes falar en galego, pois a maior parte dos turistas son de toda Europa e nin se enteran da vaina, todo ten o seu pró.
Gustoume Benidorm a pesar de que non é unha cidade con raiceiras. Hai 50 anos era un pequeno porto pesqueiro e todo o que hoxe vemos eran leiras de secano. A día de hoxe ten 70.000 habitantes en censo, 200 hoteis e unha media de 100.000 turistas constantes durante as catro estacións do ano.
Ben pensado, a vellés aínda ten un aliciente, a cuestión é cambear o chip e aproveitar as dez de últimas. Agora solo me falta probar o avión, xa me entrou teima en facelo. E voar, voar física e mentalmente, xa está ben de tanta morriña.