sábado, 27 de agosto de 2016

DENDE A TRIBUNA

DENDE A TRIBUNA

¡Ai, cantas cousas se ven dende a tribuna! Dende hai uns anos que se me dou por subir a ela para a Misa do domingo. Sempre o fago un cuarto de hora antes, pois, é algo que me relaxa. Pero velaí a cuestión que, o relaxamento váiseme ós cinco ou dez minutos de comezar o acto. Isto é cando chegan os que nunca veñen á hora, e, tanto ten que a Misa sexa ás once, ás doce ou á unha. Sen vellos na casa, sen can, gato nin galiña, pois non, non hai maneira meus, sempre tarde e sempre casemente os mesmos! E póñome de mala raxeira. Sempre fun tan puntual en todo, que iso é algo que non atisbo a crer aínda que o vexa cos meus ollos.

A verdade que se eu son o cura “canto a cartilla”. Porque, estaredes de acordo comigo que, si é para coller o avión para Benidorm -polo Inserso, faltaría máis- non falla o primeiro. E unha hora antes, ás seis da mañá!

Mais volvendo ó conto: “Eu ó domingo vou sempre á Misa”. Mentira. Se xuntamos os minutos que faltan cada domingo, ó final de mes faltaron a unha enteira.
Pero a culpa é do cura con tanta permisividade; nin que tivera competencia, vamos! Que a xente entra cando “está lavando a louza” -como se soe dicir- pois nada, benvidos sexan. Que soa o móbil –porque agora estamos tan “mobilizados” que ata na Misa o hai que ter aceso- pois tampouco, nin pío. Que vén unha mamá moderna cun recén no “cochecito leré” e dá a tabarra toda Misa, pois nada, tampouco se lle dí:“ Señora pode irse que xa cumpriu”.

Cando chega o intre de “dárvola paz”, unha comedia: Ó banco enteiro, logo ós de diante e cando xa está a Misa rematando aínda están algún/has cos do  banco de atrás. Que Papa inventaría isto de dar a man? Porque total con  quen nos levamos mal –empezando por min- nin man nin un só dedo!

Antes da Bendición, o cura a dicir os actos da semana e  as notas de avisos: “O xoves ás cinco en Cores, serán os funerais por José Rupérez, máis coñecido por: Pepe da Casa Grande”. “Tamén o vindeiro sábado en Méns, ás doce, cabodano de Manuel Ventura, xenro de Lelo da Costa”.

Ai aquí a que se arma! ¿Por quén dixo?, ¿Quén vén sendo?, comezan os remusmús ó mesmo tempo ca o cura. ¡E non se entera ninguén! Normal. Por qué lle preguntamos ó do lado, se o está dicindo o cura?
“Podeis ir en Paz”, di para rematar. O crego está equivocado, quen queda en paz é Nuestro Señoriño del Cielo despois de semellante feira á saída. Porque meus, ós venres no mercado non hai tanto batifondo.

 ¡Ai, canta falla facía D.Manuel Romero! Aquel crego si que non tiña pelos na lingua. ¡Pero non, estes dagora non teñen xenio! Onde van aqueles sermóns no púlpito e a capela. ¡Que maneira de abouxar! D.Manuel braceando e berrando que mesmo che facían estarrecer. Naquel entón non quedaba ninguén moqueando na Misa. A verdade, tampouco había tele e a xente durmía abondo. E agora ata nin con altavoces te enteras. Eu xa lle lo dixen: ou berra máis ou non me entero. E non quedo durmindo porque aínda veño da cama.

Despois viñan as “monestacións” e iso si que era a novidade: Tres ou catro cada domingo. Porque a mocidade casaba como Deus manda. Ata me lembro dun día que houbo cinco casamentos na mesma mañá! Naquel tempo eran casamentos no sobrado da casa, coma o meu, faltaría máis, pero velaí que foron os que máis duraron. O das vodas  con sete pratos  e postre de tarta de noivos veu máis tarde.¡Menos mal que queda o vídeo de recordo!

Lémbrome dos meus avós cando chegaban á casa: “Logho, que dixo o cura na Misa?”, era a pregunta cotiá. “Ai, hoxe houbo prá todos, e non sabes unha cousa?, tamén casa media parroquia”, dicía o avó. Pero agora preguntas: “Que dixo o cura, muller?”, “Nada ho, o mesmo de sempre”.

Así que xa vedes a onde eu fun  parar dende a tribuna: Cavilando na nenez mentras o cura predica. A verdade, así tampouco un se entera de nada. E ben pensado, o meu tampouco é ir á Misa.


jueves, 4 de agosto de 2016

UNHA DE BANCOS


Pois nada, meus, outro día que sigo sen saber de que escribir, a política anda peor que unha tartaruga vella con reuma aciática.Tamén que non se poñen de acordo de xeito ningún. A digracia deles é verse tan ghuapos no espello. Eu penso que debían copiar de Tío Fraga, que calmaba os ánimos coa súa partidiña de dominó. E xa había consenso. Eu maxino, logo eixisto, que se lle botaran unha de polbo á feira, outra de churrasco con criollos e tinto de barril, habería senso de contado. Pero non son cousas nosas.

O fútbol, ou mellor os futbolistas,  están en temporada de rebaixas, regateos co Montoro a ver se lle pasa a multa sin I.V.E. e líos de faldas, ou sexa, cambeando as que teñen por outras máis noviñas. Así están logo no campo que non hai quen meta un gol, era visto, despois de tanto meter(¿).

E de mulleres mellor non meneallo, porque neste tempo de canícula están bronceadiñas como as do Caribe ese que non sei onde está. E logo che cargan o sambenito de que eres un vello verde cando che quedan catro pelos brancos. Así que visto o visto, pasamos palabra e non falamos de política, nin fútbol nin mulleres.

A cousa de lembrarme dos bancos foi hai unha hora, cando estaba remexendo na busca dun parasol para a miña adorada caravaniña e nada, que non aparece. Hai uns anos, chegabas ó banco de turno-quenda, e namais entrar o porpiaño aló che rogaban con canto había: Mapas de Galicia, quitasoles, tarxetas de crédito aínda sin ter un céntimo, ou te convidava o dire a un café no bar da esquina e todo era unha cheúra. Agora xa non dan nin carameliños de propaganda.

Tempo despois xa comezaron a vender vaixelas de porcelana, baterías de cociña, eleutrodomésticos e a saber o que terían debaixo do mostrador. E aló vías saír a media mañá a calqueira veciña cunha caixa que mesmo parecía saír do Corte Inglés. Eu penso que ata vendían Viagra xenérica, vaite ti a saber.

Ai, meus, pero as cousas foron cambeando,  agora case non che dan nin os bos días, non porque non sexan educados, que o son, o que pasa é que onde facían falla catro empregados hai dous e os pobriños non dan feito. E non che se ocurra pedir cartos dos teus no mostrador, se o fais non cobras ata o día trinta, castigado por dar a lata.

E veña ao caixeiro da porta aberta. ¡O que un ten que chegar a ver na vida! Antes as portas dos bancos estaban fechadas ata cun candado de reforzo. Agora velaí nos deixan as portas abertas e sen fecho. E veña mozos e vellos sacando 10€ dúas veces no día para fardar de entendidos. Nos cae a baba cando metémola tarxeta e nos dá a benvida co teu nome.

Mais a cousa non remata eiquí, a cousa vén sendo que pronto che van cobrar por terlle alí os cartos e servirse deles. ¡Ai non! Onde van aqueles tempos que os xuros eran ao 10%, ou o Mario Gominas Banesto che regalaba un checata de 70.000 chulas por presentar unha cartilla de cliente. E aqueles seus fieles empregados todos entraxeados, encorbatados  e bién pieitados.

Agora nada, chegas a un banco e, o pantalón vaqueiro roto polos xeonllos, a camisa desplanchada e sen afeitar en oito días. E que non tivesen mala noite coa parella, senón xa a tés clara. Logo, aquela cinta pregada no  chan para que non deas un paso adiante: Espere su turno. E alí estás de pé, escoñado dos cadrís ata que o de diante remate de asinar na pizarriña coma da nosa escola, pero co pizarrillo amarrado cun cordelo, non sexa que lle marches con el. ¡Canto hai que aprender dos ricos!

Pero tamén todo sexa dito, teñen que ter moita pacencia, pois, hai vellos que van cobrar ás 8 da mañá o 31 de cada mes, e ás 10 xa os volven traer de volta. Ou sexa, foron á casa ensinarllelos á súa parienta, contalos e apalpalos e logo veña a poñelos na cartilla de prazo fixo. Vamos, como se os pagaran tan ben. E así está a cola que ferve o fin de mes.

E xa que falei de bancos, vou rematar cunha de verdade. Foi hai uns 15 anos, mes arriba, semana abaixo. Había eleuccións municipais e chegou o noso anterior alcalde a Froxán. Xuntou aos veciños e aló lles fala de que pidan cousas. E sae meu tío Manuel, o vedraño do lugar: “Mire señor alcalde, o que máis falla nos fai é un banco”.  O alcalde quedou vermello con tal petición e lle contestou: “Pero señor Manuel, como pide un banco para Froxán se aínda en Corme están marchando”. Ata que meu tío o sacou do apuro: “Vostede non me entendío, o que queremos é un banco, pero de madeira, ou sexa, un tallo para sentarnos e tomar algunha raioliña de sol os catro que quedamos neste lugar”.

E o alcalde respirou fondo, pois xa era Fondo o alcalde.     

miércoles, 29 de junio de 2016

LEMBRANZAS CORMEÑAS
O PALO DE BARCO

Comezando cunha frase  do profesor D. Victor Freixanes: “ En sendo eu rapaz”, lembro como os nosos antergos mariñeiros xubilados se sentaban en col dun vello “palo de barco”, fronte á rambla de Debaixo da Capilla, así en castelán e tal como lle chamamos no pobo.

O tal mastro, tamén xubilado,  brilaba relucente de tan cueirado. Era a casa do mar que tiñan os nosos devanceiros. Cousas da vida, tamén diría Castelao, porque xustamente a Casa do Mar por eles gañada, está erguida onde o tal palo de barco veleiro. Quen lle lo diría aos nosos, aqueles que  despois de 50 anos traballando sin sosego, tomaban o sol de inverno mentres parafraseaban entreles o que máis adiante escribiría C.Emilio Ferreiro: “O patrón todo mo debe e eu non lle debo nada,  nin tan siquera este sol que agora tomo. E mentras me quento espero…”.

E esperaban. Esperaban valentes  a que a campá soara, como dicían rindo. Pero sen medo. Porque o mariñeiro sempre foi valente, a verba medo nunca entrou na súa xerga.
Nos días de sol e sen néboa, ata fardaban da súa boa vista: “Vexo unha galiña con pitos na praia de Laxe, alí mesmo baixo o Cabo da Area”, dicía un deles. “Pero se ti non ves un burro a catro pasos”, lle retrucaba outro.

Co vento norteiro ou fortes suradas, xa tiñan máis de que falar contando a cantidade de veleiros fondeados de arribada. Aqueles onde comezaran con oito anos, unha bolsiña de lenzo con dous pantalóns e camisas zurcidos. E un bico de súa nai. Porque as nais daquela tamén daban bicos, pero mirando a outro lado prá esconder as bágoas baixando polas meixelas. Con oito aniños e pró mar. E sen saber ler pouco máis que o Catón, maxinaba súa nai dende o alto Monte do Carral. Alí e de xeonllos, pregaba á Virxe do Carme polo seu neno. Ao mesmo tempo lle facía sinais co mollado pano da man  á cuberta do veleiro. Ata virar Cabo Roncudo.

Mais logo no retiro, cando entre faroladas e coñas botaban un xanafrío ó casqueiro -aquel cigarro de picadura de Cuarterón que paseniñamente envolvían  con papel de librito, o pasaban ao longo dos beizos para mollar cal pegamento e despois enteaban con chispeiro de mecha- a tarde ía pasando. Ata a cea, un fritó pescado en Carabandufe e mollando na broa.

Tamén coa vella e ruza boina caendo sobor das pestanas, se botaba un moqueada coas raiolas do sol de inverno. Ata que con algunha masmorra se decataban que tan axiña pasou o tempo. ¿O tempo?

“Pero se foi hai catro días e xa teño barba blanca”, maxinaban pasando a man pola enrrugada faciana  e de salseeiros curtida.”Marchei neno e vin vello, onde quedou a miña mocidade?”, dicía o Tío Xoquín. Se ata os fillos preguntaban quén era aquel home que chegara á casa. Non os vin nacer nin  medrar. Cando marchei hai un ano, Carme estaba preta de parir. En chegando de volta, Manoliño, o máis novo andaba. Eu tampouco o coñecía a el, e xa non levaba cueiros de trapo. Eramos dous extraños.

Agora, dende as vidreiras da Casa do Mar, José o fillo de Jesús e neto de aquel Manoliño, tamén fala do tempo. E ve o queles viron: A Ría de Corme e Laxe; a Illa da Estrela ata o Canteiro; a Tiñosa; a Telleira ou Cándoas e toda a Costa de Vendaval. Pero xa non hai boias nin veleiros. Nin botes atracando na rambla de Baixo da Capilla coas arribadas. Ou as lanchas do Río cargando costeiro. Nin está eiquí embaixo o mastro onde sentaban os meus avós. ¿O palo de barco, onde el irá?

E se chove que chova, podería pensar, eiquí estamos quentiños mentres xogamos á brisca de seis, lemos as novas ou vemos o televexo. Pero non, canto daría eu porque os meus devanceiros puideran ver o froito da súa penuria de vida. Non hai dereito.


Vén a noite e dende un curruncho da longa vidreira ollo de esguello as estrelas. E cavilo, cavilo mentres sinto a humidade dos ollos. Saudando coa palma da man cara o Ceo  lles falo baixiño: “Avós, aquel vello pau de barco, é o alicerce desta vosa Casa”. E me parece velos sorrir no Ceo. Quero crer que nos ven. Ben pensado, o inferno xa o tiveron en vida. Enxugo as bágoas, baixamos as persianas e apagamos as luces. Ata mañán, avós.     Suso de Basilio.   Publicado: A Voz de Galicia-28 xuño de 2016        

domingo, 29 de mayo de 2016

¡QUE GANAS TEÑO DE ESCRIBIR!. PERO...


Pero non vexo de que, meus. Xa sei que levo 5 meses sin facelo e non encontro nada que levar á “mesa”. Se un fala de política, mal vamos. Se é de fútbol, peor aínda. E se a cousa se tercia falando de mulleres, pois iso, que son un vello verde. Así que xa vedes, estou atrapado. E mirade vós que me prace escribir, tanto que durante estes meses quixen comezar varios artigos, pero ó final os fun deixando polo motivo que vos digo.

Logo tamén está a cuestión que moitas veces vos comentei: a falla de interactivar con algún que outro lector, que me fagan algún comentario. Xa sei que se falara do primeiro que dixen, ardería isto como a pólvora, calquera se mete nun lío coma este, onde os “profesionais” da cousa casan e descasan uns cos outros coma quen cambea de chaqueta. Antes, cando eu era mozo, lles chamaban vira chaquetas. ¡E que tanta idea me levou! Aínda que dito isto, tamén me levaron e levan moita idea outras cousas e hainas que ir deixando de lado, coma se fora un moble vello aínda sendo mellor que os de Ikea.

No entanto ao fútbol, xa nada, unha que non me gusta e outra que non lle encontro sentido a que un galego deste curruncho ou aldea esquecida, sexa fan total do Real Madrid ou do Barça. Ata aí chegamos meus, pois eu non o entendo, ou si, sempre queremos arrimarnos aos grandes aínda que para eles sexamos uns ninguén, como diría Neira Vilas poñéndose de Balbino. Non, non podo escoitar que os destes lares choren por estes dous equipos nos cales ao fin e o cabo solo son millóns de pelas que se moven. ¡Que fácil ou doado é arrimar aos grandes!. Veleiquí  nestes dous temas, cabería un artigazo se non fora que a armo polo que quixera dicir e teño que calar.

E como vos dicía, solo queda aquel tema do que tanto falabamos na orquestra: de mulleres,  pois falar de política e fútbol era quedar todos a mal e logo había que sorreir no palco. Pero agora non teño orquestra e Deus a leve consigo, polo tanto, xa non teño que apacigar aos forofos polos temas de ídem. Aparte disto, me chamarían un vello verde. E estarían medio no certo, porque o de vello é verdade. En canto ao de verde maxino que non, porque o pouco cabelo que me cubre a calva xa branquou total.

Agora mirade vós e dicídeme cal dos tres temas non traería discusión. Eu por experiencia digo que este, porque as mulleres seguen sendo fermosas e os homes feos, ou  polo menos sempre os vin feos. Eu xa non poido mirarme ao espello, porque vendo tanta arruga váiseme a moral. O resto, como dicía, xa se foi hai tempo. Queda a vistiña, Santa Lucía bendita nola conserve aínda que sexa para “sofrimento”.

Mais cambeándo de tercio, tamén vos comento que fun de vacacións Imsersianas ata aló en Gandía 15 días e a Valencia ver a Cidade das Ciencias e das Artes. Fantástica obra, o malo foi  comer a “rica paella valenciana” que non é máis ca un guiso de arrós con polo. E se lles parece mal que veñan probar a nosa. Tamén me enterei alí que andan mal entreles, seica non leiran, parece ser que lles vai caendo o pelo de tanto branqueo e “putacións” ou algo así din os xornais. ¡Que tamén me branquou a min, amigos!. (Pero isto que quede entre nós, pois foi un segredo que me contou un de Ourense que traballa alí facéndolle pulpo á feira).

E logo está a miña paixón de caravaning. ¡Cada vez que penso que non vou estrear unha desas de verdade non sei que me dá! Aínda que tamén xa vou tendo medo na carretera, como creo vos dicía no outro artigo. Así que agora o tempo vaise coa miña dona, pois, non me deixa nin ir comprar o pan solo, debe ter medo que me perda. ¡Nin que fora tanta perda!. Non sei porqué, pois, para atopar outro coma min non ten que romper moito a cabeza, total para o  que cobro de pensión aínda non sei como me lava e plancha. ¡E cociñar tamén, todo hai que dicilo, que ben cociña, meus!. A verdade que por este precio non atopo acougo en ningunha pensión nin de unha sola estrela e con cama de xergón de palla. Non sei que será de min se un día me chimpa fóra. Tamén xa calo canto poido. E achantando, xerundio do verbo achantar.

Así que colegas, como dicía, creo que foi San Agustin, estamos en tempo de tormentas e non convén facer mudanzas, enténdase comentarios. Cando o asunto se vaia calmando e as augas de castela e do mediterráneo  lles volvan aos ríos xa veremos de que falamos. Aquí as nosas augas xa están ben encauzadas e aló morren de sequía. Ata nos baños dos hoteis rogan non gastarlles moita auga. Mentras tanto, "vivamos como galegos e a vaquiña polo que vale".


P.D. Ai carallo, agora que rematei, acórdome que puiden falar de coches, sempre mola cantidade coas últimas novidades e nunca trae trifulcas, pero xa foi, e outro día será.

martes, 26 de enero de 2016

¡QUE TAN POUCO FAI FALLA PARA VIVIR!


Como xa sabedes os máis achegados, sempre fun un afeccionado ao mundo das autocaravanas. Pois, velaí onde por fin cheguei a ver o meu soño cumprido: Xa son un autocaravanista, pero vello, que non é o mesmo que un vello autocaravanista. E velaí tamén onde vexo medio frustrada a miña van ilusión: que xa me pon medo alonxarme da miña Galicia que coñezo como a palma da man.

Era a miña ilusión. Era. Mais non ousarei en facelo. A miña ilusión era darlle a volta a España. De cidade en cidade. De vila en vila e  aldeas todas. O mesmiño que aquel inesquencible cantautor José Antonio Labordeta, de quén sentía envexa da súa andaina e coa guitarra nas costas.

En canto ao tema, non é por medo a  durmir dentro, nunca máis lonxe. A cousa vén sendo que me pon medo saír á carretera, sobre todo ás novas vías e autovías nas que xa un tolea con tanto carril e rotondas. (Falando disto e xa que están de moda, vou pedirlle ao alcalde que en Corme tamén queremos unha rotonda. E se tamén atopa un semáforo vello, pois iso,  molaría cantidade).

Lerias aparte, aínda así vale a pena saír. Como si é para o pobo do lado, din os vellos caravanistas. A cousa é romper co cotián de tódolos días. Non ver o mesmo mencer nin a posta do sol sempre desde a mesma xanela. Ou sexa, non outear sempre o mesmo Fusco e Lusco.

Mais a cousa máis fermosa que atopei nesta aventura foi o decatarme de unha cousa: ¡que tan pouco fai falla para vivir!. Deben ser 6 mtrs. cadrados. E chegan e sobran. A cama mesmo parece a alcoba dun jeque árabe toda rodeada de cortinas. Ata 6 pares de cortinas dobles fixo a señora, que por algo foi modista. E vermellas por dentro polo de dar un toque sensual (perdón, quixen dicir especial). E cama de 1,20. E sobra cama. Total…

Ou sexa, un harén-suit-nupcial, que case parece o de Cleopatra ou o daquela peli de Liz Taylor, pero made in casa. (Que quede entre nós: feito por min). Pero legal, conste, con proxecto de arquitecto e legalizada. E non vos falei do alumeado, ai, iso é de peli, e todo inventado polo servidor. Mesmo parece unha discoteca. ¡Malia non ter 20 anos!

Pero do que vos quería falar,  vén sendo da controversia ao descubrir como vivimos na casa: Almorzar en cinco minutos, ela sube ao 3º polo de planchar e ver a nosa Ría, e eu baixo ó 1º sentarme neste “ordeñador”. E ata mediodía. Media hora en xantar e ata a noite, eu para a nave/museo/ comedor e taller en Guxín, e ela para a finca da Atalaia. Chegados á cea, outra media hora e saír ata o muelle. Despois o televexo, pero cada un no seu, porque non hai acordo. Un na cociña e o outro no sofá. ¿Canto falamos en todo o día? ¿Canto tempo estivemos xuntos? Nada.

Ai, meus, pero aquí as cousas cambearon. Nin polo periódico ou o pan me deixa ir solo. Aquí son as 24 horas. E xogarlle á baralla, requisito nº1, nada de televisión. Logo, pasarlle a vasoira ó chan,  levar a basura e un longo etc. (O de longo é un dicir, porque o chan debe ter 3 mtrs. cadrados).

Así pois, xa vedes o contraste. Foi unha maneira de descubrir e de reencontrarnos, algo que na casa non sucede. Verdadeiramente vale a pena. Logo, hoxe en Sanxenxo, Portonovo, o Grove ou a Toxa, e mañán nas Catedrais escoitando as ondas do mar mentres vás adormecendo. Realmente fermoso. Agora é cando estou verdadeiramente descubrindo a Galicia que eu pensei que coñecía. E non era certo, antes iba traballar e sen poder parar onde querías. E abofé que non hai porque saír da nosa terra,  ten moito que descubrir.

Agora debía facer algo de francés, porque  eles sen falar español nin nós o seu idioma, son con quén mellor nos entendemos. Incrible, pero certo. Así que mocidade, non o pensedes máis, unha furgo de panadeiro cunha manta prá por riba, e outra prá por baixo e unha almofada, queda a cousa amañada. Logo unha veliña india polo de ambientar e unha luciña vermella para facer fondo, e..,unha perna tapa a outra. ¡Ai, quén tivera 20 anos, reitero!.

Mais para isto tamén hai que ter crianza, meus. Como a miña, aquela de durmir sendo un púbere, cando saín ao mundo musical. En cabanotes de palla e entre apeiros de labranza envolto nunha gabardina vella. E ollando a lúa chea e rebousando de ledicia. E co traxe da banda abotonado ata o pescozo sen quitar en tres días, o mesmo que os zapatos e calcetíns. Logo de mañá, lavar os ollos no río da parroquia de turno e enxugalos co senlleiro pano da man. Ou sexa, coma os moinantes, pero peor, porque eles xa tiñan naquel tempo as furgonas anticipo das caravanas.

Malia o que máis carraxe me dá, é escoitar que, como son capaz de durmir sen ter medo. E tampouco ducha nin baño. Nin chacusi, vamos. Ou cén metros de piso. E máis aínda, que isto o digan os da miña xeración. ¡Xa quixeramos ter naquel tempo  para durmir, o coche do Bolichero de Neaño!.

P.D. Non quero esquecer, polo que poida vir, que durmin entre arados e grades en col de palla enxoita e ollando o Luar na Lubre.

Att., un caravanista vello. ¡Que tan pouco fai falla para vivir!


domingo, 13 de diciembre de 2015

A RAÍÑA DE GONDOMIL



Dende que eu era neno, que tampouco hai tanto tempo, algúns cormeláns queren manter a lenda que tivemos unha raíña en Gondomil  chamada Dona Urraca. Quizais non estean descamiñados, porque, a verdade que Gondomil algo de lenda esotérica tivo desde antaño comezando pola tristemente esquecida e esnaquizada  Pedra da Serpe. E tamén a súa vista de privilexio ollando toda a nosa Ría de Corme e Laxe, así como o seu enclave de antergo paso como saída e entrada de Corme Porto. Non en van este rilleiro atallo quedou para sempre nomeado como: Camiño das Regateiras.
Mais, cando o río sona, auga leva, e nesta fermosa e soleada aldea aínda quedan vestixos dunha casa feudal, pero que tampouco foi un castelo como para unha raíña. Tamén  a historia nos conta que efectivamente houbo neste lugar moita fidalguía e señorío como iremos vendo. Cóntase tamén, que no 1750 o noso ilustre almirante Francisco A. Mourelle de la Rúa naciu en Gondomil.
Pero enriquecendo un pouco esta historia: A verdadeira raíña (e “madriña” de tódalas Urracas) foi Dona Urraca de León e Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso VI no ano 1.109 cando ela tiña 28 anos.¡Ai, pero que historia a desta raíña! Agora que estamos no inverno tedes tempo de ler. E velaivai.

(Vexamos logo a historia da verdadeira raíña, dona Urraca)

Dona Urraca, a de León e Castela, que  nacera o día de S.Xoán do 1.081, era filla de Afonso VI,  e casou con Raimundo de Borgoña. O individuo, era un francés de Francia. Seica era “de la nobleza”. Pero a xente dicía que era un fragüante que veu por aí abaixo a “velas-vir”  buscando comenencia. E atopouna casando axiña con ela antes que outro lla limpara. E como era de ser, tiveron un fillo: Afonso VII. Pero o pobriño do francés logo palmou. Disque unha disenteria o levou ao cemiterio. ¡Era visto!.
Durante a súa viudés -para ela dous moi longos anos-  tamén lle morreu seu pai  e foi coroada  Raíña de Galicia.  Con tanta cheúra, de seguido lle apareciu un novo galán. Ante isto e non vendo que facer con tanta terra, donou Galicia ao seu fillo, para quedarse  ela e o  seu novo home, Afonso o Batallador, coas coroas de León e Castela. Cómpre dicir que daquela, as viúvas xa se buscaban a vida. E rosmábase nos velorios: “A viúva chorando, home está buscando”.
E así como ledes: de agasallo, Galicia. Como se foramos un xoguete para o neno!. “Ala Afonsito, haí te quedas namentras nos vamos de luna de miel. Da buena cuenta de los Gallegos, que, rosman mucho y tienen retranca, pero no facen  dano”. Eles falábanche así, no seu castrapo da época.
Malia que o casamento non foi de perdura, pois, parece ser que non leiravan. Tamén se dicía que ela  lle poñía os cornos de cotío. Ante isto o seu home encerrouna nun Castelo preto de Zamora. Namais enterarse o Papa de Roma, terciou antes que se botasen as mans, e concedeulles o divorcio no ano 1.114. Dixeron que era nulo debido a ser  parentes...,  sempre hai amaños.  Este casamento durou tres anos escasos. ¡A verdade que se a finadiña dona Urraca foi tan doce e zugosa como as súas peras…,véigana os demos¡.
Deica iso para adiante, a pobriña Dona Urraca, viúva, disvorciada e desconsolada,  parece ser que se deitou con máis de un, de dous, de tres ou de catro. Así, e ós 44 anos aínda tivo que parir outro fillo sen pai. A culpa levouno un tal: D.Pedro González de Lara. O proveito, ¡vaite ti a saber!  Pero fixo ben aproveitar, miña raíña, porque ó ano seguinte, o 8 de Marzo do 1.126 a pobriña morreu con só 45 anos. E aló quedou unha criaturiña sen nai nin pai. Pero iso si, co pan debaixo do brazo. E de pantrigo.
A vida foi pasando, e, anos adiante, aló polo 1.178  sería  Rei de Galicia, Fernando II. Disque era neto de Dona Urraca… se cadra. Daquela non había deses análise que fan agora, iso do “urro  hache  efe”. Pero aos nosos requeretartaravós parroquianos tanto lles tiña un coma outro!
Volvendo ó conto
Con respecto  ás Urracas que houbo por aquí, tivemos a de Laxe, Dona Urraca de Moscoso e señora de Gondomil, pero nada que ver coa viúva do francés de Francia. Seguía sendo un nome moi usual naquel intre, sobre todo porque o levara a Raíña de León e Castela. Xa che había modas daquela entre os ricos como agora.  Dicían eles cando tiñan un bauticeiro: “Ya la niña tá bautizada,  le posimos  como la Reina, Urraquita”. E ala, veña Urracas. ¡Nin que fora tan bonito!. Logo cando facían un ano as criaturas, falaban entreles: “Ay, no sabedes lo lista qués la niña, faló y andó nel mismo día”.¡
E os anos foron pasando, pero o feo nome de Urraca seguía sendo fermoso para toda a nosa nobreza. ¡Ata as mellores peras dos froitales tiveron que levar e levan ese nome de por vida! Así foi como na nosa comarca, a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno, aínda bautizaría en Laxe  no século XIV  (tres séculos despois ó remate da época medieval) á tal Dona Urraca de Moscoso y Castro.
A partir desa data, xa aparecen con ese apelido tantas Urracas como as ditosas peras cada primaveira. Esta familia foi a que erguiu a Igrexa de Laxe e contaban ademais co título de Condes de Altamira.
Centrándonos na verdadeira historia, anos adiante ou mellor séculos, atopamos como no 1698, o Mosteiro de Sobrado, afóralle o lugar de Gondomil a D.Antonio Moscoso e Caamaño, emparentado co conde de Altamira, aínda que o señor da casa fidalga, era D.Antonio España. Poucos anos despois, no 1706, bendícese neste lugar a Capela e Santuario na honra de S.Antón de Pádua, erixida por Thomás de Monroy, arcebispo compostelán.
A todo isto, debemos lembrar que a nosa primeira Igrexa Parroquial, Santo Hadrían Vello, estaba a escasos metros de Gondomil, nas Salgueiras, clausurada no 1791 cando se inaugurou a de Corme Aldea. As súa ruínas, aínda estaban en pé no 1915. Con este dato, e se nos fixamos en toda nosa comarca, podemos ver que as casas fidalgas e castelos, estaban case sempre preto das igrexas. Sen ir mais lonxe, temos as Torres do Allo, a Penela en Rioboo, as Torres de Mens, Pazo de Caión, Casa do Arco e do Aplazadoiro en Laxe, as Torres de Cereixo e un longo e.t.c. A isto debemos engadir, que, moitas casas fidalgas, tiñan a súa propia capela.
Vemos logo, como os novos donos de Gondomil aínda conservaban dous séculos adiante o apelido Moscoso. Sen dúbidas creo que efectivamente as casas nobres de Gondomil foron erguidas por esta nosa fidalguía. Pero de raíñas nada, condesas e menos mal. ¡ E de boa se libraron os nosos retartaravós con tantas loitas polo poder de terras, castelos, fortalezas e predios! De habermos  tido raíña, nós non estaríamos aqui hoxe contando o conto.
En certo xeito, a beiramar non lles era de grande interés á nosa extinxida jett-set da época. Porque eles non eran de comer barbadas, farros, bicudas nin xurelos. O da fidalguía era o pernil, galos, coellos e pantrigo. Perdón, tamén comían en tempo de inverno polo refriamento dos pés: caldo con repolo e ollos de graxa amarela, todo hai que dicilo. O consomé aínda non se inventara.
 E así estaban os pobres cos padecementos da ghota. “Y los pobres sin gota”, queixábanse entreles, a nobreza de alta alcurnia. E o pobo tamén rosmaba entre dentes: “Pois nós non che temos ghota, pero ghota que levar á boca”.

Malia todo isto para a nobreza, foi tamén, que, había unhas visitas na beiramar que non viñan traer as rendas de alugueres de leiras e pardiñeiros chamados casas, estes viñan levar: Había mouros á vista. ¿Como iba haber raíña en Gondomil?

miércoles, 14 de octubre de 2015

A CAÍDA DA FOLLA


Hoxe é outro deses días que teño gañas de escribirvos, pero non sei de que. Así as cousas, de sotaque veume ao maxin que xa estamos no outono, porque na camiñada ó muelle onte pola noite, fun pisando as irtas follas que anuncian o outono. Ata aquí nada fóra do normal. E logo virá o inverno, diredes vós. E nun vira-vira amosara a primaveira florida, esa que abre os corazóns. Os novos, por suposto, que o meu e a Deus grazas, bo é que sequera vaia latexando, porque palpexar…, xa case non me lembro.

Non, non me tomedes por un vello lamenteiro que sempre se está queixando. Que non, ho, que estou coma un roble.  Ou coma un chaval, pero un pouco máis gastado. Ou máis usado. E nada máis que falar, un chaval total, agás que lle había que cambear algunha cousiña coma ós coches (fóra a ialma), por exemplo: a correa de distribución; a xunta da culata; mirar o dos gases (xa víchedes o que lle pasou á Merkel cos gases do seu home, perdón, quería dicir do seu Wolsvagen) e así catro pijadiñas máis. O do freno non fai falla, pois xa freno solo, a cousa é meterlle máis marcha.

De luces tamén, quero dicir que tamén ando ben, pois sigo vendo ás mulleres fermosas e ós homes feísmos. Ai, que me esquecía: o de cambealo aceite, pois,  xa hai tempo que…, que non llelo cambeaba á miña Mercedes, unha alemana que ten 29 anos, pero cun retoque de pintura aínda está de bo ver. Estamos tan “compentrados” que dixen: contigo ate a morte compañeira, a onde irei eu sen ti, ou ti sen min?

Mais falando do outono, todo ten a súa parte boa: as castañas de coiro asadas ou cocidas cunhas pingueiriñas de anís. Nada de fritós, agora uns caldiños por mor do refriamento dos pés. Quería dicir o de matalo porco, pero agora xa non hai cortellos, aínda que hai porcos sen cortellos, malia que a estes non se poden chamuscar polo de quitarlle a pelaxe e a roña.

Logo despois,  vén o tempo dos folladiños á tixola, á pedra, ou requentes ata no microondas. E con mel, esa cousa tan boa prá lamber os beizos, non coma eses pitillos na boca dunha bela moza loira ou morea. Eu sempre lles digo: pero muller, ¿non terás outra cousiña máis doce prá levar á boca?. Porque non me digades vós, que non é un estrozo ver unha boca tan feituquiña e zugando un cheirento cigarro.

E así quedan máis de catro solteiróns, malcasados  e ánimas meas, aterecidos de frío no inverno. Pero que non se ofendan estes últimos, porque os casados tamén temos noites de friaxe. Así, hai noites que por algún rifirrafe por culpa da televexo (mellor dito, da que non vexo), pois iso, que vás prá cama e cabía outra parella no medio. E veña a estarrecer de frío que xa non sabes se os pés son teus. E prá isto caseime?, digo eu.

Volvendo ó conto: non hai dereito a que estas  despiadadas prefiran un xaruto antes de quentarlle os pés a un pobre e desconsolado home. Porque un home sen muller, é coma un barco sen rumbo. ¡Menos mal que xa Deus goberna e imos indo diante!. Despois, por un remordemento de consciencia, aló virán as condenastras quentarnos os pés cunha candelexa o día de difuntos. Pero tarde piáches, guapas, nesa data  xa estaremos no inferno quentiños ó lado da  farándula feminina do mundo do cine, da música e do teatro. ¡Que non saberei eu por oficio!.

Mais rematando a cousa e agora que falei de música,   o condenastro outono deixoume sen chavales na Banda. Aló se me foron todos escagallados polas “niversidades” da contorna. E alí estarán os pobriños ateigados de exames e sen decatarse que está caendo a folla. Aínda que ben pensado, a eles de momento non lles quita o sono a caída da folla, pois entre clase e exame, chatean co Wassap de moda coas súas medias laranxas. Pero logo na soidade da noite e ollando dende a xanela como cae a folla das pretas árbores en col do céspede, cavilarán e…, e coa solfa das corcheas que de nenos estudaron, asubiarán (polo de o ir aprendendo) aquel tema de Yves Montand: Les feuilles Mortes.