LEMBRANZAS CORMEÑAS
O PALO DE BARCO
Comezando cunha frase
do profesor D. Victor Freixanes: “ En sendo eu rapaz”, lembro como os
nosos antergos mariñeiros xubilados se sentaban en col dun vello “palo de barco”,
fronte á rambla de Debaixo da Capilla, así en castelán e tal como lle chamamos
no pobo.
O tal mastro, tamén xubilado, brilaba relucente de tan cueirado. Era a casa
do mar que tiñan os nosos devanceiros. Cousas da vida, tamén diría Castelao,
porque xustamente a Casa do Mar por eles gañada, está erguida onde o tal palo
de barco veleiro. Quen lle lo diría aos nosos, aqueles que despois de 50 anos traballando sin sosego,
tomaban o sol de inverno mentres parafraseaban entreles o que máis adiante
escribiría C.Emilio Ferreiro: “O patrón todo mo debe e eu non lle debo
nada, nin tan siquera este sol que agora
tomo. E mentras me quento espero…”.
E esperaban. Esperaban valentes a que a campá soara, como dicían rindo. Pero
sen medo. Porque o mariñeiro sempre foi valente, a verba medo nunca entrou na
súa xerga.
Nos días de sol e sen néboa, ata fardaban da súa boa vista:
“Vexo unha galiña con pitos na praia de Laxe, alí mesmo baixo o Cabo da Area”,
dicía un deles. “Pero se ti non ves un burro a catro pasos”, lle retrucaba
outro.
Co vento norteiro ou fortes suradas, xa tiñan máis de que
falar contando a cantidade de veleiros fondeados de arribada. Aqueles onde
comezaran con oito anos, unha bolsiña de lenzo con dous pantalóns e camisas
zurcidos. E un bico de súa nai. Porque as nais daquela tamén daban bicos, pero
mirando a outro lado prá esconder as bágoas baixando polas meixelas. Con oito
aniños e pró mar. E sen saber ler pouco máis que o Catón, maxinaba súa nai dende
o alto Monte do Carral. Alí e de xeonllos, pregaba á Virxe do Carme polo seu neno.
Ao mesmo tempo lle facía sinais co mollado pano da man á cuberta do veleiro. Ata virar Cabo Roncudo.
Mais logo no retiro, cando entre faroladas e coñas botaban un
xanafrío ó casqueiro -aquel cigarro de picadura de Cuarterón que paseniñamente
envolvían con papel de librito, o
pasaban ao longo dos beizos para mollar cal pegamento e despois enteaban con
chispeiro de mecha- a tarde ía pasando. Ata a cea, un fritó pescado en
Carabandufe e mollando na broa.
Tamén coa vella e ruza boina caendo sobor das pestanas, se
botaba un moqueada coas raiolas do sol de inverno. Ata que con algunha masmorra
se decataban que tan axiña pasou o tempo. ¿O tempo?
“Pero se foi hai catro días e xa teño barba blanca”,
maxinaban pasando a man pola enrrugada faciana e de salseeiros curtida.”Marchei neno e vin
vello, onde quedou a miña mocidade?”, dicía o Tío Xoquín. Se ata os fillos
preguntaban quén era aquel home que chegara á casa. Non os vin nacer nin medrar. Cando marchei hai un ano, Carme estaba
preta de parir. En chegando de volta, Manoliño, o máis novo andaba. Eu tampouco
o coñecía a el, e xa non levaba cueiros de trapo. Eramos dous extraños.
Agora, dende as vidreiras da Casa do Mar, José o fillo de
Jesús e neto de aquel Manoliño, tamén fala do tempo. E ve o queles viron: A Ría
de Corme e Laxe; a Illa da Estrela ata o Canteiro; a Tiñosa; a Telleira ou
Cándoas e toda a Costa de Vendaval. Pero xa non hai boias nin veleiros. Nin
botes atracando na rambla de Baixo da Capilla coas arribadas. Ou as lanchas do
Río cargando costeiro. Nin está eiquí embaixo o mastro onde sentaban os meus
avós. ¿O palo de barco, onde el irá?
E se chove que chova, podería pensar, eiquí estamos quentiños
mentres xogamos á brisca de seis, lemos as novas ou vemos o televexo. Pero non,
canto daría eu porque os meus devanceiros puideran ver o froito da súa penuria
de vida. Non hai dereito.
Vén a noite e dende un curruncho da longa vidreira ollo de
esguello as estrelas. E cavilo, cavilo mentres sinto a humidade dos ollos. Saudando
coa palma da man cara o Ceo lles falo
baixiño: “Avós, aquel vello pau de barco, é o alicerce desta vosa Casa”. E me
parece velos sorrir no Ceo. Quero crer que nos ven. Ben pensado, o inferno xa o
tiveron en vida. Enxugo as bágoas, baixamos as persianas e apagamos as luces.
Ata mañán, avós. Suso de Basilio. Publicado:
A Voz de Galicia-28 xuño de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario