Dende que eu era neno, que
tampouco hai tanto tempo, algúns cormeláns queren manter a lenda que tivemos
unha raíña en Gondomil chamada Dona
Urraca. Quizais non estean descamiñados, porque, a verdade que Gondomil algo de
lenda esotérica tivo desde antaño comezando pola tristemente esquecida e esnaquizada
Pedra da Serpe. E tamén a súa vista de
privilexio ollando toda a nosa Ría de Corme e Laxe, así como o seu enclave de
antergo paso como saída e entrada de Corme Porto. Non en van este rilleiro
atallo quedou para sempre nomeado como: Camiño das Regateiras.
Mais, cando o río sona, auga
leva, e nesta fermosa e soleada aldea aínda quedan vestixos dunha casa feudal,
pero que tampouco foi un castelo como para unha raíña. Tamén a historia nos conta que efectivamente houbo
neste lugar moita fidalguía e señorío como iremos vendo. Cóntase tamén, que no
1750 o noso ilustre almirante Francisco A. Mourelle de la Rúa naciu en
Gondomil.
Pero enriquecendo un pouco esta historia: A
verdadeira raíña (e “madriña” de tódalas Urracas) foi Dona Urraca de León e
Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso VI no ano 1.109
cando ela tiña 28 anos.¡Ai, pero que historia a desta raíña! Agora que estamos no inverno tedes tempo de ler. E velaivai.
(Vexamos
logo a historia da verdadeira raíña, dona Urraca)
Dona Urraca, a de León e
Castela, que nacera o día de S.Xoán do 1.081,
era filla de Afonso VI, e casou con
Raimundo de Borgoña. O individuo, era un francés de Francia. Seica era “de la
nobleza”. Pero a xente dicía que era un fragüante que veu por aí abaixo a “velas-vir” buscando comenencia. E atopouna casando axiña
con ela antes que outro lla limpara. E como era de ser, tiveron un fillo:
Afonso VII. Pero o pobriño do francés logo palmou. Disque unha disenteria o
levou ao cemiterio. ¡Era visto!.
Durante a súa viudés -para ela
dous moi longos anos- tamén lle morreu
seu pai e foi coroada Raíña de Galicia. Con
tanta cheúra, de seguido lle apareciu un novo galán. Ante isto e non vendo que
facer con tanta terra, donou Galicia ao seu fillo, para quedarse ela e o
seu novo home, Afonso o Batallador, coas coroas de León e Castela. Cómpre
dicir que daquela, as viúvas xa se buscaban a vida. E rosmábase nos velorios:
“A viúva chorando, home está buscando”.
E así como ledes: de agasallo, Galicia. Como se foramos un xoguete para o
neno!. “Ala Afonsito, haí te quedas namentras nos vamos de luna de miel. Da
buena cuenta de los Gallegos, que, rosman mucho y tienen retranca, pero no
facen dano”. Eles falábanche así, no seu
castrapo da época.
Malia
que o
casamento non foi de perdura, pois, parece ser que non leiravan. Tamén se dicía que ela lle poñía os cornos de cotío. Ante isto o seu
home encerrouna nun Castelo preto de Zamora. Namais enterarse o Papa de Roma,
terciou antes que se botasen as mans, e concedeulles o divorcio no ano 1.114.
Dixeron que era nulo debido a ser parentes..., sempre hai amaños. Este casamento durou tres anos escasos. ¡A
verdade que se a finadiña dona Urraca foi tan doce e zugosa como as súas peras…,véigana
os demos¡.
Deica iso para adiante, a
pobriña Dona Urraca, viúva, disvorciada e desconsolada, parece ser que se deitou con máis de un, de
dous, de tres ou de catro. Así, e ós 44 anos
aínda tivo que parir outro fillo sen pai. A culpa levouno un tal: D.Pedro
González de Lara. O proveito, ¡vaite ti a saber! Pero
fixo ben aproveitar, miña raíña, porque ó ano seguinte, o 8 de Marzo do 1.126 a
pobriña morreu con só 45 anos. E aló quedou unha criaturiña sen nai nin pai.
Pero iso si, co pan debaixo do brazo. E de pantrigo.
A vida foi pasando, e, anos
adiante, aló polo 1.178 sería Rei de Galicia, Fernando II. Disque era neto
de Dona Urraca… se cadra. Daquela non había deses análise que fan agora, iso do
“urro hache efe”. Pero aos nosos requeretartaravós parroquianos
tanto lles tiña un coma outro!
Volvendo
ó conto
Con respecto ás Urracas que houbo por aquí, tivemos a de Laxe,
Dona Urraca de Moscoso e señora de Gondomil, pero nada que ver coa viúva do francés
de Francia. Seguía sendo un nome moi
usual naquel intre, sobre todo porque o levara a Raíña de León e Castela. Xa
che había modas daquela entre os ricos como agora. Dicían eles cando tiñan un bauticeiro: “Ya la
niña tá bautizada, le posimos como la Reina , Urraquita”. E ala, veña Urracas. ¡Nin que
fora tan bonito!. Logo cando facían un ano as criaturas, falaban entreles: “Ay,
no sabedes lo lista qués la niña, faló y andó nel mismo día”.¡
E os anos foron pasando, pero
o feo nome de Urraca seguía sendo fermoso para toda a nosa nobreza. ¡Ata as
mellores peras dos froitales tiveron que levar e levan ese nome de por vida!
Así foi como na nosa comarca, a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno,
aínda bautizaría en Laxe no século XIV (tres
séculos despois ó remate da época medieval)
á tal Dona Urraca de Moscoso y Castro.
A partir desa data, xa aparecen
con ese apelido tantas Urracas como as ditosas peras cada primaveira. Esta
familia foi a que erguiu a Igrexa de Laxe e contaban ademais co título de
Condes de Altamira.
Centrándonos na verdadeira historia,
anos adiante ou mellor séculos, atopamos como no 1698, o Mosteiro de Sobrado,
afóralle o lugar de Gondomil a D.Antonio Moscoso e Caamaño, emparentado co
conde de Altamira, aínda que o señor da casa fidalga, era D.Antonio España.
Poucos anos despois, no 1706, bendícese neste lugar a Capela e Santuario na
honra de S.Antón de Pádua, erixida por Thomás de Monroy, arcebispo compostelán.
A todo isto, debemos lembrar
que a nosa primeira Igrexa Parroquial, Santo Hadrían Vello, estaba a escasos
metros de Gondomil, nas Salgueiras, clausurada no 1791 cando se inaugurou a de
Corme Aldea. As súa ruínas, aínda estaban en pé no 1915. Con este dato, e se
nos fixamos en toda nosa comarca, podemos ver que as casas fidalgas e castelos,
estaban case sempre preto das igrexas. Sen ir mais lonxe, temos as Torres do
Allo, a Penela en Rioboo, as Torres de Mens, Pazo de Caión, Casa do Arco e do
Aplazadoiro en Laxe, as Torres de Cereixo e un longo e.t.c. A isto debemos
engadir, que, moitas casas fidalgas, tiñan a súa propia capela.
Vemos logo, como os novos
donos de Gondomil aínda conservaban dous séculos adiante o apelido Moscoso. Sen
dúbidas creo que efectivamente as casas nobres de Gondomil foron erguidas por
esta nosa fidalguía. Pero de raíñas nada, condesas e menos mal. ¡ E de boa se
libraron os nosos retartaravós con tantas loitas polo poder de terras,
castelos, fortalezas e predios! De habermos
tido raíña, nós non estaríamos aqui hoxe contando o conto.
En certo xeito, a beiramar non
lles era de grande interés á nosa extinxida jett-set da época. Porque eles non
eran de comer barbadas, farros, bicudas nin xurelos. O da fidalguía era o
pernil, galos, coellos e pantrigo. Perdón, tamén comían en tempo de inverno
polo refriamento dos pés: caldo con repolo e ollos de graxa amarela, todo hai
que dicilo. O consomé aínda non se inventara.
E así estaban os pobres cos padecementos da ghota.
“Y los pobres sin gota”, queixábanse entreles, a nobreza de alta alcurnia. E o
pobo tamén rosmaba entre dentes: “Pois nós non che temos ghota, pero ghota que
levar á boca”.
Malia todo isto para a nobreza,
foi tamén, que, había unhas visitas na beiramar que non viñan traer as rendas
de alugueres de leiras e pardiñeiros chamados casas, estes viñan levar: Había mouros
á vista. ¿Como iba haber raíña en Gondomil?
No hay comentarios:
Publicar un comentario