domingo, 19 de abril de 2020

O PAPEL HIGIÉNICO


O PAPEL HIGIÉNICO
Teño aquí apuntes de darvos a lata, pra dar e tomar. Pero hoxe vamos chegar a un acordo que espero me deades a razón. E se non a teño, pois nada, pago os cafeces, os descafes, os pasteis, e na volta do serán, chiculate con churros, pero chiculate espeso, dese  de chúpalo dedo.
A cousa viña sendo, que, a ben seguro tedes na casa papel hixiénico por saco, ou máis ben sacos. E mirade vós por onde comezou a suba dos fraguantes mercando eucalipto pra celusosa, porque se agotaron eixistencias. Era visto, nin que estivéramos toda familia tirando da cisterna noite e día. Bastou un neura que no CONTINENTE enchío o carro, e xa sembrou o pánico total. E senón, veredes vós este conto que foi real.
Era eu barbilampiño, cando dous patróns de Corme que eran o demo facendo caralladas, pararon ás 12 da mañá, no mesmo Cantón Grande na esquina fronte ao Banco Pastor. Estaba unha mañá clara total de primaveira e un deles lle dixo ao outro no ouvido unha ocurrencia.
De repente, pararon, e un deles comezou a sinalar ao aire poñendo cara de intriga. O outro comezou tamén a sinalar buscando no Ceo o que nada había. En tres minutos, estaba todo Cantón Grande sinalando ao Ceo e a xente toda parada. E os dous caralláns, se foron largando tomar un viño a Santa Catalina, e rindo a partir. E alí quedou o Cantón enteiro  mirando ao Ceo. Tal foi, que algún “espabilado” xa vía o que non había, dicía el.
Pois o mesmo foi co papel hixiénico, meus, todo foi por un neura que debe ter a casa máis chea que o ELCAMPO con almacén incluído. Calqueira día van ter que comezar os bombeiros ( bombeiros da Banda non, os de apagar o lume ) a vaciar pisos, pola “descomposición”, pero das cousas, a xente sigue estreñida. E abofé, que van ter trafega pó que resta de ano.
Ben pensado, este conto de hoxe, casemente podíamos extrapolalo ao de antonte, cando falabamos dos tempos dos nosos avós e avoas. Non había papel nin de Interviú nin de Hola, polo de aproveitalo. O do periódico non chegaba a nada. ¡E que ben limpaba, aquilo xa era un adianto! Logo, recordo o primeiro que saiú ao mercado: El Elefante. Coime, pero iso era papel case coma o de estraza, limpaba o que tiña que limpar. E non este moderno que é igualitiño cao de librito pra liar un toscano de Cuarterón.
Pero non había ningún problema naquel tempo. Recordo na casa dos avós en Froxán que, na cañeira, pois todo se reciclaba e mellor que agora. Cando “acababas”, collías unha folla fresquiña dun coleiro e molladiña do resío, e, ai, aquilo era unha frescura que ata che daba gustiño. E senón chegaba unha, pois, dúas ou o coleiro enteiro. E non facía falla o Vidé ese de agora coa auga fervendo. ¡Se é mellor auga fría prás almorrás!
En fin, que remato con outro conto real da vida mesma. Eu non son contachistes, senón conto anécdotas reais que fun metendo na miña recolleita virtual. (Pois, nada, xa me saiú o de virtual) . Dicía que en sendo eu neno duns 5 anos, estaba co avó e padriño Jesús Torrado nas pedras do Biscoiteiro vendo os golpiños de mar. E de repente, comecei a chorar.
“Que tés, meu neno?”, me dixo padriño. “Que teño gañas de facer caca e non hai papel”, dixen eu choroso. Entón el, mariñeiro rexo e de volta e media da vida, esbozou un sorriso que me fixo chorar máis. E el a rir, e eu a chorar coa dor da barriga. “Ala, báixate e fai caquiña tranquilo”me repetío. Ata que non puiden máis. E el mirando como as ondiñas do mar iban e viñan polos regos do Biscoiteiro mentras “buscaba o meu papel “hixiénico”. Rematei e, e velaí estaba padriño coas mans cheas de xeixiños mollados do mar, máis desinfectados e suaves que o papel máis moderno.
Aquela lembranza, endexamais se me esquecío, o mesmo que na casa dos avós de Froxán. Cantos problemas nos creamos tendo as solucións á man. Canto temos que aprender dos nosos devanceiros, dicía eu antonte, e canto nos complicamos a vida. Se o papel hixiénico ten 50 anos, e a vida miles por non dicir millóns de anos. ¡E sen papel hixiénico! ¡Que problema!. P.D. Sequera volve a subir o precio do “arcolito” pra facer…máis papel.


sábado, 18 de abril de 2020

CARTA AOS NOSOS CRUÑESES


CARTA AOS NOSOS CRUÑESES
Ola cormeláns veciños: Estaba en escribirvos un día destes, pero seique agora mesmo, ás 4 da tarde, vos está caéndo unha boa enchenta e case sentín mágoa, porque, eiquí, nas vosas casiñas, está un día de sol que se deixa querer. Ata non hai frío, e se o digo eu, pódese crer. ¡Ata rima ben!.
Eu sei que o estades pasando mal, quizais peor ca nós, pero pillouvos aí a cousa e que lle vamos a facer. Eiquí, aínda podes ir por unhas verciñas pro caldo nunha escapada e darlle un arrendiño ás patacas de cedo, ou ás de xaneiro. Ou facer que vás ao médico, pero o conto e ver a Rambla de Terra ou como sube a marea na Arnela. Sempre hai desculpas,pero  malas.
Pero nada, nosos, que os venres sen vós, mesmamente parece cando quedaban fóra da cidade os da porta da Lúa de Valencia. E así vos pasou, coma os valencianos que enredaban coas naranxas e cando volvían, porta pechada ata no outro día. Nada novo, baixo o sol, que segue coma se nada. Mais saibades que eiquí, sempre teredes a porta aberta, que namais ollar dende o Alto da Costa, xa vedes como o sol se pon riba de Camelle.
Agora vou levarvos dar un paseíño polo pobo, pois fun hai un pouco ata a azotea do faiado e dende alí, case domino o pobo. Coma os feudales do medievo que facían os castelos nos bicarelos máis altos.
Dicía eu, que vamos facer xuntos un paseo, pero Virtual, esa palabra que non usabamos para nada hai un mes. E xa vedes, como as modas do Corte Inglés, ou en sendo mozos, o “Saldos Arias que eran as teimas diarias”.
Que nada, que non hai alma. Mireivos cara o Caramanchón e todo sen novidade. No Carral, unha ventisqueira dos de Portozás coma sempre, pro non podemos poñernos a mal neste intre. Logo a nosa Ría, que podíades ir ás fanecas, está o mar coma un plato. Ata iría eu, que xa é dicir. O muelle, que cando volvades vai haber calamariños pra fartar, dar e conxelar. A Ermida, coma sempre, tomando o sol de mañá e de tarde. Eo Osmo, non hai bañistas por ter que fuxir a galope, senón taría  de top-les a tope.
E que máis, que temos campana moderna nova e sequera aínda aleda o pobo, ata mesmo parece unha cidade. Agora que recordo, aínda non se foron levar os 20€ a conta do Banco, tamén porque non abre tódolos días, outra novidade que vos conto. Ah, que están facendo unhas aceras desde o cruce do Colexio  ata encanar coas  outras nas Forcadas. E pintadiñas. Logo, cada tardiña nos desinfectan total e suben á Arriloa e ata a Regadiña, onde hai festa diaria en vivo e en directo  grazas a Sagrario a dona de Juán. O de dona, quixen dicir a muller, ou sexa, a muller do que canta. E la mar me deixe, senón ten repertorio pra deixar á París feita un Panorama  e vendo brilar nos Satélites,  o Luar coa Finisterre.
O do Percebe, xa vos enterarías, queda para o ano se chegamos aló, todo é estar na casa, que tampouco é  tanto. Cada noite ollo ao Ceo, e maxino como aguanta no Satélite o Astronauta de turno tres meses sen ter onde revolverse nin camiñar 3 mtrs. Ou no hospital, cando escraquenáches unha canilla e tamén, 3 meses coa perna colgada.
Eu xa sei que sofrides sen o voso finde en Corme, porque logo ides como se adoita dicir, coas pilas cheas. Pero nós tamén sen vervos, sen ver como aledades o Campo de ronda en ronda e baixando o Río da Roda, logo a Calle ata botarlle a arrancadeira na Ribeira. Pero nada, meus, que dende A Torriña ata a Arnela, previa baixada a Baixo da Capilla, tampouco teríades onde tomar un corto. Consoládevos logo, imaxinando que todo está pechadiño e así non tedes tanta dor.
Así as cousas, recordos dos da Aldea, Guxin, Froxán, Roncudo e Gondomil. Eles seica o van levando mellor por ter unha hortiña, cabazo e cabanote onde pasar o tempo mentres fan unhas rachiñas prá cociña ou a lareira. E darlle millo ás galiñas, gardalas e así catro pitanzas pra mellor pasar o tempo.
Ai, que me esquecía, que xa anda o Porco Bravo pola Trabe e fuzou a pleno sol na porta do Abanca. Como non lle abrían, virouse ao caixeiro, pero estaba sen a tarxeta e sen o pim, co cal, tivo que coller Feira arriba e foi como veu. Agora, temos outro ás tardes paseando polas aceras do Muíño do Medio. E pola esquerda, como ten que ser. Éche ben bonito por certo, senón xa veredes cando veñades.
E nada máis, lle mando a carta a Moncho de Filgueira, e que el vos pase fotocopia. Recibide de todo Corme: Bicos; apertas; choque de mans; que tomedes café eo poñades na conta nosa virtual, e deica que nos vexamos.
P.D. Me esquencía dicirvos, que a Fábrica de Cervexa, ante a falta de vender bidóns para grifo-bar,  comprou a acometida do gas-cidade-pobo e a vai utilizar pra dar servizo de cervexa ao grifo da casa, cousa que non tedes na Cruña. Xa vedes, os depósitos xa lles valen tamén os do Cubeiro sen estrear. Amén, cuidarse e leirar ben. Podedes calcetar os homes que xa se puxo de moda, eu tou aprendendo. Remato por falla de papel. Bicos.

¡ A QUE MUNDO CHEGAMOS, VÓS!


¡A QUE MUNDO CHEGAMOS, VÓS!
Así dicían as nosa avoas e aínda non viran máis ca o Nodo da pilícula que viría despois. Logo viñeron as fillas das nosas avoas, ou sexa, nosas nais, e a mesma historia: O que unha ten que ver antes de morrer. Logo viñemos os netos das avoas e fillos de nosas nais, e, e xa dicimos o mesmo que antes os nosos devanceiros e nos daba moita risa. Páganse todas na vida. Ou sexa, que velaí lles temos que dar a razón: Agora xa vedes que a palabra de moda é Virtual.    
¡Onde van aqueles tempos de que o leite era morniño da vaca?; aqueles ovos de curral con dúas xemas?; o galo tamén de corral que cocido ou ao forno, era chupar os dedos; a carne de cucho sen pienso algún; a manzanilla do sauce chorón, pois nada, que a temos que comprar tamén e o sauce chegando ao chan.
Ata o tabaco, meus, ata o tabaco era natural. Onde vai aquel Cuarterón e o Caldo de Galiña ao natural feito polo propio fumador. (Isto entre nós, pero non saibades a teima que había na Banda de meu pai entre os do Cuarterón e os do Caldo, xustamente se poñían a “caldo” rosmando co recendo). Pero ata era unha obra de arte en verllelo facer tan feituquiño con toda parsimonia e logo a lambetada final para pregalo. Aquilo xa relaxaba sen fumar. Eo lume, ao natural, co chispeiro que ata lle prestaban aos fogueteiros para botar a pólvora cando quedaban sen mecha.E agora, tabaco laife, a saber o que lle meten dentro?.
Eos bicos, ai, meus, onde van aqueles bicos de verdade, de tornillo total coma os do Chico á Chica que sempre era os ghuapos do cine. E se copiaba da pilícula do domingo antes. Ata na mili, a algúns lles chegaba o bico da noiva sellado na carta co seu xazmín pregado. Pero do máis vermello. E así quedaba o noivo: tamén vermello bicando a carta. Aquilo era romanticismo.
E así chegamos a isto, que todo é virtual. Coma os iogures laifes eses, ou sexa, a saber de que son feitos. E todo é laife; o leite desnatado; o café descafeinado; o aceite desaceitado; as patacas que as levou o resío e se poñen de loito namais cocelas; o pan, mellor non falalo, esas que lle chaman baghetes, mesmo parecen ás dúas horas, o conto aquel de “aquelare”, pero mortiño total; o viño, ai, o viño, disque tamén se facía de uva, lle dixo o taberneiro ao fillo antes de morrer.
Dixen morrer. Ata nin iso, antes ibas a un velorio e non faltaba café á pota coa súa copiña de Terri Malla Dourada e unhas rosquiñas que case se iba a noite sen darte conta. Agora nada, vás a un “tormentorio” deses tan moderno, e se tés sede, ou pagas o pocilliño de café (mais ben cascarilla)  ou vás ao bidón aquel e bebes, pero en vaso de plástico e auga tamén descafeinada, da máis barata. E entre nós (sen que se entere o cura que a teño clara), ata che fan trampa co botafumeiro, antes carbón de verdade, agora unha pastilliña tamén laife e nin vás afumado como Deus manda. E a campá, tamén laife/virtual. E as nosas de cobre criando verdín. Que nada, que non vale a pena morrer, que volo digo eu.
 Pero o máis triste é ver as probiñas vacas que se van deste mundo sen comerse unha rosca. Ou sexa, saber o que é un boi. Contabame hai 15 uns días un de Vilarriba, que, cando levaba a vaca vella ao boi, nin caso. ¡Ai, pro cando lle levaba unha xovenquiña nova, ai, madre, saltaban no aire. Os dous, o boi e a cuchiña.  Xa vedes. E agora nada, aló vén o veterinario (antes lle chamaban o albeite)  e aló a “inseiminia” tamén virtualmente. Unha tristura meus,que digraciadiñas naceron.
Ai, que me esquencía, antes tamén o “aquele de aquelare” era ao natural. Agora nin iso, tamén laife, in, out, e moito englis, como xa avisan no colexio: Póntelo y pónselo. Casemente parece a letra da Burrita de Corme: “Poselo a la burrita, poselo a la burrita”.
 P.D. Bicos, apertas, vinde tomar café ou mellor tila, e todo que queirades, total, todo é virtual. ¡A que mundo chegamos!



jueves, 16 de abril de 2020

A RAÍÑA DE GONDOMIL




Dende que eu era neno, que tampouco hai tanto tempo, algúns cormeláns queren manter a lenda que tivemos unha raíña en Gondomil  chamada Dona Urraca. Quizais non estean descamiñados, porque, a verdade que Gondomil algo de lenda esotérica tivo desde antaño comezando pola tristemente esquecida e esnaquizada  Pedra da Serpe. E tamén a súa vista de privilexio ollando toda a nosa Ría de Corme e Laxe, así como o seu enclave de antergo paso como saída e entrada de Corme Porto. Non en van este rilleiro atallo quedou para sempre nomeado como: Camiño das Regateiras.
Mais, cando o río sona, auga leva, e nesta fermosa e soleada aldea aínda quedan vestixos dunha casa feudal, pero que tampouco foi un castelo como para unha raíña. Tamén  a historia nos conta que efectivamente houbo neste lugar moita fidalguía e señorío como iremos vendo. Cóntase tamén, que no 1750 o noso ilustre almirante Francisco A. Mourelle de la Rúa naciu en Gondomil. A saber?
Pero enriquecendo un pouco esta historia: A verdadeira raíña (e “madriña” de tódalas Urracas) foi Dona Urraca de León e Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso VI no ano 1.109 cando ela tiña 28 anos.¡Ai, pero que historia a desta raíña! Agora que estamos no inverno tedes tempo de ler. E velaivai.

(Vexamos logo a historia da verdadeira raíña, dona Urraca)

Dona Urraca, a de León e Castela, que  nacera o día de S.Xoán do 1.081, era filla de Afonso VI,  e casou con Raimundo de Borgoña. O individuo, era un francés de Francia. Seica era “de la nobleza”. Pero a xente dicía que era un fragüante que veu por aí abaixo a “velas-vir”  buscando comenencia. E atopouna, ainda que casando axiña con ela antes que outro lla limpara. E como era de esperar, tiveron un fillo: Afonso VII. Pero o pobriño do francés logo palmou. Disque unha disenteria o levou ao cemiterio. ¡Era visto!.
Durante a súa viudés -para ela dous moi longos anos-  tamén lle morreu seu pai  e foi coroada  Raíña de Galicia.  Con tanta cheúra, de seguido lle apareciu un novo galán. Ante isto e non vendo que facer con tanta terra, donou Galicia ao seu fillo, para quedarse  ela e o  seu novo home, Afonso o Batallador, coas coroas de León e Castela. Cómpre dicir que daquela, as viúvas xa se buscaban a vida. E rosmábase nos velorios: “A viúva chorando, home está buscando”.
E así como ledes: de agasallo, Galicia. Como se foramos un xoguete para o neno!. “Ala Afonsito, haí te quedas namentras nos vamos de luna de miel. Da buena cuenta de los Gallegos, que, rosman mucho y tienen retranca, pero no facen  dano”. Eles falábanche así, no seu castrapo da época.
Malia que o casamento non foi de perdura, pois, parece ser que non leiravan. Tamén se dicía que ela  lle poñía os cornos de cotío. Ante isto o seu home encerrouna nun Castelo preto de Zamora. Namais enterarse o Papa de Roma, terciou antes que se botasen as mans, e concedeulles o divorcio no ano 1.114. Dixeron que era nulo debido a ser  parentes...,  sempre hai amaños.  Este casamento durou tres anos escasos. ¡ A verdade que se a finadiña dona Urraca foi tan doce e zugosa como as súas peras…,véigana os demos. ¡.
Deica iso para adiante, a pobriña Dona Urraca, viúva, disvorciada e desconsolada,  parece ser que se deitou con máis de un, de dous, de tres ou de catro. Así, e ós 44 anos aínda tivo que parir outro fillo sen pai. A culpa levouno un tal: D.Pedro González de Lara. O proveito, ¡vaite ti a saber!  Pero fixo ben aproveitar, miña raíña, porque ó ano seguinte, o 8 de Marzo do 1.126 a pobriña morreu con só 45 anos. E aló quedou unha criaturiña sen nai nin pai. Pero iso si, co pan debaixo do brazo. E de pantrigo.
A vida foi pasando, e, anos adiante, aló polo 1.178  sería  Rei de Galicia, Fernando II. Disque era neto de Dona Urraca… se cadra. Daquela non había deses análise que fan agora, iso do “urro  hache  efe”. Pero aos nosos requeretartaravós parroquianos tanto lles tiña un coma outro!
Volvendo ó conto
Con respecto  ás Urracas que houbo por aquí, tivemos a de Laxe, Dona Urraca de Moscoso e señora de Gondomil, pero nada que ver coa viúva do francés de Francia. Seguía sendo un nome moi usual naquel intre, e todo, porque o levara a Raíña de León e Castela. Xa había modas daquela entre os ricos como agora.  Dicían eles cando tiñan un bauticeiro: “Ya la niña tá bautizada,  le posimos  como la Reina, Urraquita”. E ala, veña Urracas. ¡Nin que fora tan bonito!. Logo cando facían un ano as criaturas, falaban entreles: “Ay, no sabedes lo lista qués la niña, faló y andó nel mismo día”.¡
E os anos foron pasando, pero o feo nome de Urraca seguía sendo fermoso para toda a nosa nobreza. ¡Ata as mellores peras dos froitales tiveron que levar e levan ese nome de por vida! Así foi como na nosa comarca, a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno, aínda bautizaría en Laxe  no século XIV  (tres séculos despois ó remate da época medieval) á tal Dona Urraca de Moscoso y Castro.

jueves, 1 de junio de 2017

O GRILO E A GRILA

O grilo e a grila

Unha noite de claro luar, na que todo era un doce grilar, un griliño na noite brileira, suspiraba na súa grileira:

 “¡Eu tamén…, eu tamén quería grilar!”, berraba un griliño novo.

“¡Pois grila, grila canto ti queiras, que griliñas hai sen grilar!, escoitouse unha voz moi preta.

 ” “Pero eu son  grilo novo, e non sei  como é grilar, e as novas  non saben, do grilo un grilar”, repondeu de novo o griliño.

 “¿Que pides logo griliño, comigo querer grilar?”, de novo a voz de antes.

 “¡Se ti me ensinaras, contigo a grilar, despois eu grilaría as grilas ó par!”, marmullou de  novo o griliño.

“¡Ai, vaite preto griliño, e coas grilas ponte a grilar, que a noite aledan co seu ledo cantar!”,berrou a grila vella.

. ¡Pró, ti non entendes, que eu non quero cantar, o que a min me preme é saber grilar!”, outra vez o griliño novo.

 “Pois mira griliño novo, que teu pai foi griladeiro,  e co teu vello aprendín, a grilar con el primeiro”., sincerouse a grila vella.

 “¿Logo, sabes ti quen foi, o grileiro de meu pai?”, preguntou o inocentiño.

 “¡Ai, filliño do grileiro, que teu pai foi griladeiro, á miña grileira viña, cada noite silandeiro!”, exclamou a vella grila.

Xa muller, xa, a ti meu pai te ensinou, a grilar na túa grileira, mais a min non hai unha grila, que me ensine a griladeira”., suspirou o imberbe grilo.

 “Pois ven acó meu griliño, e baixa á miña grileira, se teu pai a min me ensinou,  a ti grílote eu primeira”.


E na cume de lúa chea, a noite foi rematando. ¡Ai, pero como rematou! Co xerundio do verbo grilar: Grilando.  

martes, 28 de febrero de 2017

CARTA Á MOZA

CARTA Á MOZA

En vista de moito que cambearon os tempos, hoxe dáseme por recordar aquelas cartas que na nosa mocidade escribíamos ás mozas e elas a nós. Coido que aínda tendo moitas faltas de ortografía sempre tiñan un valor, digamos literario, que non ten o actual modo de comunicarse. Porque actualmente dende logo non ten ningún, aínda cando as novas xeracións teñen unha escola que nós, seus pais ou avós, nin polo maxín nos pasou.
Que é iso de: “t kiero”. Para isto vou escribir na lingua de Cervantes, o castelán no que fomos “escolarizados”. Elexin a miña época na mili  onde eras a envexa cando o cabo de portas berraba: “Pérez, carta da moza”. Así, vou intentar lembrar as frases recollidas no estilo máis habitual naquel entón. Todas elas foron verídicas, nada da miña inventiva.

En La Coruña a 20 de marzo de 1.962
                                                             Srta. Doña: Rufina Pérez López
Castrelo de Abajo-Ayuntamiento de  Pedrouzo
                                                                                                            
Querida novia:   Quiera Dios que al recibo de esta te encuentres bién de salud y en compañía de tú familia, la mía es un dolor por estar lejos de ti.
Recibí tú carta ayer por la tarde y ya ves lo mucho que te quiero, pues perdí de salír por escribirte lo antes posible, pero también te lo mereces por el beso que imprimiste al final de la carta con el jazmin de tús labios. Me pasé la noche besando sobre tú beso y ya casi no se conoze, en la próxima carta cárgale un poco más a la barra de labios. ¡Y no veas toda la compañía, el que más y el que menos se mueren de envidia!
Me cuentas que tuviste un fuerte catarro con fiebre y no me extraña despues de aquella noche que pasamos en el Casal de Abajo el martes de carnaval y sin ninguna manta con que taparnos, pues además del olor de la paja seca, el polvo hacía toser. Como se entere tú madre es capaz de quemar el casal, pues no me traga, y todo porque mi padre compró el prado del Ribón que ellos querían. ¡Ai, cuando hablemos de voda!
Tengo que darte una sorpresa cariño: Me ascendieron a cabo furriel 2º de cocina y ya no tengo que pelar más patatas. Ahora me van a dar 20 pts., al mes, el doble de hasta ahora, y, con cada peso que tú me mandas en las cartas voy juntando para  ir a verte en el Castromil. No te olvides de meter el billete entre los pliegues de la carta sin que se note, pues hasta me han robado el gorro cuándo estaba en las letrinas y he tenido que robar otro.
      Mi amor, si puedes, me mandas unos chorizos y queso, pues aquí nos salen las alubias por las orejas y el jefe de cocina acaba de comprar cinco toneladas más en el economato.
También si pudieras hacerte con un jamón en la bodega de tús abuelos sin que se enteren, se lo daría al sargento Martínez, pues todos le llevan patatas y ya está empachado de ellas, así casi fijo que me daba permiso para la fiesta de Pascua en la aldea de mi abuela María. Nos queda en camino de sú molino, guardan la llave en el cabanote debajo del feixe de hierba y el Pascán no me ladra porque ya conoce mi ulido. Podríamos pasar casi la noche y sin frío porque el abuelo tiene alli un colchón y dos cobertores además del candil.
Todo esto me lo mandas por tú primo, el Gumersindo de Casas de Arriba que va a ir de permiso una semana, pero sabes que soy muy celoso y lo digo por el, ya me entiendes, que es capaz de inventarte que salgo con una marmota para que seas sú novia. (Y que no se entere sú Eustaquia, pero va cada semana al Papagaio con la Andaluza, una que solo le cobra 25 ptas. por ser cliente fijo, es tan cierto que lo veo con mis propios ojos cuándo voy con el, pero yo tan inocente).
Ai mi lejano amor, te quiero más que la comida de hoy al mediodía, y eso que dieron alubias más dos huevos y un chorizo en salsa con patatas fritas. Hasta el alférez de guardia se chupó los dedos, que ya es decir. Pero eso sí, lavé la boca antes de besar tú foto que lo hago 20 veces al día y aún así la llevo gastada, casi me deberías enviar otra, la que sacaste en la romería del San Blás con aquella blusa y falda, ¡ai..,aquella noche en la carballeira..!, bueno, que no se entere tú madre, esconde bién las cartas.
Mi Rufinita, no sabes el regalo que te compré con mis ahorros¡ Pero esto  no te lo mando por el Gumersindo, es algo íntimo para la mujer que más quiero y con la que sueño despierto en las noches de guardia. Ai mi amor, se me acaba la tinta del bolígrafo y tengo que terminar, cuidate y no vayas al baile ni al cine hasta que sea conmigo. Te quiero más que al sol de mediodía.

Tuyo que lo soy: Eustaquio Quintela  Opazo.

sábado, 19 de noviembre de 2016

DE CORMELLE A PORTOZÁS


Falábase nas Mareas  Vivas, que había un pequeno pique entre Portozás e Cormelle. ¡Que pouco sabían eles da nosa historia, nunca houbo dos pobos tan ben levados!. Estamos todo o día véndonos e nunca reñimos. Namais abrir o día, nos saudamos dende o Carral ata Santa Rosa. Mandámoslle Nordeste do bo, e para non ser menos, nos corresponden co seu Suroeste, ben feito, por certo.

Nunca houbo dous veciños que tanto se corresponderan. Como din no rural, ata nos tratamos de festa, que xa é dicir. Na Festa do Percebe, os convidamos e logo na Festa do Quince, nos corresponden. Solo temos unha teima coa Virxe do Carme: Nesa festa, os de Portozás poñen todo do seu lado a máis non poder. Pero iso si, na Procesión pola Ría, os visitamos e outro tanto fan eles con Cormelle.

Mais falan as meigas e trasnos -pois habelas hainas aínda que sen pano á curra e uñas largas- que temos casamento á vista. A noiva é de Portozás e o noivo de Cormelle. Levan anos, moitos, dende o 1920 tirándose os tellos. E foron chegando á vellés quedando solteiróns. Dormen de día e pasan a noite en véla. Como son tan velliños, non teñen estes móbiles de agora. E teñen que facerse ver con sinais na noite escura.

E sofren, sofren por non bicarse e darse un arrumaco nas noites de frío. Pero tres millas os separan e cando hai néboa nin unha chiscada de ollo. Prá colmo de males tampouco atopan padriño e madriña, pois, os seus vedraños hai tempo que se foron. E máis colmo,  están sen familia por ser unixénitos. Nas noites de branco luar, falaron por sinais, claro, de facer un xuntoiro á moderna. Pero xa non ousan dada a súa idade, ela, a noiva ten moito recate por aquilo do que dirán as malas linguas. E el, meu galanciño, ten complexo polo moito que ronca.

Pero o noivo, Roncudo da Pedra do Cabo, está farto de tanta soidade. E a noiva, Farola da Insua do Cabo, tamén vai chea de chiscarse o ollo e non ter quén lle enxugue as bágoas de tanto chanto. Malia isto, está a traba do seu segundo apelido: Cabo. Ou sexa, que deben ser algo curmáns e non saben se atoparan crego que os case polo parentesco. Grazas a Deus, que, por ser solteiros, están exentos da antiga oblata, menos mal.

E así están os pobriños sen comerse unha rosca, porque de percebes están que rebentan. Pero tamén lles teñen envexa aos percebes cando ven como “amañan a cousa” sen falla de ir ás percebas. E prá máis, baixo as súas narices. E eles poñéndose vermellos da carraxe espreitando dende o alto. Sobre todo ela, Farola, que ferve en tal ver. El, Roncudo, o pobriño xa non ferve. Pero pensa: “Quen fora percebe, disque son “irmanfroditas”. Esta palabra  escoitoulla a un “bioscólogho” que veu dende Boimorto a ver se era certo. E debía ser verdade porque cando chegou de volta ó coche iba albo en tal ver. Albo, mentras a loura moza que o acompañaba o miraba de esguello e con displicencia, entanto zugaba un percebazo da Pedra e rosmaba vermella: “Este percebe é un home, e un gato é un bicho, xa quixera eu que o meu home fora un percebe”.

Así as cousas, non me digades o cacho casamento de Farola e Roncudo. Todo Cormelle e Portozás de convidados e ben fardados, pieitados e con paxarela. Sería a voda da historia porque do século xa hai moitas, e, la mar me deixe se moito  duran. Que non saberán Farola e Roncudo vendo parellas tódalas noites e abaneando o  Ford Fiesta sen haber picha de temporal. O de “picha” é un dicir. Pero xa non hai respecto aos vellos.

Mais o casoiro vai ir adiante, xa hai padriños. Por parte do noivo, irá D. Afrodisio de la Arregadiña y Bustelo, o noso Alcalde de Cormelle, pero sin bastón. Está  viúvo, pero recalentón e de bo ver. Piéitase con ghomina e  arrecende a Varón Dandi que mola. E de madriña, a Alcaldesa de Portozás, Dona Urraca de Castrelo y Soesto. Tamén viúva, pero mui verde, véighana os demos. Disque foron vistos bailando Bachata e Reguetón con algo de Traketeo en Sta. Comba e deixaron á chavalada sen fala en tal ver. El é de esquerdas e ela das dereitas, pero vanse decantar polo “centro”, xa andan probando.

En canto ao menú: De primeiro, percebes ata tocarlle co dedo, faltaría mais, pero sen cachelos, as patacas atrancan moito. De segundo, un bo polbo da nosa Ría, tamén ata recunquear a ver se aos noivos lles fai ilusión. Logo, virá un churrasco con bos criollos, por aquilo de motivar á noiva. E de postre, pois, plátano de Canarias con nata e Pipermin, é moi sensual, polo de endulzar ben á parella. Xa por volta de tarde, e cando os noivos se vexan como a Lúa en Cuarto Menguante, unha boa chocolatada, por aquilo de aclarar quen somos  papeiros ou chiculateiros.

E por fin chegará o intre degoirado polos noivos. O da primeira noite. Roncudo, o pobriño, que xa está na pitopausia, todo coitado. E ela, Farola, tamén coa menos-pausia. Pero xa se sabe, elas sempre son máis valentes e a noiva tomará a iniciativa: “ A ver, ho, meu Roncudiño, que facemos?”. “Mira muller, ti que non sabes e eu que tampouco aprendín, o mellor é que durmamos”.


Era visto, con 96 anos, pasóuselle o arrós aos dous. De calquera maneira: Vivan os noivos, Farola da Insua do Cabo e Roncudo da Pedra do Cabo por fin durmirán xuntiños e quentes. O resto…, auga pasada non move muíño.