CARTA AOS NOSOS CRUÑESES
Ola cormeláns veciños: Estaba en escribirvos un día destes,
pero seique agora mesmo, ás 4 da tarde, vos está caéndo unha boa enchenta e
case sentín mágoa, porque, eiquí, nas vosas casiñas, está un día de sol que se
deixa querer. Ata non hai frío, e se o digo eu, pódese crer. ¡Ata rima ben!.
Eu sei que o estades pasando mal, quizais peor ca nós, pero
pillouvos aí a cousa e que lle vamos a facer. Eiquí, aínda podes ir por unhas
verciñas pro caldo nunha escapada e darlle un arrendiño ás patacas de cedo, ou
ás de xaneiro. Ou facer que vás ao médico, pero o conto e ver a Rambla de Terra
ou como sube a marea na Arnela. Sempre hai desculpas,pero malas.
Pero nada, nosos, que os venres sen vós, mesmamente parece
cando quedaban fóra da cidade os da porta da Lúa de Valencia. E así vos pasou,
coma os valencianos que enredaban coas naranxas e cando volvían, porta pechada
ata no outro día. Nada novo, baixo o sol, que segue coma se nada. Mais saibades
que eiquí, sempre teredes a porta aberta, que namais ollar dende o Alto da
Costa, xa vedes como o sol se pon riba de Camelle.
Agora vou levarvos dar un paseíño polo pobo, pois fun hai un
pouco ata a azotea do faiado e dende alí, case domino o pobo. Coma os feudales
do medievo que facían os castelos nos bicarelos máis altos.
Dicía eu, que vamos facer xuntos un paseo, pero Virtual, esa
palabra que non usabamos para nada hai un mes. E xa vedes, como as modas do
Corte Inglés, ou en sendo mozos, o “Saldos Arias que eran as teimas diarias”.
Que nada, que non hai alma. Mireivos cara o Caramanchón e
todo sen novidade. No Carral, unha ventisqueira dos de Portozás coma sempre,
pro non podemos poñernos a mal neste intre. Logo a nosa Ría, que podíades ir ás
fanecas, está o mar coma un plato. Ata iría eu, que xa é dicir. O muelle, que
cando volvades vai haber calamariños pra fartar, dar e conxelar. A Ermida, coma
sempre, tomando o sol de mañá e de tarde. Eo Osmo, non hai bañistas por ter que
fuxir a galope, senón taría de top-les a
tope.
E que máis, que temos campana moderna nova e sequera aínda
aleda o pobo, ata mesmo parece unha cidade. Agora que recordo, aínda non se
foron levar os 20€ a conta do Banco, tamén porque non abre tódolos días, outra
novidade que vos conto. Ah, que están facendo unhas aceras desde o cruce do
Colexio ata encanar coas outras nas Forcadas. E pintadiñas. Logo, cada
tardiña nos desinfectan total e suben á Arriloa e ata a Regadiña, onde hai
festa diaria en vivo e en directo grazas
a Sagrario a dona de Juán. O de dona, quixen dicir a muller, ou sexa, a muller
do que canta. E la mar me deixe, senón ten repertorio pra deixar á París feita
un Panorama e vendo brilar nos Satélites,
o Luar coa Finisterre.
O do Percebe, xa vos enterarías, queda para o ano se chegamos
aló, todo é estar na casa, que tampouco é
tanto. Cada noite ollo ao Ceo, e maxino como aguanta no Satélite o
Astronauta de turno tres meses sen ter onde revolverse nin camiñar 3 mtrs. Ou
no hospital, cando escraquenáches unha canilla e tamén, 3 meses coa perna
colgada.
Eu xa sei que sofrides sen o voso finde en Corme, porque logo
ides como se adoita dicir, coas pilas cheas. Pero nós tamén sen vervos, sen ver
como aledades o Campo de ronda en ronda e baixando o Río da Roda, logo a Calle
ata botarlle a arrancadeira na Ribeira. Pero nada, meus, que dende A Torriña
ata a Arnela, previa baixada a Baixo da Capilla, tampouco teríades onde tomar
un corto. Consoládevos logo, imaxinando que todo está pechadiño e así non tedes
tanta dor.
Así as cousas, recordos dos da Aldea, Guxin, Froxán, Roncudo
e Gondomil. Eles seica o van levando mellor por ter unha hortiña, cabazo e
cabanote onde pasar o tempo mentres fan unhas rachiñas prá cociña ou a lareira.
E darlle millo ás galiñas, gardalas e así catro pitanzas pra mellor pasar o
tempo.
Ai, que me esquecía, que xa anda o Porco Bravo pola Trabe e
fuzou a pleno sol na porta do Abanca. Como non lle abrían, virouse ao caixeiro,
pero estaba sen a tarxeta e sen o pim, co cal, tivo que coller Feira arriba e
foi como veu. Agora, temos outro ás tardes paseando polas aceras do Muíño do
Medio. E pola esquerda, como ten que ser. Éche ben bonito por certo, senón xa
veredes cando veñades.
E nada máis, lle mando a carta a Moncho de Filgueira, e que
el vos pase fotocopia. Recibide de todo Corme: Bicos; apertas; choque de mans;
que tomedes café eo poñades na conta nosa virtual, e deica que nos vexamos.
P.D. Me esquencía dicirvos, que a Fábrica de Cervexa, ante a
falta de vender bidóns para grifo-bar,
comprou a acometida do gas-cidade-pobo e a vai utilizar pra dar servizo
de cervexa ao grifo da casa, cousa que non tedes na Cruña. Xa vedes, os
depósitos xa lles valen tamén os do Cubeiro sen estrear. Amén, cuidarse e
leirar ben. Podedes calcetar os homes que xa se puxo de moda, eu tou
aprendendo. Remato por falla de papel. Bicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario