Dende que eu era neno, que
tampouco hai tanto tempo, algúns cormeláns queren manter a lenda que tivemos
unha raíña en Gondomil chamada Dona Urraca. Quizais non estean
descamiñados, porque, a verdade que Gondomil algo de lenda esotérica tivo desde
antaño comezando pola tristemente esquecida e esnaquizada Pedra da Serpe.
E tamén a súa vista de privilexio ollando toda a nosa Ría de Corme e Laxe, así
como o seu enclave de antergo paso como saída e entrada de Corme Porto. Non en
van este rilleiro atallo quedou para sempre nomeado como: Camiño das
Regateiras.
Mais, cando o río sona, auga
leva, e nesta fermosa e soleada aldea aínda quedan vestixos dunha casa feudal,
pero que tampouco foi un castelo como para unha raíña. Tamén a historia
nos conta que efectivamente houbo neste lugar moita fidalguía e señorío como
iremos vendo. Cóntase tamén, que no 1750 o noso ilustre almirante Francisco A.
Mourelle de la Rúa naciu en Gondomil. A saber?
Pero enriquecendo un pouco
esta historia: A verdadeira raíña (e “madriña” de tódalas Urracas) foi Dona
Urraca de León e Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso
VI no ano 1.109 cando ela tiña 28 anos.¡Ai, pero que historia a desta raíña!
Agora que estamos no inverno tedes tempo de ler. E velaivai.
(Vexamos logo a historia da
verdadeira raíña, dona Urraca)
Dona Urraca, a de León e
Castela, que nacera o día de S.Xoán do 1.081, era filla de Afonso VI,
e casou con Raimundo de Borgoña. O individuo, era un francés de Francia.
Seica era “de la nobleza”. Pero a xente dicía que era un fragüante que veu por
aí abaixo a “velas-vir” buscando comenencia. E atopouna, ainda que casando
axiña con ela antes que outro lla limpara. E como era de esperar, tiveron un
fillo: Afonso VII. Pero o pobriño do francés logo palmou. Disque unha
disenteria o levou ao cemiterio. ¡Era visto!.
Durante a súa viudés -para ela
dous moi longos anos- tamén lle morreu seu pai e foi coroada
Raíña de Galicia. Con tanta cheúra, de
seguido lle apareciu un novo galán. Ante isto e non vendo que
facer con tanta terra, donou Galicia ao seu fillo, para quedarse ela e
o seu novo home, Afonso o Batallador, coas coroas de León e Castela.
Cómpre dicir que daquela, as viúvas xa se buscaban a vida. E rosmábase nos
velorios: “A viúva chorando, home está buscando”.
E así como ledes: de agasallo, Galicia. Como se foramos un xoguete para o
neno!. “Ala Afonsito, haí te quedas namentras nos vamos de luna de miel. Da
buena cuenta de los Gallegos, que, rosman mucho y tienen retranca, pero no
facen dano”. Eles falábanche así, no seu castrapo da época.
Malia que o casamento non foi de
perdura, pois, parece ser que non leiravan. Tamén
se dicía que ela lle poñía os cornos de cotío. Ante isto o seu home
encerrouna nun Castelo preto de Zamora. Namais enterarse o Papa de Roma,
terciou antes que se botasen as mans, e concedeulles o divorcio no ano 1.114.
Dixeron que era nulo debido a ser parentes..., sempre hai amaños.
Este casamento durou tres anos escasos. ¡ A verdade que se a finadiña
dona Urraca foi tan doce e zugosa como as súas peras…,véigana os demos. ¡.
Deica iso para adiante, a
pobriña Dona Urraca, viúva, disvorciada e desconsolada, parece ser que se
deitou con máis de un, de dous, de tres ou de catro. Así, e ós 44 anos aínda tivo que parir outro fillo sen pai. A culpa
levouno un tal: D.Pedro González de Lara. O proveito, ¡vaite ti a saber!
Pero fixo ben aproveitar, miña raíña, porque ó ano seguinte, o 8 de Marzo
do 1.126 a pobriña morreu con só 45 anos. E aló quedou unha criaturiña sen nai
nin pai. Pero iso si, co pan debaixo do brazo. E de pantrigo.
A vida foi pasando, e, anos
adiante, aló polo 1.178 sería Rei de Galicia, Fernando II. Disque
era neto de Dona Urraca… se cadra. Daquela non había deses análise que fan
agora, iso do “urro hache efe”. Pero aos nosos requeretartaravós
parroquianos tanto lles tiña un coma outro!
Volvendo ó conto
Con respecto ás Urracas
que houbo por aquí, tivemos a de Laxe, Dona Urraca de Moscoso e señora de
Gondomil, pero nada que ver coa viúva do francés de Francia. Seguía sendo un nome moi usual naquel intre, e todo,
porque o levara a Raíña de León e Castela. Xa había modas daquela entre os
ricos como agora. Dicían eles cando tiñan un bauticeiro: “Ya la niña tá
bautizada, le posimos como la Reina, Urraquita”. E ala, veña
Urracas. ¡Nin que fora tan bonito!. Logo cando facían un ano as criaturas,
falaban entreles: “Ay, no sabedes lo lista qués la niña, faló y andó nel mismo
día”.¡
E os anos foron pasando, pero
o feo nome de Urraca seguía sendo fermoso para toda a nosa nobreza. ¡Ata as
mellores peras dos froitales tiveron que levar e levan ese nome de por vida!
Así foi como na nosa comarca, a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno,
aínda bautizaría en Laxe no século XIV (tres séculos
despois ó remate da época medieval) á tal Dona Urraca de Moscoso y
Castro.
1 comentario:
OLA MEUS: AQUÍ PODEDES COMENTAR IGUAL QUE NO FEISBOK. E NON ME DIGADES QUE ESTE NON É UN HOTEL DE 5 ESTRELAS PARA PODER LEER MILLOR QUE NO DE SEMPRE.SE PRERIDES O OUTRO, POIS NADA, A DICILO. A MANDAR, PERO CREO QUE ISTO TEN OUTRA PINTA. E CANDO REMATEDES O COMENTARIO, PICAR NO CADRIÑO NARANXA DE ABAIXO ONDE PON: PUBLICAR COMENTARIO.
Publicar un comentario