viernes, 28 de noviembre de 2014

PERSONAXES EN XENTE DE CORME

                                  
Dentro da rede social de Facebook, temos os cormeláns un blok, que, por chamarllo de algunha maneira leva o título de Xente de Corme. É un marabilloso invento onde os máis vellos do lugar rememoramos a nosa infancia e pubertade. Aquí atopamos de pronto, algo que vivimos, agáx que xa o tiñamos acurrunchado na noite do tempo. 

 Este é un lugar onde cada quén vai remexendo no baúl da súa casa e vai atopando fotos que xa tiñamos esquecidas no baúl da memoria. Fermoso traballo baixo a dirección dun grupo de cormeláns que tan ben saben coordinar este, para min chamado blok, aínda que penso ten outro nome. Perdoade por non saber definilo doutra maneira, pero a min isto das redes sociais xa me pilla un pouco a destempo.

Mais unhas aportacións destes días en fotos dos anos sesenta, fíxome un calafrío, sobor de todo do ano 1.967. Ese ano, que para min debía de ser o ano máis fermoso de miña vida polo feito de casarme, quedou marcado de tristura cando dous meses despois se foi me pai con 51 anos.

Por iso e por ver as fotos do cura "Peseto", que para min nunca terá outro nome e que aínda debía escribirllelo en minúscula, fíxome estarrecer de raxeira. Así o manifestei en comentarios do devandito blok, uns comentarios quizais fóra de lugar, malia que non poiden evitalo.

Tamén nas mesmas fotos aparece a tristemente célebre mestra que apodarei "Calígula" por evitar tratala de dona. Xa sabedes de quén falo, a mestra máis mala que pasou por Corme. Pero  nunca se debe  xeneralizar cando que houbo e hai, mestres que profesión aparte, son belísimas persoas. A excepción non fai a regra, como todos xa sabedes.

Como dicía sobor do crego Peseto, debo confesar a loita que tivemos na Asociación de Veciños para fuxilo da nosa vila. Cobraba ata pola auga bendita, por resumilo todo nesta sola frase. Aínda que en Xente de Corme digo que me cobrou o enterro de meu pai dúas veces, non foi esa a desencadenante da trifulca en prol de facerlle a maleta.

Tivo o cinismo de dicirnos, á directiva da Asociación, que: "Mis 12 años de carrera me permiten vivir mejor que ningún obrero". Coido que con isto xa queda todo dito do tal persoaxe, que Deus o teña na groria, aínda que non é o seu lugar.

O senlleiro práceme de gusto que nos deu á vila de Corme, foi cando baixando as escaleiras do adro para a rectoral, resbalou no verdín do patio e partío as dúas pernas. Ou sexa, que tan agarrado era que nin pagaba a ninguén para limparlle escaleiras e patio. Foi, reitero, a única ledicia que nos ofreceu na súa longa estadía.

Logo queda a inesquecible dona "Calígula", da que tamén fago referencia dicindo que a miña nai lle cortou o pelo a rape cando ía á súa escola. Maís dona Calígula tiña os seus intres bos, non era tan fríxida como pensabamos os cormeláns.

 Así, e en máis dunha ocasión e nas tardes de solsticio, pasexaba deica á praia da Ermida. E contaban as linguas oficiais da época que alí, e ó socairo e á sombra dos pinares, tiña desfogos efervescentes e fisiolóxicos  cun colega tamén solteiro, pero non capado. "Ai, Rosendo, que cosos teneis los hombres", xadeaba no intre do aquel de aquelare, mentres os rapaces do pobo escoitaban e espiaban entre toxos e xesteiras ou en col de algún piñeiro termando na macana das pinas.

Don Peseto non, nunca del se falou. Coas mulleres era un home moi casto, o del era o carto. Para o seu desfogo abondáballe coas confesións. Para don Peseto somentes había dous Mandamentos da Lei de Deus: O Sexto, cando as parellas que nos íamos casar nos axeonllábamos pé do confesionario. E o Séptimo, que era o que a el lle quitaba o sono da noite.

E como digo en Xente de Corme, que Deus os teña no Purgatorio. O Ceo non é prá eles e o inferno é moi quentiño para xente vella, sería moita bicoca para estes dous exemplares. Así logo, o Purgatorio é o seu lugar, un lugar de almas cándidas e solteiróns forrinchas e malas pécoras coma estes dous. Falan que seica se vive eternamente. Pero iso si, cheos de frío e nin caldo. "Que bién se vivía en Corme, don José. Ai, no me lo recuerde, doña Maruja".

P.D. Que Deus mo perdoe como cristián que son, pero non podo evitalo. Son dous personaxes tristemente inesquecibles na historia de Corme do século XX. Amén.




viernes, 14 de noviembre de 2014

VELAÍ VAI O NOSO XARDÍN


Non, non vos asustedes, o xardin está no seu lugar, ou sexa, onde sempre estivo: Na Estada, en col do Río dos Pulpos e das laxes da casa do crego.

O que eu quería dicir, ben sendo que quedou rapado. Mesmamente ao revés dos homes que se rapan na primaveira, aos xardíns fanllo no outono. Ou como cando iamos á mili: Ao cero. Xa dicían as vellas panillando ao solpor do sol de inverno cando eu era rapaz: O mundo está ó revés. E batuanón a Deus que non ían moi fóra de razón.

E non hai direito meus, durante todo o verán ata servío para que as parelliñas novas comezaran a facer cochegas. Nas máns, non, e nos pés tampouco, senón por onde cadrase, pois por algún curruncho hai que ir comezando.

Como supoño que estaredes pensando que isto sucedía á sombra dos plataneiros e arrumacados en col dos bancos do xardín, teño que dicirvos que non, que estades equivocados: Agora as parelliñas de tórtolos novos, ou sexa, de púberes, agatuñan árbore arriba e aló se acomodan no medio das ramalleiras cando o sol desaparece trás do monte do Carral.

A verdade que isto ten un romanticismo que na miña vida imaxinei, e mirade que son cavilador. O mesmo que os paxariños que fan os seus niños na copa dun árbore, agora  ben a moda de facelo os raparigos. E velaí onde fan mal, estorbarlle ás golondrinas, merlos e demais familia. Non hai dereito, nenos, a cadaquén o seu lugar.

Mais a envexa que me entra e me fai sentir máis vello, vén sendo por dúas cousas: A primeira, como faría eu para subir ao árbore agora con 70 anos?. E a segunda: Que pintaría eu coa miña patrona estortorado entre pólas, ramalleiras e milleiros de follas.

Pero a cousa non queda aí, meus, para o verán que ben, e cando as flores e os árbores florezan de novo, ei pillar unha escaleira e convidar á parienta a subir. Subir para imaxinar como sería se agora foramos uns púberes. Iso ten que ser unha gozada nas estreladas e silandeiras noites de verán. E ao rechouchío dos paxariños por quitarlle a súa pousada cando lle era moita hora de ir para a cama. Ou sexa, ó niño que tanto traballiño lle custou facer a seus pais. Porque os paxariños aínda teñen pais, de momento aínda non lles fan a "facundación no vitro" ás paxariñas. Dademún a tanta modernía, dicían as nosas avoas amalloando o pano da cabeza á curra.

Malia que a culpa de todo isto a ten o concello: ¿A onde van subir agora as parelliñas para arrumacarse?. Despois queren os nosos políticos que haxa casamentos e veñan criaturas a este mundo. Tamén hai que darlle oportunidades, señoras autoridades, pois, agora non hai salón de baile nin discoteca onde roubar un bico. Siquera un biquiño, que por algo hai que comezar. Aínda que agora que me acordo, dicíalle unha nai a unha filla cando comezou cun mozo: "Filliña, ten cuidado que... trás do bico vén o crico".

Así que señor teniente de alcalde do virtual concello de Corme: Que sexa a derradeira vez que manda vostede podar os árbores do xardín. Xustamente cando máis frío fai, as parelliñas  non teñen onde acougarse. Logo quere vostede ter vodas, pois, agora e asegún me enterei polas linguas oficiais desta vila, tamén lle fai competencia ao crego. ¡E sen pasar polo seminario maior nin tan siquera polo menor, que xa é dicir!. O que un ten que ver antes de morrer.

jueves, 25 de septiembre de 2014

OS REMEDIOS, UN DÍA FELIZ


Ola meus: Despois de tanto tempo sen escribirvos, tiña que ser a química musical de onte coa miña banda na festa dos Remedios, a que hoxe me dira pulo para porme a teclear.

Pois iso, que onte tiven un día feliz por poder tocar no meu pobo, un pobo no que sempre me chaman, pero por compromisos adequeridos de antemán noutras vilas da comarca non podo aceptar o de tocar en Corme tódolos anos.

A verdade que non atopo verbas para transmitirvos a ledicia que pasei cos pasarrúas e máis tarde coa procesión percorrendo todo o pobo. E que dicirvos das pezas de "volta da misa" como se adoita dicir, algo inesquencibel. Soubéronme a pouco, estaría unha hora máis, agáx que a orquestra tamén tiña que facer a súa labor e o reloxo non para.

Hai aplausos e aplausos. Velaí onde os do pobo que me viu nacer me saben a máis, sen menosprecio das demais vilas onde tamén me criei de rapaz. Somentes sinto que os nosos cormeláns ausentes non estivesen ao meu redor, pero son datas de colexios e traballos que non perdoan as festas en días de semana.

Así foi como no pasarrúas/alborada por todo Corme, a maior parte das fiestras estaban pechadas. Xa non estabades todos. E vós sofrindo na vila e eu sofrindo por non ver o voso sorriso pola Paxariña, a Riloa, a Fontiña, o Gafote, a Arnela, O Campo, O Río da Roda, a Calle, a Ribeira ou Debaixo da Capilla.

Pero unha das cousas que máis me estarrece é o de tocar o Himno Galego diante da nosa Igrexa, cando o Alzar da Misa. E logo veu na procesión  polo Río da Roda (onde mellor soa), A Saeta, de Xoán Manuel Serrat, que eu arranxei para a nosa banda, algo que fai estarrecer.

E así foi, meus, somentes quixera con estas verbas facervos sentir aos que non estivéches como foi a festa dos Remedios en un día de auténtico verán. Ou sexa, facervos sentir a ledicia que eu pasei tocando no noso Corme, onde xa me contrataron para o vindeiro ano. Saúdos. E grazas a todos aqueles que me diron o seu práceme sen esquecer os aplausos que foron de tódolos presentes.

martes, 22 de julio de 2014

FESTAS DE SAN ROQUE DO ANO 1.903


No antigo diario El Noroeste de A Coruña e por medio do seu corresponsal en Corme, aparece publicado textualmente o 24 daquel més o programa que deseguido escribo.

Programa de las Fiestas, que en honor del Glorioso San Roque, habrán de celebrarse los días 29,30 y 31 del corriente.

Día 29: A las 12 de la mañana, un repique de campanas y el disparo de 21 bombas, anunciarán el principio de los festejos. Por la tarde solemnes vísperas en la parroquia que estará suntuosamente decorada. La tradicional velada que se celebrará a las 8, será amenizada por la Rondalla de Candelago, elevándose globos de diferentes tamaños con profusión de fuegos de luces, terminando a las 12 con el disparo de 30 bombas reales.

Día 30: Salva de bombas a las 6 de la mañana. Seguidamente las músicas y gaitas del país saldrán a recorrer el pueblo ejecutando alegres dianas y alboradas.  A las 11, solemne Misa a grandes voces y orquesta con sermón a cargo de un orador sagrado. Terminada la Misa, saldrá la solemne procesión con vistosas imágenes recorriendo las calles de costumbre. Durante el trayecto, inmensidad de voladoras cruzarán el espacio, disparándose un sorprendente cubo al recogerse la procesión.
Por la tarde, baile y cucañas en la plaza, regatas en el mar de bucetas, gamelas y chalanas a las que se le adjudicarán valiosos premios honoríficos y de relativo valor.
En obsequio a los forasteros y costeadas por el comercio, se establecerán gratis grandes vistas en el Carral de 3 a 6 de la tarde. A las 7, exhibición de cuadros vivos en el salón Crúz. A las 9, gran verbena con iluminación a la veneciana, en la Calle Real, amenizada por los músicos y rondallas. Durante la velada, se quemarán vistosos árboles de fuegos, elevándose a intervalos grandes globos hasta las 12, hora en que terminará con el disparo de 40 bombas  y la ascensión de un globo colosal.

Día 31: A las 7 de la mañana, bombas de palenque y dianas y alboradas como en el día anterior. A las 11, Misa solemne y procesión. A las 3 de la tarde, paseo de moda en la Calle Real amenizado por la música popular. A las 5, gran baile campestre en la Arnela, cucañas en la Plaza, vistas sorprendentes en el Carral y peleas de gallos en la Ribera. Todo amenizado por las músicas populares  y gaitas del país. A las 7, cuadros vivos en el salón y certamen de acordeones en la Plaza. Por la noche, iluminación y verbena con música, y fuego de cuerda y artificio representando un simulacro naval, terminando a las 12 con una retreta ejecutada por la música popular; bombas de palenque y elevación de un globo cautivo.
La Comisión, agosto 20 de 1.903.


E así amigos, dentro de outros cén anos, quedarán abraiados os nosos descendentes cando lean os programas que na actualidade temos. Realmente a min, isto faime chorar por matinar como foi aquel noso Corme.

miércoles, 11 de junio de 2014

O GRILO E A GRILA

O grilo e a grila

Unha noite de claro luar, na que todo era un doce grilar, un griliño dicía a unha grila:

 “¡Eu tamén quería grilar!”. “¡Pois grila, grila canto ti queiras, que griliñas hai sen grilar! ” “Eu son  grilo novo, e non sei  que é grilar, e as novas  non saben, do grilo un grilar”. “¿Que queres griliño, comigo grilar?” “¡Se ti me ensinaras, contigo a grilar, despois eu grilaría ás grilas ó par!”.
“¡Ai, vaite preto griliño, e cos grilos ponte a grilar, que a noite aledan co seu ledo cantar!”. “¡Pro, ti non entendes, que eu non quero cantar, o que a min me preme é saber grilar!”Mira griliño novo, que teu pai foi griladeiro, pois con el eu aprendín, a grilar con el primeiro”. “¿Logo, sabes ti quen foi, o grileiro de meu pai? “¡Ai, filliño do grileiro, que teu pai foi griladeiro, á miña grileira viña, cada noite silandeiro!”

A ti meu pai te ensinou, a grilar na túa grileira, mais a min non hai unha grila, que me ensine a griladeira”.Pois ven acó meu griliño, e baixa á miña grileira, que teu pai  me ensinou a min, e a ti grílote eu primeiro”.  

martes, 6 de mayo de 2014

CORME NAS FRAGAS DO EUME


O pasado venres, día 2 de maio, cumplin por fin un desexo como era o de visitar ese lonxano lugar onde no 1.105 aparece por primeira vez o nome de Corme no Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, concello de A Capela. Era unha intriga que me premía, como digo, dende hai moitos anos.

Durante a miña vida musical, podo dicir que toquei nos cinco concellos que rodean as Fragas, e nalgunha romaxe actuei mesmo á sombra das súas árbores. Mais esta vez tomei o camiño principal que é o de Pontedeume o cal dista da subida ao Mosteiro, uns quince kilómetros.

 A consabida subida dende o río é de 500 mts. por unha rilleira costa e toda ela cun chán cuberto de pizarra. Poden subir perfectamente turismos, aínda que está vetado o tránsito e solo autorizado para o servicio do mesón-bar que hai arriba. E velaí onde subín moi ledo, pero baixeu non tanto: o meu corazón xa non está para estes trotes e unha vez arriba un abafo fíxome a pascua. Afortunadamente a cousa non foi a maiores, aínda que non penso volver. “Solo se vive una vez…”, dí a canción.

E o que vos quería contar, que sufrin unha desilusión por chegar á cume do Mosteiro, totalmente restaurado pola Deputación, pero valeiro total e sin o menor símbolo de cristiandade. Alí non hai o máis mínimo santo nin moble en recordo do que foi nalgún tempo. E centos de visitas diarias polo que poiden observar.

Malia todo isto, a viaxe vola recomendo polo enclave do Mosteiro e a frondosa vista dende o alto. Un auténtico tesouro en forma de verxel que a natureza nos ofrece.  Logo,  outra cousa que non entendin foi como poideron levar deica alí a cantería, pois, na cume somentes hai pizarra a cal sirve de alicerce á lexendaria construccíon.

Polo que alí poiden ler, toda riqueza e lenda do Mosteiro foi levada  -coma sempre- para Santiago, co cal a miña intriga por saber como raios aparece alí por vez primeira o nome da nosa vila fíxome vir como fun.
Pero eu creo que o nome de Corme ten que aparecer dende moito antes en outros rexistros de Galicia. En algúns traballos en prol da nosa historia, xa falei de que non atisbaba a saber de como aparece alí, xustamente naquela fermosa selva, o nome  de Corme por vez primeira.

Eu persoalmente coido que o noso nome ten que estar rexistrado en Santiago de moito antes. Pero coa Igrexa topamos, nunca lle vin xeito de ter acceso aos arquivos diocesanos nin con recomendación. E mirade que morrerei con esa intriga. Ata busquei algún cura amigo para que me botara unha man. E nada, que tampouco llelo permitiron.


E xa para rematar, somentes dicirvos que cando poidades, non deixedes de facer esta excursión. De calquera maneira vale a pena. E tamén de calquera maneira virmos coa intriga de como foi parar alí o nome de Corme.

martes, 22 de abril de 2014

A ALAMEDA DE CORME


Se dalgunha cousa podemos presumir os cormeláns, é de ter a única alameda de tódolas vilas da Costa da Morte a excepción de Cee que ten unha de máis vello preto da igrexa e como anterga praza principal.

Unha alameda que comezou coa iniciativa veciñal, como todo que se fai neste pobo. E velaí como dou o seu froito: de aquel vello xardinciño chegamos a esta fermosa e senlleira alameda da Costa.

Aínda lembro a mañá do 24/F. Aquela mañá cando o de “marras” se estaba rendindo no Congreso, nós estabamos plantando a terceira palmeira comezando pola Estada. E abofé que saiu rechonchiña a devandita palmeira. Debíu ser en lor do día e da hora!

Mais para chegar a este fermoso xardin, que como digo é o senlleiro da Costa, antes tivemos que plantar centos e centos da árbores que non foron adiante por mor do chán de recheo ou dos salseeiros do preto mar.

Pero a cousa valíu a pena, pois, quizais naquela data nunca eu pensei en chegar a ver as palmeiras con esta envergadura. E velas aí están formando a consabida alameda para darnos sombra no verán e ledicia incluso durante o inverno.

Moitas veces penso: ¿Cantas parelliñas se declararían ó longo destes anos ó socairo das nosas árbores? Porque decídeme a verdade: ¿Que mellor ca un xardín para darse o primeiro bico? Ou sexa, romanticismo puro. Porque para unha declaración de amor, tamén fai falla un pouco de ar fresco, para non chegar ao sofoco.

Antes, os da miña xeración nos declarábamos no salón Miramar. E co ruído da orquestra tocando. Pero tocándoche o mesmisimo e facéndoche a pascua para dicirllo no oído á rapaza que che quitaba o sono. E a golpes e empuxóns dos mal bailantes que naquel intre tamén estaban co mesmo apuro. E con tanto nervio, que, así tropezábamos uns contra os outros.

E todo, carallo, porque non tiñamos alameda para susurrarllo no oído e escoitando como as ondas do mar de Corme baten contra o Petón das Gaivotas. E así vai a cousa, que, un bico pide outro ou máis ben ducia e media con tanto arrumaco.

Ai, quen fora mozo de novo para declararse na nosa alameda á  penumbra das farolas envoltas nas follas de palmeiras e plataneiros! Aínda que ben pensado, antaño tamén servía a Furna do Osmo para tan grato menester, pois a Furna tamén ten o seu encanto, feitizo e embruxo. O problema era a ver quén levaba ate alí unha rapaza para declararlle o seu amor.


Así que meus, por fin arranxamos o problema das parellas. Que non era pequeno polo de arrexuntarse. E para máis xa pretos da nosa Igrexa para dar remate á cousa. Ou sexa: o sí quero. Mirade vós senón foi cousa boa esta nosa alameda. Non solo dá sombra senón que tamén inspira ao amor!.