Se dalgunha cousa podemos presumir os cormeláns, é de ter a
única alameda de tódolas vilas da Costa da Morte a excepción de Cee que ten
unha de máis vello preto da igrexa e como anterga praza principal.
Unha alameda que comezou coa iniciativa veciñal, como todo
que se fai neste pobo. E velaí como dou o seu froito: de aquel vello xardinciño
chegamos a esta fermosa e senlleira alameda da Costa.
Aínda lembro a mañá do 24/F. Aquela mañá cando o de “marras”
se estaba rendindo no Congreso, nós estabamos plantando a terceira palmeira comezando
pola Estada. E abofé que saiu rechonchiña a devandita palmeira. Debíu ser en
lor do día e da hora!
Mais para chegar a este fermoso xardin, que como digo é o
senlleiro da Costa, antes tivemos que plantar centos e centos da árbores que
non foron adiante por mor do chán de recheo ou dos salseeiros do preto mar.
Pero a cousa valíu a pena, pois, quizais naquela data nunca
eu pensei en chegar a ver as palmeiras con esta envergadura. E velas aí están
formando a consabida alameda para darnos sombra no verán e ledicia incluso
durante o inverno.
Moitas veces penso: ¿Cantas parelliñas se declararían ó longo
destes anos ó socairo das nosas árbores? Porque decídeme a verdade: ¿Que mellor
ca un xardín para darse o primeiro bico? Ou sexa, romanticismo puro. Porque
para unha declaración de amor, tamén fai falla un pouco de ar fresco, para non
chegar ao sofoco.
Antes, os da miña xeración nos declarábamos no salón Miramar.
E co ruído da orquestra tocando. Pero tocándoche o mesmisimo e facéndoche a
pascua para dicirllo no oído á rapaza que che quitaba o sono. E a golpes e
empuxóns dos mal bailantes que naquel intre tamén estaban co mesmo apuro. E con
tanto nervio, que, así tropezábamos uns contra os outros.
E todo, carallo, porque non tiñamos alameda para susurrarllo
no oído e escoitando como as ondas do mar de Corme baten contra o Petón das
Gaivotas. E así vai a cousa, que, un bico pide outro ou máis ben ducia e media
con tanto arrumaco.
Ai, quen fora mozo de novo para declararse na nosa alameda á penumbra das farolas envoltas nas follas de palmeiras
e plataneiros! Aínda que ben pensado, antaño tamén servía a Furna do Osmo para
tan grato menester, pois a Furna tamén ten o seu encanto, feitizo e embruxo. O
problema era a ver quén levaba ate alí unha rapaza para declararlle o seu amor.
Así que meus, por fin arranxamos o problema das parellas. Que
non era pequeno polo de arrexuntarse. E para máis xa pretos da nosa Igrexa para
dar remate á cousa. Ou sexa: o sí quero. Mirade vós senón foi cousa boa esta
nosa alameda. Non solo dá sombra senón que tamén inspira ao amor!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario