Non hai máis ca dar unha volta polo muelle (peirao) para
ollar o pinar espeso (como diría Pondal) que é o preto monte da Ribela. Sen
dúbidas, Corme ten mesmo dentro das súas entrañas quizais o mellor e senlleiro pulmón
de ar fresco de toda a Costa da Morte.
Realmente somos un pobo, mellor dito unha vila, que está
rodeada dunha vexetación de envexa. Pois non só é a Ribela, senón que tamén
temos mesmo enrriba os montes de Bustelo e o Cubeiro, para un pouco máis ao
Este seguir co cuberto tamén de piñeirais
como son As Areas.
Verdadeiramente dende o muelle, a imaxe tan saudable que
ofrece o noso Corme rodeado de piñeirais, repito, é de encher os pulmóns do
peito. Do peito, pero tamén da ialma, pois ó mesmo tempo vemos a limpeza das
augas da nosa Ría, que máis cristalinas non poden ser.
En fin, que dan gañas dende o peirao, de sentarse en col
dunha banqueta e fartarse de xantar e cear este ar fresco, que, como din os
máis vellos en prol desta imaxe: “enche os pulmóns de aire”.
Con respecto ós nosos veciños que por mor do traballo viven
na Coruña, non é de extrañar que cando veñen algún “finde” ao seu Corme natal digan:
veño cargar as pilas. E abofé que os entendo, isto é unha riqueza autóctona que
para si quixeran tódolos pobos e ciudades que nos rodean.
Moitas veces pregúntome: como estes pescadores da bisbarra,
pero de terra adentro, veñen coa súa silliña e alí están pasando horas sen
pescar un inocentiño calamar? Pois iso, meus, coido que veñen relaxarse e
encher, senón os devanditos pulmóns de ar, polo menos levar no maxín esta
imaxe de relaxo total. Eles, dende máis
de trinta kilómetros, tamén veñen cargar as pilas.
Ante isto, eu penso (pois, como sabedes, son moi cavilador)
que se o Mediterráneo ou ben Canarias, venden clima máis quente ca o noso, nós
tamén podíamos vender o noso ar fresco. Da mesma maneira que tamén Viena vende
a súa música ou Manzaneda a súa neve. Ou Carballo, sen ir máis lonxe, a auga do seu balneario.
Pero como non seremos capaces de vender este noso ar, polo
feito de non atopar padriño para bautizalo, disfrutémolo nós mesmos. Enchamos
os pulmóns, pero respirando fondo e se pode ser dúas ducias de veces. Ollemos
esa riqueza, repito, que temos cando menos coa preta Ribela fisgando por
entrela as Pedras Miúdas, e repitamos cando voltemos á cidade: hoxe veño coas
pilas cargadas do meu Corme.
¡Ai, ata escribindo
isto me dou por tirar do alento e encher o peito! E iso que veño axiña do noso
peirao!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario