sábado, 15 de septiembre de 2012

AQUELES TEMPOS DE QUITAR O AIRE




Tería eu ó redor dos cinco ou seis anos, cando aló urdiron os meus que me tiñan que quitar o aire (ar). Era cousa de moda naquel tempo, pois os rapaces estabamos un pouquiño estuxados por mor da postguerra. A cartilla do racionamento non daba para máis e o bolsillo tampouco.

Así as cousas, as nosas nai estaban de cotío dicindo que tiñamos mal cor, que non medrábamos abondo, que non comíamos ben ou que nos pillara o ar das meigas. Había moitas daquela, agás que aínda non morreron todas.

E velaí unha tarde de domingo cando meu pai pilla o camiño de Froxán, da súa casa paterna, pois, disque alí, na súa aldea, quitaban o ar moito mellor que acó no Porto.

Namais chegar, entramos na cociña que xa era o “recibidor” ou salón da tódalas casas de labradores, alí ou na corte das vacas, tabique en medio. De seguido, miña avoa Mamá María, (como así a chamábamos tódolos netos), muller santa e boa onde as houbera, xuntou de contado dúas ou tres mulleres do lugar, ben rezadoras elas e xente formal. Iso si, todas elas vestidas de negro e con pano á curra, era a moda.

E comeza a cerimonia no medio do chán da cociña. Follas de loureiro e oliva bendecido do Domingo de Ramos facían unha especie de coroa funeraria, onde tiven que entrar eu sen dar pío. E comezaron os padrenuestros e aves marías e eu no medio sen dar creto a aquela historia. Ata que chegou o momento culminante, o de acender o lume purificador de loureiro e oliva.

Como daquela había moitas películas de indios, casemente me sentía eu un “home branco”na tribu india rodeado de lume e apaches danzando e sen poder escapar, a verdade que xa non as tiña todas comigo.

Pero aínda faltaba algo máis: o “erguela paletilla” apertándoche as costas e erguéndote no ar. Ben pensado, isto aínda tiña algún xeito, pois aínda se fai a día de hoxe, e abofé que non é cousa mala.

E alo saín eu co ar das meigas quitado, e elas todas satisfeitas. Digo elas porque os homes non podía estar na cerimonia. E aló voltou meu pai todo satisfeito de que eu xa viña sen o meigallo. Tamén viría ledo, supoño, porque da casa dos avós nunca se volvía sen nada.

Agora os nenos tampouco comen ben, din súas avoas, pois realmente son elas quen os crian. Como carallo van comer máis senón dan feito! E están que lucen de ben criados, a Deus grazas. Agora aos nenos non hai falla de quitarlles o ar, pois con tanta cheúra e vacina do pediatra veñen para diante os mesmo cás roseiras no maio florido.

Volvendo ó conto, namais rematar a cerimonia xa me veu o apetito co ulido da tortilla de ovos de curral que Mamá María remexía na tixola. Púxenme xebre e, casemente valía a pena ir quitar o ar tan sequera cada domingo.

lunes, 3 de septiembre de 2012

VENTAS ON LINE

OFERTAS ON LINE


Como todos vós sabedes, dende hai uns anos para acó, o teléfono dademo máis vale que para escoitar as ofertas deles mesmos. Tamén de Fenosa e outras herbas que no monte abrouxan.

Pois nada, que levo dez días que as señoritas de quenda non me deixan aturar coas súas chamadas. Resulta que sempre é polo meu ben, pero ó final da conferencia resulta que tés que pagar máis. Xa o dicía o meu avó Luís de Froxán: “Onde irás boi que non ares”, ou tamén aquilo de “ninguén dá os pesos a catro pesetas”.

Pero a cousa, meus, doume tal raxeira dende hai un tempo que agora contéstolles así: “Soy el cuñado, y Jesús ha muerto hace unos días”. Outras veces sáeme isto: “Soy el hermano, y Jesús está en Benidorm durante un mes”. E ata me dan o pésame, no primeiro caso! De paso practico o castrapo -que tamén mola cantidade- para cando vaia polo Inserso.

Hoxe, cando me estaba afeitando, soou o rin-rin: “Gabriela, dille que es a miña viúda, muller, que estás de fresco e sen zolás para conversas”, díxenlle coa cara chea de espuma da Toxa. Pero nada, aínda tivo a debilidade de dicirlle que chamara dentro de media hora.

E o de sempre, comezar o día de raxeira por non facerme caso. Co xenio, non me fixen un quinacho na face porque a folla da Contour vai nas últimas. E desfixemos a vida durante media hora, ata que me dou un anaquiño de queique para endulzar máis as sopas e se comprometío ela a contestar despois. E vaia se contestou, pero seica non foi capaz de dicirlle que era a miña viúda. Non sei porqué, pois total…, casemente o está!

Logo outras veces -porque son moitas e sempre picas cando estás de mellor humor- escoitas unha voz chea de duzura e tenrura que casemente maxinas que é un plan. Ata que despois de uns minutos escoitándoas lles dis que non queres saber nada, e, zás, cólganche de socate e sen máis espedida. ¡Carallo para a amabilidade!

Agora teño cita dende a semana pasada con un de Telefónica, un home, xa me diredes vós que vou facer eu cun home se xa non valgo para unha muller. Dende logo, se as señoritas non me convenceron, o devandito cabaleiro que non perda o tempo en venderme kilovatios a bo precio. Servidor vai indo vello, pero a idea varonil está coma de quince. A idea e xa.

P.D. Se sabedes de ventas On Line para  potenciar as "ideas", agradécese a chamada. Apertas.

jueves, 12 de julio de 2012

ERAN FILLOS DE COMENENCIA


Eles: Pepiño de Riba do Souto; Manoliño de Trás da Fonte; Joseíño da Agra de Baixo e tantos outros Leliños que ó mundo viñeron, naceran fillos de rico. Ou iso pensaron súas nais cando os pariron. E para máis mágoa sen irmáns, ou sexa, senlleiros. Unixénitos e fillos de comenencia.

Todo foi indo máis ou menos ben ata que chegou a pubertade. ¡Ai, velaí onde comezou o fado! Os pismerlos rapaces ían comezando a mosquear, ou sexa, a picarlle o bicho, dito sexa sen darlle máis voltas. E xa non durmían coma de nenos. Súas nais tampouco, tampouco pegaban ollo.

E comezou a misión, pero non a Santa Misión que daquela había, senón a misión de: non fora o demo que as súas reliquias foran caer en brazos de mozas pobres, sen predios, sen cabazos nin monte a pinos, sen bois e vacas, sen casa de seu ou ser fillas de pescos chalaneiros.

Nas noites de baile ou festa do Patrón, súas boas nais espreitaban na fiestra ata o albor se facía falla. Algunha ata lle quentaba a cama cun caneco de barro, ou se deitaba ela para quentarlla. ¡Non fora o demo que llela quentara unha mala moza filla de pobres!

E foron chegando a cuarentóns, pero súas nais cada día con máis teima en buscarlle unha comenencia que non daba chegado. Algún que outro tentou con filla de pobre e nunca el o fixera. Ningunha lles valía a aquelas nais tan busca noras. No fondo maxinaban que os seus rebentos vástagos eran uns adonis e os máis listos de cando á escola foran.

A vida foi indo no imparable tempo e aqueles comenencias foron quedando solteiróns. Cousa de seu. Mais ben estaban casemente casados coas nais no bo sentido da palabra. Os seus amigos da nenez foran casando, formando unha familia e con fillos mozos. Pero aquelas mamás, sen caer da burra. Ata que caeron, pero na cama de vellas e sen ter quén lles lavara a face, por non dicir o cú. Ou ferverlle unha auga con leite morno.

Seus pais e nais fóronse no seu tempo, acó ninguén queda. E velaí quedaron aqueles almas cándidas orfos, nin muller, nin fillos. E o mesmo cá un barco sen rumbo, cada un foi dar a onde Deus quixo. Mellor dito, o demo: uns caeron na ruína despois de ir gastándoo todo en viño e cervexa. Outros foron caer en aquelas mulleres de mala vida que súas nais ouxeveaban de esguello nos almanaques cando á cáneba ían mercar azucre e aceite dabondo, que, para algo eran de boa casa.

Agora, toda aquela herdanza de boa comenencia levouna o demo. Ou facenda que…, tantotén. E, paradoxas da vida, as pobres fillas de pesco chegaron a ricas, e, os tordaveas fillos de rico fardento, malviven pobres ata de solemnidade aínda que algún teña un bo retiro.

Pero non toda a culpa foi de súas nais, pois, cando a un home lle gusta unha muller non hai trén, vagademar nin furacán que o pare. Logo, non foi de extrañar que dende sempre e en fiadas e marmurios solo tiveran un mote: Conapeiros.



jueves, 21 de junio de 2012


O TABAQUISMO NAS MULLERES
Antes de comezar con este artigo, quero deixar claro que Deus, si algo fixo marabilloso na Terra foi a muller, na miña maneira de pensar. A muller foi dende sempre a máis grande obra do noso Creador. Pero ídes permitirme que desfogue a mágoa que sinto en vendo ás mulleres fumar.
Hai unhas semanas, asistin a dúas comidas-banquete, e, unha vez máis quedei abradiado vendo como despois de comer o 1º plato, velas aí saindo todas ao patio para botarlle un pitillo máis. Logo veu o 2º e santo do mesmo. E así foi como entre plato e plato, conseguiron facer un deslucimento das comidas con tanto erguerse, saír, volver a entrar, e así toda a tarde.
Sentín mágoa e pena. Sentín dor persoal. O que menos ao fin e ó cabo eran os xantares, o malo é o dano que se están a facer. Á marxe diso, un dos días ata fumaron no mesmo comedor por non haber patio, co cal se saltaron as boas normas actuais de non fumar en locales públicos.
Pero outra das cousas que morrerei sen entender, é o feito de mulleres de máis ou menos a miña idade, que, non fumaron até case os 50 anos, e agora están enganchadas a máis non poder. E eu pregúntome, como foi posible esta caída a estas idades? Por outra banda, con qué autoridade lles van prohibir a fillas e netas o feito de non fumar?
Outro destes días coincidin nun tanatorio cunha amiga da familia. Muller xoven e fermosa donde as haxa. Como non se podía falar en voz alta, achegámonos un pouco para oírnos e unha vez máis o seu alento tabaqueiro tiraba para atrás como así a súa roupa. ¡E de novo sentín pena, o de menos era o seu alento! E maxinei: Canta beleza perdida polo maldito tabaco!
Non sei a donde pretenden chegar as mulleres tomándolle a dianteira aos homes nisto de fumar, quizais se sintan máis snob, vaite ti a saber. Pero dende logo pobre snobismo. Porque a día de hoxe sen dúbidas fuman máis as mulleres que os homes. Quizais tamén queren reivindicar ás súas avoas ancestrais, agás que esquecen ser o sexo débil!
E remato dicindo que entendo que a muller estivo reprimida por séculos, seculorum, amén. Xa era hora de que a muller tivera os mesmos dereitos que o home. Malia que esta non é a maneira de reivindicar nada, o único, matar a saúde, o ben máis preciado que nos deu Deus.

domingo, 27 de mayo de 2012

XENTE ABURRIDA




Non, aínda que así a primeira vista o parece, non me estou refirindo ao clásico paliza, pesado, etc., do que hoxe vou falar é que non concibo ese tipo de xente á que non lles gustan as festas, as excursións, ir de vacacións con ou polo Inserso ou baixar o día do Carme ou de San Roque ata a Ribeira.

Mais a cousa non remata eiquí, o peor da cousa é que por riba aínda desexan que rematen as festas canto antes! Eu casemente penso que a este tipo de xente o que lles mola de verdade é escoitar a campá tocar a tanatos, ou sexa, velorios, enterros e cabos de ano. E falar sobor do finadiño, ou sexa: cantos anos tiña, de que padecía, que lle fixo Deus mil favores…

Nada, meus, que no mundo nacemos tan diferentes que a Torre de Babel comparado con isto, foi mel. Que ben rima! Xa hai que ser masoquista para preferir o sacho, a forquita, fuzar no esterco ou palparlle o cú as galiñas, antes de disfrutar destes catro días que pasan nun santiamén.

Pero non vexades como están ó día en saber novidades, ¡ai!, os reporteiros da Voz son sinxelos aficcionados ó lado desta xente: “Que o sei eu, que o piso aquel foi vendido en tanto”; “Que fulano está moi maliño, e non me digades nada que o sei de boa tinta” “Que a filla de Eustaquia está de dous meses, chega con mirarlle pra cariña de miña xoia”; “Que o fillo de Rufina e a filla de Pancracia disque se separan, según contan as malas linguas”.

Vamos, como se aínda houbera peores linguas. Pero o asunto é que o pasan bomba. E son felices así, sen máis. ¡Canto paga demais o goberno a esta terceira idade, pois, coa cuarta parte chegáballes o mesmo!

Por outra banda quedan os mariñeiros que disque xa o viron todo. E elas, as mariñeiras (algunhas, por suposto) santo do mesmo, tamén o viron todo. Como se a preta Coruña estivera igual que hai somentes media ducia de anos. Ou Valencia, Palma, Barcelona ou Sevilla, vamos que están o mesmiño que hai trinta anos!

Logo ben o de esa frase: “A min esas cousas non me gustan, ho”. Como carallo lle van a gustar as fresas con nata se aínda nunca as probaron. Como van dicir que non lles gusta Benidorm se nin en foto o coñecen. Como din que Os Satélites xa os viron unha vez. E xa está, como si…, como nada meus, isto é para morrer, pero morrer en tal escoitar. Realmente o mundo está moito máis mal do que parece.

Así as cousas, meus, eu son un parrandeiro incansable, coñezo o Noroeste do país como a palma da man, pero dame o mesmo, sairía de excursión tódolos días. E soño, soño día e noite con darlle a volta a España enteira como xa dixen noutras ocasión. De pobo en pobo e de cidade en cidade. E fartarme de ver mundo. Malia que todo, todo xa sei que me será imposíbel.

martes, 15 de mayo de 2012

O QUE NON MOLLA EN MONTE TORÁN, NON MOLLA EN TODO O VRÁN


O QUE NON MOLLA EN MONTE TORÁN, NON MOLLA EN TODO VRÁN
Hoxe foi a festividade da primeira romaxe do vrán: Nosa Señora de Monte Torán. Con esta lexendaria festa arranca según din e dixeron sempre os máis vellos da redonda a troula de festas e romarías da nosa comarca.
Mais hai un dito popular que velaí quedou para a historia, o que dá título a este artigo. Pero non se refire a beber para mollar a palleta os gaiteiros senón a iso que xa de entrada supoñeríades. Dende neno toquei nesa fermosa romaxe e dende logo nunca vin tanta “efervescencia” nin fogaxe na xuventude, pois por outra banda, “en maio aínda a vella queima o tallo” e iso é sinal de arrefriamento.
Malia que colle fama e bótate a durmir, cando o río soa por algo é, a saber se antaño os mozos non se facían de rogar como agora que, se as mulleres non toman a iniciativa o mundo acábase por falla de criaturas. Xa Deus goberna e como dicía un vello cando lle nacío o seu primeiro netiño: “A trascendencia queda seghurada”, mentras limpaba o beizo despois de escanciar unhas ghindandas de tinto e caña de herbas.
Pero outro dos refráns -porque a vida dademún é máis ca refráns- que mantén o fervor da Santiña é este: “A Monte Torán, tódolos tolos van”. E quén vos dí que as cabezas tolas e quentes non facían honra á primeira frase!
Empero todo isto e cos anos que levo neste oficio de troula e sendo un bo observador da vida, eu penso que a romaxe máis “mollada”, en tódolos sentidos é a de San Fins do Castro. Alí xa vin máis de catro pitanzas, de outro xeito nesa data estamos en plena canícula e tamén é cando máis lumes hai que “apagar”.
 Recordo unha noite nesta romaxe do San Fins: Dous pais estaban ó axexo das parellas que baixaban do “aquel de aquelare” ou de falar as súas cousas -nunca debemos ser tan ben pensados- cando ás sombras do clásico petromás que alumeaba todo Castro, víu como unha das parellas que baixaban do monte era unha das súas fillas. Tusío e carraspeou mentras collía camiño para a casa. A filla non, o pai.
E hoxe pola tarde ollei como os labradores comezan coa milleira e coas fabas. De sotaque veume á cabeza aquela outra frase no tempo da Barquiña da Ponte: Ir ás fabas. ¡Manda carallo, meus, mesmamente parece que tódolos santos son abogosos coa cousa! E iso que non falei do San Bernardo, do Carme do Briño, da nosa Santiña do Faro ou de San Ramón do Esto sen deixar de lago á Santa Margarida de Baneira.
E así están as capelas cos tellados remexidos de tanto darlle a volta á tella para que non “haxa unha avería”, din as rapazas. E despois levan a culpa os pobres cregos que teñen as capelas sen retellar! O de pobres é un dicir.
Así que nada, meus, despois das romaxes e de os rapaces chorar coma mulleres o que fixeron coma homes, vemos as fontes das Santas ateigadas de panos lavadiños enxugando os pecados do que foi sen querer querendo. Nada, que as romaxes ò final non son máis ca un chanto de bágoas, porque…,  unha mala/boa noite a ten calquera.

miércoles, 2 de mayo de 2012

VIVINDO A TERCEIRA IDADE


Nada, amigos, que levo 15 días cunhas gañas tremendas de escribir, pero non atopo motivo. Como sabedes, práceme escribir de Corme, agáx que somos un pobo tan tranquilo que nin novidades hai. Así as cousas, pois, hoxe vou facer de Josemí, xa sabedes, ese que escribe sobor da Jett-Set; el lunes cené con la marquesa de Montrijo; el martes desayuno con los condes del Condado, etc.
Así que como dixen arriba e en vista da falla de novas, pois, copiando que é xerundio, aínda que eu non ceo con marqueses nin xanto con condesas. O pasado sábado excursión de carrocería destino A Fortaleza en Valensa do Miño, había pasado polo centro de Valensa, pero de traballo, e nunca subira a esa xoia que tanto me gustou.
Cada vez que visito unha destas obras en pedra, non podo evitar o pensar como e de que maneira traballaron tanta pedra sen recursos de ningún tipo. E ata me parece crer que os pobres canteiros tiveron que facelo a base de lostregazos e sen cobrar xornal. Aquí si me lembro dos siñores marqueses-terratenientes e da nai que os paríu a todos. E ata rezo por eles, pero pensando que gocen das marabillas do inferno se é que o hai. En certo modo ata desexo que haxa Ceo e máis inferno.
Como diría o Josemi: xantamos no hotel Glasgow e pola tarde visitamos en Baiona o monumento á Virxe da Rocha e  outra fortaleza: a de Monterrei. Tres kilómetros de murallón que nos levou unha hora. E aquí si quedei abraiado en comparación ao de pola mañá. E pensei na miseria da vida destas pobres xentes traballando gratis para o señor feudal do Val Miñor.
Pero non quero matizar máis nestas calamidades que xa todos coñecedes. Pola noite cea con baile e ao día seguinte, domingo, saímos deica A Garda para subir a Santa Tecla. Foi unha das cousas máis fermosas que tampouco visitara aínda que xa toquei varias veces na Garda. Logo pola tarde, e de camiño de volta, parada en Vigo para ver a saída dun trasatlántico, algo emocionante o ver como se vai separando do peirao sen axuda de remolcadores.
E aló na baixa tardiña, a clásica parada en Padrón para probar o seu pulpo e calamares, non podía ser menos. Pero nada, meus, que isto non me chegou a un rincho, dito sexa en termos cormeláns. Agora estoulle collendo o gusterilín a isto da xubilacíon e “tou desenfrenado” por viaxar. Foime duro os dous primeiros meses, pero agora síntome ceibo de estar suxeto a días e horarios de dar clases. Isto é vida, amigos, e aquilo que vos comentei da caravana xa está a punto, en certo xeito síntome moinante despois de durmir e convivir tantos anos no furgón e convindo con moinantes, realmente vai ser emocionante o de facer caravaning.
En conclusión, que non quero traballar máis, somentes a banda ata que Diolo queira, pois iso faime falla mentres viva para sentirme realizado musicalmente falando.