domingo, 27 de mayo de 2012

XENTE ABURRIDA




Non, aínda que así a primeira vista o parece, non me estou refirindo ao clásico paliza, pesado, etc., do que hoxe vou falar é que non concibo ese tipo de xente á que non lles gustan as festas, as excursións, ir de vacacións con ou polo Inserso ou baixar o día do Carme ou de San Roque ata a Ribeira.

Mais a cousa non remata eiquí, o peor da cousa é que por riba aínda desexan que rematen as festas canto antes! Eu casemente penso que a este tipo de xente o que lles mola de verdade é escoitar a campá tocar a tanatos, ou sexa, velorios, enterros e cabos de ano. E falar sobor do finadiño, ou sexa: cantos anos tiña, de que padecía, que lle fixo Deus mil favores…

Nada, meus, que no mundo nacemos tan diferentes que a Torre de Babel comparado con isto, foi mel. Que ben rima! Xa hai que ser masoquista para preferir o sacho, a forquita, fuzar no esterco ou palparlle o cú as galiñas, antes de disfrutar destes catro días que pasan nun santiamén.

Pero non vexades como están ó día en saber novidades, ¡ai!, os reporteiros da Voz son sinxelos aficcionados ó lado desta xente: “Que o sei eu, que o piso aquel foi vendido en tanto”; “Que fulano está moi maliño, e non me digades nada que o sei de boa tinta” “Que a filla de Eustaquia está de dous meses, chega con mirarlle pra cariña de miña xoia”; “Que o fillo de Rufina e a filla de Pancracia disque se separan, según contan as malas linguas”.

Vamos, como se aínda houbera peores linguas. Pero o asunto é que o pasan bomba. E son felices así, sen máis. ¡Canto paga demais o goberno a esta terceira idade, pois, coa cuarta parte chegáballes o mesmo!

Por outra banda quedan os mariñeiros que disque xa o viron todo. E elas, as mariñeiras (algunhas, por suposto) santo do mesmo, tamén o viron todo. Como se a preta Coruña estivera igual que hai somentes media ducia de anos. Ou Valencia, Palma, Barcelona ou Sevilla, vamos que están o mesmiño que hai trinta anos!

Logo ben o de esa frase: “A min esas cousas non me gustan, ho”. Como carallo lle van a gustar as fresas con nata se aínda nunca as probaron. Como van dicir que non lles gusta Benidorm se nin en foto o coñecen. Como din que Os Satélites xa os viron unha vez. E xa está, como si…, como nada meus, isto é para morrer, pero morrer en tal escoitar. Realmente o mundo está moito máis mal do que parece.

Así as cousas, meus, eu son un parrandeiro incansable, coñezo o Noroeste do país como a palma da man, pero dame o mesmo, sairía de excursión tódolos días. E soño, soño día e noite con darlle a volta a España enteira como xa dixen noutras ocasión. De pobo en pobo e de cidade en cidade. E fartarme de ver mundo. Malia que todo, todo xa sei que me será imposíbel.

No hay comentarios: