Nada, amigos, que levo 15 días cunhas gañas tremendas de
escribir, pero non atopo motivo. Como sabedes, práceme escribir de Corme, agáx
que somos un pobo tan tranquilo que nin novidades hai. Así as cousas, pois,
hoxe vou facer de Josemí, xa sabedes, ese que escribe sobor da Jett-Set; el
lunes cené con la marquesa de Montrijo; el martes desayuno con los condes del
Condado, etc.
Así que como dixen arriba e en vista da falla de novas,
pois, copiando que é xerundio, aínda que eu non ceo con marqueses nin xanto con
condesas. O pasado sábado excursión de carrocería destino A Fortaleza en
Valensa do Miño, había pasado polo centro de Valensa, pero de traballo, e nunca
subira a esa xoia que tanto me gustou.
Cada vez que visito unha destas obras en pedra, non podo
evitar o pensar como e de que maneira traballaron tanta pedra sen recursos de
ningún tipo. E ata me parece crer que os pobres canteiros tiveron que facelo a
base de lostregazos e sen cobrar xornal. Aquí si me lembro dos siñores
marqueses-terratenientes e da nai que os paríu a todos. E ata rezo por eles,
pero pensando que gocen das marabillas do inferno se é que o hai. En certo modo
ata desexo que haxa Ceo e máis inferno.
Como diría o Josemi: xantamos no hotel Glasgow e pola
tarde visitamos en Baiona o monumento á Virxe da Rocha e outra fortaleza: a de Monterrei. Tres
kilómetros de murallón que nos levou unha hora. E aquí si quedei abraiado en
comparación ao de pola mañá. E pensei na miseria da vida destas pobres xentes
traballando gratis para o señor feudal do Val Miñor.
Pero non quero matizar máis nestas calamidades que xa
todos coñecedes. Pola noite cea con baile e ao día seguinte, domingo, saímos
deica A Garda para subir a Santa Tecla. Foi unha das cousas máis fermosas que
tampouco visitara aínda que xa toquei varias veces na Garda. Logo pola tarde, e
de camiño de volta, parada en Vigo para ver a saída dun trasatlántico, algo
emocionante o ver como se vai separando do peirao sen axuda de remolcadores.
E aló na baixa tardiña, a clásica parada en Padrón para
probar o seu pulpo e calamares, non podía ser menos. Pero nada, meus, que isto
non me chegou a un rincho, dito sexa en termos cormeláns. Agora estoulle
collendo o gusterilín a isto da xubilacíon e “tou desenfrenado” por viaxar.
Foime duro os dous primeiros meses, pero agora síntome ceibo de estar suxeto a
días e horarios de dar clases. Isto é vida, amigos, e aquilo que vos comentei da
caravana xa está a punto, en certo xeito síntome moinante despois de durmir e
convivir tantos anos no furgón e convindo con moinantes, realmente vai ser emocionante
o de facer caravaning.
En conclusión, que non quero traballar máis, somentes a
banda ata que Diolo queira, pois iso faime falla mentres viva para sentirme
realizado musicalmente falando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario