O QUE NON MOLLA EN MONTE TORÁN,
NON MOLLA EN TODO VRÁN
Hoxe foi a festividade da primeira romaxe do vrán: Nosa
Señora de Monte Torán. Con esta lexendaria festa arranca según din e dixeron
sempre os máis vellos da redonda a troula de festas e romarías da nosa comarca.
Mais hai un dito popular que velaí quedou para a
historia, o que dá título a este artigo. Pero non se refire a beber para mollar
a palleta os gaiteiros senón a iso que xa de entrada supoñeríades. Dende neno
toquei nesa fermosa romaxe e dende logo nunca vin tanta “efervescencia” nin
fogaxe na xuventude, pois por outra banda, “en maio aínda a vella queima o
tallo” e iso é sinal de arrefriamento.
Malia que colle fama e bótate a durmir, cando o río soa
por algo é, a saber se antaño os mozos non se facían de rogar como agora que, se
as mulleres non toman a iniciativa o mundo acábase por falla de criaturas. Xa
Deus goberna e como dicía un vello cando lle nacío o seu primeiro netiño: “A
trascendencia queda seghurada”, mentras limpaba o beizo despois de escanciar
unhas ghindandas de tinto e caña de herbas.
Pero outro dos refráns -porque a vida dademún é máis ca
refráns- que mantén o fervor da Santiña é este: “A Monte Torán, tódolos tolos
van”. E quén vos dí que as cabezas tolas e quentes non facían honra á primeira
frase!
Empero todo isto e cos anos que levo neste oficio de
troula e sendo un bo observador da vida, eu penso que a romaxe máis “mollada”,
en tódolos sentidos é a de San Fins do Castro. Alí xa vin máis de catro
pitanzas, de outro xeito nesa data estamos en plena canícula e tamén é
cando máis lumes hai que “apagar”.
Recordo unha noite
nesta romaxe do San Fins: Dous pais estaban ó axexo das parellas que baixaban
do “aquel de aquelare” ou de falar as súas cousas -nunca debemos ser tan ben
pensados- cando ás sombras do clásico petromás que alumeaba todo Castro, víu como unha das parellas que baixaban do monte era unha das súas fillas. Tusío e
carraspeou mentras collía camiño para a casa. A filla non, o pai.
E hoxe pola tarde ollei como os labradores comezan coa
milleira e coas fabas. De sotaque veume á cabeza aquela outra frase no tempo da
Barquiña da Ponte: Ir ás fabas. ¡Manda carallo, meus, mesmamente parece que
tódolos santos son abogosos coa cousa! E iso que non falei do San Bernardo, do
Carme do Briño, da nosa Santiña do Faro ou de San Ramón do Esto sen deixar de
lago á Santa Margarida de Baneira.
E así están as capelas cos tellados remexidos de tanto
darlle a volta á tella para que non “haxa unha avería”, din as rapazas. E
despois levan a culpa os pobres cregos que teñen as
capelas sen retellar! O de pobres é un dicir.
Así que nada, meus, despois das romaxes e de os rapaces
chorar coma mulleres o que fixeron coma homes, vemos as fontes das Santas
ateigadas de panos lavadiños enxugando os pecados do que foi sen querer
querendo. Nada, que as romaxes ò final non son máis ca un chanto de bágoas,
porque…, unha mala/boa noite a ten
calquera.
No hay comentarios:
Publicar un comentario