OFERTAS ON LINE
Como todos vós sabedes, dende hai uns anos para acó, o teléfono dademo máis vale que para escoitar as ofertas deles mesmos. Tamén de Fenosa e outras herbas que no monte abrouxan.
Pois nada, que levo dez días que as señoritas de quenda non me deixan aturar coas súas chamadas. Resulta que sempre é polo meu ben, pero ó final da conferencia resulta que tés que pagar máis. Xa o dicía o meu avó Luís de Froxán: “Onde irás boi que non ares”, ou tamén aquilo de “ninguén dá os pesos a catro pesetas”.
Pero a cousa, meus, doume tal raxeira dende hai un tempo que agora contéstolles así: “Soy el cuñado, y Jesús ha muerto hace unos días”. Outras veces sáeme isto: “Soy el hermano, y Jesús está en Benidorm durante un mes”. E ata me dan o pésame, no primeiro caso! De paso practico o castrapo -que tamén mola cantidade- para cando vaia polo Inserso.
Hoxe, cando me estaba afeitando, soou o rin-rin: “Gabriela, dille que es a miña viúda, muller, que estás de fresco e sen zolás para conversas”, díxenlle coa cara chea de espuma da Toxa. Pero nada, aínda tivo a debilidade de dicirlle que chamara dentro de media hora.
E o de sempre, comezar o día de raxeira por non facerme caso. Co xenio, non me fixen un quinacho na face porque a folla da Contour vai nas últimas. E desfixemos a vida durante media hora, ata que me dou un anaquiño de queique para endulzar máis as sopas e se comprometío ela a contestar despois. E vaia se contestou, pero seica non foi capaz de dicirlle que era a miña viúda. Non sei porqué, pois total…, casemente o está!
Logo outras veces -porque son moitas e sempre picas cando estás de mellor humor- escoitas unha voz chea de duzura e tenrura que casemente maxinas que é un plan. Ata que despois de uns minutos escoitándoas lles dis que non queres saber nada, e, zás, cólganche de socate e sen máis espedida. ¡Carallo para a amabilidade!
Agora teño cita dende a semana pasada con un de Telefónica, un home, xa me diredes vós que vou facer eu cun home se xa non valgo para unha muller. Dende logo, se as señoritas non me convenceron, o devandito cabaleiro que non perda o tempo en venderme kilovatios a bo precio. Servidor vai indo vello, pero a idea varonil está coma de quince. A idea e xa.
P.D. Se sabedes de ventas On Line para potenciar as "ideas", agradécese a chamada. Apertas.
lunes, 3 de septiembre de 2012
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Teño unha pregunta, en que localidade ou parroquia foi isto? En Corme?
Publicar un comentario