viernes, 28 de diciembre de 2012

CASAR PRÁ CASA




Antigamente era unha frase moi común no rural: O fillo máis vello “casaba prá casa”. E velaí onde sería de por vida o vítima dos seus irmáns, que. por encima de aguantar ós vellos e cuidalos na vellés, sería sempre o menospreciado.

Os demais, os máis novos, normalmente pillaban camiño da cidade. E dende ese mismo instante sería os mimados da casa patrucia. Cada domingo, ou día de festa, a súa visita era de total práceme para seus pais, onde o fillo ou filla da casa quedaban relegados a un segundo plano.

O fillo e a nora da casa, veña facer de xantar mentres os demais ían á misa e aos bailes. Logo servila mesa e lavala baixela, e, por suposto dar de comer ás vacas. E os vellos azuzando neles para que serviran mellor aos de fóra.

Logo chegaba a hora da espedida, día de festa ou un domingo calquera e veña encherlle o maleteiro do coche de todo canto plantaran os vítimas da casa. E sen rechistar, dicían os vellos, que para algo a casa aínda era deles, pois “aínda non fixeran papel” por si acaso.

Pero a historia vaise acabando aínda cando quedan máis dos que debían quedar casados prá casa. Parecía moi fermoso ao principio, o contar con casa de seu dende o casamento. Pero non, nin con casa nin sen ela, de ningún xeito deben levar máis mimos os que se foron que os que quedaron.

Iso era o casar para a comenencia, que ben pensado a comenencia era de carallo, pois, por encima de burro, apaleado. “Veña Pepe -dicíalle a vella ao fillo da casa- botalle a teu irmán un pernil, un saco de patacas, unha ghuevera de ovos, unha ducia de chourizos, fabas e un ghalo”. E o ghalo desplumado, que menos!

Porque os da cidade eran os finos, e Pepe tiña as mans enrrugadas do sacho e o fouciño. Tampouco vestía tan ben coma o seu irmán da cidade nin recendía a colonia de marca. Pepe recendía a vaca e esterco, cousa de seu, pois era o seu oficio.

Malia que agora xa ninguén pica o amocelo. Ou sexa, que ninguén quere esa “breva” de casar prá casa. E os vellos cando non poden valerse en por si, van pillando camiño dun xeriátrico.

De todo isto que estou contando, quédome moi escaso, pois durante a miña andaina musical e xantando en centos de casas de labradores, vin os cadros máis tristes que calquera se pode imaxinar: Os da casa sempre eran os parias e os que estaban fóra –tamén na emigración- os nenos bonitos.

E así vai morrendo o noso rural, esmorecendo o mesmo ca o serán dun día normal. Centos de aldeas pecharon as súas utópicas portas e a día de hoxe están totalmente abandonadas. Xa ninguén quere casar prá casa.

sábado, 24 de noviembre de 2012

LEMBRANDO AQUELES FUNERAIS




Hoxe que está un día tenebroso, que mellor que falar de cousas tristes polo de facervos estarrecer de medo. Perdón, digo isto antes de que me poñades a caldo, pois, realmente era de escribir cousas ledas. Pero non atopo no caletre nada apropiado, así que… a recordar vellos tempos.

Cando eu era rapaz, non hai tanto, pois aínda son un mozo, os funerais eran como Deus manda. Ou sexa, que eran de verdade, non como agora: unha misa de ánima mea de media hora xustiña e marchando tomar o café das cinco.

Cando eu era rapaz, repito, os funerais duraban a mañá enteira. Viñan os cregos todos da táboa, como se adoitaba chamar ós da redonda. A cousa viña sendo que aló sobor das nove da mañá –pola tarde estaban prohibidos- viñan aparecendo as cabalerías polo noso Campo. Cada crego co seu faco –nada de bestas, eran "femininas"- e na volta da Fonte enfilaban cara a Casa dos de Correa, donde no curral estrado de toxo, alí remoían toda a mañá.

A cámbeo de isto, lle facían un bo esterco con tanto cirilloto, era o canon do aparcamento, ou sexa, a ORA, agora tan de moda por aparcar. Aqueles facos impoñían respecto polo seu porte e estatura, e máis cos cregos vestidos coa negra sotá até os mesmos pés.

Comezaban unhas tres misas rezadas antes da última que era a de funeral. Cada crego ía misando segundo ían chegando. Recordo que miña nai e as avoas dicían: “vou oirlle unha misa mentres ferve o caldo, e logo volvo á grande”. E así toda a mañá unha trafega de xente indo e vindo dunha ou doutra misa.

Aló sobor das dez, velaí aparecía polo Río da Roda, unha muller da casa de Tía Carme de Tella, cunha cesta de mimbre para o almorzo dos curas. Dentro, café e roscas a pasto. ¡Cantas teño comesto na sacristía despois de os curas iren fartos! A sacristía mesmo parecía a Bodegón con tanto ir e vir, adentro e a fóra, saír uns misar ó Altar e outros entrar almorzar.

Á marxe disto, recordo no medio da Igrexa un tromontorio de tres metros de altura e todo cuberto de negro. Parecía unha pirámide e cada chanzo ateigado de vélas en candeleros de cobre, según fora de pobre ou rico. E así a cousa até aló a unha do mediodía que duraba un funeral calquera. Mentres misaban uns curas, os outros nos confesionarios. E a xente á cola, sobor de todo a familia que non podía faltar sen confesar e comungar.

Pero isto non era nada, meus, o peor de toda esta costume era a de vir toda a xente dun enterro de volta do cemiterio, até a porta do difunto e rezar de novo unha “estación”. Logo o día do funeral –nunca podía ser no enterro- a xente ía achegándose á porta do finado dende unha hora antes para logo saír todos de cara á Igrexa. E á volta santo do mesmo, de novo levar a familia até a casa e de novo rezar na porta.

Un ano despois, o cabodano. E volta á mesma historia: xuntanza na porta do morto e acompañamento ao remate. Malia todo isto, recordo con tristura que as viúvas non podían ir ao enterro dos seus homes. E a caixeta chea de cintas que levaban os máis cercanos ao difunto. Se era alleo, levar unha cinta era símbolo de moita amizade. E as coroas diante do difunto levadas entre dúas persoas. ¡E a xente contaba as cintas e as coroas! Se fosen moitas, aquilo daba que falar. Logo as gabardinas e chaquetas co brazalete negro. E nas solapas un indicativo tamén negro. E isto era ata para os mesmos cuñados. E durante uns tres anos se eran os máis achegados.

Mais, todo hai que lembralo, no rural facíase para toda a familia e séguese facendo, un guiso ou caldeirada de fartura para despois do enterro ou funeral. E viño a pasto, isto alivia un pouco a dór. Xa o día o refrán: ¡As penas con pan, son menos!

A verdade que con tanta tristura casemente non valía a pena morrer. Eu xa non quixen palmar daquela a ver se cambiaban as cousas polo de non darlle a lata á familia. ¡E algo foron mellorando!





jueves, 8 de noviembre de 2012

NON SEI DE QUÉ ESCRIBIR




Meus queridos lectores, dende hai unha tempada non atopo de que escribir. Eu maxino que é o da 3ª idade, ou sexa, se me estará enxugango o cerebro e quedei sen temas a tratar. A verdade que cousas hai, pero…, ai mi amigo, calquera fala de política, fútbol o calamares ou ben de mulleres! De calquera maneira de este último tema si me gustaría falar, pois, é o único que nunca dou discusións, e falo con “experiencia na temática”.

A experiencia é que cando nas longas viaxes coa orquestra surxían os dous primeiros temas que citei, casemente nalgunha ocasión se chegou ás mans. De aí que aprendín a terciar na cousa cando vía vir a discusión: Falar de mulleres, e santas pascuas. Paz e amor.

Pero á marxe disto que acabo de citar –totalmente certo- a nosa vila tampouco dá neste tempo para moita inspiración. Como sabedes, sempre me gustou escribir do Corme de noso, agáx que de hai un tempo para acó todo é paz e sosiego. Somo poucos, pero moi ben levados. Ai non!

Cousas aparte, e falando seriamente: agora tamén se me dou por ver a televisión cada noite. Algo incrible en min que nunca para o televexo mirei. Como vos dicía ó principio, eu penso que…, “estou no cámbeo de ciclo”, pois nunca tal cousa me pasou.

Mais tamén todo hai que dicilo: os meus lectores, que son moitos según o contador diario do Blog, tampouco me axudan con algún comentario, aínda que fose para terciar nas miñas opinións. E claro, un non dá máis de si sen un pequeno azo de axuda.

Malia todo isto, tamén está o Facebok de marras que ten á xente atrapada, valga a redundancia. Agora todo son oito palabriñas, como moito, e ala, xa é un chiste. Outra cousa que non soporto desta rede social, é o feito de facernos amigos no devandito Facebok, e logo pola rúa nin nos coñecemos.

Non entanto a estas redes sociais, os comentarios son un pouco máis do mesmo que cos móbiles, todo son abreviaturas e parvadas. Non se atopa un comentario de un rapaz que chegue a cincuenta palabras, que abofé son ben poucas.

E falando de rapaces novos, e xa para rematar, cóntovos isto do outro día co meu neto Abrahám: Iamos falando de parellas de feito e leito. Mellor dito, máis ben de leito. Ata que de sotaque lle dixen que si hoxe me tivera que casar o faría de novo pola Igrexa e como Deus manda. Quedou abraidao e sen fala!.

Como vedes xa fun xuntando unhas verbas para un artigo máis, algo mesturado e sen un tema concreto, pero outro día será. Saúdos e bo San Martiño, que, falando del, tamén é bo tempo para arrimarse por mor do arrefriamento. Aínda que sexa sen feito, pero iso si…, de leito.

jueves, 18 de octubre de 2012

UNHA DE MERCEDES




Sucedeume hai alomenos 25 anos. Era un mencer do mes de xuño cando viñamos de tocar coa miña orquestra aló sobor das 6 mañá, e entrei para repostar nunha gasolineira deiquí da nosa comarca bergantiñá. Os compañeiros, rapaces novos eles, viñan como se adoita dicir todos “sobados” en col dos asientos, ou sexa, que nin se enteraron da parada.

Aparquei diante dun surtidor, baixei para abrir o tanque e de paso estirar un pouquiño as pernas e respirar ar fresco do albor. “¿Que pasa, tío, a ver, canto che poño?”, díxome o empregado sin coñecerme de nada. Calei, paguei e nin caso, pois, viña caendo co sono.

En chegando á casa, cambearme e volver para a Coruña foi un tris trás, pois tiña un exame de piano no Conservatorio. Deixei o furgón e pillei o turismo, un vello Mercedes de 4ª ou 5ª man. Parece que foi arte do demo que se me dou por volver á repostar na misma estación de servizo.

Naturalmente que ía afeitado, lavado e un pouco máis fardado, pero ao fin solo era unha camisa limpa e un pantalón de tergal que cambeara polo vaquero de traballo: “Buenos días, señor, no se moleste en bajar, cuanto le pongo, vá a llenar el depósito?”, díxome o mesmo empregado de dúas horas antes.

Ante este novo recibimento e o mal humor de non ir á cama non poiden resistir máis e no intre de pagar espeteille: “Sabes, neno, eu son o mesmiño en corpo e alma de hai dúas horas. Si, o do furgón de hai dúas horas tamén Mercedes de las Nuevas Ideas, acórdaste?, pero que vale por catros destes, pois é novo do trinque. Podes explicarme a que se debe este cámbeo de tratamento?”.

Naturalmente que o mozo non soubo que dicir, somentes pedir perdón. Pero aquel feito tan sinxelo non se me irá da cabeza mentres viva. Parece mentira que sexamos tan parvos á hora de valorar á xente pola simple vestimente ou por un coche que posiblemente sexa ao “che debo”.

Pero dous anos antes desta anécdota pasárame outra o mesmo día que mercara o devandito furgón no concesionario de A Coruña. Estaba eu unha tarde de chuvia de abril esperando sentado no holl de entrada cando vexo entrar a dous ben coñecidos que obviamente non vou nomear.

Traxeados e con cadansúa querida/amante, velaí saíu ben traxeado tamén o comercial de turismos Mercedes a recibilos. A raxeira subíome nun intre en tal ver, pois, eu pagara ipso-facto o meu furgón e aqueles dous eran un timo á vista. E eu alí sen ter que me dera unha fala, perdón, menos os dous de marras que me saudaron.

Un ano despois velaí estaban os representantes da Mercedes apañando o que ben podían por embargo aquí na nosa zona. E uns días despois velaí estaba eu entrando na oficiña do director xerente que xa me vendera tres furgóns: “Home, Suso, que te trae por aquí?”, preguntoume ao tempo que me daba a man.

“Pois verás, amigo, veño saudarte, pero para rirme de vós todos. Parece mentira que a estas alturas da vida vos deixédes levar polas apariencias”. E conteille o caso mentres se poñía vermello.

jueves, 11 de octubre de 2012

ANÉCDOTAS MUSICAIS




Hoxe como teño gañas de escribir e non sei de qué, pois vou intentar rememorar algunha anécdota da miña profesión. Por exemplo esta: Estabamos unha tarde de xa hai moitos anos en Musical-47 mercando os libros para o curso que comezaba, cando entrou un coñecido colega de outra orquestra, home de cartos, altruísta e mercader de músicos: “¿Logo que estades comprando, ou?”, preguntou. “Pois, libros para o Conservatorio”, dixémoslle. “¿E iso que é?”, dixo de novo ante o noso pasmo. “Iso…, éche a escola onde se aprende música”, dixemos termando na risa.

Sen máis pensalo e dirixíndose ao comercial: “Oes tú, ponme a min tamén dous ou tres, que carallo”. Como é de imaxinar, o dependente –músico de verdade- vendeulle dos que foran quedando fóra da normativa, total xa eran para bater!

Un dos calvarios -por así dicilo- dos músicos sen ensaiar, foi sempre a maneira de rematar xuntos a peza de turno. Así as cousas e naqueles bailes de época, a cada salón ían catro ou cinco como moito, pero iso, sen ensaiar. E as cabeciñas sempre discurriron o que temos: “¿Sabedes, hoxe dín coa trécola para rematar xuntos”, dixo o que facía de xefe. “¿Logo que inventou ho?”, preguntaron os demais mentras ían empurrándo as bicicletas nunha subida ben rilleira. “O invento hei dicírvolo eu cando cheguemos ao palco”, sentenciou o xefe.

En chegando ao salón e coa intriga dos compañeiros a cousa foi facer un pequeno ensaio. O xefe sacou da zurreira un cordelo e foi amarrándo a todos en ringleira: “Agora vamos comezar a ensaiar e cando eu tire do cordelo, zás, paramos todos á unha, vale?”.

E pararon, carallo, solo que ao final do baile foran quedando todos sen as cinteiras dos pantalóns.

Estoutra pasoume nunha parroquia da cal prefiro non acordarme. Ou mellor non debo nomeála por respecto. Saíamos coa procesión percorrendo todo o pobo e o señor cure dime: “Miren, como isto vai ser largo, toquen vostedes unha peza e logo cantamos o pobo”. Ata aquí todo ben.

Pero aquel cura, con cara de bonachón e pan bendito tiña uns defectos físicos que por respecto non vou dicir, ou sexa, era horriblemente feo. E velaí se lle dá por comezar con esta cantiga tan coñecida: “El Señor ha echo en mi maravillas….”.

Ai, madre, aquilo foi estouparmos e chorar de risa que nos vimos nun apuro cos panos da man limpando as bágoas. Mirade que non hai cancións, e, xustamente se lle dou pola máis "indicada".

-----------------------------------------------------------------------------

sábado, 15 de septiembre de 2012

AQUELES TEMPOS DE QUITAR O AIRE




Tería eu ó redor dos cinco ou seis anos, cando aló urdiron os meus que me tiñan que quitar o aire (ar). Era cousa de moda naquel tempo, pois os rapaces estabamos un pouquiño estuxados por mor da postguerra. A cartilla do racionamento non daba para máis e o bolsillo tampouco.

Así as cousas, as nosas nai estaban de cotío dicindo que tiñamos mal cor, que non medrábamos abondo, que non comíamos ben ou que nos pillara o ar das meigas. Había moitas daquela, agás que aínda non morreron todas.

E velaí unha tarde de domingo cando meu pai pilla o camiño de Froxán, da súa casa paterna, pois, disque alí, na súa aldea, quitaban o ar moito mellor que acó no Porto.

Namais chegar, entramos na cociña que xa era o “recibidor” ou salón da tódalas casas de labradores, alí ou na corte das vacas, tabique en medio. De seguido, miña avoa Mamá María, (como así a chamábamos tódolos netos), muller santa e boa onde as houbera, xuntou de contado dúas ou tres mulleres do lugar, ben rezadoras elas e xente formal. Iso si, todas elas vestidas de negro e con pano á curra, era a moda.

E comeza a cerimonia no medio do chán da cociña. Follas de loureiro e oliva bendecido do Domingo de Ramos facían unha especie de coroa funeraria, onde tiven que entrar eu sen dar pío. E comezaron os padrenuestros e aves marías e eu no medio sen dar creto a aquela historia. Ata que chegou o momento culminante, o de acender o lume purificador de loureiro e oliva.

Como daquela había moitas películas de indios, casemente me sentía eu un “home branco”na tribu india rodeado de lume e apaches danzando e sen poder escapar, a verdade que xa non as tiña todas comigo.

Pero aínda faltaba algo máis: o “erguela paletilla” apertándoche as costas e erguéndote no ar. Ben pensado, isto aínda tiña algún xeito, pois aínda se fai a día de hoxe, e abofé que non é cousa mala.

E alo saín eu co ar das meigas quitado, e elas todas satisfeitas. Digo elas porque os homes non podía estar na cerimonia. E aló voltou meu pai todo satisfeito de que eu xa viña sen o meigallo. Tamén viría ledo, supoño, porque da casa dos avós nunca se volvía sen nada.

Agora os nenos tampouco comen ben, din súas avoas, pois realmente son elas quen os crian. Como carallo van comer máis senón dan feito! E están que lucen de ben criados, a Deus grazas. Agora aos nenos non hai falla de quitarlles o ar, pois con tanta cheúra e vacina do pediatra veñen para diante os mesmo cás roseiras no maio florido.

Volvendo ó conto, namais rematar a cerimonia xa me veu o apetito co ulido da tortilla de ovos de curral que Mamá María remexía na tixola. Púxenme xebre e, casemente valía a pena ir quitar o ar tan sequera cada domingo.

lunes, 3 de septiembre de 2012

VENTAS ON LINE

OFERTAS ON LINE


Como todos vós sabedes, dende hai uns anos para acó, o teléfono dademo máis vale que para escoitar as ofertas deles mesmos. Tamén de Fenosa e outras herbas que no monte abrouxan.

Pois nada, que levo dez días que as señoritas de quenda non me deixan aturar coas súas chamadas. Resulta que sempre é polo meu ben, pero ó final da conferencia resulta que tés que pagar máis. Xa o dicía o meu avó Luís de Froxán: “Onde irás boi que non ares”, ou tamén aquilo de “ninguén dá os pesos a catro pesetas”.

Pero a cousa, meus, doume tal raxeira dende hai un tempo que agora contéstolles así: “Soy el cuñado, y Jesús ha muerto hace unos días”. Outras veces sáeme isto: “Soy el hermano, y Jesús está en Benidorm durante un mes”. E ata me dan o pésame, no primeiro caso! De paso practico o castrapo -que tamén mola cantidade- para cando vaia polo Inserso.

Hoxe, cando me estaba afeitando, soou o rin-rin: “Gabriela, dille que es a miña viúda, muller, que estás de fresco e sen zolás para conversas”, díxenlle coa cara chea de espuma da Toxa. Pero nada, aínda tivo a debilidade de dicirlle que chamara dentro de media hora.

E o de sempre, comezar o día de raxeira por non facerme caso. Co xenio, non me fixen un quinacho na face porque a folla da Contour vai nas últimas. E desfixemos a vida durante media hora, ata que me dou un anaquiño de queique para endulzar máis as sopas e se comprometío ela a contestar despois. E vaia se contestou, pero seica non foi capaz de dicirlle que era a miña viúda. Non sei porqué, pois total…, casemente o está!

Logo outras veces -porque son moitas e sempre picas cando estás de mellor humor- escoitas unha voz chea de duzura e tenrura que casemente maxinas que é un plan. Ata que despois de uns minutos escoitándoas lles dis que non queres saber nada, e, zás, cólganche de socate e sen máis espedida. ¡Carallo para a amabilidade!

Agora teño cita dende a semana pasada con un de Telefónica, un home, xa me diredes vós que vou facer eu cun home se xa non valgo para unha muller. Dende logo, se as señoritas non me convenceron, o devandito cabaleiro que non perda o tempo en venderme kilovatios a bo precio. Servidor vai indo vello, pero a idea varonil está coma de quince. A idea e xa.

P.D. Se sabedes de ventas On Line para  potenciar as "ideas", agradécese a chamada. Apertas.