sábado, 23 de abril de 2011

UNHA DE CHISCÓLOGO


Sucedeume hai uns meses. Estaba eu esperando a quenda para entrar ao meu psicólogo, cando de súpeto se me ocurreu unha idea, metin man ao peto, saquei unha tiriña de papel e nela escribin: “Non hai dereito que veñamos os que vimos, polos que tiñan que vir e non veñen”.
Namais entrar, lle la din ao psicólogo e quedou pensativo logo de relela unhas cuantas veces. De pronto díxome: “Jesús, este apunte lo llevaré a nuestro próximo congreso”.
Efectivamente ao psicólogo ou psiquiatra vamos moitos, pero non por mor de ser os de máis falla, senón por ser máis débiles de nervios, ou sexa que, o ter nervios non ten que ver con estar mal da casqueta.
Pero velaí onde esta miña frase me comezou a facer mágoa dende aquela mañá, e, máis cando veño de comprobar no día a día a moita falla que tiñan de ir os que realmente debían, pero non van.
Na sala de espera comprobo que a face de todos os pacentes reflicte tristura, pero nunca que estean mal do caletre. Ao mesmo tempo teñen cara de boa xente, agás que falla de carácter e sangue fría, dito sexa en román paladino.
No entanto a isto venme á memoria aquela vella frase tan usual para moitos exemplos: “Nin son todos os que están, nin están todos os que son”. Nunca mellor aproveitadas estas verbas.
Malia que isto caerá en saco roto e todo seguirá o mesmo. O mundo, a vida é dos fríos, cínicos, sangue fría que non coñecen o que antes citei, esa enfermidade como é a de padecer nervios. Persoalmente sempre perdo do meu lado, aínda sabendo que teño razón. Por qúe?, por medo a min mesmo, porque vou ser eu quén o vou a pasar mal.
É triste chegar á conclusión que un se teña medo asimesmo. Parece de risa, pero eu, o meirande inimigo o levo dentro de min, ata perdo de entrar en debates anónimos de algúns xornais, porque sei que esa noite non vou pegar ollo logo de ler as respostas.
Aínda sabendo que é pecado, un sinte envexa cando ve ao do lado tomando un viño ou un café, unha cervexa ou un cubatiña. E un sempre con tila, descafeinado e auga, toda unha vida con auga e sen padecer do estómago. Logo, toda unha vida atiborrándose de pastillas e con elas no peto para unha emerxencia. Agás que sempre hai quen o pase peor, non se pode caer en soberbia
Mais se algo me sirve de consolo é que, da mesma maneira que o polo Norte xa non é tan frío, tamén os tan fríos deixan de selo segundo lles aperten as caravillas. ¡Ai, cantos fortachóns vin chorar! A todo porco lle chega o seu San Martiño.

miércoles, 13 de abril de 2011

A ARTESA

A artesa foi durante séculos un dos mobles máis funcionais en todos os fogares humildes, pero sobre todo moito máis no rural. Esta peza de madeira de pino facía de mesa de cociña e de gardalouzas, amais da súa específica función: a de amasar e levedar a broa ou o pantrigo, cando o había, ata chegar o intre de enfornar.

Colocada ao pé do alcedeiro, estaba ao alcance da man de todos os comensales para pillar sen moito esforzo, o prato, a culler, o garfio, o coitelo, a cunca do caldo ou a caneca do viño. Rematado de comer, axiña se metía baixo a súa tampa toda a baixela empregada na comida por mor de saír axiña ao monte ou cadaquén ás súas trafegas.

Ben mirado, parecía un adianto dos modernos lavavaixelas, neles tamén se ateigan os utensilios do compango. Agora ben, mentres que este último fai a trafega de lavar a louza sen sequera estar á vista, na artesa tampouco se vía, pero xustamente escondíase por non a poder lavar. Había vertedeiro, pero non auga. Aló contra a noite, metíase toda cacharrería do día no balde fervendo da auga das vacas, co cal se obtiñan dúas funcións: aproveitar os restos dos pratos e cuncas, fungallas de broa ou patacas do caldo sobras, para despois de saír lavada deseguido amoureala de canto nunha cesta ou paxe de mimbre e logo de escorrer no vertedeiro encasillala no alcedeiro unha vez enxugada.

Máis unha das típicas funcións deste nesquencido moble, era sen dúbidas a de erguer a tapa, poñer a estanca ou coa mesma cabeza termar nela mentres se botaba un bocado ou ben xantar. Cando o facía unha sola persoa, se alguén petaba á porta, abaixo a tampa e ninguén sabía o que se xantaba, eran tempos de non contar a vida de un nin ao mellor veciño.

Ben pensado, esta función daba o sorriso, pois, co roer do comensal, e, caso de ser unha tallada de pernil, o movemento das fazulas facía que a tampa co bombeo subíse ou baixase ao mesmo tempo. Coa artesa, o alcedeiro, o vertedeiro sen auga, sen baño nin ducha nin luz eléctrica para ver, sempre chegaba o tempo para todo. E o planchar era co ferro de cinzas da lareira e de aspiradoira a vasoira de palla. Logo, a lavadora era o río que máis auga levaba e nel había liortas pola pedra de máis arriba onde a auga chegaba máis clara, cousa natural.

Parolábase ao socairo do cabanote ou no abeiro dun ribazo. Había fiadas e noites de contar contos. E os noivos moceaban sentados en col do tallo de matar o porco, aínda que ben pensado, abofé que xa tiña cabeceira polo de “matar a cousa”, caso de non haber “mouros á vista”. Sempre podía haber un velorio no Lugar de Baixo e a casa quedaba sen guardia.

Agora que non hai bois nin vacas, leiras que prantar e chousas que coller, nin todas as facendas antes nomeadas, a artesa mercada na feira de Portugal, é un adorno máis, pero na cociña do garaxe polo de non luxar a de verdade. E non hai tempo de nada coa casa ateigade de canto cachibáche sae na televisión. Ata saíu a aspiradoira sen fío nin ter que andar cabo dela.

A lavadoira traballa mentres se ve a Belén Esteban, (tamén é moi bonita e vale a pena). Logo o microondas polo de quentar un cazoliño de leite, pois fame non hai malditúnha. A roupa non hai falla de a poñer ao clareo en ningunha matigueira nin a enxugar no balcón en cordelos, xa temos a secadora. E todo traballa mentres durmimos!

jueves, 31 de marzo de 2011

A MESA DO SOBRADO

Ai, a mesa do sobrado, cantas lendas e canta historia en col dela. Sen dúbidas tivo que ser de carballo rexo, noble e centenario para gardar tantas historias de ledicia e tristura. A mesa do sobrado foi durante séculos o símbolo da riqueza ou pobreza da casa dos seus amos.

Mais, en todas elas cumpriu casemente a mesma función. No día do Santo Patrón, a mesa do sobrado era o punto de encontro da familia, onde avós, pais, fillos e netos ateigaban de ledicia aos vellos da casa. Co patrucio da familia na súa cabeceira, mesmo semellaba o cadro da derradeira Cea de Xesús rodeado dos Apóstolos. E o seu sorriso reflectía felicidade ao verse rodeado dos seus descendentes. Ata parecía que os desexaba encher de comida a máis non poder. Coma se tiveran fame! E non paraba o cabo da casa de insistir en comer máis e máis. Cada cunca de viño tinto emborcada sobre do limpo mantel de liño ulindo a pechado no roupeiro, ata era un chouto de ledicia. E sorría a máis non poder a patrona da casa, a nai, a avoa, a vítima da festa que non podía ir á Misa, nin logo á festa na baixa da tardiña. Ela, que pasara dende o mencer coas ollas ao lar mentres as campás repicaban a festa, era feliz a pesar de todo. Feliz de corazón vendo aos fillos e netos ao seu redor. Nin tan sequera podía estar á mesa, ela como cociñeira parecía condenada a estar preto da lareira enchendo as fontes: Cocido de fartura con repolo, arrós con galo do corral e aínda carne asada coas pataquiñas ben adobadas. Logo non podía faltar o seu roscón de pan e ovo con marmelo e un cafeíño de pota.

Pero a mesa do sobrado servíu para moitas máis cousas. Así, era o cadaleito dos defuntos da casa. Na festa cuberta de branco e, agora tinxida de negro! E riba dela a caixeta co finado da familia. Cantas veces durante o día serviu para a festa e esa mesma noite de cadaleito! E moitas das veces, milleiros delas, pola enchenta sobre todo do vello da casa. Sequera ía fartiño, dicían por costume as rexubeiras no velorio! Ai, pero sei de casos onde ao vir de enterrar ao vello, cambeában o pano negro polo mantel de festa e veña a esmorga na mesma mesa do sobrado. Era unha costume nas aldeas de terra adentro o xantar ou a cea do soterro. A mesa do sobrado era tamén a do banquete do casamento da filla da casa. E os noivos espreitando á noite para probar cama de xergón con cazula ou lá de ovella, pois, de palleiros e cabanotes estoupaban de cheos. Pero a morte do pai da noiva polas dúas xerras de viño, máis as perfias de coñac da malla dourada, facíalles pasar a noite en véla en vez de velarse como mandara o crego, segundo o libro. E para iso tanto premer no sexto mandamento! Nun intre, as cantigas de ruada convertíanse en chantos de arrepío.

Durante o ano, a mesa do sobrado servía para pasar o ferro á roupa enxoita no cordelo da horta ou da eira. E así quedaba ateigada e todo amoreado. Cada domingo para ir á misa, remexíase na morea buscando o calzoncillo de felpa ata os pés, o elástico, o pelelo o pantalón e a camisa branca planchada. Elas, as mozas da casa, buscaban con raxeira entre a galloufada que os seus irmáns lles fixeran as súas bombachiñas feitas pola costureira do lugar, a saia, a blusa e as medias coas ligas. Todo na mesma mesa e así durante o ano, pois, non había tempo coa labranza de acomodar un trapo no estante do roupeiro. A mesa do sobrado era a oficiña da casa, e, á luz das raiolas da fiestra, nela escribía a moza ao noivo na mili. En col dela desenvolvía o pai as escrituras amalloadas con cordeliños e cos lentes mercados na feira relía os lindes e ferrados das leiras, chousas de piñeiros, pradeiras e…, a mellora da casa que á súa dona lles deixaran os devanceiros sogros.

Na mesa do sobrado de unha remota aldea galega, que por suposto non vou nomear, fun testigo como convidado na miña vida musical dun feito que endexamais esquencerei. Por non haber fonda onde xantar e sendo costume nas pequenas aldeas de levar un músico a cada casa, tocoume para unha delas. Na cabeceira o patrón e uns vinte comensales ao redor. Unha das fillas viñera de Suíza á festa e estaba fronte a min. Coa euforia de nova rica polo da emigración, (pola escola que amosaba, debía traballar nunha oficiña, pero coa fregona) deseguido se fixo coa atención dos convidados. Logo de súa nai facer de cociñeira e criada, sentou á mesa ao lado de esa filla. Minutos despois e por suposto sen querer, a patrona tropezou, mentres servía a comida, nun vaso de tinto que sen poder evitalo arrolou sobre do novo e rechamandeiro vestido da súa filla: “Usté xa non tiña que estar acó, non sabe estar como a xente, é un atranco na mesa, vaia de aí para a cociña…”. Quedei e quedamos todos abraiados en tal ouvir. Menos mal que a tratou de usté mentres choraba polo seu vestido! A humilde da nai baixou a caluga sen dicir pío. Pobriña, na súa casa, na súa festa, na súa mesa do sobrado.

lunes, 21 de marzo de 2011

O TERMÓMETRO NOVO


Esta foi a digracia máis grande que poido caer en Corme. Mirade que non hai falla de cousas no pobo e veña a darnos teima co artiluxio ese. E todo por culpa do alcalde, pero deixa que xa as pagará el tamén dentro de uns anos. Logo ha de dicir: “Leche, pois tiñan razón os de Corme”. (Un alcalde non pode dicir coño nin carallo).O malo é que para nós…, xa será tarde.
O conto ben sendo que isto é peor cá o barómetro do C.I.S., que sempre marca ao revés do que vai votar a xente. Ai, pero este chámase termómetro e aínda mala chispa o coma que sempre marca ben, ojallá se engañara.
Mais entrando no asunto despois deste pequeno proemio: A cousa ben a conto por mor que dende que o puxeron ao abeiro da Palmeira Maior, as mulleres non quitan ollo nin pé del. Non, non é polo de mirar os teléfonos do coche de liña nin as novidades que pon o Óscar dende a súa casa entre biberón a Antón e o chupete a Brais, nada diso, a cousa que nos trae en “perrillas” aos cormeláns, é que as mulleres solo están pendientes se suben as temperaturas.
E non sabemos o porqué, aínda que o maxinamos. Elas desexando que suba e nós que baixe. Que máis quixeramos que subira tamén!, pero ben cavilado, pouco máis pode baixar, baixado xa o está e sen abrentes de subir, ou sexa, de unha leve melloría, como diría Pemán. Tampouco é de extrañar co zolás que dá o tempo D.Santiago, non é de extrañar que cando sae aquela rapaza nova, ata parece que a cousa tende a mellorar. E non vos digo nada de cando saía aquel rapaz da melena, ai, como andaban as mulleres de alporizadas! Bastante máis cá nós pola Belén Sanesteban de Pravia. Aínda temos gustos!
Pero estamos tremendo coa subida, pois estoutro día chegou a 15º e as cousas comezaron a tomar mal carisma, quén máis, quén menos, enredou ata as tantas sen ir para a casa. Ata servíu de desculpa un partido de 2ª división. Menos mal que logo, os días do mar de fondo, volveu a baixar. Chegou ata 2º aló as catro da mañá. E tomamos un respiro!
Xa é refrán vello que Deus preme, pero non afoga. Eu quixera que virades á saída da misa do domingo, todas cara o panel e sen pestañexar: “Ai, parece que hoxe vai subir”, dí calquera delas que, a intención a levan todas o mesmo. E pillan camiño do peirao co peito cheo de ledicia facéndose unha van ilusión na mañá soleada: “Como siga así o tempo, hoxe case vai chegar aos 20º”. Pero os homes estarrecendo de frío ao socairo do malecón ou da Torriña dando voltas por mor dos pés.
Cóntovos unha cousa, pero que quede entre nós, os blogueiros. Sei de unha que ata sube ao faiado ás catro da mañá, por mor da ditosa temperatura. Ela dí que é polo da pingueira dunha tella para poñerlle unha perfia, pero non me creo nada, nin ren. Aínda que a pingueira “habela haina”.
E xa rematando, eu propoño facer unha Asociación Afectados Altos Acaloramentos: A.A.A.A., falar co señor alcalde axiña para que lle anule o termómetro do panel, ou que traia un panel sen termómetro, tanto monta. O de montar é o problema. De non facer caso ás nosas “rivillicacións”, pois, para o vinte de maio, se te vin non me lembro, que o voten as mulleres
.

lunes, 14 de marzo de 2011

VELORIOS IN. NOVAS MODAS


Como todas as cousas da modernía, tamén así cambearon as modas dos ancestrales velorios. É incrible que despois de mortos aínda seguimos sendo unha fonte de ingresos, máis cando este negocio nunca falla. Pero o tema que hoxe me veu ao maxín –tampouco son unha lumbreira- é o de comparar os antergos velorios cos actuais.
Cando eu era neno e o finado da casa daba ao gancho, (porque sempre somos os homes os primeiros, xa Deus goberna, a onde iremos sen muller?), veña a preparar o sobrado mentres unha muller cruzaba o Campo coa caixeta á cabeza ou no rural nun carro de vacas. E as campás de verdade tanxían a morto. (Agora métenche gravado coma os dúos, ata que veña a S.G.A.E., e pase o recibo, pois, aínda non se deron conta).
O cadaleito quedaba listo e contra a noite achegábanse paseniñamente os homes do lugar. Coma se tiveran dor no camiñar. Abeiraban á porta ou no pasillo, pero iso si, sen subir pé do finado ata aló á media noite cando as mulleres se foran indo.
As mulleres, sempre máis valentes para todo, subían e namais entrar e dar o Nome do Pai, collían o ramallete de loureiro ou oliva no acetre en col dunha banqueta e veña a poñer pingando ao defunto. Cando o sobrado quedaba ateigado, o cadáver estaba enchopado de tanta bendición. E a viúda ao mesmo tempo que enxugaba as súas meixelas co pano da man, pasábao cen veces na noite pola face do seu finadiño.
Naquel tempo os homes no cabanote quentaban o corpo con café de pota e unha ghindanga de anís ou coñá da malla dourada. Así, o sono pasaba e o referver do estómago facía que a mágoa polo morto fora esquecendo entre contos paveiros.
Neste mester non podían faltar as dúas plañideiras, cobraban cinco pesos pola noite enteira máis á hora da saída e con acompañamento. Pero había clases coma nos cantantes, pois, Amapola a Agoreira tiña mellor voz e cotizábase a oito pesos incluíndo dez Santos Rosarios coas súas correspondentes Ladaíñas. Mais a verdade que llas poñían todas e aquilo facíache repelús na pel ou casemente chorar.
No caso dos ricos (sempre foron morrendo coma os demais) había que xuntar unha ducia de plañideiras para facer quendas dado que a familia non soltaba unha bágoa. E para xuntar as mellores voces, había que recurrir ás parroquias da redonda. Ao día seguinte as chamaban á casa dos siñores para pagar a súa boa labor. “Ai, doña Rufina, non sabe vostede a dor que tiven polo seu finado?, choreille con verdadeiro dolor, máis cá polo meu home, Deus o teña na groria e me perdoe se peco. Nin un peso, Doña Rufina”. E así unha tras doutra todas de balde. Mellor non cobrar para non pagar con xuros dúas veces.
Pero os tempos cambearon e agora os velorios xa non son velorios. Morre o patrón da casa e de contado velaí o meten nunha cubeta o mesmo cás que traen os veraneantes na baca do turismo. Seica é para primeiro facerlle a necrolóxicomaquilaxe antes de o pasar á caixeta de verdade. E ábrese o pano cal escenario dunha orquestra (solo falta o fume e a cantante ensinando a perna), agás que cristal no medio. E aparece o mortiño todo bonito, sendo tan feo de vivo. Logo, a familia con calefación e o finadiño a baixo grados mentres que no sobrado da súa casiña aínda estaría quentiño.
Van chegando os primeiros coñecidos, pero alí non chora ninguén. Non é de bo ver as bágoas. E todo mundo espallándose polos sofás que mesmo parace a espera de habitación no holl de un hotel. Falando diso, agora hai cafetería, pero iso si, hai que pagar, acabouse o de beber á conta da familia. Tampouco hai plañideiras, adeus chope, agora podes escoitar o Réquiem de Mozart ou Rostro Lacerado, pero moi baixiño, polo de non facer chorar.
E que dicir dos netos, moda in, veña refregar a espalda á/ó noiva, a/o neta do difunto. Queren facer comabén que choran, pero non, é para máis fregas. Chámadelle parvos. Logo chega o enterro e a familia en limusine Mercedes no mesmo coche do difunto. E con gafas de sol, o mesmo cá jett-set de Madrí, ou sexa, para que se vexa que non ceiban bágoa.
Así as cousas, meus, canseime de falar coa familia que non quero Lotrite na boca, pois…, senón respiro morro. Nin a friaxe do tanatorio, mira que lles rogo me vistan o pijama por debaixo do traxe novo e nada, que nin caso. Ante isto tomei unha decisión despois de moito cavilar: Acordei non irme, quedar acó, pois, antes por moito e agora por tampouco, máis vale non morrer.







martes, 8 de marzo de 2011

O PODER DE UNHA LIGA

Nada novo no entanto a que o home con solo ver unha liga -de fútbol non, de muller- cegueira total. E incrible que unha barbilla de goma faga perder a cabeza moito peor cá unha xerra de viño. Pero así é, coma se nós non tiveramos tamén pernas e coxas o mesmo que as mulleres. Non sei o porqué, pero non temos arranxo. E por encima aínda fan chiste.
Todo isto vén a conto polo que me contou un médico amigo hai unhas semanas. Cando el, de mozo solteiro lle falou ao seu pai de casar, este sorrindo doulle a noraboa, agás que cunha apostilla: “Paréceme ben, fillo, pero cando a muller che mande tirarte do balcón, procura facelo dende o primeiro piso”.
Coido que nesta frase está máis todo resumido e se alguén non a entende, pois iso, a darlle voltas. Contar o porqué, sería matar o final da película, ao caletre tamén hai que darlle teima, dicía un tío meu.
Era eu un púbere, cando na tenda de miña nai lle escoitei a unha muller dicir a un home en plán pavero: “Ala, ala, que sodes o mesmo cá os canciños cando lles ensinan un óso, conforme vedes unha ligha, aló vindes trás dela”. Fora entón cando o fabricante de barbillas pechou a fábrica seguindo instruccións do goberno por mor do aparvamento dos homes.
Pero tanto tivo, a muller, tan diabólica ela, sacou toda súa artillería pesada e non houbo maneira, á falla de ligas, pois, velaí veu a minifalda. E sen medias. E os homes veña a erguer as cellas cal buítre no deserto esperando a súa presa. ¡Que medo!, dicían elas partindo de rir
Pero iso eran os homes de antes, os de Nanderthal non, os da miña xeración sen ir máis lonxe. Aos de agora lles dá o mesmo con liga ou sen ela, solo pestenexan ollándo o ordenador e a Plai Esteixon (así en galego). E non vexades como están coa boca aberta! Logo pasa unha rapaza que quita o zeluco e nada, nin caso. A verdade que a muller está pasando un mal momento, segundo a derradeira estadística, os homes acabáronse. Non sei se é que hai poucos ou se refire ao termo pexorativo de Rosa X.
Así, visto o visto, non é de extrañar que o Xulio Catedrais siga tropezando dez veces na mesma pedra. Mirade vós que é parvo o tío, que, cando hai uns 37 anos compartin camerino con el, faleille e non foi capaz de artellar palabra aínda estando os dous solos. O único sorrir. Home tan tonto aínda non o atopei no mundillo da farándula. E xa vedes, unha tras doutra, ata tiña para o seu Papuchi.
Mais ben pensado, quizais teña razón o de Miami, mellor coa boca pechada e todo que veña á rede é peixe. Quén vos día a vós que non ten alitosis?, porque senón fala, un piropo xa é moito.
As modernías non surten efecto e por riba magoan. Dende a miña xanela escoitei non hai moito a dúas mociñas(SIC): “A ver, muller, ti vés ou qué?”, berrou unha. “Espera muller que non podo correr, metíoseme o tanga non regho do cú”, dixo a amiga a berro pelado.
Así as cousas, meus nenos, un consello: Caso de arrimarse en parella de leito, alugar unha casiña de planta baixa. E a vós, miñas nenas: Que remexádes no roupeiro da avoa para a ver de atopar as medias con ligas.

miércoles, 2 de marzo de 2011

O PASEO DO CAMPO DE CORME


O paseo do Campo, en Corme, foi unha das cousas que máis me quedaron na lembranza da miña nenez e pubertade. É sen dúbidas un fermoso recordo por antonomasia. Quizais para os novos cibernautas isto lles soe a contos de vellos e por outra banda, para os que vivimos aquela época, poucos son os que entran en este mundo que agora lle chaman virtual. Un pena, pois entre moitos recordaríamos moitas máis cousas para lles pasar, cal manda, aos nosos descendentes.
“O Paseo de Corme”, así con maiúsculas pola raigame que tivo en toda a comarca, era todas as noites da semana dende a Fonte ata a Casa dos Cans. Nin un metro aló, nin unha braza acó. De pasar das marcas, faladurías do mundo.
Pero non, non había maneira de pasar das marcas pola razón que na Fonte había un grupo de nais, as do lado da Ribeira, e, na Casa dos Cans as de Givaje. Mais a fermosura era de tanta ledicia e bo ambiente, que, os sorrisos das mozas tan ben acicaladas, facían do Campo ata as dez da noite, unha auténtica festa de diario. Nos anos 50 tería máis relieve co novo alumeado público do cal en algúnha casa aínda quedan restos dos antigos plafóns.
As mozas en filas de cinco, seis o máis, segundo a pandilla de amigas, pasexaban collidas de ganchete e cruzándose coas que viñan de fronte. E súas nais, non vos digo nada, coa disculpa de vir dar conta da filla, aínda o pasaban mellor ouxabeándo o primeiro ligue da filla da veciña: “Ai, casamento á vista, o fillo de Manola de Manoel acaba de arrimar á filla de Josefa de José”. “Muller, tampouco será prá tanto, aínda están vermellos polo de quedar solos!”, dicía a menos rexubeira. “O que eu vos diga vai á Misa, e senón o tempo o dirá. E abofé que el a paga ben, pois ela miña pobriña de Dios”. “E ademais é mariñeiro da mercante!”, dicía outra moi calculadora e chea de envexa, pois…, o da súa filla era chalaneiro.
“Ai, esa si que é unha parella ben axeitada, case parece que Dios os fixo un para o outro”, seguían coa teima e falando de outras. “Xa, pero as futuras consogras lévanse a matar, ou non recordades que o pai de Loliña andivo coa nai de Joselo e dou que falar no Carreixo da Man Peluda!”.
Como era costume, os mozos comezaban a ir tirándo os texos a aquelas que lles gustaban, e logo eran as amigas quén se prestaban ao xogo. Ao día seguinte, o lugar da beira da pandilla era reservado á cortexada noiva, para que o seu galán lle fora contando as catro mentiras de rigor. Un més adiante e cando xa quedaran solos no baile, pois iso, tamén comezaban a pasexar Campo adiante. Pero iso sí, sen pasarse das marcas da fronteira. Despois, as outras “marcas” xa era cousa deles.
Pero tamén da mesma maneira que se vían os primeiros flechazos, asimesmo se dacataban os miróns das coitas de algunhas parellas xa noivos. E iso era máis duro, o pasar a vergoña diante das paxusmeiras: “Aí, mirada vós, e non romperon de mozos despois de tanto tempo!” “Mira ti que boa parexiña facían!, e fálase que xa había máis cá palabras”. “Ai barallo, pero se xa ían botar as monestacións este domingo!”. Cada unha daba a súa persoal opinión cos cadrís arrimados ao Pilón da Fonte.
O Paseo do Campo, foi o romanticismo puro onde os mozos galáns ateigaban de piropos ás mozas cormeás. Algúns chegaron á fama pola fermosura da súa labia á hora de piropear nas portas do Casino. Elas, ata abeiraban adrede para sentirse piropeadas aínda tornando vermellas.
Malia que coa chegada dos anos setenta, os prexuízos deixaron de selo e as mozas comezaron a ir tomar un cafeíño ao bar onde xa se ligaba sen paseo. E perdeuse para sempre a fermosura, o galano varonil con gomina, a coquetería feminina coa permanente, o ulido á colonia La Maja e ao masaje Floid, o sorriso da mocidade nas noites de estío ou do feitizo do luar na lubre. E, os bicos ás furtadelas eran bicos, eran íntimos con solo Deus de testigo. Agora xa non son bicos. Porque as cousas boas hai que saber gardalas e o primeiro bico rebousando na celme do corazón, nunca esquecerá.
Non, Corme xa non é o mesmo dende que se perdeu o Paseo do Campo.