Esta foi a digracia máis grande que poido caer en Corme. Mirade que non hai falla de cousas no pobo e veña a darnos teima co artiluxio ese. E todo por culpa do alcalde, pero deixa que xa as pagará el tamén dentro de uns anos. Logo ha de dicir: “Leche, pois tiñan razón os de Corme”. (Un alcalde non pode dicir coño nin carallo).O malo é que para nós…, xa será tarde.
O conto ben sendo que isto é peor cá o barómetro do C.I.S., que sempre marca ao revés do que vai votar a xente. Ai, pero este chámase termómetro e aínda mala chispa o coma que sempre marca ben, ojallá se engañara.
Mais entrando no asunto despois deste pequeno proemio: A cousa ben a conto por mor que dende que o puxeron ao abeiro da Palmeira Maior, as mulleres non quitan ollo nin pé del. Non, non é polo de mirar os teléfonos do coche de liña nin as novidades que pon o Óscar dende a súa casa entre biberón a Antón e o chupete a Brais, nada diso, a cousa que nos trae en “perrillas” aos cormeláns, é que as mulleres solo están pendientes se suben as temperaturas.
E non sabemos o porqué, aínda que o maxinamos. Elas desexando que suba e nós que baixe. Que máis quixeramos que subira tamén!, pero ben cavilado, pouco máis pode baixar, baixado xa o está e sen abrentes de subir, ou sexa, de unha leve melloría, como diría Pemán. Tampouco é de extrañar co zolás que dá o tempo D.Santiago, non é de extrañar que cando sae aquela rapaza nova, ata parece que a cousa tende a mellorar. E non vos digo nada de cando saía aquel rapaz da melena, ai, como andaban as mulleres de alporizadas! Bastante máis cá nós pola Belén Sanesteban de Pravia. Aínda temos gustos!
Pero estamos tremendo coa subida, pois estoutro día chegou a 15º e as cousas comezaron a tomar mal carisma, quén máis, quén menos, enredou ata as tantas sen ir para a casa. Ata servíu de desculpa un partido de 2ª división. Menos mal que logo, os días do mar de fondo, volveu a baixar. Chegou ata 2º aló as catro da mañá. E tomamos un respiro!
Xa é refrán vello que Deus preme, pero non afoga. Eu quixera que virades á saída da misa do domingo, todas cara o panel e sen pestañexar: “Ai, parece que hoxe vai subir”, dí calquera delas que, a intención a levan todas o mesmo. E pillan camiño do peirao co peito cheo de ledicia facéndose unha van ilusión na mañá soleada: “Como siga así o tempo, hoxe case vai chegar aos 20º”. Pero os homes estarrecendo de frío ao socairo do malecón ou da Torriña dando voltas por mor dos pés.
Cóntovos unha cousa, pero que quede entre nós, os blogueiros. Sei de unha que ata sube ao faiado ás catro da mañá, por mor da ditosa temperatura. Ela dí que é polo da pingueira dunha tella para poñerlle unha perfia, pero non me creo nada, nin ren. Aínda que a pingueira “habela haina”.
E xa rematando, eu propoño facer unha Asociación Afectados Altos Acaloramentos: A.A.A.A., falar co señor alcalde axiña para que lle anule o termómetro do panel, ou que traia un panel sen termómetro, tanto monta. O de montar é o problema. De non facer caso ás nosas “rivillicacións”, pois, para o vinte de maio, se te vin non me lembro, que o voten as mulleres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario