miércoles, 13 de abril de 2011

A ARTESA

A artesa foi durante séculos un dos mobles máis funcionais en todos os fogares humildes, pero sobre todo moito máis no rural. Esta peza de madeira de pino facía de mesa de cociña e de gardalouzas, amais da súa específica función: a de amasar e levedar a broa ou o pantrigo, cando o había, ata chegar o intre de enfornar.

Colocada ao pé do alcedeiro, estaba ao alcance da man de todos os comensales para pillar sen moito esforzo, o prato, a culler, o garfio, o coitelo, a cunca do caldo ou a caneca do viño. Rematado de comer, axiña se metía baixo a súa tampa toda a baixela empregada na comida por mor de saír axiña ao monte ou cadaquén ás súas trafegas.

Ben mirado, parecía un adianto dos modernos lavavaixelas, neles tamén se ateigan os utensilios do compango. Agora ben, mentres que este último fai a trafega de lavar a louza sen sequera estar á vista, na artesa tampouco se vía, pero xustamente escondíase por non a poder lavar. Había vertedeiro, pero non auga. Aló contra a noite, metíase toda cacharrería do día no balde fervendo da auga das vacas, co cal se obtiñan dúas funcións: aproveitar os restos dos pratos e cuncas, fungallas de broa ou patacas do caldo sobras, para despois de saír lavada deseguido amoureala de canto nunha cesta ou paxe de mimbre e logo de escorrer no vertedeiro encasillala no alcedeiro unha vez enxugada.

Máis unha das típicas funcións deste nesquencido moble, era sen dúbidas a de erguer a tapa, poñer a estanca ou coa mesma cabeza termar nela mentres se botaba un bocado ou ben xantar. Cando o facía unha sola persoa, se alguén petaba á porta, abaixo a tampa e ninguén sabía o que se xantaba, eran tempos de non contar a vida de un nin ao mellor veciño.

Ben pensado, esta función daba o sorriso, pois, co roer do comensal, e, caso de ser unha tallada de pernil, o movemento das fazulas facía que a tampa co bombeo subíse ou baixase ao mesmo tempo. Coa artesa, o alcedeiro, o vertedeiro sen auga, sen baño nin ducha nin luz eléctrica para ver, sempre chegaba o tempo para todo. E o planchar era co ferro de cinzas da lareira e de aspiradoira a vasoira de palla. Logo, a lavadora era o río que máis auga levaba e nel había liortas pola pedra de máis arriba onde a auga chegaba máis clara, cousa natural.

Parolábase ao socairo do cabanote ou no abeiro dun ribazo. Había fiadas e noites de contar contos. E os noivos moceaban sentados en col do tallo de matar o porco, aínda que ben pensado, abofé que xa tiña cabeceira polo de “matar a cousa”, caso de non haber “mouros á vista”. Sempre podía haber un velorio no Lugar de Baixo e a casa quedaba sen guardia.

Agora que non hai bois nin vacas, leiras que prantar e chousas que coller, nin todas as facendas antes nomeadas, a artesa mercada na feira de Portugal, é un adorno máis, pero na cociña do garaxe polo de non luxar a de verdade. E non hai tempo de nada coa casa ateigade de canto cachibáche sae na televisión. Ata saíu a aspiradoira sen fío nin ter que andar cabo dela.

A lavadoira traballa mentres se ve a Belén Esteban, (tamén é moi bonita e vale a pena). Logo o microondas polo de quentar un cazoliño de leite, pois fame non hai malditúnha. A roupa non hai falla de a poñer ao clareo en ningunha matigueira nin a enxugar no balcón en cordelos, xa temos a secadora. E todo traballa mentres durmimos!

No hay comentarios: