jueves, 12 de diciembre de 2013

ESCULCAS DESTA VIAXE


A verdade que os galegos somos o non vai máis. De intelixentes, quero dicir. A cousa ben sendo que durante esta última viaxe (viaxe da que vos falo no artigo anterior) ademáis de comer, durmir e pasear,( do resto nanai de la China) un tamén esculca. Ou sexa, sen querer, pero querendo.
 A cousa ben sendo que estabamos unha noite no comedor do hotel e nunha mesa fronte a min un matrimonio galego, coma tantos outros. O patrón de fronte e a súa dona de costas. Tiña boa cor na face o patrón, boa cor a pesar de beber auga.
O asunto era que para o viño (que había que servirse) contabamos cuns pequenos vasos. E para a auga, tamén na máquina do lado tiñamos que darlle á billa o mesmo cás máquinas de cervexa nos bares. Os vasos da auga eran de plástico, agasallo ou propaganda da marca 7/up, e moi grandes, por certo.
E dicíame eu con asombro fisgando de esguello: Mira ti por onde este home con tan boa cor na cara bebe somentes auga. (Ben pensado tampouco perdía moito, pois, o viño era purrela puro. Ou sexa, que podías beber sen medo a ter que soplar aos de tráfico).
Ai, meus, pero que parviño son. Nestas estaba eu cavilando esa devandita cea, cando se ergue da cadeira o tal paisano e vai co vaso de plástico a repostar de novo. E pensei, pois os vasos, repito, eran grandes de carallo: Debe ter diabetes ou algo así para ter tanta secura.
E sen perder bocado tamén quixen saber onde repoñía o noso galego. Ata que quedei pasmado mentres lle daba ó dente:  O tío cabronazo foi encher de viño semellante vaso. E quen o vía, pois iso, que viña da auga. E pensei para min: Aínda non o aprendín todo na mili.
Outra mañá no almorzo, enténdase almorzo en galego, estaba eu á cola para encher zume na máquina do ídem. Diante miña unha señora (e conste que esta non era galega) dáballe ó botón e deixaba escorrer un pouco antes de poñer o vaso debaixo. Ante o meu asombro apostilloume toda tranquila: “Sabe usted, la máquina al principio echa agua, así que hai que dejarla escurrir un poco antes que que salga el propio zumo”.

 A partir de aquel día eu tamén facía o mesmo na ditosa máquina. E abofé que tiña razón a señora para conseguir un bo zume. Pero o que aprendin foi que aínda non estou “porparado” para a terceira idade. Xa o día o refrán: Sabe máis o raposo por vello que por raposo. E matinei tamén que fun moi noviño á mili, solo tiña 17 anos. Se me quixeran la mar me deixe se non volvía de novo!. Aínda non son veterano.

miércoles, 11 de diciembre de 2013

DE VOLTA DE TENERIFE


Ola amigos: Que xa estou de novo de volta, pero iso é o carallo, co ben que se estaba alí. A verdade que endexamais imaxinei un clima así, pois mesmamente era verán total. Ou sexa, o mesmiño que os nosos meses de xullo ou agosto e sempre cunha media de 23º .
Dicía que nunca imaxinei sentirme tan ben, eu que son un frioleiro por excelencia. Namais chegar ó hotel, fóra roupa do corpo. Na cama xa non había máis que saba e colcha fina. E aínda sobraba.
E que dicirvos da piscina ás dez da mañá, aínda que algún (ou máis ben algunha) xa estaba facendo unhas brazadas ás oito do mencer. ¡Pena de piscinas con chacusi incluído e outras de bicicletas na auga! Digo pena por ver tanta barriga e tanta arruga. Pero como dicían os camareiros, tiñamolo ben gañado despois dunha vida de duro traballo e sen coñecer o que é viaxar.
A verdade que estou a sentirme feliz agora na 3ª idade. Este ano xa vou con tres excursións do Imserso, un total de 35 días, que, sumadas a 60 días da caravaning dan 95 días que me librei de ver a fonte que fixo o meu bisavó Tío Pepe de Torrado. (Perdón, bisavó).
Visitamos Sta. Crúz de Tenerife que ten 240.000 habitantes, o mesmo que A Coruña e logo Porto de Sta. Crúz, unha pequena cidade que me gustou máis polo enfocada que está de cara ó turista. É a típica cidade costeira onde conxugan os barrios vellos coa beira do mar. Encantadora. Logo estivemos en Playa das Américas, un ambiente xa moito mellor e con moito máis verde que o do noso hotel en Playa Paraíso, que de praia non tiña nada. Ou sexa, o mesmo que Carabandufe. Pero a tope de xente. Sobor de todo ingleses que veñen aquí pasar os seis meses de inverno. ¡Cando temos que aprender!
Desde a ventana do hotel víamos a cume do Teide totalmente cuberta de xeo dada a súa altura. Agáx que o noso contorno era totalmente irto e pobre. Nin unha matigueira de herba ou toxo á vista por ningún lado. E menos, árbores. A verdade que tampouco se vían gatos, coellos ou gando por ningures o cal no é de extrañar.
Outro dos fenómenos que me chamou a atención foi as praias totalmente de area negra, aínda que de praias tiñan pouco, pois, casemente todo son xeixos tamén negros. Está visto que Canarias vende calor, o das prais é o de menos. Por algo lle chaman as Illas afortunadas, e, a verdade que fan honra  á súa fama.
Pero o triste disto, amigos, vén agora con tanto frío na nosa Galicia. Casemente valía máis non coñecer a prace deses dez días con aquel clima. A verdade que si poidera, a mellor solución sería ir para alí todo o inverno, coma os ingleses. Malia que o noso problema, a parte do frío, é a morriña do galego. Que non, que non son capaz de estar seis meses sin ver aos netiños.

 Agora e sen máis esperar, de novo a facer caravaning de finde cada semana. E tamén recoñecer, como xa dixen alí, que a riqueza da nosa verde Galicia coa súa auga e  flora e fauna,  quizais vale tanto ou máis que o calor de Canarias. As dúas cousa non caben no mesmo saco. Ou ben facer coma os ingleses: seis meses alí, e seis na casa.

sábado, 23 de noviembre de 2013

OLA MEUS

OLA MEUS
Despois de tanto tempo sen escribirbos, debo facer una explicación: A cousa foi que me quedei sen ordenador hai case un mes, ou sexa, que cascou cando estaba a punto de cumplir os sete aniños. Tampouco era tan vello, meu pobre, a verdade que pensei (despois de mercalo noviño do trinque) que chegaría máis a lonxevo. Pero xa vedes, o home propón e Deus dispón.
Agora atópome co tema do enterro e funeral, pois, hai que entender que foi un compañeiro verdadeiramente confidencial. ¡Ai, se el falara! Por iso quero quedar ben coa súa memoria, por serme tan fiel durante estes sete anos. Sen dúbidas, este més sen el, paseino mal. Cada mañá era de tristura sen poder abrilo. Ata que despois dunha lenta agonía palmou sen despedirse.
E agora un do paquete, á miña idade un modelo Windows-7, case nada, pero isto la mar me deixe se non é un maquinón. ¡Pero non me entero de vaina nin pouco nin moito!. Grazas a Óscar que mo vén poñendo a tiro de cañón, ou sexa: todo en acceso directo. ¡Que sería eu sen este rapaz!
A verdade que xa non estou para estes aspaventos, pois a nova tecnoloxía éme máis dura ca o de ler corcheas, dito sexa da paso. O meu é a solfa e, punto de crús. E quería mercar o nº 8, ou sexa, o de máis alto nivel! Menos mal que a rapaza da tenda tivo máis entendemento. E tamén me viu o plumeiro no meu nivel informático. Ou sexa, cero pataqueiro.
Pero este é unha gozada, meus, eu que non teño pacencia para nada, este voxa como unha avioneta á hora (cando menos) de ler a Voz de Galicia, o correo persoal ou ben Xente de Corme. O outro, meu pobriño, xa non tiña zolás para nada. Agora xa non andaba nin con muletas, que xa é dicir. Ou sexa, coma un servidor. Chega a idade e hai que aceptala, paseniñamente, pero hai que aceptala.
Mais volvendo ó vello ordenata (que agora xa non obedecía nin a amosar a cara) tamén é certo que axiña acusou a chegada do outono, a da caída de folla. A de irmos palmando os vellos e os que virán atrás. Menos o duque empalmado, que ese si que non palma nin en Palma.

P.D. Déixovos que teño que seguir estrabulando neste artiluxio ata saber moverme por el. Que teñades unha boa finde.

martes, 15 de octubre de 2013

UNHA NOVA MANEIRA DE VIAXAR: DE CARAVANING

UNHA NOVA MANEIRA DE VIAXAR: DE CARAVANING


Dicíavos eu, hai aló máis dun ano que, a miña ilusión era a de ser caravanista. Pois xa levo un ano percorrendo toda Galicia, a Galicia que eu coñezo como a palma da man, pero agora non vou traballar e poido escudriñala como Deus manda. E de certo, era moito o que me quedaba por ver, aínda nos mesmos lugares onde antes traballei.

Case tódalas semanas viaxamos na pequena caravaniña, como eu lle chamo, pero a experiencia é fabulosa. Nada de hotel, nin piso, nin vivenda ampla. Isto o supera todo. O feito de convivir tan apretugado e con tan poucos metros de superficie, fai sentir algo novo que eu descoñecía. É unha forma de reencontrarse entre a miña dona e máis eu, algo que na casa non sintes.

A verdade que o dos hoteles é un coñazo: sube maleta; abre maleta; volve a facer a maleta; baixa maleta. E así un día tras doutro. Aquí, meus, xa está todo listo. Subir e arrancar todo é un. As pastilliñas de 3ª idade xa están no pastilleiro. O de afeitar a branca barba, idem. Os cepillos de dentes. A roupa colgada nos percheiros. E a cama. ¡Ai a cama! Mellor cá na da casa.

Esta experiencia, dicía, é tan marabillosa, que, cada mañá ves un novo mencer en cada peirao e cun ulido a unha maruxía distinta. Iso si vás pola beira mar. E logo por terra adentro, outra nova sensación, como foi esta semana en Portomarin, en Lugo, nese pobo que foi anegado polas augas do Río Miño para o embalse de Belesar. Este ano cúmplese o 50 aniversario: 1.963-2.013 que, aínda recordo con lucidez.

Logo, a convivencia con centos ou miles de peregrinos que fan o Camiño de Santiago, fíxonos sentir tamén en certo modo camiñantes. O de Portomarín, Palas de Rei, Monterroso ou Melide, é de non esquecer. E o de pasexar polas ruínas do vello Portomarín, que, neste tempo de sequía está case sen auga, faite estarrecer cando maxinas a historia milenaria dese pobo. Un pobo agora asentado no preto outeiro, desde o cal os máis vedraños, están ollando ó lugar onde naceron. Aínda así, a nova vila é algo fantástica.

Mais un bo remate foi o do Mosterio de Sobrado dos Monxes. Pasara por alí moitas veces, pero como antes dixen, unha cousa é ir traballar, e outra pasexar.

Cando comezamos, dicía, hai aló un ano, non apuntábamos nin os días nin os lugares. Agora fixen unha recompilacíon de memoria e logo xa vou anotando cada semana os lugares visitados. E danme que xa estivemos fóra de Corme, máis de dous meses neste ano. Hai que entender que no verán tampouco poido viaxar o que quixera por mor das actuacións da banda.

Porque todo hai que dicilo: para min e para sempre, o meu pobo, a miña vila somentes é Corme. Pero hai que entender que 69 anos sen moverse deiquí, tamén fan a súa mágoa. Viaxar é a mellor inversión que se pode facer. O din os ricos e tamén os bohemios trotamundos.

Así e desta maneira, o ano vaise facendo máis levadeiro. E tamén desde a lonxana, aínda que non sexa tan lonxana, daste conta do moito que lle queres ó teu Corme.











miércoles, 9 de octubre de 2013

VIAXE POLO CORAZÓN DE BERGANTIÑOS

VIAXE POLO CORAZÓN DE BERGANTIÑOS


Desde hai un mes, Bergantiños, a nosa terra, conta cun novo traballo en prol da nosa historia, desa historia que descoñecíamos ata o momento, e, que se escapaba ao traballo de outros autores, tanto en guías turísticas como en libros sobre a comarca.

Tería que ser un dubrés de nacemento, pero bergantiñán de adopción, quen, desde ese outeiro como é o Val do Dubra, entre Carballo e Santiago, nos viñera enriquecer coa súa firme pluma este coñecemento tan de noso.

Porque a pluma de don Xosé Pumar Gándara, é firme cando escribe e os seus moitos traballos están debidamente feitos en col de rexos alicerces. Din os máis achegados ó autor, que, o que el dí “vai á misa”, pero non polo feito de ser cura, senón pola rigorosidade en todo o que escribe.

Hai un vello refrán que dí: “Os libros fanse de libros”, pero Pumar Gándara ofrécenos neste traballo toda unha colleita propia, de seu e do seu moito e meritorio estudo no que abrangue á nosa terra bergantiñá.

Viaxe polo corazón de Bergantiños, non é para min un libro máis, senón unha enciclopedia á cal teremos que botar man todos aqueles que gozamos coñecendo a nosa comarca; as nosas vilas e pobos; as nosas aldeas e a nosa idiosincrasia. Asimesmo, poden sentirse ledos tódolos estudantes bergantiñáns, pois, de agora en diante xa teñen máis onde esculcar para enriquecer os seus traballos escolares.

Escribir, parece fácil e doado, pero que tan difícil é!. Mais, Deus pareceu dotar a este autor desa boa virtude, pois, lendo a súa obra sentimos abraio ó ver como vai mesturando prosa con poesía do xeito máis sinxelo. Tamén escribe no libro Pumar Gándara que, o seu traballo “non é ecléctico”, ou sexa, que non bebe de outros autores, senón da súa propia colleita. E efectivamente, o lector decatarase desde o principio que, esta lectura é unha nova achega a canto temos lido sobre Bergantiños.

A este respecto, nas páxinas adicadas a Corme, debo manifestar o meu asombro cando descubro que a nosa illa da Estrela chamábase: Illa Sepeira. Ou sexa, o seu antigo e verdadeiro nome ata que foi cristianizada.

Naturalmente que todos quixeramos vernos reflectidos con máis páxinas no libro, pero debemos ter en conta que, non cabe nel todo Bergantiños polo feito de estar ateigado de 285 fotografías entre antigas e actuais. Por este motivo, o libro somentes abrangue unha parte da nosa comarca. Sintámonos ledos, entón, polo feito de quedarmos reflectidos en: Viaxe polo corazón de Bergantiños.

Por conseguinte, como convidado a este cultural evento e, representando ás dúas parroquias cormeláns, quero darlle as grazas, don Xosé, por lembrarse de nós e subliñar aos nosos cormeláns máis ilustres.

En nome meu, pero nunca máis lonxe de sentirme ilustre, darlle as grazas, reitero, por ter a ben facer mención da miña persoa nesta nova enciclopedia bergantiñá.

P.D, Este artigo foi lido por min na presentación deste libro na Casa do Mar de Corme o día 4 de outubro e publicado na Voz de Galicia o día 7.

jueves, 12 de septiembre de 2013

AGRADECEMENTO A D.XOSÉ PUMAR GÁNDARA

A DON XOSÉ PUMAR GÁNDARA


AGRADECEMENTO

D. Xosé vén sendo un cura xubilado, un crego que eu coñecín hai aló 35 anos en Seavia de Coristanco. Acababa eu de fundar aquelas xa case esquecidas Novas Ideas, cando en busca de traballo -ou sexa, festas- achegueime un solpor ata á Casa Parroquial de esa aldea bergantiñán.

Estaba eu a punto de timbrar no soportal, cando de pronto escoitei soar unha sonata ao piano. E fiquei quedo. ¡Que sorte non haber timbrado! Aquilo soaba a Groria de Deus. Acababa eu de descubrir, sin coñecelo, a un meirande músico e sobor de todo pianista. Agás que, aínda me faltaba coñecer ao home, o cal é o máis importante.

Pero non quedaría aí a cousa, días adiante, nas festas do Patrón -que grazas a el contratei coa comisión- seguiría o meu abraio escoitando durante a Misa, as cancións por el compostas e interpretadas pola Coral Parroquial, onde ían surxindo os nomes de tódalas aldeas da Parroquia de Seavia, máis os froitos desa rexa terra bergantiñán. Velaí, onde xurdío a miña faceta de compositor cando escoitei o que se pode facer cantando á terra de noso.

Mais a vida tíñame deparada unha nova sorpresa cando en novembro de 2006, ese home –de quén sempre fun seguindo a súa traxectoria- me outorga como Presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns o 1º premio en prol do meu sinxelo e humilde traballo: A Música en Corme.

¡Cantas voltas dá a vida, meus! Dende a entrega do devandito premio, D. Xosé bríndoume a súa amizade. E de el gardo as cartas coas que me honra do seu puño e letra cal tesouro na arca dun rico.

E agora ten a ben agasallarme –pois para min é un galano- facendo referencia da miña persoa no seu novo libro: Viaxe polo corazón de Bergantiños.

D. Xosé é un home que pasa polo centro de Carballo desapercibido. Como se tivera medo á fama do seu intelecto, da súa obra, de remexer na nosa historia e dárnola a coñecer cada día máis. El, sempre escondido trás das súas escuras gafas de sol, ve aló máis lonxe cá moitos de nós con lentes.

Grazas D. Xosé, pero non sabe vostede que o día 1 deste mes, estando na Misa da Milagrosa e escoitando o Evanxeo dese día segundo San Lucas, a miña mirada foi dereita a vostede cando escoitei aquela frase de Xesús: “Cando te conviden a unha voda, non te sentes no posto principal, non sexa que haxa outro de máis categoría que ti…, ao revés, mírate a sentarte no último posto…”.

Vostede coido que xa se sentaría de último sen ter que dicírllelo o anfitrión de calqueira evento. E penso que a lección de este Evanxeo marcou a súa maneira de ser na vida. ¡Canto temos que aprender da súa humildade, D. Xosé Pumar Gándara!.

A Voz de Galicia 12 de setembro de 2013. Páxina de Bergantiños.

jueves, 8 de agosto de 2013

AQUELES DÍAS TAN LARGOS E AGORA TAN PEQUENOS

AQUELES DÍAS TAN LARGOS E AGORA TAN PEQUENOS


Cando eramos pequenos, ou sexa, cando eramos nenos, os días facíanse interminables, solo tiñamos présa por medrar e ser mozos. E así foi a cousa, que, deseguido chegamos a mozos e axiña pasamos de selo. Pero tamén chegamos a grandes, todo hai que dicilo.

Nunca entendín como daquela os devanditos días eran máis longos cá o mes de maio e agora voxan o mesmo cás gaivotas. E mirade que lle dou voltas a ver se non é verdade aínda cando creo que son exactamente iguales.

Pero os días máis longos da miña vida foron os da primeira semana da miña declaración. De guerra non, de amor. E da Renda tampouco porque daquela aínda non eixistía.

Dicía eu que aquela semana foi máis longa cá Semana Santa, que xa é dicir. Días interminables e iso que era o més de decembro. O reloxo ata penso que andaba ó revés. E as noites, hai as noites, aquilo era un calvario de tanto soñar esperto esperando o vindeiro domingo. Ben pensado, as noites de nadal son longas e dan para moito.

Aquela semana quedoume no maxín para mentras viva, sobor de todo cando a comparaba coa do San Roque que pasa voando. Ata me pasara a gaña de comer, que, a verdade tampouco había aló moito que levar á boca.

E por fin chegou o domingo. Pero da mesma maneira que a semana fora interminable, o baile do domingo pasou voando. E volta ao sofrimento da segunda semana de penitencia, porque aquilo, meus, aquilo era unha penitencia ou un calvario, que xa non sei.

Ata que a segunda semana cortei polo san e nin corto nin perezoso, e sen permiso da que me quitaba o sono, alí me prantei na súa porta ao martes seguinte. E o xoves e o sábado, que disque eran os días oficiais de mozas.

E a cousa cambeou de carallo, meus, o sofrimento e a dor calmou tal tratamento con aspirinas.

E agora os días pasan voando, o reloxo corre sen parar, os días non duran un ren e a semana pasa de cotío. E cando te dás conta xa pasou un ano dende aquela data como é a de navidades, aninovo, carnavales ou as festas do pobo.

Aquela présa por ser grande, agora tranformouse ao revés, agora desexamos ser pequenos, en volver a ser nenos. E sen apuro por chegar a mozos.

A verdade, meus, que nunca pensei de neno chegar a vello tan pronto, sempre dicíamos que chegar aos 70 anos ía ser eterno. Pero xa o dí o refrán -porque a vida é todo un refraneiro- “nada é eterno”.

Agora, o tempo voxa, as mans van enrugando, o cabelo máis moas e dentes van caendo. Agora cae todo o mesmo cás follas das árbores no outono aínda que sexa a primaveira. E ata caemos nós sen o alicerce do caxato que pronto fará falla. A vida non hai quen a entenda, agora que non temos présa, o tempo voxa.