Ola amigos: Que xa estou de novo de volta, pero iso é o
carallo, co ben que se estaba alí. A verdade que endexamais imaxinei un clima
así, pois mesmamente era verán total. Ou sexa, o mesmiño que os nosos meses de
xullo ou agosto e sempre cunha media de 23º .
Dicía que nunca imaxinei sentirme tan ben, eu que son un
frioleiro por excelencia. Namais chegar ó hotel, fóra roupa do corpo. Na cama
xa non había máis que saba e colcha fina. E aínda sobraba.
E que dicirvos da piscina ás dez da mañá, aínda que algún (ou
máis ben algunha) xa estaba facendo unhas brazadas ás oito do mencer. ¡Pena de
piscinas con chacusi incluído e outras de bicicletas na auga! Digo pena por ver
tanta barriga e tanta arruga. Pero como dicían os camareiros, tiñamolo ben
gañado despois dunha vida de duro traballo e sen coñecer o que é viaxar.
A verdade que estou a sentirme feliz agora na 3ª idade. Este
ano xa vou con tres excursións do Imserso, un total de 35 días, que, sumadas a
60 días da caravaning dan 95 días que me librei de ver a fonte que fixo o meu
bisavó Tío Pepe de Torrado. (Perdón, bisavó).
Visitamos Sta. Crúz de Tenerife que ten 240.000 habitantes, o
mesmo que A Coruña e logo Porto de Sta. Crúz, unha pequena cidade que me gustou
máis polo enfocada que está de cara ó turista. É a típica cidade costeira onde
conxugan os barrios vellos coa beira do mar. Encantadora. Logo estivemos en
Playa das Américas, un ambiente xa moito mellor e con moito máis verde que o do
noso hotel en Playa Paraíso, que de praia non tiña nada. Ou sexa, o mesmo que
Carabandufe. Pero a tope de xente. Sobor de todo ingleses que veñen aquí pasar
os seis meses de inverno. ¡Cando temos que aprender!
Desde a ventana do hotel víamos a cume do Teide totalmente
cuberta de xeo dada a súa altura. Agáx que o noso contorno era totalmente irto
e pobre. Nin unha matigueira de herba ou toxo á vista por ningún lado. E menos,
árbores. A verdade que tampouco se vían gatos, coellos ou gando por ningures o
cal no é de extrañar.
Outro dos fenómenos que me chamou a atención foi as praias
totalmente de area negra, aínda que de praias tiñan pouco, pois, casemente todo
son xeixos tamén negros. Está visto que Canarias vende calor, o das prais é o
de menos. Por algo lle chaman as Illas afortunadas, e, a verdade que fan honra á súa fama.
Pero o triste disto, amigos, vén agora con tanto frío na nosa
Galicia. Casemente valía máis non coñecer a prace deses dez días con aquel
clima. A verdade que si poidera, a mellor solución sería ir para alí todo o inverno,
coma os ingleses. Malia que o noso problema, a parte do frío, é a morriña do
galego. Que non, que non son capaz de estar seis meses sin ver aos netiños.
Agora e sen máis
esperar, de novo a facer caravaning de finde cada semana. E tamén recoñecer,
como xa dixen alí, que a riqueza da nosa verde Galicia coa súa auga e flora e fauna, quizais vale tanto ou máis que o calor de
Canarias. As dúas cousa non caben no mesmo saco. Ou ben facer coma os ingleses:
seis meses alí, e seis na casa.
1 comentario:
A Lalo,por si me le. Non me dan salida os correos que che intento mandar, me dí que non é válido.Saúdos de Suso.
Publicar un comentario