miércoles, 9 de octubre de 2013

VIAXE POLO CORAZÓN DE BERGANTIÑOS

VIAXE POLO CORAZÓN DE BERGANTIÑOS


Desde hai un mes, Bergantiños, a nosa terra, conta cun novo traballo en prol da nosa historia, desa historia que descoñecíamos ata o momento, e, que se escapaba ao traballo de outros autores, tanto en guías turísticas como en libros sobre a comarca.

Tería que ser un dubrés de nacemento, pero bergantiñán de adopción, quen, desde ese outeiro como é o Val do Dubra, entre Carballo e Santiago, nos viñera enriquecer coa súa firme pluma este coñecemento tan de noso.

Porque a pluma de don Xosé Pumar Gándara, é firme cando escribe e os seus moitos traballos están debidamente feitos en col de rexos alicerces. Din os máis achegados ó autor, que, o que el dí “vai á misa”, pero non polo feito de ser cura, senón pola rigorosidade en todo o que escribe.

Hai un vello refrán que dí: “Os libros fanse de libros”, pero Pumar Gándara ofrécenos neste traballo toda unha colleita propia, de seu e do seu moito e meritorio estudo no que abrangue á nosa terra bergantiñá.

Viaxe polo corazón de Bergantiños, non é para min un libro máis, senón unha enciclopedia á cal teremos que botar man todos aqueles que gozamos coñecendo a nosa comarca; as nosas vilas e pobos; as nosas aldeas e a nosa idiosincrasia. Asimesmo, poden sentirse ledos tódolos estudantes bergantiñáns, pois, de agora en diante xa teñen máis onde esculcar para enriquecer os seus traballos escolares.

Escribir, parece fácil e doado, pero que tan difícil é!. Mais, Deus pareceu dotar a este autor desa boa virtude, pois, lendo a súa obra sentimos abraio ó ver como vai mesturando prosa con poesía do xeito máis sinxelo. Tamén escribe no libro Pumar Gándara que, o seu traballo “non é ecléctico”, ou sexa, que non bebe de outros autores, senón da súa propia colleita. E efectivamente, o lector decatarase desde o principio que, esta lectura é unha nova achega a canto temos lido sobre Bergantiños.

A este respecto, nas páxinas adicadas a Corme, debo manifestar o meu asombro cando descubro que a nosa illa da Estrela chamábase: Illa Sepeira. Ou sexa, o seu antigo e verdadeiro nome ata que foi cristianizada.

Naturalmente que todos quixeramos vernos reflectidos con máis páxinas no libro, pero debemos ter en conta que, non cabe nel todo Bergantiños polo feito de estar ateigado de 285 fotografías entre antigas e actuais. Por este motivo, o libro somentes abrangue unha parte da nosa comarca. Sintámonos ledos, entón, polo feito de quedarmos reflectidos en: Viaxe polo corazón de Bergantiños.

Por conseguinte, como convidado a este cultural evento e, representando ás dúas parroquias cormeláns, quero darlle as grazas, don Xosé, por lembrarse de nós e subliñar aos nosos cormeláns máis ilustres.

En nome meu, pero nunca máis lonxe de sentirme ilustre, darlle as grazas, reitero, por ter a ben facer mención da miña persoa nesta nova enciclopedia bergantiñá.

P.D, Este artigo foi lido por min na presentación deste libro na Casa do Mar de Corme o día 4 de outubro e publicado na Voz de Galicia o día 7.

No hay comentarios: